Oficina de Turismo: aberta... ou “pechada por vacacións”

Ampliar: Beaujolais



A base orientativa para o viaxeiro é a oficina de turismo, onde, por todos os sistemas, directos ou indirectos como os internáuticos, impresos... se ofrecen itinerarios, recursos turísticos, ofertas de ocio nunha bisbarra...

Primeira lección neste histórico país de encrucilladas, de portos, de aventureiros, viaxeiros, comerciantes e peregrinos, de servicios e parada e fonda: asumir o que vale un turista, un viaxeiro, o que no mapamundi escolle un punto ao que viaxar, para pasar o seu tempo de vacacións, coñecéndoo e gastar alí os seus aforros... E o saber recibir, tratar e despedir implica a todos e máis aos profesionais do sector. Logo espallará a súa boa ou ruín experiencia. Sempre estamos empezando nunha actividade decote cambiante e que, por aquí  aínda se entende dende certa provisionalidade estival. Todo se trama de xeito eventual, as oficinas, o persoal contratado, o material...co risco de caer na tendencia a un provisorio chiringuitismoque se eterniza e así establecer o feismo.

Non se asume que o turista aproveita o seu tempo, que madruga e mesmo trasnoita coa ansia de velo, probalo, sentilo, levalo en fotografía e case mercalo todo a xeito desouvenir, como testemuña do seu paso. Ben seguro que, como  fai calquera, preparouse previamente para esta aventura, que consultou e contrastou prezos e destinos, que revisou mapas e guías, que escoitou outras opinións... Ben que se agradecen as informacións tramadas con pedagoxía nas web dos organismos oficiais e mesmo as experiencias persoais feitas con agarimo...logo entenderase tamén que o camiño faise ao andar e sempre queda por saber.

Concellería de Cultura, Deporte, Comercio, Turismo e Benestar Social que así, de xeito rimbombante se puidera chamar en calquera concello, ocupada por concelleiro a media ou xornada completa, arroupado por técnicos da Deputación - que precisamente en temas como o turismo radica certa razón de ser do organismo provincial - mesmo servido por contratados temporalmente por concurso oposición para temporada alta...vai experimentado sobre as facianas do turismo. Quizais quedou impactado pola concorrencia, a borracheira de  iniciativas e presentacións na cita obrigada nos derradeiros días xaneiro en Madrid, á Feira Internacional de Turismo,  FITUR. Quedou prendado e promete volver, si acaso con stand, slogan , bandexas de gastronomía propia e un cargamento de folletos informativos, ofertas de rutas de sendeirismo, de xeodestinos ou ecomuseos,  “productos turísticos“  de libro...  que de roteiros de megálitos, castros, castelos, Románico,  Barroco, faros, muíños,  literarios ou artísticos... xa ten derriba da súa mesa  propostas dabondo, traballo por obra e gracia  da teimosía dos sabios locais e das nacentes empresas.... e xa hai quen  imita  e repite con éxito visitas  teatralizadas,  seguindo os pasos fúnebres de Escocia e se dedica a argallar a altas horas da noite e á luz dos fachóns e das sombras itinerarios por cemiterios e espazos de terror. Argumentos acaídos para este país “meigo” e das benditas ánimas. Entre tanta nova oferta nunca deberá faltar atención ao amplo almanaque de festas gastronómicas enxalzando a produción propia, nin a eses recursos tradicionais, os desestacionalizados, dedicados ás festas dos santiños, Nadal, Entroido, Maios,  Corpus, San Xoán, Magostos, festas e feiras  coas que se celebran as mudas estacionais, equinoccios e solsticios ... Propostas e itinerarios nos que un se perde, pero que en Galiza todos levan a Compostela, entre un mostrario de sinales e indicadores. Un saberá determinar.

Recursos non faltan, o que falta e sabelos presentar, axeitar os escenarios do encontro, sen ese azucrado e custoso intervencionismo: accesos, cando non estradas onde aparcar e dar volta un autocar, sen impactar sobre o ben obxecto da visita… mesmo sen converter as campas de romaría en poeirentos aparcadoiros...

Fundamental na rede turística para esas relacións visitante-visitado é o Centro de Información Turística,  tema que provocou plenos no concello . Pois ideas sobre o “onde” e o “como” non faltan: hai quen a particularizou na urbe cun graffitti de calidade alusivo ao tema, como un “píntamo de verde”, pero que funciona, atrae e serve de referente.  Non cabe dúbida que  o asunto da oficina de turismo debe pensarse, ao fin e ao cabo é un punto de encontro, o tema xa foi debatido na prehistoria turística do Fraga, Ministro de Turismo, máis aínda coñecendo  modelos de éxito como os “welcome center” irlandeses ou os  “Office Tourisme” da Provenza, por exemplo.

Hoxe, dentro do tópico rutineiro, o Centro de Información Turístico solvéntase co apéndice dunha caseta de madeira, as máis e por imitación dentro desa provisionalidade da tipoloxía rural “enxebre”, rústica, “bungalow” , “findesemana” feita en pino, en Soria ou en Cataluña , tan sequera foran das feitas en Tordoia ou nas carpinterías de por aquí.  Provisionalidade, psicolóxica tamén e que pon a proba as dúbidas sobre o turismo e a cultura. Algo que require estabilidade, firmeza integral e espallar esa idea a confianza en nos, no que ofrecemos.

Así que velaí “oficinas de turismo” de madeira con ventá-mostrador, teléfono con contestador automático e provocadoras musicas de espera... Caseta que será forno crematorio pro probe bolseiro do tempo estival. Situada, quizais como expresivo símbolo da ilustración municipal, para dar proba de “modernidade”  entre “mupis”, plasmas luminosos con información interactiva, pantallas, onde máis que consultar se divirten os nenos e os vándalos nocturnos, inversión, “aposta” sobre a que tamén se ceba a climatoloxía pra deixalas inservibles...entre os novos contedores de lixo por cores e tipos de residuos, sen faltar o poste con todo tipo de cables de  Naturgy. Costará menos atopala se ten visible a “I” de “Información” maiúscula...  Non falta quen aprendeu a lección e situou a caseta á entrada da vila... Sen faltar quen aspira a nota é púxoa nun punto intermedio, accesible a todos,  próxima á praza, nun  área de aparcamento, de chegada e saída de buses, con cafeterías e onde dar servizo ás primeiras necesidades... Espazos que  non debera faltar nos plans urbanísticos dos concellos, herdeiros dos campos de feira que a sabia tradición  ben prevía... E os máis sabios, os que aproveitan un edificio sígnico, tradicional ou histórico... ou quen  ofrece o servizo dentro do mesmo concello....a onde o instinto conduce ao avido turista.

E ollo, non vaia ser que por contaxio de convenio administrativo esta particular oficina que debera estar “de garda”, como a farmacia, estea  soamente aberta en horario laborable e os fins de semana e festivos “pechada por descanso”... Alí o sempre intempestivo turista atopará ao sufrido bolseiro, graduado en turismo, cando non fracasado doutor en historia disposto a  servir: itinerarios, autobuses, tren, teléfonos de urxencia, a chave da igrexa.. selo de peregrino...Ai, iso si, moi importante segundo norma municipal:, que non falten, pese a que ninguén os leerá, a fin de estadísticas, os grandilocuentes índices de visitantes: idade, procedencia, profesión...  cubertos polos visitantes, coas correspondentes valoracións: pésimo, mal, regular, ben, óptimo...... torturas pro viaxeiro e que sentenciará, “cúbrao Vd por min, que teño presa”... seguirá emproado cara onde pensaba e poida que cara esoutras novas e competitivas movidas, o  Festival Céltico de Ortigueira ou oResurrection fest de Viveiro, novos xeitos de poñer no mapamundi este confín.

 

9-Xuño-2019

 

´beaujolais.jpg´