Triángulo, cadrado... cosmogonía no mapa dos entroidos galegos

Ampliar: Máscara de Boteiro de Viana do Bolo (foto Felipe-Senén)



A gran variedade creativa do estado da cuestión exprésase na festa de entrada na primavera en Galiza, o Entroido. Mascaras con substratos de todo tempo, recurso cultural e turístico merecente a distinguirse e protexerse como Patrimonio da Humanidade

A partires do dous de febreiro, día das Candeas, coas vagas do recendo das mimosas e o retorno das bandadas de paxaros, a Galiza das tribos, dos castros, das parroquias, das leiras esperta coa forza do instinto. E faino sumando saberes da súa ancestral cultura pra penetrar no seu espírito, como matinaba Risco. Ábrese entón ás festas de Entroido, á entrada na primavera pola porta festiva das Carnestolendas, en ritos de pasaxe, de iniciación, da carne.

Ala polo fin dos anos setenta - cando se deixaban atrás primaverais certames elitístas coa entrega da flor natural a poetas, raíña incluída en banquete enxalzando os produtos típicos, xeralmente do porco que é o celebrado cada febreiro; cando denantes da Coresma semellaban espertar dun longo letargo tantas tradicións de liberdade que estaban coutadas - nun artigo na revista “Teima”  introducía a unha instrutiva viaxe polo “Triángulo Máxico do Entroido ourensán”. Nel referíame a tres representativos vértices: a Limia coas máscaras das “Pantallas; Monterrei cos seus Cigarróns (de Verín) e os seus Peliqueiros (de Laza) e as Terras do Bolo cos Boteiros. Logo, por intercesión da periodista Marga Ledo repetimos a idea triangular do Entroido na revista “Burda” e aquel título con algo de teosófico, como toda a “Galiza Máxica”, non callou na difusión turística pra adaptarse á medida dos interesados, senón que o modistas buscadores de ideas de Dolce & Gabbana tomaron nota pros seus deseños dos Boteiros de Viana do Bolo.

 Aínda que sabiamos que a cousa non quedaba debuxada a unha trindade, que cada parroquia deste confín do Vello Mundo buscaba diferenciarse polo seu almanaque festivo, as súas máscaras, disfraces, os seus ritos, músicas e letras. Algo que non se circunscribe a un so triangulo, nin a un cadrado ou  a un pentágono, senón a algo máis que á perfección cosmogónica dunha circunferencia, mellor a unha espiral, sempre en devalar creativo á imitación do celebrado Sol.

 Pois  dende o Neolítico, pasando polos castrexos, si ou non célticos, polos romanos, suevos, a cristiandade, o Románico,  Gótico,  Renacemento, Barroco, Neoclásico, Romanticismo, Modernismo mesmo polo noso hoxe, todos foron prendendo algo do seu á tradición de celebrar a entrada nesa “primavera que o sangue altera” , unha eterna mocidade.

Entroido galego presidido nas prazas ou nas eiras por un deus pagán da retranca e da leria, feito de palla e cartón, herdo do Baco romano, chamado  “ a según” a zona, Meco da Limia e máis, Momo da Coruña,  Policarpio de Samede, Urco, Ravachol de Pontevedra... Dando paso a días e a máscaras acompañadas de comparsas, tunas e folións, cada cal co seu ritmo , sincretismo adubado con repercusións gaditanas, tinerfeñas, brasileiras, cando non veneciáns ou provenzais.

Cando o instinto e os monstros da natureza espertan do seu letargo e saen relucir co Sol

O grandísimo aporte do Entroido, Antrudio, Antrodio... galego é a súa variedade e rivalidade creativa, retranqueira, entre núcleos mesmo veciños.  Corentena sabida e repetida pola tradición con Domingos de Fareleiro ou Formigueiro, de Oleiro ou Lardeiro, de Corredoiro entre os que se equilibran Xoves de Compadres e Comadres...e  finalmente tres días esenciais nos que a festa estoupa en creatividade: Domingo, Luns e Martes de Entroido...e un Mércores de Cinza no que é “enterrando” ou chamuscando ao ídolo do Entroido, o Meco  e a “Sardiña” ( cando o que habería que enterrar sería á carne, ao porco e honrar á sardiña pras vixilias vindeiras) Ábrense asía as portas da Coresma.

Almanaque e catálogo festivo do Entroido Galego merecente de solicitar á  UNESCO a súa inscrición como Patrimonio da Humanidade. E non so medallas e méritos, senón  entendendo o que iso significa de deberes e dereitos na protección do que nos identifica nun mundo cada vez máis se sometido a patróns e por medio os conseguintes esperpentos produtos da aculturación. Ao respecto é exemplar o camiño recorrido pola veciña rexión de Tras os Montes coa potenciación destas festas e do Museo da Máscara Ibérica de Vila Real.

Galiza é unha festa”:  Catálogo que introdución á ansia inacabada de creación e leria

Como todo historiador da cultura galega, profundador nos substratos que vai deixando o paso da historia neste converxer de camiños que abre portos a peregrinos, negociantes, emigrantes ou aventureiros... sabemos canto vencella o Entroido. Días onde rebenta o  espírito e faino en paralelo coa forza bruta da natureza pra invadir ao núcleo sometido a normas que ás veces tampouco son correctas. E farao  entre batallas de fariña, luz, cor, musicas, recendos e a través de mascara, da imitación de feras que espertan do letargo invernal,  como o Oso que , axudado dos seus “criados” “monta” a mozas e mozos  en Salcedo do Brollón, como touro ou “Morena” que acomete en Laza.... O Entroido coa súa espontaneidade e creatividade antioficial encargarase de redimir os vicios prendidos no mundo urbano.

Claro que nese devandito “Triangulo Máxico do Entroido Ourensán” atopamos a exemplaridade da forza da persistencia, de manter as tradicións, a pesares de moitos pesares, das prohibicións políticas, relixiosas, o medo imperante. Pero a gran festa da primavera continuou, ampliouse, mellorou e por fin vaise entendendo a súa significación e poder económico.

Peliqueiros que se cubrían cunha pelica, Pantallas enmascarados cunha pantalla, Choqueiros que colgaban ao cinto chocas; Felos, felóns recubertos de flecos, como Volantes de cintas a voar, Vergalleiros que branden unha vergalla, Follalateiros, cubertos de follas de millo e sonoras latas...cada nome facendo referencia a algo, como os Correos, Xerais, Galáns, Madamintos, Máscariñas da borralla, Enfariñados, Merdeiros ... Disfraces onde as chocas, campaíñas ou axóuxeres, as cintas e as flores de cores, os exóticos mantóns, os variados gorros son símbolos imprescindibles.

As festas do Entroido, aínda que con cerna intocable, son  tamén cambiantes e inacabados: o instinto leva a rebuscar nas arcas, a atopar traxes, complementos de antes que servirán pra  sacar a rúa e sumarse a outros. Ao respecto complementamos o contido dun libro de expresivas fotografías da autoría de Xurxo Lobato, o título  “Galicia é unha festa” (2020) catálogo de documentos gráficos  que xa por si mesmo suxiren o estado da cuestión e adiantan futuro, con fichas de diferentes festas e en especial dos entroidos, realizadas por Omayra Lista. Nesas páxinas atoparemos ademais das explicacións as características de máscaras e traxes:

BONITAS de Sande en Cartelle

GALANS de Domaio

CIGARRÓNS de Verín

FELOS de Maceda,  Esgos, o Carballiño...

FOLLALATEIROS de Lobios

GALOS da Mezquita

MADAMAS de Carzoá de Cualedro, de Entrimo...

PANFARRÓN de Capobecerros

PANTALLAS da Limia

PELIQUEIROS de  Laza

RODOS de Pazos de Arenteiro, Boborás

VERGALLEIROS de Sarreaus

TROITEIROS de Bande

VELLARÓNS de Ríos

VOLANTES da Ribeira chantadina do Miño

XENERAIS  E CORREOS da Ulla...

E as pescudas seguen, os estudosos medran tamén, o mesmo instinto anima e rebúscanse tradicións, traxes, máscara, ritos, receitas gastronómicas, pra revitalizalas nun tempo primaveral que aguilloa o ánimo, a “alma” dunha vella Galiza a manterse eternamente moza

Sirva este 2021 coas liberdades coutadas pra resetear e valorar canto temos, a riqueza de tradicións que non traizoan, aos estudosos da etnocultura que complementan a clásicos como Caro Baroja, Risco, Xocas, Fraguas... a eses meritorios monográficos editados anualmente por “O Sil” de Valdeorras, as recuperacións festivas de máscaras e mascaradas que non so se concentraban arredor do Entroido, senón en festas mesmo relixiosas, como os Gamainchiños de Betanzos, os Galáns do Morrazo, o Irrio de Castro Caldelas, Coca de Redondela... Probas dun confín máxico de historia de monstros, tarascas, serpes e Cocas, tamén levadas a canicelos e a gárgolas 



9 Febreiro 2021