Nas orixes do celtismo... galego

Ampliar: celtismo galego



Posta en valor da publicación ´Nas orixes do Celtismo Galego´ (2017) do historiador cultural Fernando Pereira. Cuestión que parte das cronicas da Antigüidade... nas que, ampliadas, no Rexurdimento se afianzará a identidade galega.

Alguén virá que esperte e retome a lección dos esquecementos, particularidades galegas e universais que lle correspondería impartir ás universidades. Aparecerá por algures recreando sobre cuestións nas que radica a prioridade de saber de onde vimos... pra afianzar o futuro.



E velaí que a cerna desas singularidades galegas deuse en apelidarse “céltica”, bordada con verdades, mentiras e  Breogán por medio, precedente do cabaleiro Arturo, redentor de inxurias de rudo encono... A enredarase e revestirase o mito, incluso máis alá das versións cristiáns que tentaron converter ao apóstolo pescador noutro cabaleiro, brandido ao ceo unha espada... Asorey no monumento a Curros na Coruña fai do poeta romántico un bardo, guieiro do pobo no labirinto celta sobre o que se ergue a Alborada... Verdescente poética, estética coa conseguinte ética e dialética, celtofilia, celtofobia, celtomanía. Cuestións que bulían nos parladoiros de sabios decimónicos europeos... fonte de inspiración con banda sonora de Wagner. E iso mesmo tentaban os románticos galegos, Brañas, Murguía ou Pondal , con modelo Irlandés na base,  dende a Prehistoria concorrido  país de mariñeiros galegos ¡Érguete Galiza e anda, como en Irlanda…¡. Tema xa debatido polo historiador Benito Vicetto, pouco despois aumentado por José Verea e Aguiar (1838). Estudos madurados nos anos do Modernismo, por mozos “inadaptados”, como os do grupo ourensán, entre o que estaban Risco, Cuevillas ou Otero Pedrayo, autor dese referente que é o “Ensayo histórico sobre la cultura gallega” (1933) .



Existen acepcións diferentes ao celtismo, “asegún” o tempo e a terra.... pero así, en xenérico,  significa un xeito de reivindicación das herdanzas étnicas dos celtas protohistóricos – e entraría no debate a cuestión de “raza” - os mesmos que os escritores grecolatinos  da antigüidade diferenciaron como os seus “outros”, Estrabón, Mela, Plinio ou Floro, que ao referirse aos habitantes deste Cabo do Mundo, din que son celtas. Sumando referencia moito máis antigas, recollidas polo poeta latino do século IV Rufo Festo Avieno na “Ora Marítima”  relativas a beiramar da Oestrimnia, paraíso do estaño ,identificado con Galiza…ou as Illas Británicas, invadido polos Saefes (serpes) pra dar nome a Ophiusa (país das serpes) dis que nome totémico céltico… e que deu pe a innumerables hipóteses.  Si ben a arqueoloxía clásica diferencia aos celtas como un pobo da protohistoria, cunha orixe indoeuropea, dende o século VI a. C ao cambio de era, caracterizados polo pelo ondulado, a pel branca , co seu torques, tribais... difusores da metalurxia do ferro, dos campos de furnas e  cunha coidada ourivería; no século IV a. C invasores de Roma e despois do santuario de Delfos… E ansia chovinista dos románticos arqueólogos franceses clasifica como referentes no que hoxe é  Austria e Suíza os focos de Hallastatt e La Tene, onde se poñen base dos celtas galos.



Enténdese aos celtas como transmisores de saberes indoeuropeos, arios, iranianos, sumando os aprendidos nos camiños, escitas, hititas, orientais en definitiva... Contando tamén que os exércitos romanos, como xa antes os de Alexandro, recrutaron soldados destas procedencias, os que, por onde pasaron, espallaron e mesturaron a súa cultura.



E non sendo a universidade quen leve a bandeira de sempiternas cuestión en función cos recursos identitarios, culturais e polo tanto atractivos cebos turísticos, sempre aparecerá quen acolla a cuestión. E velaí un traballo, unha publicación que reabre portas a un debate que transcende , “Nas orixes do Celtismo galego. Os celtas na historiografía dos séculos XVII e XVIII”  (Compostela 2017) o autor é Fernando Pereira González, quen ademais do tratado en fondo, da unha lección en forma ás administracións e á empresa editorial: necesaria, coidada e ben estruturada autoedición, co mérito engadido de repartila, ao seu cargo, polas bibliotecas de Galiza.  Investigador formado na Universidade compostelán, preocupado na construción historiográfica do pasado galego e nas consecuencias ás que levaron as diferentes “historias”, tinxidas de moda, intereses e, como non, certa obxectividade....  autor que porta no seu adn unha longa historia de camiños e empresas, de Sur a Norte de Galiza, da saga de “Autos Pereira”, con tantas nostalxias e historias por contar no ir e vir, levar, traer. Ben o sabía Otero Pedrayo, que dicía que os autobuses eran como  teatros ambulantes da vida.



Fernando Pereira debulla as fontes documentais, as bibliográficas, referencias que nos levan ao tema dos celtas en Galiza. Posteriormente a arqueoloxía científica sumará o análise eses elementos mínimos para as conclusións, que son os asentamentos, artefactos, lendas, crónicas, toponimia, filoloxía, gravados....todo o que contribuirá a desvelar como se construíu o concepto do celtismo en Galiza, a un tempo que Europa afianzaba tamén a súa identidade. E  como debe ser,  o investigador, non se detén na realidade histórica dos celtas en Galiza, máis ben nos que trataron o tema, nos antecedentes , entre os que, na Península estaban no século XVI  as referencias que na Historia de España da o zamorano, cronista de Carlos I, Florián de Ocampo , amosado a presencia céltica no noroeste dea península. Non podía ser doutro xeito si se coñecen os textos dos cronistas grecolatinos da antigüidade, ignorándose daquela os medievais da area irlandesa, retomados no Rexurdimento e no Modernismo. Controversia con cima no sempiterno patriarca, motor de ideas, que foi Manuel Antonio Martinez Murguía ( 1833-1923), ao día nas tendencias europeas da arqueoloxía, como as do francés  Henry de Arbois de Jubainville, interesado polas orixes galas e os estudos celtas, nos traballos de Teofilo Cailleux sobre as orixes celtas, nos de Akerman, Sebillot, nas lendas do bretón Baudoin de la Maisón Blanche, nos estudos indoeuropeos de Adolf  Pictet, nos traballos sobre os galos de Lucien de Valroger, ou sobre os irlandeses de Eugene O´Curry, sen faltar as relación e a amizade cos veciños portugueses .



 Pereira  escudriña entre ás referencias aos celtas nos escritos daqueles curiosos impertinentes que caracterizaron os tempos da Ilustración, neses grandes protagonistas que foron os bieitos Sarmiento, Feixoo, Sobreira Salgado ou o fidalgo coruñés Xosé Cornide . Apuntariamos ás influencias que daquela tivo a cidade portuguesa de  Porto, tan de librerías , humanismo, historicismo, as que moveron a estudos célticos a Martíns Sarmento, ao polígrafo Alberto Sampaio, ao “arqueólogo portugués”, Leite de Vasconcelos, amigo de Murguía.



Fernando Pereira fura ademais entre pescudas semellantes ás súas, ás levadas nos nosos días por historiadores culturais como Joep Leersen da Universidade de Amsterdan, como as do antropólogo de Berkeley Michael Dietler, especialistas en cuestións de celticismo, celtitude ou celticidade: os xeitos de ser e volverse celtas na contemporaneidade. Investigacións feitas ao albeiro dunha diacronía celta na construción paneuropea, cuestións de releve no occidente Atlántico, naquelas cantadas “Sete nacións celtas” , velaí os festivais e todo o comercio arredor do argumento . O obxectivo deste traballo incardínase na construción intelectual do celtismo galego con anterioridade ao século XIX, nos séculos XVII e XVIII, entre outras Historias, interesadamente construídas a partir da Biblia ou en Galiza tinxidas de xacobeismo, aínda así non exentas de ascética odisea, “Xogo da Oca”...raíña “celtica Lupa”, por medio....



O occidente da Europa de hoxe, o que linda co Atlántico, continuou con aquelas tradicións,  asimilounas mesmo ao cristianismo e ao seu facer cultural, os viquingos retoman elementos…até mesmo hoxe, música celta, debuxos celtas, bebidas celtas , Asterix, Harry Potter... unha historia interminable na que recrear.



10-Febreiro -2019