Escolas de Arte , obradoiros de artesáns pra rehabilitar o Patrimonio Cultural.

Ampliar: Taller artesán



O incendio de Notre Dame de París avivou a un tempo o lume dun vello debate arredor das medidas preventivas co Patrimonio Cultural, a un tempo sobre a súa rehabilitación en estilo ou non. Ao respecto as escolas de artesáns teñen futuro nun país culto

Teóricos sobre a arte e a cultura, os que dan conta sobre o que se fai ou o que se desfai non faltan. O que compren son os profesionais que profesan , os currantes de oficio , os solicitados traballadores especialistas.

Si temos e presumimos de patrimonio cultural é por que houbo cultura, a que chega ata nos por algo tamén. E a cultura está pra servir, conformada por  tradicións, creacións, investigacións e relacións sometidas tamén aos avatares da Historia: ou se cultivan ou se degradan, isto é acultúranse. E dentro das tradicións que fan posible o patrimonio inmoble están os promotores, os mestres arquitectos, os mestres construtores e os obreiros artesáns, o feito a man, aínda con necesarios toques e retoques de axuda industriais. O patrimonio cultural sempre necesitará  o auxilio deses especialistas pra súa permanente conservación. Procesos  que documentarán os historiadores da cultura e da arte. Pra iso, dende a Antigüidade as academias, as que proliferaron no Renacemento, na Ilustración, en intres de florecer de humanismo, as que, como tantas cousas, tamén se anestesiaron ante os botafumeiros das liturxias e as retóricas. Das Academias naceron museos, escolas de arte, talleres... e con eles estudosos e especialistas na restauración, na rehabilitación e revitalización, na xestión do Patrimonio Cultural, na Museoloxía, ciencia nos inicios en Galiza.

Catástrofes como o recente  incendio de Notre Dame de París, un símbolo no corazón de Europa, avivan momentaneamente o lume do debate arredor da conservación de monumentos. As prevencións e os medios son moitos hoxe , pero as ameazas son cada vez máis e con máis diversas causas. No 2012 a, a raiz dos actos vandálicos e roubos cometidos no patrimonio da igrexa, a  Fiscalía Xeral de Galiza, entón ao fronte de Carlos Varela,   propuxo un protocolo ao respecto, “Igrexa segura”, chamada de atención comezando pola necesidade de inventarios, creación de rutinas de seguridade, control do mercado ilícito, complementando sistemas de reforzo de portas e fiestras, alarmas, videovixlancia,... así como a posta en valor da estrutura xurídica existente arredor do patrimonio cultural galego. Tema de celebracións de xornadas arredor do estado da cuestión de quen máis patrimonio ten, a Igrexa, así como  pra a atención das diversas administracións, as que segundo o artigo 46 da que,  pro segundo o que conveña a “sacrosanta” Constitución Española que di que  “Os poderes públicos garantirán a conservación e promoveran  o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España...” . Comezando entón polos poderes públicos inmediatos na súa responsabilidade, iso é os os concellos....e conseguintemente arredor da Constitución as demais Leis de Patrimonio Cultural. Leis e sensatez teórica non faltan pero as realidades que enxergamos son outras ben diferentes, especialmente a sangría dun patrimonio ensombrecido, considerado “menor” o das igrexas e conxuntos rurais...

O incendio na noiteboa do ano 2013 do popular santuario da Virxe da Barca en Muxía, a perda dos seus retablos do 1717, obra do escultor barroco Miguel de Romay, conxunto barroco inspirado nunha ladaíña de piropos en honra da Virxe, sumando a perda dun  importante legado de exvotos populares, avivou momentaneamente unha polémica xa adormecida: a da restauración inmediata, ¿no estilo orixinal?...ou seguindo so novos conceptos estilísticos e tecnoloxías?.  O mesmo debate está agora no mundo, dende que arde a Catedral de París. E a sensatez dos poderes listos, os que teñen  na axenda do seu teléfono roxo os números de teléfonos de todos os listos, non fan outra que convocar axiña un concurso de ideas, avivando esoutro lume que debe ser constante, como o que anima a construción da Sagrada Familia de Barcelona, a positividade. Cousa difícil nesta Galiza castrexa e de sombras e cainista, e se non véxase  a suma de maleficios que cobre á chamada Cidade da Cultura de Compostela.

Niso de patrimonio cultural Compostela sempre foi e será embigo referente por abrir pórtico a Europa. Cidade que tivo escolas de formación de todo o preciso pra construír megaestructuras, por algo niso dos mestres canteiros, dos obradoiros poderíamos impartir masters.  Confín de profesionais das artes, os que non so quedaron por Galiza senón tamén os que se ciscaron polo mapamundi,  obreiros anónimos movéndose sobre estadas vertixinosas, onde mesmo algúns deixaron a súa vida, colocando pedras na newyorkina Ponte de Brooklyn, no Empire State, en rañaceos de Shangay, en Tokyo, en Kuala Lumpur... e así seguen. A historia repítese agora solicítanse canteiros pra o Capitolio de Washington, pra Sagrada Familia, pra París tamén..

A Real Academia Galega de Belas Artes, nacida  en 1849, tempos de Isabel II,  cos fins de promover, conservar, estudar e divulgar o patrimonio cultural, coidou dende entón e de xeito altruísta - sen  máis parénteses que aos que obrigou a guerra civil - esta misión: creadora dunha modélica Escola de Belas Artes con sobranceiros mestres, na que se forma Pablo Picasso entre moitos outros creadores, merecedores de atención nunha exposición e publicacións. Academia que reúne coleccións perdidas en ruínas, en templos, en edificios administrativos, que fomenta as doazóns de creadores e coleccionistas para a formación do que foi e é Museo de Belas Artes da Coruña... nai dun  rosario de iniciativas que deron paso a outras como a Asociación de Artistas, a potenciación de novos museos especializados en arqueoloxía, arte sacro, asociación de amigos dos museos etc...

Asentado está que o  sempre necesario son as escolas de formación de especialistas, de artesáns e velaí esa escola única no mundo, dende 1979  a Escola de Canteiros de Poio en Pontevedra, como en Compostela a Escola Mestre Mateo, na Coruña a Escola de Arte e  Superior de Deseño Pablo Picasso, herdeira da devandita Escola de Belas Artes... en Vigo a Escola Superior de Artes Plásticas, como a partires da metade dos 90  a Escola Municipal de Artes e Oficios , a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde, a AESD  Ramón Falcón de Lugo, herdeiras de aqueles  cursos acelerados e escolas de Formación Profesional que tantos emigrantes especializados deron....Pra madurar en Pontevedra coa creación en 1994 da Facultade de Belas Artes, dependente da Universidade de Vigo  e dende 1991, na mesma cidade  a Escola Superior  de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, iniciativas estas que lle devolveron á “boa vila” o  pulo cultural e artístico que xa tiña. Na Escola Pablo Picasso da Coruña ensínase a nivel superior  o deseño gráfico, de interiores, así como o ciclo de dourado, prateado e policromía, a escultura aplicadas ao espectáculo, fotografía, ilustración, entre outras ofertas como taller de cerámica artística, taller de madeira...profesións sobre realidades necesarias.

E tal como andan as cousas no mundo relativas á falla de traballo e vendo que os que se licencian nestas escolas atopan posibilidade de traballo, non sobrarían escolas de todo canto ten que ver coa construción, a restauración e a artesanía, pedra, madeira, ferro, escaiola, barro, vidrieiras, mosaicos, tapices, ouriverías...e eses espazos monumentais derruídos, xa sen función como vellos mosteiros ou castelo poden servir, a máis de paradores ou museos, como escolas que contribúan ademais a súa mesma rehabilitación e revitalización. Velaí unha misión necesaria a incluír nos fins das deputacións, como xa fai a de Pontevedra coa devandita Escola de Canteiros de Poio ou a de Lugo co Centro de Artesanía e Deseño, especializado nos instrumentos musicais tradicionais galegos: a función crea o órgano, velaí a cultura viva.

5 Maio 2019