Paradoxos: mentres A Coruña celebra ao arquitecto Albalat, destrúese a súa obra

Ampliar: Edificio Citroen, Arquitecto Albalat 1962



Albalat ( 1924 - 2019 ) arquitecto representativos do Movimento Moderno, con canto implica de innovación urbanística, técnica, de materiais.... Autor de obra na cidade da Coruña e fora dela, algunhas delas xa perdidas, outras ameazadasa

Resulta preocupante o estado cultural da sociedade, efectos para concluír haber hainos. Quizais por que a cultura está monetarizada, xa se ve como un valor de cambio e non de uso para resolver situacións. Medran entón os paradoxos e o esperpento no mostrario galego.

Así vemos o que pasa mentres se celebra á Xeración Nós:  fundacións que gardan os legados de Otero Pedrayo, de Risco ou a Penzol malviven na esmola. A casa de Risco e de Otero na ourensán rúa da Paz  é mercada por un profesor que entende a dimensión galega e universal daquelas personalidades. Do recuncho de “O Volter”, a taberna literaria,  a do parladoiro presidido por Risco e Otero, que sobreviviu á ditadura.... so se conserva o cartel de entrada e por rescatalo alguén do lixo.

E pra seguir cos exemplos, velaí  entre as liturxias das celebracións o  centenario de Díaz Pardo, en contraste  co lamentable estado da cuestión do Museo Carlos Maside no castro de Sada, do Laboratorio Xeolóxico de Laxe do legado Parga Pondal... como as industrias cerámicas do Castro e de Sargadelos  perviven aínda grazas á estela  galega de Seoane e de Isaac e na medida que esvaeza súa orixe perderá a súa orixinalidade. Tal como tamén se deixou perder a necesidade da idea de creación do Instituto Galego da Información, a Editorial do Castro, o Laboratorio de Formas de Galicia, motores de ideas en dialéctica que non deberan prescribir.

Pois velaquí outra mostra máis a sumar ás contradicións campantes: a un tempo no que está no patíbulo xudicial e burocrático a demolición do edificio Citroen no coruñés barrio da Gaiteira, obra de Albalat, representativa construción do Movemento Moderno, o pleno municipal  de 23 de setembro do 2020, a proposta da Escola Técnica Superior de Arquitectura e da Delegación do Colexio de Arquitectos  e tras informe da Comisión de Honores do Concello da Coruña, acorda concederlle, postmortem, o nomeamento de Fillo Predilecto da Coruña ao arquitecto   Andrés Fernández-Albalat Lois . Argumentando pola “ súa inmensa labor na configuración actual da cidade”.  Hai moitos outros valores na obra de Albalat, abrindo camiños a novos materiais e técnicas, a novas industrias en Galicia, a máis das tradicionais que tiña moi presentes e sobre as que recreaba. Asunto que o Pleno refrendará o 1 de outubro e complementará con xornadas e visitas guiadas arredor da obra do arquitecto.

Xa no ano 1997 o concello da Coruña, despois de permitir que moitas das obras de Albalt na cidade, sufriran fortes alteracións, sen consultas “democráticas” previas a tantos “órganos consultivos”  como deberan usar as administracións - como a Academia Galega de Belas Artes, a Universidade, o Instituto Cornide.... -  outorgou licencia pra demoler o Edificio Fenosa na Avenida de Fisterra, emblemático dos inicios do Movemento Moderno (1961),  obra do enxeñeiro militar  Castañón de Mena, figura importante na ditadura e emparentado con Barrié, en colaboración co arquitecto coruñés Tenreiro Brochón .  Caso similar é o que se presenta agora co devandito Edificio Citroën da Gaiteira. Construción catalogada polo arquitecto Xulio Busquets, antes da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente, e do que, “misteriosamente” sería eliminado .

No 2015 será a Asociación de veciños de Oza- A Gaiteira- Os Castros a que solicite á corporación municipal que volva a incluír o edificio no catálogo de bens inmobles protexidos. Sen contestación. Adiántanse os propietarios do inmoble en cuestión, os que en maio do 2016 solicitan licenza para o seu derrube, ao que o concello denega a demolición, entrando en litixio xudicial a cuestión. No 2018 o Tribunal de Xustiza de Galicia tumba o recurso interposto polo Goberno Local, entendendo a sentencia a demolición, “por silencio administrativo e namentres non se aprobe a súa catalogación, o propietario ten dereito ao que solicita: á súa demolición”. Caben outras posibilidades de xestión, a máis dos recursos xudiciais, mesmo acordos cos propietarios.

Cando a Historia se repite: a demolición do edificio FENOSA (1997)  e do CITROËN (2020)

O Edificio Citroën foi concibido como edificio industrial,  de trazado modular, con perfilería metálica, carpintería de aceiro e aluminio, fachada de vidro, do mesmo xeito que os tamén deseñados por Fernández Albalat na coruñesa Avenida da Vedra, a SEAT, a Ford e a Coca-Cola.

 Andrés Fernández-Albalat representaba ademais o espírito de bonhomía, tolerante, aberto, escudriñador de horizontes da Coruña, o que mesmo expresa na transparencia das súas obras. Naceu na Coruña e nunha casa das que miran  á mesma praza de María Pita, no 1924 e, finou como o que era, no día dos Santos Inocentes do 2019. Fillo de militar de enxeñeiros e de pianista,  formado entre os Salesianos e a Academia Galicia, en Ciencias Exactas na Universidade Compostelán e en arquitectura na prestixiosa Escola de Arquitectos de Madrid. Titulado no 1956 pasa e exercer na Coruña, contribuíndo a crear escola e unha nova visión na arquitectura e no urbanismo: no 1959 encárganselle grandes edificios na Mariña, en Porta Real, o Casino e  no 1960, en colaboración co seu amigo e colega Antonio Tenreiro a Fábrica da Coca-Cola, no 64 a Delegación da Seat...  Seguen os encargos como o Banco da Coruña ( hoxe banco BBVVA) en Duran Loriga,  o edifico da Hípica en Maestranza, o da Praza de Pontevedra.....

Albalat foi tamén o arquitecto preferido de Isaac Díaz Pardo e de Seoane, mesmo como amigo e fundador  do Laboratorio de Formas de Galicia, ao que se lle encarga a planificación arquitectónica dos complexos industriais e culturais de Sargadelos e do Castro, do Museo Carlos Maside..... Na Mariña lucense executará a Escola de Benquerencia, derruída fai uns anos...., en Compostela a piscina cuberta de Santa Isabel e o Estadio de San Lázaro, a Facultade de Filoloxía na Coruña, a Central de Froitos de Montecelo, o Centro de Cálculo de Caixa Galicia, vivendas en Sada, en Pontedeume...o Hotel Hórreo de Corcubión....

No 1968 autor do proxecto da Cidade das Rías, plan urbanístico entre A Coruña e Ferrol, ao estilo do Randstad holandés, que evitaría o unicentrismo, en especial na rede viaria. Tema  de discurso de entrada, na actualidade reeditado, corrixido polo mesmo arquitecto poucos días antes do seu pasamento: lección, adianto ao urbanismo dunha cidade que mira ao mar e que debe descentralizarse, previndo o caos do sen proxecto. A vontade política debe ser a que planifique futuros fronte aos caos da desplanificación: areas industriais, deportivas, universitarias...  Saber facer á espera definitiva de publicación,  ademais xa preparada pro prelo dende hai tempo polo Colexio de Arquitectos e a un tempo que  si saía, a do tamén gran arquitecto contemporáneo e amigo de Albalat, Xosé Bar Boo.

A obra dun humanista, representativo do Movemento Moderno da Arquitectura en Galicia

Albalat como humanista era  polifacetista, dos que entenden e practican a interacción ou simbiose das artes, así escribiu “ Música, Arquitectura y proyecto” disertación dada na Academia de San Fernando con motivo da entrega da Medalla e Ouro do Consejo Superior de Arquitectos de España aos seus amigos e colegas Vázquez Molezún e Corrales Gutierrez... Albalat foi Catedrático de Proxectos Arquitectónicos na Escola de Arquitectura da Coruña, da que foi creador e finalmente profesor emérito. Mesmo dirixiu coros, a Asociación de Artistas, practicou a pintura  e escribiu. En silencio e xeneroso asesor de párrocos pras obras dos seus templos..... Significado membro do Padroado Rosalía de Castro, do Instituto José Cornide do que foi Director,  do Padroado do Museo do Pobo Galego, da Real Academia Galega e da de Belas Artes, da de Ciencias..... Institucións ás que dedicou o seu tempo coa ansia de normalizalas e impregnalas de galeguidade, tamén movéndose en inútiles esperas nos corredores das burocracias. Recoñecido profesor, querido e admirado polos seus alumnos e colegas, Decano fundador do Colexio de Arquitectos de Galicia, Medalla Castelao, Medalla de Outro da Universidade da Coruña.... Numerario da Academia Galega, así como Honorario da Galega de Belas Artes..

A Academia Galega de Belas Artes, de diferentes xeitos, fixo chegar ao concello da Coruña o seu criterio, urxindo diálogo cos propietarios e repoñer a  catalogación inmediata do Edificio Citroën, a fin de manter a memoria dunha cidade que sabe dialogar coa Modernidade, a través da obra dun arquitecto humilde, sabio e de futuro.



6 Outubro 2020