O MOSTEIRO DE OSEIRA... LECCIÓN DE HISTORIA E ARTE



Polo 1137 catro ermitaños asentase en Oseira, a eles umaranse frades vidos de Claraval pra ind

Na misión do Imperial Mosteiro de Santa Maria de  Oseira radica a constitución da feira do Carballiño e polo tanto, arredor dela, o medrar dunha vila. Orixe recoñecida polo seu concello facendo escudo seu o mesmo que o daquel poderoso mosteiro: dous osos,  ou mellor un oso e unha osa, agatuñando por un piñeiro manso e sobre diso a coroa Real. Así de simple sen máis azucre que o que lle queira botar a  sabida enxeñería heráldica contemporánea.

Solemne construción monástica a de Oseira, chantada nas medievais terras de Castela, veciña de Orzillón, no val que deixa a serra da Martiñá por onde flúe o regueiro que, augas arriba, sigue o camiño que  polas abas do  mítico e sacro Monte Faro leva ás ribeiras sacras do Miño e do Sil. Augas abaixo  conduce cara e esa encrucillada que é Cea das Panadeiras, pra dende esa partirse cara a Ourense polos Chaos de Amoeiro ous aos Ribeiros como tamén cara a esa Compostela á que levan todos os camiños.

 Complexos monásticos do císter pros que é fundamental a auga, símbolo do renacer e elemento esencial pra vida. Construído pois ás beiras do devandito regueiro do mesmo topónimo, o que se di derivado de “ursaria”, quizais polos osos  que noutrora existían nestas beiras da Martiñá e do Faro. Augas que nutren o primeiro tramo do rio Arenteiro.

 O mosteiro de Oseira creouse e artillase na rede de mosteiros da orde do císter, propagados polo emperador Alfonso VII (1105-1157), neto de Alfonso VI e fillo de dona Urraca e de Raimundo, descendente da influente aristocracia do duque de Borgoña, irmán do Papa Calisto II. Alfonso VII viviu pois de preto a misión do nobre borgoñón San Bernardo (1090-1153), reformador do monacato, da orde de San Bieito, non so en función da humanización do territorio baixo a premisa de “ora et labora” arredor dos produtos da terra e do traballo, senón tamén da ampliación do imperio e da colonización cristiá, o seu mosteiro de Claraval era o modelo: sobriedade e funcionalidade.

 O mosteiro supuña axuda aos monarcas, mediante a recadación de rendas e de recrutamento de milicia, como xeito de consolidar o reino arredor dunha cristiandade dividida en feudos. Os habitantes fixéronse vasalos de mosteiros e catedrais que servían aos señores feudais. De tal xeito articulouse un próspero reino Galaico-Leonés (por non dicir so Galaico). Cristiandade e política, cruz e espada cabalgan xuntas, usando e abusando das imaxes, de San Matiño, Santiago e San Xurxo faie cabaleiros, cruzadas; arredor das reliquias créanse devocións,  festas, mitos e tamén arte e literatura. Cabaleiros e frades, seguindo a idea doa orde do temple, abren camiños, adquiren propiedades, novas fronteiras e faise acordando pactos, matrimonios ou loitando contra os seus outros, o Islám. A estética borgoñona e provenzal, sumando matices rexionais identifica camiños que unifican Europa. Compostela e a aristocracia galega é entón un referente: velaí Oseira.

Por un diploma rexio, parece ser que foi polo 1137 cando  aquí, en Oseira, neste lugar no que poido existir denantes algún  máis antigo eremitorio, asentouse a cuadrilla formada por uns individuos de nome García, Diego, Xoán e Pedro, aos que Alfonso VII apoia con doazón de terreos  e aos que no 1141, a fin de instruír a aqueles na nova orde do císter sumaranse monxes procedentes do mesmo mosteiro borgoñón de Claraval . Oseira adquire sona e mesmo ven e establecese aquí un frade vagamundos, xa de sona polo seu saber, andanzas e mesmo milagres, Famiano, alemán que sería santo e pasaría aos altares.

Centro espiritual, de humanización do territorio e de vasalaxe na construción dun imperio

Os influentes condes de Traba e Trastámara, Pedro Froilaz educador de Alfonso VII, potencian a misión deste, como a do seus sucesores, Fernando II e Alfonso VIII que visita un mosteiro de Oseira que  prosegue ampliando os  seus dominios con  granxas, viñas e adegas en Ribas de Miño, Asma Chouzán, mesmo nos Pitôes das Júnias xa en territorio bracarense... Tanta importancia chegou a ter Oseira que, mesmo no século XIII , sae deste mosteiro un abade de Claraval,  o toledano don Lourenzo, mediador en cuestións políticas en relación con Portugal. Do mesmo xeito e polo mesmo tempo o frade de Oseira Fernandez Yáñez é encargado do gran mosteiro de Alcobaça, ameazado polo Islám, abade que retornado a Oseira consagra a súa igrexa no 1239. Entre as figuras saídas de Oseira está ademais  Suero de Oca (1485-1512) prototipo de frade-guerreiro, arcebispo de Tarso e abade de San Estebo de Ribas de Sil, dean de Ourense...

Entre as doazóns ao mosteiro sumaron as de nobres e magnates, como Diego Arias, señor do Coto de Marín, soldado capitán da tropa de Dona Urraca, a un tempo cisterciense e cabaleiro de San Xoán, cruceiro a Xerusalén, que que entregou a Oseira o seu importante coto portuario de Marín e a súa frota pesqueira. Xestións territoriais e de poder que provocan escisións entre os catro fundadores e rivalidades con outros nobres e as máis coa Orde de San Xoán de Xerusalén de Beade, pola que tomou partido o fundador Diego, liortas nas que intercede o mesmo papa Adriano IV... Rivalidades que se fan permanentes, aínda que Marín seguiu pertencendo a Oseira ate a mesma Desamortización, porto no que radican moitas influencias económicas e culturais en relación coa feira e a arrieiría. Inza polo territorio a creación de santuarios, romarías, festas e feiras baixo a advocación  de Santa María e do San Bieito.

 A misión e a fábrica dos mosteiros cisterciense respondía a un plan moi racional: Igrexa, dependencias monacais arredor dos claustros:  sala capitular, refectorio...dependencias pra monxes de coro, outras pra legos, botica, cortes... Igualmente un plan de traballo, oración en descanso que repartía as horas do día en tres partes....

Obras que, simbolicamente se inician pola cabeceira do templo, que mira ao oriente, Santa María como “Estrela do Día”. Sendo a igrexa de Oseira prototípica do estilo do císter, coa súa xirola entre columnas que arredor do altar da acceso a cinco capelas... Cabeceira na actualidade presidida pola singular imaxe románica da Virxe do Leite, toda unha lcción de tradicións escultóricas románicas.

 Construción monacal na que as diferente épocas van deixando tamén constancia en sistemas construtivos de bóvedas, pinturas murais, ornamentos... en claustros, fontes, dependencias, na ambientación e na mesma igrexa: Os retablo laterais, barrocos, con fermosas imaxes, como a de San Famiano (1090-1150) , da autoría de Gambino. O desaparecido baldaquino da autoría de Domingo de Andrade. Unha visita a Oseira leva a outra e a outra pra meternos nun xeito de cosmogonía como esa que se representa nas bóveda da súa Sala Capitular, do xenial mestre Juan del Castillo. Noutra tentaremos ese paseo a través das estruturas do tempo e entre elas nos seus estudosos.