A ALTA IDADE MEDIA.

Ampliar: torre



NORMANDOS E ISLÁM NOS CAMIÑOS DE COMPOSTELA.

A degradación organizativa do imperio romano coménzase a sentir especialmente nunha periferia portuaria alonxada de todo centro de control e decisións. A inseguridade é norma nun “totum revolutum”. Máis débese entender o tempo de crise como tempo de buscas, protagonizado por movimentos heréticos do primeiro cristianismo, bagaudas, priscilianistas, arriarismo… a presencia sueva, centroeuropea, axuda a reorganizar o territorio e a revitalizar aquelas constantes culturais de herdo “céltico”. Os habitats das costas parecen abandonarse pola inseguridade ofrecida. Si ben os grupos concéntranse no interior, en núcleos urbáns estratéxicos que tampouco dan as costas a ese mar, que se sabe un camiño e fonte de riqueza. O mundo islámico e o furor dos normandos asolan as costas da antiga Gallaecia.

O Cronicón Iriense cita o “ Bregantinos Farum” como unha diócese que dende o ano 572 e por donación de Miro depende de Iria Flavia. Mais paradoxicamente o Parroquial Suevo non se refire a esta dióces.

A partir do ano 813, coa aparición do restos do apóstolo de Cristo, Santiago, en Compostela, as cousas cambiarán non somentes no que supoñen as fronteiras fronte aos “infieis”, senón que a historia da Coruña terá unha ampla relación coa mitra compostelana. Pese ós privilexios reais que supoñen certa independencia, a igrexa marca boa parte do acontecer. Unha lauda do século X aparecida na construcción do Instituto Eusebio da Guarda proba a existencia dun núcleo relixioso. O documento de Tructino, refírese ás igrexas do bispo Ataulfo, e entre elas fala dun “comisso de Faro” con delegado rexio (Conduzo, Ledoño, Oseiro e un Carolio de difícill ubicación…). En documentos de reorganización eclesiástica, aparece en escea o mosteiro de Sobrado - baixo o que sempre estará a Coruña - participando no reparto de dominios nesta parte da beiramar.

De todas formas os núcleos habitados seguirán estando no interior, concretamente para a área coruñesa será o Burgo de Faro, nas ribeiras do río Mero, camiño de Compostela. Do século IX datan as “Crónica Rotense” e a “Crónica do bispo Sebastián”, esta escrita en época de Alfonso III, que narra aspectos que van dende o ano 672 ao 866 onde aparecen as referencias a estas terras tan solicitadas e atemorizadas polos normandos, como o encontro coas tropas do rei Ramiro e a derrota da flota normanda en “Farum Brecantium”. Dato que nos remite a unha deformación de “Farum Brigantium”. E curiosa a observación de que as antigas referencias a “cívitas”, “oppidum”, redúcense agora a un simple “locus”, o que non deixa de ser sintomático e concorda coa arqueoloxía e con outros silencios.

As incursións e a debilidade unen ás xentes, polo que cabe pensar que a tutoría e amparo deste espacio sexa baixo a mitra Compostelana. Como elemento preventivo o bispo Sisnando manda levantar torres vixía na beiramar; velaí que no camiño de Visma ó Portiño existen probas dun destes asentamentos de control. Tamén se atoparon restos cerámicos de tipoloxía altomedieval no entorno da torre de Hércules que no momento referido poido cumplir unha importante misión defensiva. Sucede a este prelado, morto no ano 968 en pelea cos wikingos, San Rosendo, quen en agasallo pola súa continuidade nas tarefas defensivas recibe en doación do monarca galaico-leonés o territorio de “Faro Precantio”.

Pero os intentos normandos por chegar a Jacbsland persisten ata o reinado de Ordoño I, todo obriga á poboación a acollerse en protexidos espacios do interior, como no xa referenciado Burgo de Faro