A mercancía ´cultural” na ditadura dos supermercados... versus o herdo do Seminario de Estudos Galegos: as “Industrias da Memoria”

Ampliar: Libros F.Senén



A Cultura Galega vese sometida a varios xeitos de aculturación, o que repercute tanto nos comportamentos, como nas formas ou no idioma...no que verdadeiramente é a cultura, máiis alá de entendela como unha mercancia para liturxas e mercadeos

Sutilmente a ditadura dos supermercados a través das engaiolantes novas tecnoloxías, de exóticas performances, reconvirte os valores de uso en valores de consumo. A penetración cultural das empresas multinacionais, dependentes de novos imperialismos económicos enra por todos os sentidos. Faise a través dos plasmas, do sutil edulcoramento ou bombardeo mediático, mesmo a través de institucións culturais, educacionais amparadas por elas mesmas, as que exportan modelos de rutineira subordinación aos seus intereses, o que  a través do sutil. E velaí a verdadeira e radical cultura, a  que o ser humano cultiva acudindo pra resolver problemas de espazo, tempo e sociedade, a tradicións que transitan, a creacións propias, a relacións... como tamén sucumbe pra pasar a confeccionarse e empaquetarse para “días”, “actos”,  cerimonias e liturxias....  

Seguimos a entender a cultura como un produto burgués, como mercancía dunha superestrutura social, desartellada das cuestións que afectan á liberdade do individuo e da súa sociedade. Máxime cando estás  culturas ( así en plural) son alleas e imposta sutilmente, hai moitos imperialismos económicos-culturais á espreita das debilidades.

A cultura non se crea por decreto duns “sabios, nace precisamente da loita contra o individualismo pra ser aporte particular dun pobo, caracterizada polos seus valores nacionais contra a colonización, cultural, económica.  Non esquezamos que “universalidade” e “universidade” significan unidade na diversidade. Asuntos que se entenden mellor se retomamos ás orixes, onde precisamente radica esa orixinalidade que nos identifica na tendencia uniformizadora na globalidade, onde uns deseñan pra impoñer orelleiras aos outros e facer deles adictos robots consumidores.

O principio é asumir o estado da cuestión, para logo encamiñarse nun proceso de educación ética e estética, non soamente nas aulas, na casa, nos plasmas que levamos nas mans, nos comportamentos cidadáns... isto é, na polis, que é todo iso que presupón a política que é a interacción de teoría e praxe no común. Todo o que presupón mudas estruturais, novos ritos, novos mitos. Os intelectuais e creadores non poden entender ao lector, ao espectador, a quen enxerga poñendo sentidos e cultura, como un mero consumidor, senón como protagonista desas mesmas mudas por un mundo máis ético e estético.

Feismos, castrampismos, esperpentos... efectos con causa na dependencia cultural

Dalgún xeito debe comprenderse e incentivarse os aportes particulares á  creatividade, os que todo ser humano, a pesar de todo e como parte do “sentido común” leva entre as súas capas de represión, para aportalos e servir á colectividade intelectual e artística. E para ese dereito á cultura nacen tantas organizacións, institucións, asociacións, medios apelidados ou clasificados “ de cultura”, que tamén poden perderse no camiño e caer no bucle da liturxia como consagracións consumista e no supermercadeo da cultura.

Nos desvíos da aculturación, a nacida polo choque pluricultural, xorden moitos tipos de “feismo,” máis alá dos arquitectónicos ou do castrapismo.... a aculturación, como a cultura levámola posta en comportamentos: polos feitos coñecerémolos, efectos con causa: a dependencia.

 A cultura é produto do traballo, parte do espírito, da alma dun pobo que dirían Viente Risco e os de “Nós”:  a cultura como estrela na busca da liberdade e da independencia individual e social. Cultura cunha visión critica da realidade, lonxe do tufo anestesiante dos novos rituais litúrxicos e comerciais.

O compromiso intelectual: denunciar o estado da cuestión acultural

E dentro da cultura que todo ser humano porta, non faltan os profesionais dos diferentes sectores da cultura, mesmo os que, co seu exceso de celo, con  enfermizo  paternalismo contribúen a mediatizar na espontaneidade da mesma. Pois non existe unha cultura disposta a inxectarse como unha vacina, etiquetada e empaquetada. A cultura habita en contextos, espazos e tempo concretos,  necesita de revulsivos pra dar respostas baseadas tradicións, con enxeño creativo e ciencia ou mesmo no aprendido polas relacións con outros individuos e pobos. Así irase debuxando ela mesma, servindo de base, desbotando aquelo que vai contra o propio individuo e a propia sociedade, distinguindo a aculturación, o que non encaixa.

O intelectual vive e bebe no seu tempo e nas súas circunstancias culturais, disitnguirá o gato da lebre,  enxergando, vixiante e activo ante as intervencións que tentan neutralizalo a el e ás conciencias, mesmo por gratificacións.  

Un pobo e a súa intelectualidade deben asumir e compartir as cuestións, dar solucións na trama cultural, crear ou recrear as imaxes de si mesmo, que raiceiras  enxeño non faltan e para iso está a verdadeira acción cultural, un fronte cultural, asuntos que parecen esquecidos e que deron importantes froitos. E non se pense que a cousa unicamente consiste en incluír a intelectuais e a artistas a políticas de goberno para crear programas baseados en edicións ou reprodución de obras ou clásicos universais. Tampouco se trata de repetir experiencias de éxito noutros contextos, de contaxiar polo gusto das consideradas altas costumes da literatura ou das modas artísticas, asuntos que caracteriza ás chamadas “clases cultas”. Simplemente se trata dun programa de concienciación a través de todas as canles, analizando as orixes, os desvíos, as causas e os efectos.

 Procesos con etapas que compre asumir, grados de “nivel cultural”  cos que adquirir mais puntos de contraste cos que valerse no intelecto pra resolver problemas individuais e colectivos. A cultura costa, adquírese, ampliase, sirve pra medirse no espazo e no tempo, ten perspectiva ampla. Así a cultura é máis que un adorno endomingado pra que outros sigan o seu proceso de domesticación comercial nun xeito de analfabetismo. A función crítica do artista, do intelectual ou do sector cultural debe ser autocrítica e en debate permanente

As transformacións tecnolóxicas, os novos e variados timos requiren consciencia individual e colectiva, de pobo, isto é: cultura. E os intelectuais que teñen certa responsabilidade social - pois o que fan está en función dos lectores ou dos espectadores  - parecen non asumir a cuestión que os enlarva. As vangardas parecen non existir. A loita contra as deformacións comerciais que produce esperpentos, feismos, efectos con causa na aculturación, na anomia, na crise de identidade por estar sometidos ou colonizados por varios intereses, non existe.

A cultura ou a acultura levámola posta, somos o que facemos ou o que desfacemos. Non se enxerga o feismo dende as gafas mentais do feismo . Se non vexase, mirémonos no espello da TVG pra comprobar o fondo e a forma do que se espalla, o estado da cuestión do que somos. E mesmo dentro das gamas do feismo , que todo cobre como un efecto da dependencia, tampouco faltan os que dende as páxinas de papel reciclado de revistas de pseudovangarda o entenden como un logro cultural.

“Non dar a esquecemento...” a lección do Seminario de Estudos Galegos, seguida polo Laboratorio de Formas de Galiza, secuestrados onte e hoxe.

O fin de toda política cultural non debe ser outro que entender ese principio ético de “nunca á explotación dun ser humano por outro ser humano”, buscando a madurez individual e colectiva, dende o nacional ao universal: compre coñecer a Historia, aprender das experiencias, das aventuras e das desventuras desa cadea de acontecementos, as mais delas batallas, usando santos e reliquias... En definitiva aprender da cultura pra pedir desculpas fronte a loitas de desigualdades por querer ampliar espazos, imperios e volver a empezar nese tear inacabado da cultura.

E se non revisemos o pasado, o que perdemos no presente: a inxente obra e entrega realizada dende a emigración galega,  dende os fins dos anos cincuenta, para crear na Galiza da mesma ditadura franquista conciencia galega e solidaria, comandada polo tandem Luis Seoane e Díaz Pardo: velaí as “Industrias da memoria”, recollendo o legado teórico e práctico do ilustrado Raimundo Ibañez, baixo un principio teórico do “Laboratorio de formas”, herdeiro do Seminario de Estudos Galegos, institución, sementeira de galeguidade, a que aínda hoxe e despois de tanto andado en políticas de goberno, sigue dependendo do Consejo Superior de Investigaciones científicas. Industrias que foron espazo de encontro teórico e práctico, que ademais deu orixe á Editorial do Castro, ao Museo Carlos Maside de Arte contemporánea Galega, ao Laboratorio Xeolóxico de Laxe, que puxo as bases e edifico para o IGI, o  Instituto Galego da Información, con canto supoña a comunicación e a imaxe pra madurez cultural dun pobo con raiceiras.... Punto de encontro onde se falaba de asuntos como os que agora falamos aquí: as cuestións de cultura e identidade, de cultura e uniformización, cultura e intelectuais, arte e industria, artesanía, “capitalisanía”,  tradición modernidade....sabendo que as formas comunican, se comunican son un idioma e se son un idioma, sabemos que os idiomas teñen patria, por ter cultura.... Pasado o tempo, mortos os creadores e atufadas en libros e congresos as súas  teorías, aquel herdo, sementeira de galeguidade e futuro, de moitos que morreron no exilio ou nas cunetas, está en venta... Botemos unha ollada “cultural” dende este presente ao pasado.

26 Outubro 2020