Orixe e orixinalidade do Entroido e das máscaras galegas

Ampliar: Boteiro Viana do Bolo



Galiza, pais que abre portos e camiños...ofrece un Entroido, esa festa da entrada na primavera cun longo almanaque e variados substratos que denuncian aspectos prehistóricos, célticos, romanos, medievais até de hoxe mesmo.

A gran singularidade da festa do Entroido na Galiza, Carnestolendas - tan celebradas no agro e que dan entrada á primavera, cando se esconxuran medos e se inician mozos -  está nesa competitiva rivalidade de enxeño e tradición entre bisbarras e mesmo en parroquias. Como tantas cousas con orixe no minifundismo da tribo, castro, clan...leiras... Festa dos sentidos, universo de variedades con singulares historias, cores, estrondos, folións, máscaras, xeitos gastronómicos, sobremesas... cinguidas a un tempo de liberdade e retranqueira leria. O Entroido serve de test instintivo pra coñecer o estado creativo e anímico do pobo, mesmo hoxe sometido a dúas caras: o rexurdimento da orixe por influencias duns nos outros pero tamén  pola  aculturación mediática,  á uniformidade global, o supermercadeo, o botellón e petardadas por medio... todo o que poñen en perigo a participación común, catártica do pobo. Aspectos que teñen a súa preventiva vacina sensibilizando, furando na historia da cultura, na identidade.

 

Escaparate, procesión pagán da leria individual e colectiva: atrás queda no almanaque o 13 de decembre , cando  a tradición leva a refranear  que "Pola Santa Lucia devece a noite e crece o día". Seguen os xantares e agasallos familiares nun tempo meigo, de meigas e magos, cristianizados  coas celebracións de  Noiteboa , Nadal,  San Silvestre, Aninovo e Reis, datas argalladas pra consolidar a forza solidaria da tribo e da elemental casa arredor do lume e da mesa... segue o tempo no que abren e estoupan en cor as  as mimosas e as exóticas camelias, cando o rechouchio das bandadas de paxaros volven.... e  cando nas altas serras, aínda nevadas, esperta do seu letargo a besta do oso... e faino peideando, fungando, gruñindo e gadoupando como sabe facer... E así se representará en varios entroidos da montaña e das bocarribeiras galegas, como exemplo o Oso de Salcedo en Proba do Brollón, en Manzaneda. Todo pregoa novamente que "pola Candeloria , chova ou non chova, metade do inverno vai fora"... Teimosía sabiamente recollida, propia do cine panteísta do sueco de Igmar Bergman, referente na Sétima Arte pro que habería que facer en Galiza, onde os reloxos petan  e claman que hai que aproveitar o  tempo, a ansia de escampar, de entrar de vez no tempo do sol no que reverdecen esperanzas de  novos froitos. Dáse paso así a esoutra corentena de liberdade creativa, de cores, cantos, retrousos, regueifas, músicas, leria, fantasía e suma de tradicións que é o Entroido. A vida segue e nesa dialéctica, a contra, o anverso será a penitente Coresma, de xaxún, cavilares ante as sombras da morte e o Trasmundo.

 

Entroido que agora coutamos á esencia dos tres primeiros días dunha semana, cando eran moitas máis e que nalgúns concellos, a fin de desestacionalizar amplían, sabendo que atraen e moven a vida: Domingo de Fareleiro, Domingo de Oleiro, Xoves de Compadres, Domingo de Corredoiro, Xoves de Comadres, domingo, luns, martes e xa en plena Coresma, despois do Mércores de Cinza, o atrevemento dunha "repesca" festiva, o Domingo de Piñata...Xogos,  disfraces, músicas vellas anovadas, improvisacións tamén, cosidas con anacrónicos e retranqueiros sermóns, desafíos populares, regueifas, apropósitos ...  parateatral versión esta de salón, propia da Coruña, á que -  na metade do século XX, en anos de represión da ditadura - deron sona  os populares Nito, Pibela, Canzobre.. con retrousos irónicos que duraban todo o ano e sobrepasaron décadas nos beizos dos coruñeses. Obras, en ocasións, argalladas literariamente  por intelectuais e que prenderon na base do pobo. Xeitos de provocar, de espantar medos, de sacar a relucir  e redimir os vicios prendidos na colectividade, na aldea ou na urbe, entre batallas de feluche, farelo ou fariña...fecundidade.

Ciclo festivo con moito de permanente, oculto na súa rutina, substratos etnoarqueolóxicos, costumes que veñen da Prehistoria, que pasan pola Antigüidade romana, seguen pola cristianización, o feudalismo, as viaxes, a emigración, ese levar e traer xeitos: a forza  bruta do instinto montesío, selvático, que a xeito de máscara, de besta brava, de touro ou vaca "Morena",  invade todo canto está "civilizado" , urbanizado e poida que corrompido polos vicios que inzan na sociedade. Entroido fundamentalmente machista entón, asunto asumido hoxe e xa compartido. Motivo festivo no que co que  é do  dereito faise ao revés e as divindades de cartón e palla, ídolos,  herdeiros de Baco,  Dioniso o Satruno clásicos, fanse aínda máis choqueiros e populares  para  pasar a presidir, a anunciar, pendurados dun pau, os lugares de encontro, as eiras ou encrucilladas das aldeas, as prazas das vilas .Ídolos coa súa particular historia local, aos que daremos o nome de  "Meco", "Urco", "Momo", “Policarpio” ou o de un cacique rancio e de sona  ... En Pontevedra será o "Loro Ravachol", unha historia local certa que homenaxea ó gracioso loriño do boticario e animador cultural don Perfecto Feijoo. Agora fantoches, un xeito de espantallos que serán chamuscados ou arroxados ao mar ao fin do Entroido e despois da liturxia choqueira dunha solemne condución, entre esperpénticas viúvas, retrousos, burlas, críticas, charangas... Déixase a carne, dase así paso ao silencio, ao tempo de xaxún, vixilias, follas de bacallau... e dos cavilares,  a esoutra corentena da Coresma.

Diferentes a liturxias pagáns e lúdicas a rivalizar entre parroquias e bisbarras, protagonizada por máscaras con orixes ancestrais e con nomes alusivos a algo do que portan ou co que fan estrondo: Boteiros en Viana do Bolo, Vellaróns de Ríos ou Vergalleiros de Sarreaus, Peliqueiros en Laza, O Folión de danzantes en Maceda, en Vilariño de Conso... Cigarróns en Verín, Pantallas en Xinzo, Farricoques de Luintra, Lavardeiros de Mugares,  as Pitas de Eiroas, Charrúas de Allariz, a particular máscara do Irrío de Castro Caledelas,  Zarramancalleiros de  Cualedro, Felos no Carballiño, Troiteiros de Bande, Rodos e Corozas de Boborás,  Xenerais e Correos no Ulla,  Bonitas de Sande, Volantes en Chantada, Galáns e Madamas no Morrazo, os Gamainchiños en Betanzos,  Carolos e vexigueiros de Samede... zamarróns, madamitos e madamitas, e toda esa caterva de mascaritas da borralla, borralleiros ,carolos, choqueiros (que levan ao cinto as tintinexantes chocas, axóxeres ou esquilas, as que portan case todas as máscaras tradicionais). Máscaras coa gracia de aproveitar, de reciclar  con xenialidade calquera cousa someténdoa a un estilo de cintas de cor, espelliños... Máscaradas tradicionais, moitas delas con carauta feita de toco de carballo ou castaño...pintarroxeadas, coroadas ou tocadas por algures cun chapou, cornamenta ou símbolo de animal fero, segundo a zona e con orixes diversos no tempo e no lugar, pervivencias prehistóricas en cornamentas, gorros medievais, influencias das conquistas e as viaxes, mesmo precolombinas,  decimonónicas, ...Cintas de cor, ceibes, ao vento, ou debuxando as camisas, pregadas en acordeón, verdadeiras obras de artesanía, como as dos Boteiros de Viana do Bolo... En ocasión cubertos cun exótico e oriental mantón de Manila ou de Cachimir... Máscaras que portarán se non o seu báculo, caxato,  látego ou fusta, unha corna...as Pantallas e os vexigueiros, as vexigas secas e inchadas, batendo as unhas contra as outras pra provocar estrondo,  ritmo coas chocas ou esquilas.

E sempre, partindo dos alicerces da tradición pode inventarse algo novo, como a forza que collen as “Sábanas” de Viveiro ou comparsas que, renovadas,  perduran no tempo, os “Liborianos” do Carballiño, as “Monarcas” do Irixo, os “Maracos” de Oleiros...

A gran riqueza das tradicións sae a rúa.  Nos faiados ábrense as arcas das vellas lembranzas e aparecen vellas indumentarias, todo vale, uniformes militares, traxes de voda, sotanas e manteos do crego... medallas, caxatos, sables, sombreiros... Modélico resulta o precursor Museo da Máscara Ibérica da trasmontana Braganza, como os pasos xa dados no Museo do Entroido de Xinzo de Lima...Os aportes do Museo do Pobo Galego... iniciativas, moitas delas particulares, das que debe aprender a Administración.

 

24 Febreiro -2019