A PARROQUIA DE LAUREIRO, NO IRIXO, E O ARQUITECTO NEOCLÁSICO LOYS MONTEAGUDO

Ampliar: Proxecto de Loys Montagudo para unha Igrexa en Roma



Estudosos identifican o lugar de Alen, na parroquia de Santa Mariña de Loureiro, Irixo, como o do nacemento do arquitecto neoclásico Loys Monteagudo. Parte dunha familia de constructores, bolseiro en Roma, distinguido pola Academia de San Fernando...

Alén é unha aldeíña que semella facer honor ao seu topónimo, quizais polo apartada dos camiños. Situada nas abas da serra da Madanela, rica en augas e pastos e que no pasado viviu do gando, das bestas tan solicitados polos arrieiros para o transporte e o mercado nas feiras. Pertencente á parroquia de Santa Mariña de Loureiro, onde o párroco do Antonio González Bernárdez, moi atinadamente sigue quizais tamén unha vella tradición da freguesía,  a de velar  administrar e compartir co común a riqueza dos eidos ou do “viñedo do Señor”. Pois nese punto xeográfico pousamos aquí.

 Na derradeira visita que lle fixen a don Ramón Otero Pedrayo - no seu piso da ourensán  rúa da Paz, alá polo Nadal de 1975, naquela ocasión na compaña de César Varela, xa encamado o patriarca e a carón das bombonas de osíxeno que il dicía a “artillería dos moribundos”,  en conversas  cos seus amigos Leuter e co Pepiño García Paz - como noutras e coa ansia de atendernos, recomendábanos que sacásemos ao Xocas da súa reclusión, que estaba senlleiro. Falounos ademais da necesidade dun estudo da arqueoloxía industrial do Arenteiro, das fábricas de papel, dos  serradoiros...acenaban pra ben os interlocutores e alegraríanse hoxe do camiño andado ao respecto nos derradeiros anos polo historiador Xosé Luís Sobrado.

Naquel encontro, todos os presentes arredor de don Ramón, bos coñecedores da bisbarra do Carballiño, Xosé García Paz, recomendoume afondar no tema dos canteiros e regaloume o libro de Antonio Rodríguez Fraiz “Canteiros e Artistas das Terras de Montes e Ribeiras do Lerez” (Deputación de Pontevedra 1982), moitos daqueles “arxinas” traballaron e asentaron no Carballiño que tamén foi escola de bos canteiros. Algo que ao cabo do tempo me aclararía outro dos grandes amigos do Carballiño, puntual agüista coa súa señora, don Antonio Fraguas, fillo de canteiro de Cotobade e con paso por Listanco, onde casou con Tereixa Fraguas, de Armeses.

Rodríguez Fraiz entre esa escola de canteiros e mestres da construción pon no século XVIII a Loys Monteagudo. Sabendo  polos documentos que naceu  no 1723 en Alen e na parroquia de Santa Maria de Loureiro no reino de Galicia.  Habendo tantos topónimos de  Alen, levan a situar o seu nacemento en lugares moi dispares chamados Alen.

Sabiamente García Paz mandoume tamén ás “Efemerides de Galicia” de Arturo Vázquez Nuñez, publicado en Ourense en 1878. Páxinas onde nos subliña unhas ringleiras referidas ao arquitecto Domingo Antonio Loys Monteagudo, nomeado Académico de Mérito da Real Academia de San Fernando e sen mais datos pon “nacido na aldea de Alén,” e a man escríbeme  e aclárame González Paz, “en Loureiro, Irixo.  Continúan as efemérides con aspectos biográficos que imos complementando con outros estudos: para trasladarse de mozo a Madrid onde estuda e destaca até concedérselle algúns premios pola Academia de San Fernando. Pensionado seis anos  en Roma, pra ser acollido á volta quizais polo seu promotor dende neno, o cabido da catedral compostelán e nomealo Mestre Maior e Director de obras da Catedral. Alí constrúe a fachada da Acibechería, a que xa fora trazada por Ventura Rodríguez. Tamén dirixiu as obras do Colexio de Santa Fe en Granada, a  Encarnación de Montefrío, supervisor da famosa ponte de Ronda, asi como construtor da capela maior, torre, coro e retablos da igrexa d cidade granadina de Loja, onde morreu en 1786.

O precursor romántico, Murguía, empeñado en que pra construír un país o primeiro é coñecelo, estudalo ben e divulgalo, entre as xenialidades de Galicia  realza a este arquitecto e lamenta non ter recibido máis encargos en Galicia. Apuntes do precursor recollidos polo seu herdeiro Xoán Naya  que publicará aspectos sobre o Pazo de Bóveda e os seus propietarios.

Ao respecto o devandito libro de Rodríguez Fraiz sobre os canteiros, abonda en Domingo Antonio Loys  Monteagudo, que di Coronel de Enxeñeiros, Director de obras e fortificacións militares, pero tira do seu orixe  pra súa  Terra de Montes  di “nado en Vila-Alen Santa Mariña de Tomonde”, a mediados do século XVIII . Engadindo ser autor de diferentes tratados de arquitectura militar en paradoiro descoñecido, senón perdidos. Documenta  que datado no 1875  atópase un mandado seu ao Banco Nacional de San Carlos pola cantidade de 51.000 reas, e que ao non ter fillos, déixaos á súa nai, dona Antonia e a súa tia dona Ana Loys e a don Francisco Quintillán, seu irmán político, os tres veciños de Viña-Alen-Tomonde a partes iguais, Cantidade que a 9 de abril do 1833 aínda non fora cobrada por trámites de aclaración de parentesco.... Datos que Rodríguez Fraiz  di, a pe de páxina “dados ao autor por Matilde Lourenzo, tía do mestre, Pontevedra”. Ente outras informacións que quita dun protocolo de José Mariño de Lobeira, folio 20-24 1903 no Arquivo Histórico de Pontevedra. Entón seméntanse as dúbidas e o debate respecto ao berce do referido arquitecto neoclásico.

Por outra banda o cóengo, historiador Xosé Couselo Bouzas, tío e mestre de Xesús Ferro Couselo, aquel escudriñador dos arquivos da catedral compostelán na súa “Galicia Artística en el siglo XVIII y primer tercio del  siglo  XIX” (1933), recolle a ficha de Domingo Antonio Loys Monteagudo e dinos que  “Eran los Loys Monteagudo construtores, tio y sobrino. Sebastián Monteagudo vivía del siglo XVIII y dirigía en 1698  el convento de Agustinas recoletas de Villagarcia; en Pontevedra el  Colegio de Jesuitas y en Betanzos el Convento de Dominicos. Alonso Loys, hizo a últimos del XVII el palacio de Carantoña”.  Dinos tamén que enviado a formarse a Madrid “ tal vez favorecido por algún señor”. Logo os datos dos éxitos profesionais coinciden cos xa coñecido. E aclara, tl como consta na documentación da catedral compostelán, que se lle encomenda rematar a fachada da Acibechería, segundo planos de Ferro Caaveiro, corrixidos por Ventura Rodríguez... Couselo Bouzas defende o plan de Ferro Caaveiro, pra quedar unha fachada que demostra as dúbidas. Polo demais contrasta datos da obra coas investigacións de historiador Ceán Bermúdez.

 

Sábese ademais que na estancia de Loys Monteagudo en Roma, coincidide con Juán de Villanueva, o gran mestre da arquitectura neoclasicista madrileña,  que estará baixo a titoría do pintor Preciado de la Vega,  que profunda no universo das antigüidades, para sorprenderlle a obra de Palladio. Distinguido polos seus proxectos de estudo Loys Monteagudo será recibido como numerario da Academia Pontificia de San Lucas, abríndoselle as portas de traballo á beira de Ventura Rodríguez, na provincia de Granada, como Nívar, Montefrío y Alomartes e especialmente na catedral e Santiago. En Galicia hai unha xoia arquitectónica de Loys Monteagudo, a que reúne os saberes de Villanueva e Ventura Rodríguez, coa pegada galega da pedra labrada en harmonía cos recebos e todo en relación coa paisaxe, é o Pazo do Marqués de Viance de Bóveda,  construído entre o 1766 a 1772  a´beira da vella estrada de Lugo a Ponferrada, con proxecto inicial alterado por outras intervencións, agora nun momento difícil respecto a unha rehabilitación que urxe e que non dubidamos en reclamar.

Entre outros estudos referidos ao arquitecto están os de Esperanza Guillen Marcos “La fortuna de un arquitecto pensionado en Roma: Domingo Loys Monteagudo (1989);  José María Torres Pérez :” Un proyecto de Domingo Antonio Loys Monteagudo  revisado por Ventura Rodríguez, la Iglesia de Alomartes (Granada)”  1996) ; o do profesor Alfredo Vigo Trasancos que estuda a presencia de Loys Monteagudo na dirección das obras da capela da Comuñón na catedral compostelán (1764-1783).

 

Un galego de Alen, formado entre canteiros e construtores...

Finalmente entre a bibliorafía máis completa a definitiva do arquitecto neoclásico, que expurga entre a devandita, está a do arquitecto e historiador da arquitectura, Luis Cervera Vera, “El arquiteto Gallego Domingo Antonio Loys Monteagudo (1723-1786) y su Libro de Barios Adornos” (Fundación P. Barrie de la Maza  (1985). Nun primeiro capítulo dedicado a “Nacimiento e Aprendizaje (1723-1758) pon a data de nacemento no 1723 e di ser  fillo de Juan Antonio Loys e de Elena Gamallo, poñendo o lugar de nacemento en Alén,  e aclara pertencente á freguesía de Santa María de Loureiro e que a Xeografía Universal de Madoz lévao ao Irixo... Insiste en que se descoñecen os primeiros anos da súa vida, supoñendo que “algún domine rural lle ensinaría as primeiras letras e máis tarde rudimentos de gramática e matemáticas”, seguramente alguén do clero. E engade  “al parecer”, entre os seus ascendentes, existiron dous famosos familiares de oficio: Alonso Loys construtor, a fins do XVII, do Pazo de Carantoña e de Sebastián Monteagudo, que viviu a inicios do XVIII e ademais interveu na construción das Agostiñas recolectas de Vilagarcía, nos dominicos de Betanzos e no colexio xesuíta de Pontevedra. Supón que Sebastían Monteagudo estaba emparentado con Pedro Monteagudo, singular arquitecto do primeiro  Barroco Galego, que traballa en Sobrado e polo 1712 con Benito Monteagudo na Capela do Rosario en Santo Domingo de Betanzos.

Moitos mozos aldeáns, de non seguir os traballos dos seus, senón  eran recrutados pola igrexa érano polo exército, onde dadas as súas habilidades e saberes pasaban a escolas e a traballar a carón de grandes mestres que axudaban á súa formación, ese poido ser o caso de Domingo Antonio Loys Monteagudo, o  que seguimos dando por nacido en Alen de Santa Mariña de Loureiro en Galiza, isto é nas terras do Irixo.

5 Outubro 2020