INSPIRADORES IRES E VIRES DA CONDESA DE PARDO BAZÁN DE MARINEDA A VILAMORTA NO RIBEIRO DOS QUIROGA



O matrimonio formado polos fidalgos Emilia Pardo Bazán e o carballiñés Xosé Quiroga viaxán ás terras e predios do marido polo tempo das vendimas, coincidindo cao festas e o aniversario da condesa escritora. Aquí atopa fonte popular de inspiración

Xosé Fernando Quiroga e Suárez de Deza (Banga1848-Carballiño1912), fidalgo de tendencias carlistas, terratenente, formado en Compostela como avogado, aos vinte anos casa con Emilia Pardo Bazán, filla única de non menos aristocrática familia coruñesa, entón de 16, anos, pero aguda observadora, desinhibida, falangueira, omnipresente. A voda  celebrouse un 10 de Xullo de 1866 no Pazo de Meirás. Daquel matrimonio e de seguido naceron tres fillos: Xaime, María das Neves (Blanca) e Carmen (188-1931). Dende aqueles anos comeza a prolífica  e continua vida literaría da escritora: “Pascual López” (1879) “Un viaje de novios” (1881) La Tribuna (1882), “El Cisne de Vilamorta” (1885), “Bucólica· (1885) “Los Pazos de Ulloa” (1886), “La madre naturaleza” ( 1887).... “La cuestión Palpitante” (1882) é unha selección de artigos dentro da tendencia naturalista preconizada polo provenzal Emile Zola...a dende estes artigos e anos, a pouco de nacer a súa terceira filla Carmen, comezan as desavinzas matrimoniais, decidindo de mutuo acordo e sen escándalos facer vidas separadas. Dende entón deixan de ser aqueles inspiradores ires e vires da Coruña ás terras do Carballiño polo tempo da vendima, coincidentes coas festas do San Cibrao e o aniversario do nacemento da condesa naquela que chamaba “Vilamorta”. Aquí a moza, contrafío  e singular escritora atopou unha boa fonte de inspiración como mesmo di no prólogo de “El Cisne de Vilamorta”, asinado na Coruña en setembro do 1884: “...estudiar y retratar en forma artística gentes y tierras que conozco, pocurando huir del estrecho provincialismo, para que el libro sea algo mas que pintura de usanzas regionales y aspire a honroso dictado de novela...” Tratando a escritora de fuxir dun xa enfermizo romanticismo,

 

Era aquel ambiente dunha pretenciosa vila de festa e feira, de parladoiros de botica e casino, de tendeiros, entre un ir e vir de gandeiros e artesáns ...envoltos en paisaxes sorprendentes, cargadas de xeoloxía, historia e misterios como as  do Pozo do Lago, a gastada xeoloxía erosionada polo Arenteiro en Cavadoso... riqueza de topónimos que lle dan pe a esa tendenciada escritora a distorsionalos ao castelán: o Ribeiro por “El Borde”, Banga, por “Las Viñas” ou mesmo a conxunción do Arenteiro e do Avia polo nome de Avieiro...Cebre, por Cea, Loiro por Leiro, Molende por Moldes...  Pero tamén Junqueira, Adro, Naya, Limioso....

 

A condesa observaba ás paisaxes e ás paisanaxes e estas reparaban ben nela: “A señora condesa faise ver”  iso teño escoitado  e así transmitíase polas andadas avoas do meu Carballiño e así mesmo tamén o teño escoitado do betanceiro don Francisco Vales Vilamarín, quen na súa mocidade fora secretario da escritora en Meirás.

Ela, rebelde comedida, aínda que oprimida pola sociedade como pola moda, polo xustillo e pra máis inri amidonada ate a papada, coas súas saias de brillante raso e moarés sobre abultado mariñeque e enaguas de puntilla bretona, que as de Camariñas resultaban “pueblerinas”. Cando non vestida ao estilo vitoriano, con abundante lazo recollido, empoleirando o traseiro, guantes longos  e chaquetiñas de veludo bordado, botíns de charol, atados cun amplo zig zag de cordóns vermellos... rostro maquillado en porcelanoso  polvo de arroz, cuberta de sombreiro de plumas sobre o que aniñaban fantasía de paxaros... E pra máis fumando a señora condesa. Case un escándalo, unha novidade festiva máis para os vilegos do Carballiño. Señorona sentada no balcón da casona dos Quiroga, a que preside a Praza Maior de “Vilamorta”, que así chamaba a condesa ao Carballiño. Acompañada do boticario, do avogado, si acaso dalgún inversor indiano, cuberto de canottier, levita e chalina e no chaleco enmedallado en leontina e reloxo de ouro. Abaixo do balcón o bulir das festas e feiras maiores do setembro, as que coinciden coa vendima e co aniversario do nacemento da condesa.  Marea de xente vestida de pana e de dril, de boinas e panos, a bulir suorenta, pregóns, cantarías, aturuxos, soliloquio dos borrachos.... entre  os burros e as bestas  de ollos cubertos de tabaos e moscas, esas moscas que obsesionaban a señora. “Pedazo de asnos...aunque uno los pisotee, nada..no se levantrán...mañana se desperezan y se van contentos a sus aldeitas” (“El Cisne de Vilamorta”)

Teño escoitado tamén, sen demasiada esaxeración, que o matrimonio Quiroga-Pardo Bazán podían ir dende a Coruña á casa patrucial de Banga, nas Terras do Carballiño, pasando por predios seus: as Mariñas, a Terra de Melide, a Ulloa, o Deza...e o Ribeiro do Arenteiro. Ás veces facendo parada e fonda en pazos dos amigos, o Pazo de Liñares, dos Loriga, bautizado pola escritora como  “El Palacio del Recuerdo”... Viaxes de dous días que podían ser en carromatos da casa, guiados por destros arrieiros, coñecedores das aventuras e desventuras das encrucilladas, de paradas e fondas, tamén de salteadores, da temida Pepa Loba ou de Toribio... Outro xeito de viaxe era en tren, dende a Coruña a Monforte e logo transbordo a Ourense e Barbantes, estación na que se baixaban os aristócratas e se apiñaban arredor deles homes de blusón e boina pra cargar cos pesados baúis de madeira, pesadelo da condesa.....  Ben coñecía ela, tan observadora, o ir e vir do correo nos fardos, repartido en carteiras de coiro nas estafetas. Asidua de envíos  e recibo de paquetes, de epístolas, da última bomboneira cun sombreiro adquirido en  Madrid....

Tamén no Carballiño recordaban os vellos os paseos daquel matrimonio mozo, vela chegar a ela, de Banga  á solemne casona dos Quiroga: dona Emilia sobre un simón, coidado carro para dous, tirado por un cabalo e guiado por un servinte da casa. Inspiradores ires e vires, subires e baixares que lle valen á escritora para relacionar na súa literatura paisaxes e paisanaxes, urbanos, rurais... de parladoiros arredor das labaradas do lume das lareiras, sentados nos escanos ou  pola contra no ambiente de fume de tabaco da rebotica, acomodados nos tresillos e á luz dos quinqués.

Emilia Pardo Bazán polas súas afamadas descricións do rural galego, das tradicións que olla e describe dende o balcón, dende a súa Torre da Quimera, convértese nun xeito de símbolo de Galiza. Sendo reclamada entón para sumarse á Sociedade Española de Folklore, creada en Sevilla no 1871, seguindo o modelo das sociedades inglesas. O coordinador desta idea era o compostelán Antonio Machado Álvarez “Demófilo” (pai dos Machado, poetas). Recrutado tamén, en primeiro orde para esta tarefa foi Manuel Murguía, o que representaba a outra cara da moeda do sentir galego  dun tempo: o cortesanismo da Condesa e o rexionalismo, vía nacionalismo de Murguía e da súa esposa Rosalía Castro....´”De mi tierra” (1888) da Pardo Bazán, selección de artigos sobre Galicia quere ser contestación á obra de Murguía “Los Precursores” (1886, ano da morte de Rosalía), un xeito de querer construír un país. A Pardo Bazán critica a solución arquitectónica das galerías, chámalle “grilleras”, así como os cruceiros e petos de ánimas de Mondariz, animando ao Alcalde daquela vila balneario a retiralos...e relega o galego ao folklore...

25 Setembro 2021