A arte antiga de argallar as festas: os Mordomos

Ampliar: Ramistas (debuxo Felipe-Senén)



Meditación arredor do xeito de argallar as festas populares en Galiza: dos ´Ramistas´ ás encargadas dende os concellos a empresas de Xestión Cultural, pasando polos ´Mordomos´ e as ´Comisións de Festas´ entre outros asuntos festivos en muda.

Saberse afacer ás mudas, aos cambios de todo tipo, técnicos, sociais, incluso climáticos, forma parte da contemporaneidade e pra sobrevivir non hai outra que incorporar tal disposición á educación pra non converterse nun  xeito de fósil . Os dinosauros extinguíronse por non adaptase aos cambios. En todo isto entra hoxe o  abuso consumista, as cada vez máis novísimas tecnoloxías da comunicación, pra atraer, seducir, crear adictos, pra o engano tamén, pra marcar moda ou crear líderes. Como vacina contra tal acoso debe poñerse na base canto sabemos de filosofía , de clasicismos, renacementos, escolástica e tradicións incluídas, isto é o humanismo, o ser humano como principio de todo. Asuntos de ética e estética das que mesmo varía a súa visión e comprensión dende as perspectivas deste noso tempo.



E velaí, pra telo en conta, que por mudar até mudan os xeitos de organizarnos, mesmo de argallar os encontros festivos. Asuntos de encontro, de socialización e democracia popular, con fonda pegada na cultura galega. Tear da cultura tecido entre encrucilladas e portos nos que se sabe despedir, recibir, festexar... Aspectos que mesmo marcaban os cronistas da antigüidade ao referirse á festas dos galaicos, convites e danzas nas noites de plenilunio, con grande respecto aos patriarcas aos que se lle concedía toda autoridade. Por este Cabo do mundo sempre houbo e respectouse un senado de experimentados, como consello de sabios, de especialistas en cada cousa. Nunca esquecemos aquel retranqueiro principio, tan necesario na política, de que o máis listo é o que ten o teléfono de todos os listos. E no mundo das festas, que tanto teñen de feira por aquí, onde ben se marcan os fracasos e os éxitos,  incluíase entre os organizadores a experimentados comerciantes, a trotamundos, a intelectuais e artistas con tal de garantir un aquel de pouso histórico e fama da que gabarse: dende a elaboración do cartel até os programas, pregoeiro, elección dos lugares pro encontro festivo e no que beneficiar a todos, contrata de músicos, atraccións, moinantes de tómbolas, fogueteiros....E así foron nacendo comisións, que tampouco se libraron de caer no rutineiro muiñar da reunión pra seguinte reunión.



Revisando os precedentes en Galiza en canto a organización festivas se trata, non temos outra que acudir aos textos de don Vicente Risco, ao capítulo das “Festas parroquiais”, que atopamos no tomo I, dedicado á “Terra e o Home” da Historia de Galicia, obra dirixida por Otero Pedrayo. Metémonos así na etnografía desa base tribal que é a casa, o lugar, a aldea, a parroquia... E velaí pra argallar as festas e pra algo máis que cumpra - como en Portugal os bombeiros voluntarios - a figura co axeitado e ben expresivos nome de Mordomo ou Maiordomo, tamén coñecidos noutros lugares e tempos como o Funcionista ou Ramista... E niso do reparto do traballo e produción de bens, os negocios de  moverse, de ir dunha banda a outra buscando vida pra aldea era cousa mais ben de mozos. Namentres a muller quedaba administrando a casa, as leiras, o gando, as tradicións... Así é que cando falamos do Mordomo, e poñémolo co maiúscula e singular, trátase do veciño decidido, disposto, experimentado, carismático tamén, no que todos confían pra unha función pública comunal, coa súa simpatía e autoridade pra poñerse ao fronte das obrigas festivas adquiridas e que, ademais, responderá ante todos  de haberes e deberes. Veciño que saberá arrodearse de colaboradores, os mordomos menores, os que terá á súa disposición. O Mordomo era escollido dun ano pra outro, tendo todo ese tempo pra argallar canto atinxe á festa, a que terá o seu tempo no almanaque, segundo a tradición, e tamén o seu espazo, o campo da festa. Sabendo que as festas de noutrora tiñan base sacra e pagán o señor párroco estaba atento e mesmo participaba na elección, velando polos seus intereses relixiosos, novena, misa solemne, procesión, poxa de ofrendas... Tamén o Concello terá a súa cota organizativa .Asunto para o que se aplicaba a rotación entre os patrucios de cada casa. Incluso non faltaban os mordomos por oferta, os que máis pagaban ou entregaban pro beneficio da festa, que prometen orquestra, gaiteiros... ou  mesmo dan unha forte esmola ao santo... ou ás veces nin tan sequera era iso, o Mordomo era escollido entre quen se ofrece voluntariamente.Si alguén se negaba a ser mordomo aplicábase un sorteo ou mesmo se nomeaba directamente ao que casara recentemente.Era función do Mordomo pedir de porta en porta de cada veciño e facíano portando un peto coa imaxe do santo a celebrar, incluso eran ben recibidos e convidados nas casas. Pedir esmola que foi  precursor do crowfunding, con pago en efectivo e  en diñeiro negro. Entre churrusqueiros, literarios e cinematográficos casos de ilegais, estraperlistas, de contratados pra obras públicas que, como penitencia ou agradecemento resarcían os seus pecados ou favores concedidos pagando os gastos de orquestra. Así é que en base ao recadado argallábase o programa con todo o que non pode faltar nunha festa: engalanar o campo e  as rúas, música para todos, cabezudos e a tradicional sesión de fogo...e iso si a taberna da propia comisión presidindo o campo da festa.



Indo máis atrás no tempo e asociado ás festas atopamos o significado do Ramo, como o mítico a Árbore da Vida, da benvida, co que tamén se coroaba o cumio das edificacións finalizadas... o Ramo foi en inicio a insignia do Mordomo ou do Ramista, e velaí de onde ven este nome, o que abandeira o Ramo, máis ou menos árbore natural ou sofisticada escultura efémera segundo a creación popular. Noutrora ramallo cuberto de cintas de cores, adornos, que se irá cubrindo cos agasallos que doan os viños pra facer posible a festa, lacóns, chourizos, cartos, doces, froitos...pra logo , despois da procesión do santo e ante as autoridades, bendicido polo crego, sacaranse en poxa entre os asistentes. Árbore ou ramallo que é orixe do “americanizado” Árbore de Nadal. Don Vicente Risco refírese ao Ramo festivo de Cariño, ao de Santa Cruz da Rabeda , ao de San Pedro de Moreiras,  aos de moitas aldeas e vilas da  raia portuguesas, celosas das súas tradicións e aos que puideramos sumar moitos máis, como o de San Tirso de Oseiro, o de Augas Santas...e mesmo todas esas variacións do Día dos Maios, o tres de maio, árbore cristianizado coa celebración da Santa Cruz, da que de vello fai gala Pontevedra.



 A entrega do Ramo e a investidura tiña a súa solemnidade, e falamos así en pasado, por que este xeito da cultura inmaterial, está perdido, aínda que algo se poida atopar por algures.O Mordomo ou  Ramista saínte entregáballe o novo Ramo ao Ramista entrante e facíao no adro da igrexa ante as autoridades, seguido dun convite comunal de doces e licores, con música e bailes, apoteótico comezo da festa.  O Ramo era portado en procesión polo Mordomo, seguido doutros erguidos polos mordomos menores, iso si, separados da cruz parroquial.



Tradicións estas cun fondo senso democrático, social, festas para todos, boa base pois sobre a que en tempos de botellonización argallar un programa festivo con orixe, con orixinalidade, asentando o presente no pasado. Agora é o Concello quen centraliza, mediatiza ou delega a organización das festas a unha Comisión de Festas representada por comerciantes, asociacións e veciños, organización que tamén se pode sacar a concurso, ao que concorren empresas de xestión cultural, que inclúen no seu catálogo diversas iniciativas globais, xeralmente esas novas carnavaladas que nunca fracasan, si acaso coa chiscadela dalgún libresco argumento histórico, adornos, músicos, atraccións, ambulantes, postos de artesanía....encargaranse tamén desa xestión burocrática que pasa por ordenanzas municipais de seguridade, hixiene, contaminación...e que nas festas, ás veces, tamén se dan por descoñecidas. Escarmentados e aprendida a lección de contribuír co fisco,  coa sociedade, os pagos xa son con talón e “en branco".



5- Agosto - 2018