Oleiros, concello para vivir

Ampliar: OLEIROS (AS GALERAS)



A ´Cidade das Rías foi proxecto ideado polo arquiteto Andrés Fernández Albalat a aplicar na beiramar do chamado ´Golfo Ártabro´. Pero na desplanificción cundiu o caos, entre o que se salva o concello de Oleiros, onde ´os peóns teñen prioridade´

Velaí un territorio ansiado por moitas miradas, tamén asociadas a intereses especulativos. Tentado ser fagocitado por unha Coruña desmadrada, ao que resposta vixiante dos seus privilexios xeoestratéxicos, beiramar amparada polo solpor,  beleza e cultura... e faino con con andar transversal. Queremos dicir esgazando con esa linealidade rutineira, caótica,  que impera en boa parte dos concellos limítrofes, a deshumanización campante imposta pola mercantilización de solares, pisos con vistas, baixos comerciais ou naves industriais.



Cavilamos no proxecto  “A Cidade das Rías” que no ano 1968 preconizaba o arquitecto, profesor e mestre do Movemento Moderno galego, Andrés Fernández- Albalat, proposta urbanística trazada a medida humana para a beiramar do “Arco Ártabro”:  Coruña, Culleredeo, Carral, Cambre, Oleiros, Sada... parte das que foron “Mariñas dos Frades”, no medievo rexidas por templarios e o císter. Privilexiado territorio que vixía o istmo da Coruña e que Albalat  racionalizaba en futuro, en trazado de vías, áreas de lecer, universitaria, residencial, industrial, estacións intermodais... pra, finalmente, quedar en teoría fronte ao “laissez- faire”, aguilloado por intereses  especulativos. Os antecedentes xa  viñan dados dende o Modernismo, cando a Coruña centralizaba un tranvía que a unía, por unha banda con Carballo de Bergantiños e pola outra con Sada, mentres a decimonónica liña de ferrocarril  fura por Cambre cara Betanzos... e outro desvío cara Compostela ... As veas da circulación vital anunciaban porvir, conviría  repensalas e actualizalas. Namentres o malparido aeroporto  de Alvedro, co seu inevitable medrar estrangula o istmo e o futuro.  Compre repensar nesa relación con Compostela e cun aeroporto internacional competitivo e con futuro por medio de rápidas vías e lanzadeiras.

Ante o caos Oleiros ponse en vixilia deica onde pode, ante o perigo dunha beiramar parcelada, construída, incluso algunha illa, ameazados os castros, as brañas, contornas de pazos, reforestación en detrimento das árbores caducifolias que caracterizaban o que foron verdadeiros e inspiradores  bosques animados, como o salgueiral de Breixo en Dorneda, o souto de Bastiagueiro... Ante estas e outras ameazas  aínda  así o paraíso é posible, o menos malo posible e faise limando as contradicións. Aplicouse o principio “de tripas corazón”, liáronse estratexias de diálogo, de encontro e sentido común, isto é en función da comunidade. E fíxose  coa  ansia de  facer un concello pro dominio dos peóns, que son, ao menos - na teoría dos indicadores - os que mandan nos paseos.



En Oleiros ponse a proba que normalizar o senso común resulta revolucionario, por iso dedicar o nome de rúas e de parques, erguer monumentos a poetas, artistas ou  a pensadores resulta contraditorio aos rutineiros  neofeudalistas. Mesmo acae a silueta do Che  recortada translucindo o sol alboreiro ou do solpor,aínda rodeada de chalets de vellos e de novos ricos.



Oleiros  tenta aplicar con batuta municipal control e ritmo, case de orquestra, ao seu urbanismo. Faise coa ansia de non hipotecar o legado futuro, de conformar a todos, asunto que non é fácil  sobre un taboleiro con  tantos intereses en xogo. Proba do que levamos dito é que nos horizontes das urbes inmediatas sempre está o concello de Oleiros como un xeito de refuxio ao que nos conduce o instinto pra o lecer, pra o paseo e o encontro con nós mesmos, coa natureza, coa historia e a cultura, pra nenos, mozos e vellos e mesmo pro paseo dos cans... Pintura urbana naif, sobre a que se asume que o primeiro é o primeiro, comezar por un mesmo,  pola cantería elemental da sociedade, ensinar a autoquererse. Principiar polo habitat, polos máis desprotexidos, entón pola cultura,  e non faltarán e de xeito exemplar pra outros concellos, bibliotecas,  auditorios, museos, talleres,  escolas,  garderías , até casa da memoria ou da república, centros de información xuvenil , Casa do deporte, de recuperación de flora e fauna... e con programas intelixentes, pouco custosos, dando oportunidade a creadores emerxentes.



 Ao fin e ao cabo todos queremos sentirnos queridos. E velaí un sistema  de  bibliotecas publicas municipais modélicas, repartidas polas parroquias , que  recuperan edificios sígnicos, como a que foi casa do arquitecto Gonzalez del Villar, “Rialeda”, cabeceira dun sistema composto por sete bibliotecas, dedicadas a próceres e especializadas en temas, onde a muller cobra o seu xusto protagonismo. Espazos sempre “de garda”  pra servir ao espírito e moi ao día nas novas tecnoloxías. Centros de información e formación a ritmo con casas de cultura pros programas dos veciños, con pavillóns deportivos e piscinas modélicas. Onde se desenvolven programas de recuperación de especies autóctonas, de leitos de regueiros, homologación de sendeiros... e, en caso de dúbida, sempre está o concello, onde  os funcionarios funcionan e saben  para quen están.



Vellas fábricas, canteiras, pozas,  pegadas do pasado recuperadas... Por algo se lle deu cabida ao CEIDA  (Centro de Extensión Universitaria  e Divulgación Ambiental de Galicia) no Castelo de Santa Cruz e no Faro de Mera  o Centro de Interpretación da Natureza. Aspectos que se complementan con espazos museísticos como o Museo dos Oleiros, amparo do legado dos singulares humanistas e contrapelo Kaydeda  e Teresa Jorge , base para moito máis aínda.



Itinerarios pola  “Costa libre de Oleiros”,  monumento natural declarado, dende o 2001 “Lugar de Importancia comunitaria, parte da Rede Natura” , paseos polos que  enriquecer os sentidos coa beleza natural, xeoloxía antiga, paleozoica, de seixos, cuarcitas,arxilas, caolín,  ferro...paraxes quizais en relación co nome dos oleiros, dos “ollos” ou grandes pozos que abondan, acantilados con furnas, abrigos, praias de areas finas,  as de  Santa Cruz, Naval  en Dorneda, Mera, Maianca, Serantes, Espiñeiro e Canaval en Serantes....Bastiagueiro, Bastiagueiriño... sumando a variedade biolóxica de flora e fauna, o interese arqueolóxico, histórico, artístico, etnográfico, perfecta antoloxía, Galiza a pulo de man...Recuperación dos areais e complexo das dunas de Santa Cristina, dos montes e beiramar de Bastiagueiro, mesmo de lugares que inmortalizaron lenzos do pintor modernista Francisco LLoréns, que por algo elixiu Perillo e Mera pra pasar días con parladoiros no Pazo de Lóngora, o do músico Marcial del Adalid e de  Fanny Garrido, que non era pouca cousa ...  Pazos de lenda  e casonas de indianos, entre historias de amor, de desamor, mesmo de historias de espionaxe e terror.



Paseos que dan pra moito : o Parque das Galeras, os camiños do faro de e baterías de Mera, pr seguir por Canabal, o Seixo Branco, Castro de Subiña, mesmo a carón a illa da Marola e o seu mítico mar de temidas correntes, o porto e a parroquial de Dexo, arqueoloxías que nos levan aos castros de Punta Roza, Torrella,  os que coa Torre de Hércules abren á boca do que foi “Magnus Portus Artabrorum”...  e o porto e os mexilóns de Lorbe...Golfo dos Ártabros caracterizado polos cronistas da antigüidade  pola súa poboación castrexa, iso si, arqueoloxías aínda pendentes de políticas de conservación, de roza e deforestación, que permitan a súa visibilidade e protección, como o antolóxico castro  de Xaz,nas inmediacións do pazo dos condes de Maceda. Con antigas parroquias baixo suxestivas advocacións patronais, San Martiño, San Xurxo, San Cosme, Santa Locaia, San Xián, San Pedro e Santa María . Mesmo din as lendas  que Mohamed Almanzor  acampou en Arillo e abrevou o seu cabalo na pía  bautismal de Maianca...