Todo reducido a cinza...fin e principio

Ampliar: queimado



Repaso sobre a significación da cinza na cultura, especialmente nese tempo que despois do libertario Entroido abre a esoutra corentena de cavila que é a Coresma. Cinza, resultado dunha labarada de luz e quentura, base da terra e dos cultivos.

Para a Igrexa o Entroido é o  tempo no que Diaño se revolve en algarabías finalmente convertida en cinzas. Sendo os seres humanos os que lidamos co humus, coa Terra conformada por cinzas resultantes da furia dun primeiro estoupido, big bang, sumada a acumulada nos tempos seguintes. Base, po do chan interpretado nos mitos antigos como resultado dun incendio e dun diluvio orixinal, pra logo ser Terra traballada, cultivada  da que sacar o sustento e a cultura.

Cinza, residuo da combustión, da extinción e da purificación  do que foi, co significado da morte, do cavilar, da conciencia do todo e da nada, do sufrimento, do loito,  do arrepentimento, e da penitencia entón. Materia prima para os pintores prehistóricos, remedio tamén entre antigos rituais e escuros misterios, coa que se consagra e se bendice un templo.  E velaí pra celebrala no Mércores de Cinza, xornada na que se pon fin á corentena libertaria do Entroido e abre a porta á recatada corentena da Coresma. E a Igrexa, atenta a antigas tradicións profanas do almanaque, dedícalle cerimonia impoñéndoa, santiguándose, facendo a cruz sobre a fronte do fiel con aquel  retrouseiro dito ou mantra “Memento , homo,  quia pulvis es et in pulverem reverteris”, lembra, humano, que polvo es é en polvo te  has converter: a cinza como residuo final dun lume que é luz, quentura, que purifica e queima todo.

Asunto ao que lle da voltas quen ten sensibilidade poética, xa que os asuntos de vida e morte, de orixe e fin son raiceira da filosofía, da relixión e da poesía. Quevedo asentou ao final de aquel soneto ”... Alma a quien todo un dios prisión ha sido/venas que humor a tanto fuego han dado, / médulas que han gloriosamente ardido/ su cuerpo dejará, no su cuidado; /serán ceniza mas tendrá sentido;/polvo serán mas polvo enamorado...” Asunto retomado polo filósofo Carlos Sagán, logo por Ernesto Cardenal,  sempre arredor da dialéctica orixinaria do big bang, pra  concluír no seu “Canto Cósmico “ que  ”...Todos los elementos de nuestro cuerpo y del planeta/estuvieron en las entrañas de una estrella. Somos polvo de estrellas....”. E mesmo o frade  dominico,  místico desta nosas posmodernidade, Antonio Praena  conclúe “...Porque ya tengo un amor que es Todo y Nada...” E non hai que remexer máis lonxe, pois na lembranza están os versos daquel cura ourensán, poeta serodio en anos de “Longa noite de pedra” ,  Abelardo Santorum, autodidacta,  autor de cantares de nadal, “Remol de estrelecer” ,  remol que son as brasas a piques de apagarse e ser cinza... título que xa é un haiku que abre a esa eterna dialéctica do universo. O tema do efémero prende e queda.

Observadas cinzas arredor do lume controlado da lareira ou dos incendios incontrolados, voar espiral de efémeras muxicas, voallas, a acender cavilares, como atraíntes fogos fatuos, convertidas en símbolo da morte, de humildade, do arrepentimento, pero tamén do humus da rexeneración, da  fecundidade e da vida, Terra ao fin e ao cabo, remedio e nutrinte na raiceira.

Cinza que foi  base pra ungüentos, pra remedios contra o mal de aire, contra as lombrigas, untando a caluga coa súa borra, contra a epilepsia dicían que bebendo as cinzas resultantes da queima da camisa do enfermo....contra a erisipela, pra coagular o sangue en feridas... A cinza de vide, de carballo, de allos... de uceira, do brelo... a dos fornos de pan, mesmo eran moi solicitadas as retirada das cachelas das celebracións de equinoccios e solsticios, especialmente as das fogueiras do San Xoán ou do San Silvestre, o vello remol ao acender o lume novo das lareiras...e entre as meigas e curandeiras a cinza sacada pola queima dunha cobra,  dunha salamántiga  ou dun lagarto...mesturadas  logo con auga bendita, con aceite de o oliveira ou mesmo con cuspe pra ser base dun primitivo ungüento... aplicadas logo  cunha pluma ou cun coitelo en rito de cruces e avemarías...Mesmo cinzas de defunto disoltas nun beberaxe recomendadas para asuntos amorosos...  cuestións das que da conta Xesús Rodriguez López no seu libro de “Supersticiones de Galicia” (1885) e máis recentemente o profesor X. Ramón Mariño Ferro en “La Medicina Popular Interpretada” (1985). Cinza non unicamente usada como elemento sucio senón tamén, pola lixivia que contén, como deterxente pra lavar a roupa. O liño blanquexabase nun pote con auga a ferver unhas seis horas, xunto con cinza de carballo ou de vide, couselos, xabón e un oso de porco... despois lávanse con auga limpa. E sabemos que mesmo se usaba pra limpar os dentes...

Nos pobos primitivos, como no Exipto e na Grecia antiga os devotos  envorcallábanse sobre a cinza sacra das piras dos holocaustos, dos animais sacrificados, entendendo a súa simbólica virtude limpadora, de renovación. Como modelo tíñase o mito da ave fenix, a que purificada polo lume renace rexuvenecida. Ritos con orixe oriental, tántricos,  moitos dos que aínda seguen vivos na India e mesmo documentados nos pobos precolombinos, os de herdos maias e incas. Cinza que se cree purificadora e coa que se untan e pintan os fieis en rito de transito...criterios que puideron ter os enigmáticos rituais célticos de incineración, ¿que facían cos seus mortos os castrexos ¿ulos os seus cemiterios? 

No mundo grego, as cinzas da xente amada, como as do político Solón , ciscábase entre a súa xente, como símbolo de unión. Pola contra, sabemos polos contos, que as cinza das bruxas esborrallábase ao mar...pra que non retornase o seu mal. Os Anxos malos foron os Demos do Inferno.

E velaí nas festas cíclicas, agrarias, as sempre presididas por unha lumeirada, o uso das cinzas pra emborrallarse ou pintar a cara, como espectros ou demos, improvisadas máscaras  dese  Entroido conservador de tantas tradicións, en batallas de cinza e feluche (cinza mesturada con auga) entre os mozos. Rememorando así ritos iniciáticos, de tránsito, o  paso da pubertade á adolescencia.

Pola teoría de que o medio xera mensaxe, a cinza tan presente na cultura - na historia das lareiras, das cachelas ou dos botafumeiros, do carbón dos braseiros e mesmo dos carboeiros montesíos, como Hermes entre lume e fumes -  levou a creadores a asimilar ese xogo entre negro e branco con todas as gamas de grises por medio,  a debuxos con carbón, con tintas, a crear un tópico sobre o ambiente cincento,  escurantista deste Cabo do Mundo, Galiza.

E entre a cinza tantos contos e historias esquecidos e por contar, mesmo alá polo 1974, na aldea chairega de Bazar de Castro Rei, vivín como un coello esgarabellando entre a cinza e o piso terroso da lareira bateu cun púcaro de barro cun tesouro de moedas de ouro que enriqueceu á velliña enloitada e solitaria da casa... Ouro entre as cinzas. Pola contra triste historia desa cinza que despois dos xigantescos incendios e ca choiva escorrega cara os ríos matando a súa vida...

Cinza acaída a un país de tons e contrastes grises cincentos, chumbos, prateados, de neboeiras e sombras entre luces e misterios entón. Cinza, o “nigredo” dos alquimistas, símbolo  de purificación, asociado  tanto ao tránsito do fin como  ao principio e á rexeneración.

3 de Marzo 2019