Os estralampos da alma galega na fotografía de Cristina García Rodero

Ampliar: Cristina García Rodero



A fotógrafa documentalista Cristina García Rodero ingresa como membro de Honra da Academia Galega de B. Artes e faino cunha declaración de amor a Galiza , terra que abriu pórticos de luz e sombra a fotos que arrincan anacos de vida á morte.

Claro que hai persoas que teñen aura e que con ela iluminan canto fan e as arrodea. Este é o caso da fotógrafa  manchega, Cristina García Rodero, a que o sábado 14 de Decembro do 2019 -  o día despois da Santa Lucia, cando conta a tradición que “devece a noite e medra o día”, ás portas dun Nadal cargado de luces de esperanza - foi recibida como membro de honra da Academia Galega de Belas Artes. Agradecemento e homenaxe que tivo lugar no Centro Galega de Arte Contemporáneo, en Compostela. Recoñecemento  outorgado  por unha vida senlleira a pe de foto e  na que Galiza sempre estivo de principio a fin. Pois xa no ano 1974, sendo Manuel Chamoso Lamas,  membro do xurado das prestixiosas bolsas de arte a Fundación Juan March, a través da obra fotografía presentada pola García Rodero, agoirou e animou ese futuro que é o  hoxe é: a capacidade de retratar o espírito, a beleza dun momento de luz, os contrastes entre os anxos e os demos que levamos dentro. Pulo inicial, inesquecible na vida  e na obra dunha fotografa agradecida ao historiador da arte galego e a Galiza. Sumando despois  a lectura de “ El Carnaval”, as obras, a amizade e a bonhomía do antropólogo cultural Julio Caro  Baroja. Referentes radicais de dous  grandes humanistas, sumando o máis antigo modelo dunha pioneira, a tamén senlleira  fotógrafa e profesora estadounidense Ruth Matilda Anderson, contratada pola Hispanic Society  of América, pra recorrer  España do 1923 ao 30, retratando  a mística da autenticidade, a dun pobo que resiste. Cristina García Rodero é máis que continuadora de aquela no transcurso do tempo, no devalar das tradicións e das artes, imprescindible no xeito fotográfico documental de escribir e narrar entre luces e sombras.

Reveladora desa contrastada ansia manchega de compartir e que a García Rodero xa mostra aos seus 16 anos, cando retrata as festas das súas xentes as de Puerto LLano. Estuda Belas Artes na Complutense pra no 1983 ser profesora de Arte da mesma.  Solitaria e sen buscar atopa pobos e xente nas que aínda aniña a pureza de espírito. Atraída polos latexos da tensión e da emoción,  pra captalos en foto, espertando para a eternidade un suspiro. Obras recoñecidas que recibirán os mellores galardóns fotográficos do mapamundi , entre eles o “Eugene Smith” de New York (1989), o “Erich Salomón” de Colonia (1990) o “World Press”  de Arte (1993),  o “Olorum Iberoamericano”  (1996) o Nacional de Fotografía (1996),  Medalla de Ouro nas Belas Artes (2005). Membro da Academia de Belas Artes de S. Fernando, integrante de Magnum Photos, doutora honoris causa pola Universidade de Castilla La Mancha, tendo museo propio en Puerto LLano e representada con obra nos mellores museos do mundo.

A mais de España recorre Haití,  Venezuela,  Albania, Xeorxia, o Cáucaso,  Etiopía, a India, Polonia son algúns pobos que calan fondamente nela, pra poñer sobre as súas xentes esa maxia, a que está en saber mirar a través desas razóns do corazón que a razón non entende. Linguaxe directa pra compartir sentimentos  con quen sabe enxergar, que é poñer os sentidos, máis a intuición e a cultura, sobre o que se ten diante. Logro que nace dunha situación que atopa ao paso, sabendo aplicar, en segundos, cada óptica para cada, buscando as que achegan a un efémero momento que pode esfumarse.

A casa, os patrucios,  os avós, as mulleres revestidas de loito entre puchos e panos que as cobren,  anacos da submisión á tradición, envolvendo  como aureola a tenrura de caras topografadas  en aventuras e desventuras dos camiños da vida, en contraste coa pureza de nenos  vestidos de branco. Disparos fotográficos que procuran un diálogo de olladas, xa que “os ollos nunca minten” que diría Benedetti, os ollos desminten e deixan ler almas. Intres que namoran e crean preguntas, que mesmo poñen a proba a  poética, a cultura  e a capacidade creadora do observador.

Cristina García Rodero atopa a autenticidade nesa interacción panteísta paisaxe-paisanaxe,  peta coa alma pura de Galiza, cos seus contrastes barrocos, asolagados no claroescuro ,  fiadeiro de ideas, de luces e sombras, de ledicia e tristura , de vida e morte nos escenarios  do cotián pra expresión catártica do común:  os  adrais, os campos de feira, de romaría, os cemiterios nun permanente desafío á morte... E bateu cos lostregazos en intres de acougo acción do Entroido de Laza, cos estralampos nas procesións de cadaleitos de Ribarteme, arredor do santuario de Santa Minia, nos Milagres de Saavedra, en  Xende, na Franqueira, nas rapa das bestas de Sabucedo, no desembarco viquingo de Catoira...Mesmo nun porto ou nunha praia pode atopar un Neptuno ou con Venus. E sempre sobre no seu obradoiro camparán a dignidade e decoro co que trae entre mans,

Pois velaí , sen buscar,  atopa síntomas eternos de que houbo vida. Leccións visuais que falan por si mesmas, documentos de antropoloxía escritos con luz e sombras, onde sobran as palabra: o ser humano en ascese permanente,  peregrinacións... os tropezos, cansos, o acougo,  a espera, a boca aberta baixo un ceo de contrastes que se confunde co pentagrama ondulante de montes en todas as gamas de grises, a árbore de fondas raiceiras fende a horizontalidade pra  erguer á luz as súas ramas, nubeiros  entre os que pode agromar unha raiola divina, a prístina hora bruxa.  Ambiente que semella ter de fondo música wagneriana como presaxio dunha esperanza. Obra construída coa paixón, coa emoción de roubarlle á morte  momentos únicos, os que mesmo semellan aparecérselle, pra retratalos e entregalos ao futuro.

 Tense dito que en Cristina García Rodero hai un mundo que sigue camiños experimentados por Goya, por Sorolla, por Buñuel, os de mesturarse coas esencias do popular, un mundo no que tamén están Castelao, Laxeiro, Sucasas....

E velaí albumes fotográficos, auténticos documentos da condición humana adscritos a escenarios culturais concretos,  como a “España Oculta” (1981) ao que lle pon palabra nin máis nin menos que Julio Caro Baroja, “España Ritos y fiestas” (1994) comentado por Caballero Bonald. “Galicia  a pe de foto” de Manuel Rivas,  “O festivo e o Sagrado “ ( 2001) “Grabarka, o monte das 600 cruces,unha peregrinación ortodoxa en Polonia” (2000),  A peregrinación a Santiago en Haiti (2004).

A Garcia Rodero non é  unha cazadora de  imaxes, de presas, ela peta co milagre, coa aureola de cada intre, sen alterar ou retocar a realidade. Cousas semellantes a estas  dixo o fotoxornalista  Xurxo Lobato en contestación académica. O feito e o dito e proba de que o universal constrúese co local, que a universidade radica na unidade da diversidade.

García Rodero ven a ser notaria fotográfica, a que  coa súa cámara levanta acta da autenticidade, dos herdos, do panteísmo, dun universo que desaparece fronte á globalidade dos supermercadeo. Mesmo a beleza, o pouso das súas fotografías, como a poesía son armas de amable rebeldía. E mesmo como arqueóloga do que fai sempre lembra emocionada a historia de cada fotografía,  o antes e o despois dun acontecer que foi e que inmortaliza.

22-Decembro 2019