HISTORIA ANTIGA

Ampliar: torre



ROMANIZACIÓN (130 ac- 300 d.C)

ROMANIZACIÓN (130 ac- 300 d.C)
A presencia romana na área coruñesa pode ser anterior á viaxe prospectoria de César ás costas de Brigancia, a que acontece polo ano 60 a.C. constatada documentalmente, tanto por Dión Casio no século III, como pola mesma arqueoloxía. Do que se conclue que este proceso foi levado fundamentalmente polos camiños do mar e acudindo á axuda facilitada pola plutocracia dos xa consolidados portos da Bética. Nas guerras cántabras, acontecidas entre o 30 ó 19 a.C. onde Octavio Augusto dirixe persoalmente as campañas, esta zona poido cumprir un importante papel como fondeadeiro de naves do exército e con elo iniciarse un frorecer nas relacións marítimas e no trafego comercial, especialmente mineiro, nas rutas de Britania.

Toda a península da Coruña, dende seu istmo á Cidade Alta ou Vella, como o Monte Alto, coroado pola Torre de Hércules, ofrecen vestixios da romanización, especialmente o tómbolo que couta a Cidade Vella, e onde se ubicaría un porto. As recentes prospeccións urbanas, feitas con maior rigor, permiten ir descubrindo unha cidadela portuaria. Neste orde merecen destacarse os traballos arqueolóxicos de Naveiro e López e Vázquez Gómez . Son significativas as mostras epigráficas aparecidas na Igrexa de Santiago, datadas no século II que con seguridade respostan á existencia dun templo pagano nas inmediacións portuarias, recinto posteriormente cristianizado. Algunhas das inscripcións refirense a “vernae exactor”, escravos liberados para pasar a ser cobradores de impostos posiblemente para fiscalizar tarefas portuarias, como cree o profesor Balil Illana. É o caso das referidas a “Régulo” e a “Glaucus” (Museo Arqueolóxico A Coruña). Valian tamén como mostra desa “civitas” os restos dunha fonte aparecidos na rúa da Franxa, os diferentes recintos para a salazón no areal do istmo, ou a necróplis de inhumación, respondendo ás normas vitrubianas, que se extendía ó longo da vía de entrada (rúa Real), espacio escavado por Xosé Maria Luengo (1948) , con esqueletos perfectamente ben conservados e que inicialmente se determinan como de procedencia norafricana.

A cuestión de “Pharum”
O xeógrafo grego e viaxeiro Ptolomeo na súa “Xeografía”, escrita no século II da noticias de esta área e refírense a Brigantium Flavium e a partir de aquí, curiosamente desparece o Flavium, o que da lugar a curiosas hipótesis como unha posible mala transcipción de “Pharum”. Inicialmente podiase referir a un enclave que recibiu previlexios dos flavios, especialmente do emperador Vespasiano. No século III aumentan as referencias a Brigantium e Brigantia , en Dión Casio, o itinerario de Antonio, o Anónimo de Rávena, Xulio Honorio, no século V a “Notitia Dignitatum” pon en relación Brigantium coa “Cohors I Celtiberorum”, ubicada arqueoloxicamentre en Cidadela, Sobrado dos Monxes, a fin de controlar a vía Lucus-Brigantia, entre o século II e IV, final no que este grupo militar se destina a Iuliobriga (Reinosa). Orosio e Istrio Aethico facilitan referencias, a pesar de seguir sendo breves, son máis concluintes

A Torre de Hércules

Orosio, autor galego do século V entréganos a seguinte descripción: ”O segundo ángulo mira cara ao noroeste, onde está situada Brigantia, cidade da Gallaecia, a que ergue na direccción de Bretaña un altísimo faro, construcción sobranceira entre as poucas…” Texto importante, tanto por identificar a torre con Brigantia, como por ser a primeira referencia – que ata hoxe temos – ao actual Faro de Hércules, coincidindo por elo os historiadores en datalo – sen base segura – na época de Trajano (98 – 117) , parello ás grandes obras públicas do momento. Outras teorías dalle maior antiguidade ó faro, como obra inmediatamente posterior ó fin das Guerras Cántabras (19 a.C), construido co obxectivo de garantir as rutas marítimas cara as illas Británicas. Teoría que se ve reforzada pola iterpretación da inscripción que se mostra ós pes do monumento, na que dalgún xeito se expresa o culto ó emperador Augusto, identificado baixo a advocación de Marte, deus da guerra. Epígrafe que igualmente da a identidade do arquitecto lusitano, aeminiense (Coimbra) Caio Servio Lupo; obra en relación co colosal criptopórtico da cidade portuguesa do Mondego, atribuida ó mesmo autor.A torre poido cumprir tanto a función orientativa de faro, como santuario ou atalaia estratéxica para cuestións de vixiancia de canto chegaba polo mar, incluida a pesca.

Sólida construcción que segue a presentar varias incógnitas arqueolóxicas sobre a súa estructura e acceso orixinario. Segue dándose como valida a teoría do ilustrado coruñés José Coornide Saavedra, que cree na existencia inicial dunha estructura porticada exterior que cubría unha rampa de acceso ascendente en helicoidal. Pola contra Hutter cree que esa rampa de acceso era voada e exterior. Hauschild e Hague buscan puntos de encontro e chéganse máis ós iniciais presupostos de Cornide. No ano 1991, con motivo do bicentenario da reconstrucción do faro polo ilustrado Eustaquio Giannini Bentallol, pertencente ó grupo de inxeñeiros da armada destacados en Ferrol, o arqueólogo Xosé M. Bello inicia varias campañas arqueolóxicas, que culminan coa musealización do monumento e a eliminación de adoses contemporáneos.

As lendas sobre a construcción e función do faro foron variadas e curiosas, como a resultante, posiblemente dunha mala interpretación da “speculum” referido a atalaia, como espello…A relación con Irlanda aparece manifesta no Libro das Invasións, “Leabar Gabala” en relación con Ith , quen nunha noite e dende a torre de Brigantia, avistou lonxanas lumeiradas que lle incitan a un periplo…seu pai Breogán fará o mesmo camiño de Eirín pero para vingar a morte do seu fillo polos Thuatha de Danan, deixando como proba do seu poder e descencencia a “Pedra do Destino” sobre a que se coroan os reis e príncipes de Gales. A partir da “Xeral Historia” de Alfonso X, aparece a versión da fazaña de Hércules que ergue, unha “columna” sobre a tumba do vencido atlante, xigante Xerión…