O Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes
As Pontes abre as Portas do Museo Etnográfico Monte Caxado, resultado da constancia guiada por un mestre, contaxiando a compañeiros, empregados e a alumnos do centro: recoller anacos da memoria labrega e gandeira de antes da industrialización .
As Pontes de García Rodriguez é unha desas vilas que resume as esencias galegas, esas que nacen do camiño, da encrucillada, do encontro: saber recibir e despedir, aprender e desprenderse mesmo da súa longa Historia con vestixios megalíticos, romanos, cristiáns, feudais, irmandiños, emigración, industrialización... e o longo legado labrego e gandeiro. Por algo punto nas miras e nas pescudas dos precursores e patriarcas da arqueoloxía galega, Federico Maciñeira entre os primeiros, onde na segunda metade do século XX o párroco don Enrique Rivera Rouco fai misión na recuperación das orixes. Aínda así as obras mineiras do lignito, os encoros, as formulacións viarias botaron a perder asentamentos de todo tempo, sen faltar quen puxo o berro no ceo polo que ENDESA incluíu arqueólogos no estudo das areas afectadas, recadou documentación e testemuños...pero onde están agora?, como e onde os campaniformes atopados na Vilavella, a carón da mesma central...?. Sentimos a destrución do sitio megalítico, o altar da Mourela, documentado por Maciñeira, camiños da míticae milagreira fonte das Boliqueiras. Anacos do pasado galego.
Mais o que esta de ser será: así é que a medio día do sábado 30 de marzo, na praza da Vila das Pontes abría as portas o novo Museo Etnográfico Monte Caxado, obra colectiva dun colexio guiado por un mestre referente, Xosé María López Ferro. Alí se nos convidou a estar en primeira liña e a falar, o que agradecemos por coincidir en teimas e prédicas semellantes. Alí acompañamos a esoutro patriarca nestas cuestións de recuperar pasado que é Narciso Luaces, creador da colección de Meixido en terras de Ortigueira, así como a Secundino García Mera, mestre que comparte teoría e praxe, creador do exemplar Museo Etnográfico da Capela, instalado nunha casa tradicional na beira dos vellos camiños que levan ao Mosteiro Caaveiro . Na memoria estaban os clásicos estudosos da Etnografía galega, Risco, Cuevillas, Xocas, Taboada Chivite, Antonio Fraguas, a quen este ano dedicamos o Día das Letras Galegas, alma mater desa estrela guieiro que é o Museo do Pobo Galego en Compostela...entre outros referentes niso de gardar memoria inmaterial e material: costumes, mobles, inmobles e artefactos, arredor dos que xiran tantas palabras que conforman a lingua e a fala dos devanceiros que diría o historiador Ferro Couselo: Elixio Rivas , creador da colección etnográfica dos Milagros de Baños de Molgas, Xosé Pumar Gándara de Seavia , a tarfa inesquecible de Olimpio Liste en Oseira e Vigo... e sempre o exemplo e o alentador bregar de Pepe “el Ferreiro”, creador e animador en terras asturianas do Museo Etnográfico Grandas de Salime... e , como non ? o sempre lembrado Benigno Eiriz, que infrutuosamente deixou a súa vida nesta tarefa de facer o que non fan as diferentes administracións, o deber constitucional da salvagarda da cultura... si acaso dedícanse a poñer, a modo decorativo, barcos tradicionais e carros nas rotondas e nos xardíns, condenados á desaparición. Coleccións feitas con amor e saber, pero unha vez que falta os seus promotores ese legado sofre, queda “desconcertado”, quizais nos camiños do desmantelamento como acontece co de Eiriz.
Unha colección é base e camiño para converterse en museo con canto presupón de espazo aberto ao publico que recolle os bens por doazóns ou adquisicións, que conserva, referencia, documenta e estuda, que divulga con ansias de educación e lecer isto é contribuíndo á maduración da cultura e da ciencia da museoloxía, e que conleva a formación do persoal. Pasos, tempo, formación que endexamais remata, misión sempre necesitada de espazo sometido a modas expositivas, de iluminación, a técnicas pra conservar, documentar, seducir e educar.
O Museo Monte Caxado nace no 1984, anos nos que o territorio do concello sufre unha forte metamorfose, o paso do rural ao industrial, presidido pola xigantismo da central térmica de ENDESA...entón canto supón o xeito de vida labrega ou gandeira, as artesanías, costumes, tradicións e con elas as palabras para denominalas foron esvaecendo deica perderse. Como unha chamada urxente a idea de formar un museo parte do Colexio Público Monte Caxado das Pontes, complementando a necesaria idea de que o ensino e a cultura non debe reducirse ás aulas, a clases, xa que a cultura – que tamén se acultura - é o que o ser humano cultiva, que está en cada actividade, na casa, nas leiras, na Terra, nas solucións, nas relacións, na creatividade ou na investigación...e velaí como vai nacendo unha obra común, feita con aportes de alumnos, país, profesores e mesmo co entusiasmo de empregados e conserxería do centro de ensino. No caso das Pontes a iniciativa e a constancia débese a Xosé María López Ferro, leccións aprendidas de Rivera Rouco, aquel que unía á mocidade na ansia de recoller lendas , documentando sitios arqueolóxicos e obxectos antigos que había nas casas...Mesmo Xosé María será autor dunha biografía necesaria deste seu mentor. Testemuños dunha historia non contada, como ben lembrou na apertura Xosé María, valéndose cun “cabás” na man, unha desas maletiñas de madeira de escola, canto historia e arelas metidas nela, dignas de contarse.
Abre este museo no centro da Vila, rexido por unha fundación, nunha casa de xenerosa cesión familiar, sólida, de pedra rosa Porriño, representativa dos anos oitenta, acondicionada en espazos para un recorrido comprensible, repartindo os seus máis de dous mil obxectos nunhas trinta seccións, e que cada unha delas podería dar orixe a un museo especializado. Furamos nas lembranzas nun tempo que aínda vimos, quizais os derradeiros, comprendendo fórmulas que viñan da prehistoria e chegaron e estes nosos tempos de modas e mudas, de consumo aditivo e incentivado polos novos sistemas mediáticos. Entramos en aspectos da emigración, efecto dunha causa política; metémonos nas fórmulas do ensino cos seus pupitres, libros, lousas de xis, mapas...nos xogos populares, tema de nunca acabar ; nos documentos que tanto aportan sobre os escenarios e a vida; o agro, a apicultura con tanta tradición na bisbarra, o carro, a labranza, os cabalos, as moedas e os selos, a caza, as armas, o labirinto das crenzas e da relixión; o traxe, os teceláns, as costureiras e os xastres, os zapateiros e zoqueiros, os fontaneiros, os electricistas, carpinteiros, latoeiros, ferreiros, mineiros, canteiros, cesteiros, serranchíns...A cociña e os fornos, con eses xeitos aínda vividos e que van da lareira á bilbaina, os fedorentos forniños de petróleo, as de butano e as vitrocerámicas...entre tanta maquinaria que muda o cotián, como as lavadoras... a caza e a pesca...ou ese universo poético que deu en Galiza milmañas de sona, o dos reloxeiros, teimudos no reto de medir as horas.
Visita que se fai acompañada das vivencias, da ilusión por cantos contribúen con Xosé María, onde o mesmo Concello se viu contaxiado pra contribuír a facer o que ten que facer por dereito e deber, conservar e promover o seu patrimonio, recurso identitario e turístico...asumir tamén o que se leva perdido e o que queda por facer.
Lección de pasado, presente e futuro a de Xose María López, a das Pontes, a que non prescribe e que agradecidos seguen, seguimos os seus, os da casa, discípulos e amigos, cantos aman a Terra, raiceira e base do humanismo.
14 Abril 2019