Revelar unha Historia, a de “Las Sinsombrero”

Ampliar: Las Sinsombrero



Desvelar é quitar o velo; descubrirse é mostrarse. Imposicións relixiosas e políticas obrigan a cubrir a cabeza, onde radican as ideas. Coa democracia e a inmersión na Historia forónse superándose esas imposicións. Lembramos aqui a Las Sinsombrero



 “Un paso adiante e outro atrás...” escribía o poeta chairego Díaz Castro.  E non ven mal pasar revista aos avances dados na busca do equilibrio da tan cantada igualdade, rompendo coa idea imperante do talento único, a unicidade. Contando que os países constrúense con historias de progreso social, co paso adiante nas políticas progresistas. Dialéctica de sínteses e antíteses... paso adiante, paso atrás.  Sempre amparándonos no discurso da maleable democracia e co que tentar xustificar a sacrosanta liberdade... tantas veces en contra da mesma liberdade. 

 Afeitos a enxergalo todo dende o noso presente, sen ver o “fora de campo” que nos di  a xestora cultural e escritora Tania Balló, na que radica a idea de canto contamos aquí. Espazos, contexto, acontecementos sombríos que afectan á vida e á obra das súas protagonistas. E dicímolo así en feminino, por que asunto vai por esas negacións históricas.

Pese á domesticación dos máis débiles, aculturados tamén, por algures aparecerá alguén sen complexos, rompendo, transgredindo normas convencionais, alixeirando lastres históricos, desafío contra o favoritismo, contra as normas sociais establecidas, negándose a continuar contando unha historia feita polos máis fortes, ate agora homes. Historia esa interesadamente seleccionada, con “puntos cegos”, as lagoas dunha Historia  aínda por revelar, sen velos.



Pasos  escuros da Historia que van quedando atrás, onde compre poñer foco, quitar o velo, as orelleiras, as gafas mentais impostas por relixións, por maleducacións interesadas, entre o bombardeo propagandista, mercantil, usando e abusando da fráxil liberdade, da  democracia. Paso adiante, paso atrás con retrocesos nas liberdades, nos dereitos democráticos e dos que se apoderan os mellor vitaminados para o seu uso e abuso, impoñendo paternalistamente valores sectarios, baixo o escudo “democrático” do dereito de  “libre elección”.

Na Galiza, despois da praxe de Rosalía de Castro, das teorías de salón da Pardo Bazán, que tanto supuxeron nos inicios feministas, sumando logo os aportes da Xeración do 14, de mulleres como Clara Campoamor, Victoria Kent, María da O Lejárraga ou Carmen de Burgos... e a xeración que segue á Primeira Guerra Mundial (1914-1948)  as que airearon un ambiente anquilosado por un paternalismo patriarcal  que temía á modernidade, cando en círculos de elite urbana inzaba o debate sobre o “problema feminino”,  mesmo comandado por unha misoxinia que recorría á retórica do esencialismo biolóxico do “sexo débil”. Pra, logo despois coas mulleres da Xeración do 27 darse un xigante paso adiante en logros sociais, amencer de liberdade e creatividade que mesmo empuxou á Segunda República. Pasos seguidos doutros acelerados pasos atrás por unha guerra que enfronta e fende con aquelas inquedanzas. Seguiron corenta anos de  enfrontamento, censuras, medos, silencios, velos, tapados que conducen ao esquecemento do conseguido en igualdade homes e mulleres. Morto o ditador algunhas das supervivintas daquela xeración regresaron a súa Itaca, outras quedaron fora pra sempre, si acaso reivindicadas por pequenos grupos que, dende as catacumbas culturais da ditadura coñecían a súa vella e nova traxectoria de progreso.

A devandita Tania Balló  argumenta que a Historia de España da transición seguiuse a escribir en masculino, as mulleres estaban ausentes nas memorias, mesmo as que deron senso de ser á Xeración do 27  cando quedan testemuñas  dabondo pra refacer un crebacabezas histórico moi esnaquizado: Maruxa Mallo, María Teresa León, Concha Méndez, Josefina de la Torre, Margarita Manso, Ernestina de Champourcin, María Zambrano, Rosa Chacel, Ángeles Santo, Marga Gil Roësset...  Por fin protagonistas de ensaios cos títulos que xiran arredor de “Las Sinsombrero” de Tania Balló. Quitarse o sombreiro é descubrirse, quitar o velo é desvelar, revelar, rebelar, todo un símbolo en tempo  en branco e negro, de escuros cobertores.

A poeta Ernestina de Champourcín no 1928 escribíalle a súa compañeira Carmen Conde “por que no podremos ser nosotras, sencillamente, sin mas? No tener nombre, ni tierra, no ser de nada, ni de nadie, ser nuestras, como son blancos los poemas o azules los lirios”.

Se non se asume a Historia non é fácil resolver cuestións como a relixiosa, tan vencellada á identitaria, mais neste reino cristián, o que nun mundo global tenta limar asperezas pra convivir  coa sororidade ou irmandade entre as mulleres islámicas. Unhas e outras en maior ou menor grado baixo o patriarcado, as que  seguen a cubrirse a cabeza, onde radican as ideas, cun velo máis ou menos amplo e tupido: hiyab, shayla,  alhamira, chador, nicab ou o saco do burka. Xeitos de cubrirse as mulleres tras o que está unha historia de imposicións relixiosas. Xorde entón o rexeitamento por boa parte dunha sociedade que superou traumas similares, que crea e madura na democracia e dende os seus principios de liberdade, nunca equiparables aos dos países islámicos . Respostas que se etiquetan como discriminación, racismo ou islamofobia, en definitiva a violación e negación de dereitos, de reivindicacións políticas-relixiosas que “tentan occidentalizarse”.  O velo significa submisión,  opresión por  dereitos relixiosos feitos tamén culturais e que non unicamente foron e seguen a ser cousa do Islam,  que radican no patriarcado de Habraam. A cristiandade, a través do debate, de conclaves, concilios, reformas, contrafíos e con tanto que queda por facer vai virando tornas. Aínda tamén sometidos a esoutra ditadura comercial, a da moda, que en ocasións pouco ten que ver co senso práctico do vestido. Partindo de que o feminismo non se basea na moral, baséase na igualdade co home, na liberdade de ambos en retirar lastres históricos.

A partires dos atentados do 11 de setembro do 2001 volveuse pasos atrás nas relacións oriente-occidente e conseguintemente nas relixións. Europa establece normas , prohíbese o niqab e o burka, taparse maioritariamente a cara, determinación tachada de islamofóbica, mesmo “Amnistía Internacional” entende o feito como unha violación dos dereitos das mulleres, en que  deben vestir con liberdade e a usar a roupa que exprese as súas crenzas. E velaí, nuns países nos que superado o bikini e debate sobre o nudismo interfire entre as ortodoxas islámicas o burkine  pra bañarse en espazos públicos. Pola contra o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos no 2014 resolve que quitar o velo non viola os dereitos humanos. Prohibindo nas escolas públicas o uso ostensible de vestimentas que mostren a filiación relixiosa. Sen faltar grupos que avinagren o debate e se negan a aparecer como marxinais, submisas ou segregadas, abandeirando o velo como unha reivindicación, resistencia cultural.

Compre didáctica, ensaios como son os de Tánia Balló, lección permanente arredor de “ pensadoras e artistas olvidadas da Xeración do 27”, sen as que a Historia non está completa. Obra construída dende unha mirada diferente, xa que a Historia non soamente é de homes. Libros da súa autoría que xiran arredor de  “Las sinsombrero” (2016), as de antes do franquismo, mulleres sen complexos, contradicindo normas convencionais, transgresoras, conquistadoras de cotas de igualdade e liberdade, abrino camiños de progreso. As que, despois da guerra, coa dignidade no fardel  viviron o exilio, a ocultación...Iso que a súa pegada de vangarda europeísta non deixaba de man as raiceiras da tradición popular.

Conta a vivarense Maruxa Mallo que un día ocorreulle a García Lorca, a Dalí, a Margarita Manso e a ela mesma quitarse o sombreiro, xa que semellaba conxestionaba as ideas...atravesando así  ese simbólico “quilómetro cero” que é a madrileña Porta do Sol, embigo da capital.. Acantazáronas e, entre outras, chamáronlle maricóns, di, por non levar sombreiro. Performance na que se viu un xeito rebelde e tamén narcisista, contrastado hoxe coas elitistas procesións de sombreiros deconstructivistas das carreiras de Ascot ou co masivo e enloitado Muharram iraniano...



21 xullo 2019