O símbolo do lagarto na Galiza de antes

Ampliar: Lagarto, debuxo F.Senén



Na sociedade consumista e global pérdense vellos símbolos, entre eles o do lagarto, asociado co curandeirismo, a meiguería, a masculinidade... polo que era buscado e cazado. Motivo decorativo en máscaras, bixutería, na arte, tema sobre o que recrear.

O mundo de hoxe, urbano, consumista e global teledirixe novos mitos e ritos. Aínda que detrás dos inquilinos dun bloque de vivendas da cidade e mesmo entre os sobreviventes da casa da aldea, agoniza un amplo repertorio de símbolos do pasado. Resisten por motivos máis emotivos que comerciais. Ancestrais herdos deixados de man, esquecidos, pra logo resultar estraños e formar parte da rolda da Galiza incomprendida, supersticiosa, aínda que atractiva e cualificada como “máxica”. Símbolos maltratados pese a ser recursos culturais, motivos de inspiración que ofrece  o tecer da cultura e cos que seguir a re-crear. Todo significa algo pros observadores e experimentadores humanos. E pobo que atesoura e mima os seus recursos é pobo rico e con futuro, o asunto é que se vai esquecendo o legado que temos diante.

Ao respecto os etnógrafos do pasado abriron camiños e mesmo deixaron, prudentemente, pros vindeiros tramos por abrir. Así é que dentro dese universo natural e cultural, no que atinxe aos réptiles, sempre atraeu a curiosidade o lagarto, bicho que asoma á luz solar sobre as penedas, entre os ocos dos valados,  pero tamén entre o mato e as silveiras... Galo e lagarto tiñan unha significación masculina. Áxil, rebuldeiro, asomado ao sol que máis quenta e do que se saca o  apelativo de lagarta, lagarto, lagarteira aplicado a aquelas persoas habilidosas e comenenciudas. E arredor del un amplo repertorio de cancións populares, velaí a tradicional e retranqueira en relación con Carolina Otero, a “Bella Otero” a  de “A Saia da Carolina ten un lagarto pintado....e cando a Carolina baila o lagarto dálle ao rabo...”

  Réptil buscado polos curandeiros e polas meigas para quitarlles as graxas e logo elaborar con elas os seus ungüentos, unturas que se din eficaces pro reuma, a bronquite...Lembramos polas feiras da metade do século X, a aquela ourensán, “Remi,  a señora das cobras” arrodeada dun público pasmado, atraído polos seus pregóns e acenos a favor dos réptiles, arrodeada de cestos dos que sacaba cobras e lagartos inofensivos que agarimaba e mostraba.  Réptiles de corpo verde e cuberto de xeométricas píntegas marelas e negras, das que extraía a apócema panacea que ofrecía en caixiñas de cartón.

Sobre o lagarto Fermín Bouza Brey ten un artigo, sen desperdicio, dedicado ao ilustre, lembrado especialista en ofiolatría, o portugués nacido en Barcelos no 1901 e finado no 1990  Joaquin R. Santos Junior. Traballo titulado  “O lagarto no folklore galaico-portugués” (Braga 1949). Bouza Brei  insiste en que este tipo de estudos culturais deben ter como referencia o territorio da Galiza histórica na que o Douro servía de fronteira, desbotando as condicionantes fronteiras artificiais. Estudo no que comeza por repara nos nomes e especies de lagartos, seguindo pola súa caza, logo despois polas lendas sexuais e outras que o arrodean e por suposto pola súa utilidade na menciña popular. Concluíndo, humildemente, en que o que il fai debe ser estimulo para futuros estudos e que espera de máis amplo valor.

Bouza Brey parte dos estudos do naturista coruñés Víctor López Seoane  sobre os lacértidos ou réptiles que se atopan neste territorio, repara na que chamará variedade Bocagei en honra do amigo daquel e Director do Museo Zoolóxico de Lisboa, Barbosa du Bocage,  entre a singular variedade no que está a común lacerta muralis da península ibérica: as muralis fusca, pytiusensis, orcellata, Schreiberi, veridis, as dúas últimas abundantes nos matos, próximas ás ribeiras dos ríos e mesmo pola beiramar. Se as muralis son as pequena e áxiles, as que lagartean polos muros, as lacerta viridis ou a orcellata son as de tamaño grande e dos matos. Si ben, pese aos nomes científicos en Galiza o xenérico é lagarto, lagartixa, mesmo tamén arnal, considerándose esta falsamente velenosa, transmisora do  “aire de lagarto”, erupcións cutáneas que, pola contra son máis debidas a insectos que ao réptil. Lagarto arnal ou arnado, como os topónimos, Arnois, Arnedo, Arnoia, segundo Bouza Brei  referido a lugares montuosos, nos que habita este réptil, máis voluminoso e considerado máis fero. Aínda que meténdonos no labirinto da filoloxía non falta quen atribúa este nome a arna, como algo áspero, en relación coa casca ou cuberta escamuda da pel festes lagartos, pero tamén se poida deber a un asigna, asna, arna, como marca ou sinal, en consideración ás marcas  e cores do seu corpo, mesmo tamén como arna, aro en relación coa forma arcada, redondeada, voluminosa, termo que polo mesmo se aplica aos montes. Torrente Ballester escoiteille en varias ocasións falar do “lagarto asnal”, algo que aprendera no seu Serantes natal, baixo o ferrolán santuario do Chamorro...como pequenos crocodilos. Nalgunha outra  zona próxima á Portugal  referido a estes a atópase o nome de serdón ou sardón, cerdón, próximo ao portugués sardao.

No mundo rural a caza e tortura dos lagartos era frecuente entre a crueldade dos xogos dos nenos, facíano simplemente guindándolle, até cubrilos, un pano ou boina, mesmos empregando outros xeitos máis sofisticados, mediante ganchiños co cebo de grilos, saltóns, escaravellos ou tamén touciño. Pra logo ser  torturados con tabaco, lume, viño e loitas entre eles. A veces, como botín sacábaselle os dentes curvos, cotizados nos ritos de maxia e como amuletos. Tamén o lagarto era cazado polos maiores, como xa dixemos para quitarlle a graxa e aplicala a usos medicinais e esconxuros, os seus excrementos tamén se utilizaban como cosmético  o “escinco”... Caza que tiña o seu ritual e facíase acompasando ancestrais e variadas cantigas, segundo conta e recolle Bouza Brey. “Lagartiño sae, sae que morreu a túa mae...”..Entendéndose as lagartixas  de dúas colas como moi perigosas, buscadas para liturxias supersticiosas en relación co agoiro. Símbolo protector labrado sobre as carautas de madeira, preto da boca, na dos Boteiros de Viana do Bolo.

Noutrora nas feiras vendíanse doces, pan azucrado amasado, con formas de paxaros, de lagartos: pros homes lagartos, pras mulleres paxaros....e quérese ver nisto parte dun ritual de carácter sexual, fálico, no fondo está a pasaxe bíblica da Árbore da Ciencia do Ben e do Mal e a serpe por medio. Considérase ao lagarto como un símbolo masculino, protexe e avisa ao home dos perigos da feminina cobra.

Lagarto, cobra e sapo están moi nas tradición e mitos da Galiza rural. Pois velaí na tradición da peregrinación ao Santuario de San Andrés de Teixido, onde os camiñantes respectan aos réptiles que atopan ao seu paso, pola crenza de que son almas que transmigran, que buscan a perfección nunha ascese non cumprida en vida: “A San Andrés de Teixido vai de morto o que non vai de vivo” e sendo así faino a xeito de réptil.

Na base dalgúns cruceiros e petos de ánimos aparece labrada a figura dun lagarto, tamén en relación coa ascese, reptando do Caos ao Cosmos. Mesmo o malogrado pintor Peteiro, tan atraído polas tradicións galegas, frecuentemente orlaba os seus lenzos coa silueta de lagartos, cunchas de vieira...o camiño. O creador César Manrique soubo facer do lagarto o símbolo do seu Lanzarote natal, motivo pra reforzar a identidade da illa. Tema que ofrece posibilidades infindas na xoiería e na bixutería, xogando con metais, pedras de colores, como xa se fixo no art nouveau,  coleccións de colgantes, broches, pendentes, pulseiras inspirados nos xogos que ofrece esta pequena maqueta vivinte  dun dragón, o lagarto. Temas nos que teñen traballado as escolas cataláns de deseño, como a Massana ou a Llotja de Barcelona, con creadores como a alavesa Sonia Ruiz de Arraute ou Enriq Majoral i Castells que fixo do lagarto o leit motiv dos seus deseños, tratados dende unha pátina arqueolóxica.

Querendo e sabendo temos moito onde inspirarse e sen perder os camiños das orixes.