INTRODUCCIÓN

Ampliar: veracruz



O CARBALLIÑO, PORTA DOS RIBEIROS. PARADA E FONDA

O Carballiño é vila de estructura lineal, enxebre do camiño que lle deu orixe e vida, con casas pois erguídas a unha banda e á outra da encrucillada de vieiros e gastadas congostras de arrieiro que levaban da montaña Martiñá de Oseira - nos camiños de Chantada vixiados polo Monte Faro - ós ribeiros do Miño, Avia, Arenteiro, Barbantiño, Arnoia… Territorio este que, despois dos montes
e dos chaos de Cea, empoléirase na bocarribeira para abrirse ós Ribeiros do Avia e máis do Arenteiro. Espacio ben propicio para o encontro na feira, na festa e na romaría. Couto onde a partir do medievo a Encomenda de Beade, da Orde de cabaleiros de San Xoán de Xerusalen, os condes de Ribadavía e os monxes de Santa María a Real de Oseira, repartían xurisdición con fidalgos de distinta procedencia, Ulloa, Sarmiento, Zuñiga… Outros camiños, franquean as onduladas serras do Paraño ou o do Suido, pasan pola viciña Terra de Montes - con voz e son nos versos e no repiniqueo de Gaita de Avelino Cachafeiro, un dos “Gaiteiros de Soutelo”, autor de “Voando coas aas da Vida” - para levar cara ó mar de Pontevedra e máis de Vigo.

Terra que se foi facendo e desfacendo pola inquedanza da loita pola vida á beira do camiño. E a pesar do que se ve, paradoxicamente, terra hoxe de artitas e sobranceiros arquitectos contemporáneos: Manuel Gallego Jorreto, María Jesús Blanco, Fernando Blanco, Alfredo Freixedo….

O Carballiño ocupa sitio nun outeiro a catrocentos metros sobre o nivel do mar, espacio privilexiado, habitado dende sempre, dende o mesmo Paleolítico, a xuzgar por utiles de pedra tallada deixados polas bandas de cazadores, atopados nas ribeiras de sedimentación do Arenteiro, dende Seoane ó entorno da sempre chamativa Pena dos Enamorados. O médico Manuel Fernández Pousa, sensible a estes achados entregou á Universidade de Santiago e ó Museo de Ourense, machados atopados no seu camiño. Útiles de pedra tallada que teñen aparecido e seguirán aparecendo no viciño Monte de Corzos e nas privilexiadas chairas que dende Salamonde rodean ó Castro de San Cibrán das Las. O Neolítico é ese período no que o ser humano acada un uso de razón social e comenza a domesticalo todo: a paisaxe, os animáis, as prantas e a él mesmo poñéndose normas de conducta, crando palabra e lei… todo o que se deixa sentir nos monumentos megalíticos, como as populares “mámoas” que ollamos campar erguidas cara ño
ceo sobre o horizonte: Na Medela, na Esgueva, no Monte de Miomás, patria do empresario cinematográfico Isaac Fraga, padriño de Díaz Pardo… Conclusións sempre a determinar polos achados casuais, como os acontecidos nos anos cincuenta por mor das obras da traida de augas no entorno de Madarnás. Prehistoria que se vai afianzando polo tecer e destecer do dito e do desdito. O mesmo pe da Pena do Enamorados, en relación con moitas outras pedras de cultos fecundativos, tan abondantes na Galiza animista e panteista - como xa sinalaba e anatemizaba Martiño de Dume no século VI no seu “De Correctione Rusticorum” - houbo unha capeliña cristianizadora, dedicada esta a Santa Marta, imaxe de iconografía vencedora sobre o monstro do paganismo. E velaí nese mesmo entorno, nas ribeiras do Arenteiro o que foi monte comunal de Mesego, hoxe zona residencial e Parque Municipal, que ofreceu probas de habitáculos da primeira Idade dos Metais, inicialmente interpretados por Chamoso Lamas como “fosas planas”. E seguindo nesas pescudas arqueolóxicas sabemos da existencia de petroglifos na que foi Pena de Queiras que coroaba os outeiros sobre o Carrás, perto de Señorín. Arte rupestre perdido para ser canteira do novo Carballiño. Gravuras que abondan - se se saben buscar e coidar - nos balcóns naturais desta bocarribeira que mira ás fartas veigas formadas polo regueiro de Corzos ou Carrás e o Arenteiro. E seguindo na continuidade do tempo e do espacio, tampouco falla a aparición de acubillos que deron machados da Idade do Bronce final, recuperados para o Museo de Pontevedra, onde os podemos observar.