A maxia das escaleiras galegas

Ampliar: Escada deseñada por Díaz Pardo para o Castro



Concluimos que un pobo culto sabe acondicionar o seu medio pros cultivos, achanzar o territorio, deseñar e construir escalóns que dan acceso aos altares, grandes escalinatas sobre as que erguer os templos... Galiza aprendeu e impartiu esa lección.

Altiván, escada, escala, escalinata, esqueira, pasadoiro, patín, peirao, baldón, chanzo, gradil, relanzo, bancada, socalco...sinónimos e máis que puidera haber de escaleira , “asegún” o contexto, onde e como se emprega. Xeito de axudar á  ascender, á ascese, á escalada tamén, a subir ao altar ou mesmo a descender, a baixar aos inferno. Escadas que arquitectonicamente  buscan un efecto consciente ou inconsciente de solemnidade. Progresión, ansia de subir, de saber ou de baixar cara ás profundidades e os enigmas do chan, o saber oculto. Escadas que resumen o drama da verticalidade en ritmos coa horizontalidade no encontro cos tres mundos: celestial, infernal, terreal. Todo o que demostra o valor imperecedoiro e mesmo a maxia das escaleiras na cultura, pese a outros inventos mecánicos, ascensores, teleféricos....

 

Ascensión gradual e avaliación, interacción de verticalidade  ascendente coa horizontalidade dos chanzos, ascensión ou descenso físico e espiritual. Ansia de ascender ou descender, mesmo a través de Inventos moi sinxelos, aqueles que eran tallando  nas penedas amosegas  nas que pousar e asegurar os pes, en toradas de madeira pra erguelas ou mesmo trenzando con cordas atadas xeometrías reticuladas...sistemas que se perden nas mañas prehistóricas...

 

Ao falarmos de xeografía, como a tantas cousas de Galiza hai que ter presente a Otero Pedrayo, que di que a osamenta de Galiza é de pedra gra e xisto, de sinclinais e anticlinais, de destrucións e xurdimentos de montes con siluetas curvas. Si acaso sobresaíndo algún pico ou penedo, referentes na paisaxe, zigzagueados de camiños e adaptados aos cultivo... Territorio pois que condiciona as actuacións que pasarán á cultura, entre elas achanzar os terreos das abas do monte pra facelos cultivables,os das bocarribeiras ou rebordecháns, ideais pras vides ou pras oliveiras, pros froiteiros … xeitos comúns en diferentes culturas, dende os xardíns colgantes babilónicos á China ou aos aterrazamentos Incas. Aínda que niso dos chanzos, dos degraus, dos diferentes xeitos de escaleiras en Galiza e en Portugal, temos un rico e variado herdo histórico común.  Somos mestres na arte das escadas e velaí o tópico da imaxe dun galego na escaleira, do que non se sabe se sube ou se baixa... está  nese momento da avaliación, filosofando sobre o andado e o porvir. Tema que deu pe ao fotógrafo Xurxo Lobato a unha ben expresiva serie de retratos de persoeiros en cada súa escaleira , “Galegos na escaleira” (1995): dende humildes escaleiras a  grandiosas escalinatas, esenciais para servir como pra realzar o escenario, o templo, o pazos, o cruceiro, a estatua ...

 

As escaleiras son un reto artístico, tanto na arquitectura como representadas na pintura ou na escultura, e serano polo que comportan de perspectiva, a que buscaba Miguel Anxo xa de mozo no retablo marmóreo da Virxe da Escaleira ou mesmo a mestría demostrada no Barroco galego por Gambino e o seu xenro López Ferreiro na labra das táboas para o coro do retablo de Sobrado.

 

Historia das escaleiras, que aínda está por facer, ao menos en Galiza, a que quizais comece, como tantas cousas, neses momentos no que o ser humano descobre e aprende que hai ciclos astrais en relación cos cultivos, coa vida, equinoccios e solsticios que serán  marcados con efémeros monumentos de madeira ou cos perdurables de pedra, algúns pozos cos degraus nos que incide o sol dun xeito ou doutro, como nas pirámides Incas e Maias, nas pirámides e zigurats… pero iso xa é longo tema. Tempo neolítico de inventos, cando se poñen normas de convivencia e se crean xerarquías piramidais, escaleiras…e niso do feudalismo a Historia de Galiza tamén ten moito que aportar. A escalinata faise imprescindible no  templo para  ascender ao altar.

 

Observacións de subida e baixada inicialmente inspiradas na visión do Arco da vella pra ser interpretadas como escultóricas escaleiras, convite de luces e sombras, as que tanto se prestan á fotografía. Inspiradora escaleira do soño de Xacob, tendida entre o Ceo e a Terra, pola que suben e baixan anxos… “Scala Dei”   , escaleira que significa o éxodo do pobo xudio…aspectos que fundamentan a relixión mitraica con culto en covas, como nos cultos a serapis, con altares sobre penedas, baseadas na ascese Terra- Ceo. A escala é pois un auxilio á viaxe ascendente, ao paraíso anxélico ou descendente aos infernos...Esas inspiradoras e gastadas escalinatas  que suben e baixan do Sinaí, as de Moises, a que camiñou a viaxeira galaica Exeria, alá, polo 382.

 

Chanzos nos asentamentos castrexos, mesmo suavemente repartindo os pesos pétreos das murallas, dando acceso á parte alta ou ás torres, abrindo a un barrio de grupo familiar, enmarcando e realzando un ara, conducindo ao pozo de auga dunha cisterna…. Descoñecidos orixinarios chanzos ou ramplas achanzadas do milenario Faro de Hércules, dando acceso a cada unha das súas tres partes, até a alta e mítica lumeirada… Interior do faro romano reformado no século XVI e no XVII, tempos do Gobernador Duque de Uceda  coa intervención do mestre construtor Amaro Antunez que repón unha  nova escaleira de madeira rompendo a bóveda romana, base da que, a finais do XVIII, Eustaquio Giannini construirá na súa reforma xa construída coa solidez da pedra…. Escuras escaleiras interiores de castelos, das súas torres…as das escuras criptas, como as do Mosteiro de Carboeiro en terras do Deza. Escaleiras de caracol que levan á cima da espadanas e das torres catedralicias, dos mosteiros, as que enmarcan urbanisticamente e dan solemnidade aos santuarios, centros de romaría, onde no Barroco os portugueses son  inimitables mestres: o Bom Jesús de Braga, a Peneda no Leboreiro e as sorprendentes de Lamego…. En Galiza as escaleiraas do Obradoiro (1606) do mestre xienense Gines Martinez, coas que disfrazou o estado románico desta fachada occidental da catedral, as afundidas, xogando ás curvas labirínticas de San Martín Pinario, obra barrcoca de Frai Manuel de los Mártires, as mesmas da Quintana dos Mortos, que serven de cavea ou bancadas para ese acontecer diario no escenario da praza. Escaleiras conventuais como a deseñada polo mestre do barroco Domingos de Andrade para Santo Domingos de Bonaval: espiral de tres escalinatas de pedra que levan a pisos diferentes…xoia entre as escaleiras mundiais;  o mostrario de escaleiras do mosteiro de Oseira.

 

Historia da arquitectura ben sabida polo arquitecto do Porriño Antonio Palacios, que xa de mozo participou na “urbanización” dese mons sacer que é o Tegra, entre chanzos, cruces púlpitos…. Mesmo  como urbanista de un  Vigo costeiro repartíndoo en tres cornixas, arquitecto amigo de enxalzar os seus edificios sobre chanzos e máis aínda os templos, como o Votivo do Mar en Panxón, a escultura da Virxe da Roca en Baiona, como un faro…Leccións aprendidas e anovadas polos arquitectos do Movemento Moderno, como de la Sota e xa non digamos Xosé Bar Boo no Pazo de Xustiza da Coruña, onde as escalinatas teñen un carácter escultórico e simbólico en relación  coa  Lei… Manolo Gallego igual…claro que tamén o valor escenográfico das escaleiras non casa cos problemas da mobilidade, barreiras incompatibles co caxato, cos carros de disminuídos.... tampouco coas normativas de accesibilidade… e en ocasións, sen demasiado tino métense varandas ou ramplas polo medio de escalinatas históricas, como unha labazada á estética.

 

Non quedou atrás Isaac Díaz Pardo, vixiante de cada detalle na posta en escena das “Industrias da memoria”, Sargadelos e O Castro, arquitectura do propio Isaac en colaboración con Andrés Fernandez-Albalat, especialmente no interior do edificio modular do Museo Carlos Maside de O Castro de Sada, centrado arredor dunha escaleira que vai evolucionando na súa ascese dando paso ás salas, en contraste coa idea do Guggenheim de Wright para New York, aínda que o máis interesante deste centro e o escenario do hemiciclo ou salón de actos, tras a mesa dos conferenciante, a modo de escenografía ergue unha gran obra escultórica en ferro, escaleiras que suben e baixan, que van de esquerda á dereita, que levan a un púlpito ou a ningures, a unha grúa que pode soportar unha pantalla ou unha lámpada… homenaxe e lembranza do constructivista e utópico  Monumento á Terceira Internacional, obra do ruso Tatlín, a que tanto entusiasmo á modernidade, metáfora do adiviño e clarividente de Isaac, o fillo do escenógrafo Camilo Díaz Baliño ao que segaron a vida nunha cuneta de Palas de Rei. Ao fin e ao cabo a vida é unha escaleira. Un pobo culto é aquel que sabe trazar o reto das escaleiras.



31 Marzo 2019