IDADE MEDIA

Ampliar: torre



A CONSTITUCIÓN DUNHA CIDADE ABERTA AOS CAMIÑOS DO MAR

As portas do temido ano 1000, Vermudo II renova a doación de “Farum Precantium” e seu comiso ao bispo compostelán, “disposición da causa do Apóstolo Santiago”, o que se prorroga en tempos de Alfonso V, no ano 1019. O toponimo de “penna de faro” refírese ó territorio penedio no que sobrancea a construcción da torre, alonxada dun habitat entón feito pardiñeiro polas razzias anteriores . A este momento de desolación refírese o relato de Trenzonio do século XII e baseado en tempos pasados. Reavivado recentemente polo profesor Díaz e Díaz : refírese á torrre de Brigantia, ó seu espello e a unha illa na lonxaía á que desexa viaxar Trenzonio, ó xeito dos antigos periplos célticos… Ven a ser a rememoración dunha viaxe ascética, da viaxe de Breogán ou de Barandán: por incumplimento da norma ordénaselle sair daquel paraiso logrado … a destempo dicide retornar e atoparase co milagre de que transcurriran tres centos anos, unha torre destruida e unha cidade abandonada con poucos habitantes… era a esquecida cidade de “Cesarea”, referida a Faro. Sae Trenzonio da súa pantasía e recupera a medida do tempo real. Lenda céltica en relación coa de San Amaro e Ero de Armenteira.

O mundo cristiano sinte a necesidade de anovar o exemplo de Carlomagno, e o sentir cabaleresco artúrico, será unha constante en cruzados ansiosos de rescatar os Santos Lugares, en mans do Islán. A crónica do Pseudo Turpín, incluida no Calixtino, menciona a “Crunia” entre as cidades conquistadas por Carlomagno . O porto da Coruña será obrigado punto de arrivada para os cruzados britanos, que identificandose co Apóstolo cabaleiro contra os infieis, aproveitan a escala de ida e volta para visitar o sartego de Santiago e agrdecer as sortes do periplo. Deste momento hai testemuñas medievais, entre elas as crónicas dos cruzados ingleses que no ano 1147 toman Lisboa. Unha delas é a epístola do cruzado Osborne, na que se refire á torre de Faro (a Coruña) que atribue a Xulio César, así como ao seu porto, feito con arcos de pedra…, como lembra o arqueólogo Balil Illana. Outra proba deste momento poden ser as marcas cruciformes, petroglifos de Punta Herminia e do Monte Alto (Museo Arqueolóxico da Coruña): trátase de cruces de presencia, en relación co pregrinaxe a Compostela, igual que tradicionalmente fan os romeiros en moitos outros santuarios de Galicia. A existencia de templos románicos no Camiño Inglés, as reliquias palestitianas, entre elas unha curiosa peza, posiblemente traida de Cafarnaum venerada en Cambre como “Hidra de Canaam”, moi en relación, con outra similar existente na catedral inglesa de Coventry son probas desa relación.

OS PRIVILEXIOS DE FERNANDO II E ALFONSO IX: 1208 A CONSTITUCIÓN DA CIDADE DE CRUNIA
No reinado de Fernando II, polo 1164, repoboase a zona, o que se da xunto coa concesión de importantes previlexios manifestos no “Foro dos Cregos”. Sen que supoña intromisión da igrexa nos asuntos civis. A partir de Alfonso IX, xa fora de perigos chegados polo mar, institúese definitivamente a creación do concello de Crunia. Para elo obten de Xelmirez certas concesións, entre elas o Faro, que recibe por permuta coas terras de Tabeirós, máis próximas a Compostela e polo tanto menos costosas, gastos entre os que se incluían os de mantemento da fortaleza. Faro entra en litixio, pasa á casa de Traba e novamente á mitra compostelana. A seguridade e os litixios resoltos, permiten a Alfonso IX que no 1208 se cree, nas proximidades de Faro, unha nova cidade coa súa regulamentación.

Alfonso IX concede aforo de casas aos monxes de Sobrado, relacións que se perpetuan máis alá do medievo . O Rei entrega as súas fillas dona Sancha e dona Dulce, como tenencia con previlxios de recibir rendas ,“Cruniam cum turri de Faro et cum suo alfoz”, con condicións de que si casaban revertiría novamente á corona, reservándose esta aspectos concernentes ó exécito e á acuñación de moeda. Nesta relacións coas infantas pode estar a orixe da “rúa de Damas”. A fundación de Crunia supón a inclusión no foro de Benavente, núcleo leonés con privilexiada ubicación na encrucillada de camiños dende a mitade do século XII, necesitado de saída ó mar. Documento gardador das normas para rexir o concello, ser viciño da vila, favores ós primeiros poboadores, limitacións a frades e nobles, privilexios para acuñar moeda, normas de xusticia, delitos, cargos, asambleas de “consilium”, etc. Normativa que atrae a comerciantes. Así cabe destacar a importancia da comunidade xudea, establecida na Punta dos Xudeos (Palloza), a xulgar polas lápidas hebreas (Museo Arqueolóxico Nacional-Madrid) e testemuños aparecidos na zona. Colectividade á que se atribue , no ano 1476, a copia dunha fermosa Biblía (a Kennicot de Oxford). Grupo moi activo na vida da cidade, do que sairon incluso funcionarios e arrendadores con confianza real.

Crunia perfílase como unha representativa cidade medieval de realengo . Cidade centrada na península co seu areal e istmo que da pasó a un murado baluarte que mira á protexída baía e porto, posiblemente ubicado no actual Parrote. Os burgos nacerían arredor dos templos nos que se veneraban os santos da súa advocación, con adro enmarcando o conseguinte camposanto: as igrexas de Santa María e Santiago, datadas no século XII, construídas sobre espacios nos que poido existir algún outro templo anterior. Ambas marcarían inicialmente os puntos urbanísticos relixiosos i económicos dun núcleo no que os nobles mantiñan seus previlexios, rodeados fundamentalmente por xentes traballadoras en relación co mar (pescadores e armadores), artesanado, mercaderes e milicia.

No século XIII a cidade amplíase e exténdese fora dos seus muros, ó areal ou Pescadería, coa igrexa do gremio de pescadores de San Andrés, as igrexas de San Xurxo (inicialmente no espacio do actual Teatro Rosalía), San Nicolás, Santo Tomás, os conventos de Santo Domingo que recibe previlexios por parte de Gómez Pérez das Mariñas e o de San Francisco, fundado por Benicansa de Turdetto en relación co santo de Asís. O convento de Santa Bárbara, que pese a ser igrexa fundado no século XIV, pasa á orde franciscana de santa Clara no 1460…Ordes que recibían importantes doacións por parte do artesanado, comerciantes e da nobleza a cambio de bulas e sepultura nos espacios sacros. Había outras capelas diseminadas polos arabaldos, como o hospital de leprosos de Santa Lucia, San Roque no Campo da Leña, Santo Espíritu no espacio actual do “Hospital Abente Lago”, San Amaro, San Xoan…

Por ser vila realenga, o núcleo urbano e mesmo seu alfoz, tiñan certa autonomía fronte ós núcleos relixiosos tan fagocitarios e imperantes, como eran Santiago, Mondoñedo,Tuy…. E nela vanse formando equilibradamente florecentes grupos económicos de presión política. O concello estaba representado polos viciños que van acumulando unha expeiencia liberal que procuran manter celosamente con independencia. Aspectos motivados por ofrecer as portas abertas sempre cara aos camiños do mar. Convivio entre viaxeiros e aventureiros de diferentes procedencias, sumado grupos de gran interese económico, como xudeos ou templarios.

O Rey podía nomear cargos, entre eles o de “Alcalde de El Rey”, co papel de xuiz, diferente dos alcaldes propostos polo Concello: “Alcade do Foro” e “Alcalde de Concello” con determinacións de goberno, administración e xusticia. Rexidores que tiñan soldada e incluso determinaban sucesor. Tamén podía haber un delegado rexio para asuntos de xusticia e tenencias. O Concello nomeaba xurados, procuradores, tesoureiros, funcionarios… O Rei facultaba igualmente os nomeamentos de tesoureiros e administrador de seus bens, encargado da recaudación de impostos, igualmente o “Alcalde da Casa de Moeda”, obviamente eran cargos de total confianza real.

Existe preocupación cidadan por manter os privilexios reais, otorgados por monarcas como Fernando III, Alfonso X , Alfonso XI. Incluso e celoso coidador destes privilexios o bastardo Enrique II, que arrebatou o trono co asesiñato do seu irmán Pedro, causa non esquecida, coa que se comprometera a cidade. O que se fai cempre con ánimo conservador, tal como “usaron et acostumbraron en tiempo los Reyes onde venimos”. A cidade ábrelle as portas a Fernado I de Portugal, ansioso de vingar a morte de Pedro e con elo conseguir algunha prevenda sucesoria. A pesar desta predileción cidadan os descentes de Enrique II manterán os compromisos anteriores. Na liña sucesoria segue Xoan I que enturvia as relacións atlánticas anglo-portuguesas, estas da banda do Duque de Lancaster, quen cunha escadra inglesa, axudada de portugueses, parte de Plymoth para reclamar os dereitos dos herdeiros do asasiñado Don Pedro. Será o gobernador da fortaleza, Fernan Pérez de Andrade, quen na beiramar coruñesa se atope con esta sorpresa que rematará nun pacto en función da determinación de Compostela e que será favorable ós ingleses. Todo se resolve con pactos matrimoniais, neste caso o da filla do Duque co rei Portugués. Polo demáis a peste e o tempo fan que no 1388 se firme o pacto de Bayona, no que o de Lancaster renuncia ao trono, pero busca matrimonio para súa filla Catalina co infante de dez anos, Don Enrique: todo volta á coroa de Castela. Enrique III avivou as relacións por intereses internacionais, prohibe incluso a entrada de viño de fora do alfoz, o que trae poroblemas con Betanzos e Saobrado que tiñan direitos comerciais, de vello consilidados. O derradeiro previlexio foi firmado por Xoan II, no 1408.

Sancho IV pasa a vila en tenencia a seu fillo Felipe, a quen se atribue o topónimo da rúa do Príncipe. No século XV tal tenecia será cedida ó Conde de Benavente que pese as súas ansias de atopar un porto para as súas terras meseteñas, non chega a tomar posesión, por propio arrepentimento do rei Xoan II, o que lla pasa a Gómez Pérez das Mariñas, rival do primeiro.

A “PRIMEIRA IRMANDADE” E AS REVOLTAS IRMANDIÑAS
O cronista deste tempo, Vasco daponte - posiblemente Coruñes ou de área inmediata das Mariñas - facilita importante documentación sobre a fidalguía galega e as cuestións do inconformismo que leva as revoltas populares irmandiñas, as que supoñen un fito no mudar e acontecer histórico.

A partir de Enrique II vaise fraguando a feudalización dos reinos, buscanse previlexios e poder. Galiza aparece xerarquizada, dividida en feudos que xa “nin respetaban nin a Deus, nin a El Rei…” Os obispados, os cabildos queren exercer seu señorio, igual que os mosteiros. Casas importantes repártense o territorio galaico:Andrades, Ulloas, Pardo de Cela, Moscoso, Altamira, Sarmiento, Soutomaior…coa consabida rede e xerarquización de vasallos. Para a súa mantenza invéntanse portazgos, contribucións, amparándose en gabillas de salteadores… Todo pese sobre as clases traballadoras. Medra a inseguridade e o desorde. O pobo busca atallo aos desmans, inicialmente organízase legalmente en “Irmandades”, amparadas polos papas e os reis, para presentar ante a Corte as súas reclamacións. Pero todo sairá de nai. Polo 1465 a “Primeira Irmandade” ten como obxectivo a Casa dos Andrade , polo que que repercute en todo o ámbito das Mariñas e a Coruña. Non se pode atallar o conflicto e a lonxana corte desenténdese, a orde establecida rómpese, derrócanse as fortalezas de Gómez Pérez das Mariñas e de Fernán Pérez de Andrade. A nobleza únese por primeira vez en bandos, e uns contra outros. Sementado o medo, os vencidos, guiados por constructores vizcainos teran a obriga de soerguer as fortalezas derrubadas dos fidalgos vencedores. O ambente estaba preparado para encetar a traza dun imperio baixo a sómbra da águia e os símbolos do iugo de Isabel e as frechas de Fernando.