A estrela: luceiro, guieiro de esperanza, abandeirando liberdade

Ampliar: Debuxo de Xosé Sesto para o ´Libro de Santiago´ (1948)



Repaso do simbolismo da estrela prevalecendo a luz e guieiro. Un dos emblemas complementados pola Irmandade Nacionalista Galega: Liberadora, da Terra Prometida, dos Magos, de Santiago...Branca, logo vermella... Logo vermella a proposta de Castelao

Asocian as lendas a Galiza coas galaxias, onde a estrela, ( astrum e stela) é un vello símbolo que marca un sartego en Compostela, compos= camposanto, stella= tumbas con estela, cemiterio en definitiva, pese ao mito que o desfigura nun campo de estrelas.

Nacer baixo o signo de tal ou cal estrela do horóscopo é agoiro de ter boa ou mala estrela nos camiños da vida. Estrelas e galaxias no mapa celeste sinalan  camiños que nos orientan  no espazo e no tempo. Estrela polar considerada o eixo do mundo. Devalar cósmico que marca o calendario, interpretado por magos e meigas en moitos petróglifos galegos, en santuarios de boa parte das culturas que se orientan aos astros. Estrela flamexante, como luz do do Espírito celeste que ilumina o mundo. Estrelas servidoras, velo da Lúa na noite. Símbolos na cartilla elemental da poesía, da teosofía e da francmasonería.

Estrelas que iluminan a noite dende a bóveda do ceo, símbolo do orde cósmica, arredor das que as tradicións entendían que as almas dos devanceiros despois de traspasar as cancelas do Trasmundo  se convertían en compañas, señas, espíritos de luz, faros celestes. Velaí as estelas funerarias galaicoromanas, fitos funerarios, campas que despois do caos rematan  co símbolo cosmogónico, a estrela .Poéticas literarias, mitos vertidos sobre o velo dos luceiros, entre os que o Sol e a Lúa representan o día e a noite, a vida e a morte levados á literatura e á arte. Por iso aos deuses e ás deusas vixiantes sobre todas as cousas represéntanse aureolados do alo estelar. A Virxe interpretada como a estela matutina e vespertina, a que indica a ruta da alborada ao solpor.  Estrela que  dende Exipto guía ao escravizado pobo de Deus cara á Terra Prometida. Estrela que tamén guía aos Magos cara ao Portal de Belén... Como a brilante Sirius para os de Mali, representada na Cruz de Agadiz tuareg, como a Estrela do Sur no Cono americano, interpretada por incas en xeometrías  cuadrangulares da Chacana...

E as relixións e os creadores interpretan ese mundo cósmico, equilibrado xogo de cartabón e compás. E velaí a estrela na heráldica que distingue castas e rangos, representada con cinco, seis ou máis picos,ou por cruces, rosáceas, esvásticas...  A estrela de sete puntas, formada polo triangulo inscrito no cadrado; a estrela de seis puntas  construída pola intercesión de dous triángulos,  o “Sigillum Salomonis”,  interpretada como a evolución e a involución, o ritmo entre o activo e o pasivo, é o hexagrama que caracteriza o selo de David. Estrelas entendidas como foco do Universo, entre elas a de cinco puntas, asociada á maxia,  ao ben se apunta cara arriba e se apunta para abaixo asóciase coa nigromancia, símbolo da masonería. O internacionalismo marxista elixe entre os seus símbolos de traballo e esperanza a estrela vermella de cinco puntas. Roxo como o lume, como o sangue, vital. Namentres que os Estados Unidos elixen a branca representando a cada estado.  

Interpretación do universo estelar consubstancial á maxia aos que adiviñan o devalar dos astros que marcan as catro estacións: de sol e escuridade, de ventos, chuvias e calor, cando as flores se converten en froitos e estes en sementes...astros que inciden nas augas, nas plantas, nos animais e nos humanos. Saberes ben experimentados nese alboreiro Oriente cara ao cal tamén nos “orientamos”, orixe de tantas civilizacións, do que son herdeiros os celtas, tanto como estudou  Vicente Risco, creador de códigos identitarios galegos, como aporte á universalidade.

Os anos 20 son os do trunfo do Modernismo, con todas as súas facianas e “ismos”, entre eles os nacionalismos inspirados nas orixes, célticas, arias, nórdicas, mediterraneas... Risco afonda no Panceltismo, ( numero 63 da revista “s” , marzo 1929), no modelo Irlandés, abandeirado por William Butler Yeats,  como no “Gran druída dos celtas Galos”, membro do Colexio Druidico dec Gorsedd, Phileas Lebesgue, editor de “Mercure” de Francia,que tantas portas abriu á estética nacionalista galega... ou en Portugal no Saudosismo céltico proposto, entre outros por Teixeira de Pascoaes.... Teorías que conlevan a súa parte de arqueoloxía, de antropoloxía, de mitoloxía e mesmo de teosofía inspirada en druídas, templarios, rosacruces entre outras ordes cabaleirescas... ao fin e ao cabo preñadas do halo mistérico orientalista que caracteriza á Galiza Céltica, tan propicias a enredar e tolear, envoltas en hermetismo , nese exclusivismo do que se gabarían estes presuntuosos  “diferentes “ e “inadaptados”.

 Risco estaba atento ao teosófico misticismo do círculo de Mario Roso de Lun, mesturado con fundamentos “célticos” que se perden na arqueoloxía e na Historia  de Galiza, medradas en Vicetto e sobre todo en Murguía (1885), arredor de canto significaba o pobo celta,  a saga de Gael, Breogán...continuada por Arturo e os seus cabaleiros na busca do Greaal,  o Cáliz da Última Cea e arredor dil  toda unha ascese simbólica de liberación, como Xogo da Oca, na busca dun Paraíso que non se da por perdido. O Parsifal de Wagner inspiraba a Risco, o ciclo artúrico de Godofredo de Monmouth, o Balandro de Merlín, a Demanda do Santo Graal e as lendas galegas sobre o paso de Arturo e o Graal.

O Graal e a estrela pra Vicente Risco, o fundamento nos mitos celtas cristianizados

Don Vicente Risco non daba puntada sen fío nesa ansia de construír a teoría e a praxe da Nación Galega de xeito integral. Profundaba sobra a ética e a estética, o fondo e a forma do que nos identifica no mundo, o que incluía dentro do Panceltismo, como outros pobos da Europa de entón o facían co nordismo ou co meditarranismo, dentro dos ismos do Modernismo Europeo.

O carácter lúdico do mitólogo Risco levábao a  re-crear sobre as tradicións, a por o nome de Galiza en relación coa cor láctea das galaxias, mesmo cun singular e simbólico Cáliz, arrodeado de poesía, o vaso comunal do Graal, herdeiro dos caldeiros célticos, cristianizado na cunca da Cea do Xoves Santo, un dos símbolos arredor do que afervoa a  cristiandade fronte aos infieis.

Cáliz, estrela, pomba sobre o trilito que é mesa, porta, altar pra ofrendas de esperanza. Velaí unha serie de símbolos e mitos nos que pescuda Vicente Risco, como pezas dun crebacabezas.

A historiadora da Arte Iría-Frine Rivera afonda na estética proposta por Risco, saca moito desa  curiosa, inxenua, poética “Doutrina e ritual da moi nobre orde galega do Sancto Graal” ,  escrita por Risco arredor de 1920 ( edita en facsímil  pola Dr. X. de Politica Lingüística da Xunta de Galicia en 1998),  despois de que os herdeiros de Alfonso Vázquez-Monxardin,“irmán” de Risco e posuidor da mesma fixera entregara para Fundación Vicente Risco. Credo dividido en catro partes: 1 sobre o Corno de Breogán, como a chamada; 2 sobre a Estrela do Apóstolo, a  da  “Liberdade da Terra, demanda á que andan os bos e xenerosos”;  3 A Espada de Arturo, Excalibur que unida significa o Panceltismo... e  o 4 o Graal, o vaso da comuñón en irmandade.....  Doutrina na que a xeito der catecismo para os catecúmenos, se incluen preguntas e se dan respostas Como que esa estrela de cinco puntas no medio do azul atlántico significa os cinco cabos: Fisterra, Ortegal, Ribadeo, Penedo dos tres Reinos (Mezquita) e o Tegra. Luz que anuncia a boa nova.

Doutrina tramada con pedagoxía, mesmo iluminada con debuxos do mesmo Risco sobre  os símbolos: o Graal  e sobre del a pomba do espírito, como sobre dela a estrela... o deseño do estandante, as características arquitectónicas do templo, rectangular, orientado o altar á alborada.... Asuntos raianos coa francmasonería, merecedores de debate e máis cando significan humanismo, cultura de respecto. Estética “celta” que asumen creadores como Camilo Díaz Baliño, Uxio Souto, Asorey, Palacios... ao mesmo poeta “ da Raza”, Ramón Cabanillas, autor de “Na noite estrelecida”. Inspirador asunto que callou  e reforzouse en Cunqueiro, en Lugrís... Isaac Díaz Pardo, fillo de Camilo, foi educado nesa ansia de poñer escenografía a Galiza, principios que quedaron moi prendidos nel: “Santiago...onde meu pai me gravou na testa unha estreliña, forxada na irmandade da Luz e da liberdade”, tal como recolle en placa a escultura que, dende Agosto do 2020 representa ao creador no compostelán paseo da Ferradura.

Arredor do simbolismo da estrela, interesa o artigo de Risco, “A estrela do Apóstolo”.  (“Nós”, 8 Novembro 1930)  ilustrado por Castelao, que neste momento, como todos tiñan en Risco un referente. Texto que era o capítulo 2 da devandita doutrina do Graal.  Cose ao seu xeito as tradicións, fabula bebendo en fontes arqueolóxicas e tradicionais pra seguir a enriquecer a cultura dun pobo. Fala primeiro da misión de Santiago e os seus discípulos, guiados dende a Terra Santa  cara este confín de Iberia por unha estrela, luceiro que recoñeceu o Apóstolo e o seu acompañante, Xosé de Arimatea, portado do Graal, a mesma estrela que guiou aos Israelitas cara a súa Terra Prometida, como a mesma  que sinalou aos Magos o Portal de Belén, agoirando que aquela nova terra á que chegaba en misión sería a súa segunda patria e sepultura: Santiago de Galiza... Misión na que se atoparon e bautizaron a Lupa pra logo retornar a Palestina e recibir martirio.... logo os varóns apostólicos retornan a Galiza, agora co corpo morto, novamente seguindo aquel misterioso ronsel de luz, pra darlle enterramento en Arca Marmórica, baixo o Pico Sacro, onde se establecerá a primeira sede dos Cabaleiros do Santo Graal , onde se esconde o corpo santo e o Cáliz lévase pro Cebreiro.... ate que novamente aquela estrela reluciu  esta vez sinalando a tumba esquecida de Santiago...E a demanda do Graal seguirá  até que o atope  o  herdeiro de Breogán, de Arturo... soará entón novamente o corno de Breogán dende o Faro dos Brigantes... “Agardemos que os tempos sexan chegados...pois a estrela ha lucir de novo na plenitude dos tempos para a Nosa Terra”. Qué opinaría Risco arredor das novas investigacións sobre o Cáliz de Dona Urraca, en San Isídoro de León....?  Outra das reliquias pra afervoar a cristiandade fronte ao Islám. Asumindo que, arredor do Graal xira o Ciclo artúrico que tanta literatura de aventuras e  ansia de viaxes  creou.

 

Castelao e unha nova simboloxía de inspiración galega, popular e socialista

No medievo o Cáliz do  Graal  caracterizou Galiza na heráldica, e velaí entre as Armas dos antigos reinos Europeos, tamén entre os escudos que coroaban portas da cidade deste Reino. E a estrela xa dende o Partido Galeguista se converte en vermella significando a irmandade. Así o explica Castelao nun escrito en momento de angueiras, a un ano de terse encetado a guerra e sufrido os asasinatos de significados “irmáns” (Nova Galiza, 6,  Xullo 1937) . Artigo que evidencia cambios, desacordos entre nun galeguismo que non debemos reducilo a conservadores ou progresistas, o galeguismo caracterizouse polo progresismo europeísta (equivocado no nacionalsocialismo) e de liberalización: “Os novos símbolos da Nova Galiza”: entre outras di Castelao “...a un novo réxime correspóndenlle novos emblemas....a bandeira galega...era vermella cun cáliz no centro. Así aparece, polo menos nun dos cartóns que pintou Durero para os tapices de Maximiliano...a bandeira que coñecen os galegos foi inventada por Murguía e foi adoptada polos galeguistas....O partido engadíalle unha estrela roxa, como o Axuntamento compostelán lle engadía a cruz de Santiago ou calquera católico lle engadía o Cáliz... Seriamos parvos se crésemos que pode subsistir despois da guerra o escudo tradicional de Galiza co seu emblema eucarístico, pois aínda que lle atribuísemos unha altísima significación poética, identificándoo co Santo Graal, non sería respectado polos sobrevivintes galegos despois do sacrílego proceder da Igrexa Católica no noso pais. Acatemos pois a realidade e criemos o novo escudo..quixeramos dar cun símbolo que representase a unión dos labregos e dos mariñeiros de Galiza..” Di que pensa nos símbolos comunistas, que proba a combinar a estrela coa cuncha, mais sen deixarse levar polas lembranzas da peregrinación, pensa nas esvásticas arias, vascas, , tan en relación co trisquele castrexo... das que di  se aproveitou o  nacionalsocialismo alemán “non quedaba máis que a fouce de ouro sobre dun fondo azul e a estrela vermella como emblema do Traballo e da Liberdade” . Escudo oureolado coa divisa  que deixa patente o martirio sufrido”Antes mortos que escravos”, en lembranza tamén da proclama dos voluntarios do Terzo de Galegos na independencia Arxentina.

Linguaxe de símbolos a veces pra cargalos de negatividade, cando a culpabilidade esta nos que deles abusan pra asoballar a outros. Filosofías que enriquecen o “Espírito de Galiza”, coa súa poética humanista tras si.

.27 Agosto 2020