O “Libro de Santiago” pra asentar as raiceiras da cultura galega

Ampliar: Libro de Santiago



Repaso dos contidos do Libro de Santiago, publicación de 1948 da autoría de Filgueira Valverde e ilustrado por Xosé Sesto López. Sabia introdución á significación de Compostela e dos seus camiños na Historia de Galiza e na constitución de Europa.

A Historia está escrita nos camiños. Por algo Carlomagno, Almanzor ou Cid e millóns máis se dirixiron a Compostela. E nos camiños é onde se xoga a vida, a cultura e o progreso.

Alá polos anos sesenta, cando o historiador da Arte, Manuel Chamoso Lamas creou e puxo en funcionamento na “Casa Gótica” de San Miguel dos Agros en Compostela o Museo das Peregrinacións, foi criticada a súa necesidade de ser por sectores universitarios. Hoxe, pola contra, glorifícase canto implican os camiños, o traído e o levado nas relacións, na madurez sociocultural ou no humanismo. Por algo tamén na tradición galega homenaxeamos os vieiros cun ergueito cruceiro, símbolo de viacrucis, dun camiño de aventuras e desventuras. Non sobraría en todos os grados do ensino ou indo a máis nunha cátedra, as lección arredor da Historia,  da Arte, do Mito ou das lendas dos camiños xacobeos. Tema no que radica Compostela, Galiza e a mesma Europa. Asuntos que axudarán a quitar as orelleiras pra non seguir a debuxar a Historia de Galiza nos  mapas de agora, a poñer os sentidos nos planos e nas pretensións do pasado.

E sobre os camiños as andanzas da xente, contadas e cantadas, expresadas pola Arte e tan abundante bibliografía. Entre os libros base, haber hainos e dende o medievo, a partir do Calixtino, dos Códices Composteláns ou do Libro dos Cambiadores... e de seguido tantos escritos e imprentados en todo tempo e en todo país, da autoría de historiadores, de poetas, de simples viaxeiros, feitos con ansia de compartir a súa andaina. Pero para aquí , para hoxe e para sempre recomendo, mesmo como guión pra un Museo do Camiño, “El Libro de Santiago”, editado primorosamente pola Editora Nacional  en Madrid no Ano Santo do 1948 . Edición gabada e premiada polos seus coidados, mesmo como libro  de artista. Cunha segunda edición no tamén Ano Santo do 1989 pola Deputación da Coruña, e agora, cara ao Ano Santo do 2021 á espera da súa terceira edición, quizais nesta ocasión en galego e non sobraría noutros idiomas. O tema non prescribe ni caduca. Texto da autoría do polígrafo Xosé Filgueira Valverde, ilustrado, seguindo a tradición dun “libro de estampas” polo tamén pontevedrés Xosé Sesto López, compañeiro daquel en ideais e fatigas en momentos de pre guerra, dos medos da guerra e da posguerra, no Partido Galeguista do que se escinden no 1935 polos pactos deste coa esquerda pra crear con Risco a Dereita Galeguista. Ben coñecín a Filgueira e máis a Sesto qune conviviu os veráns dos derradeiros anos con nós na Coruña, como inesquecible amigo,  mesmo nos seus momentos de ocio pintou sobre fimapán dous murais na capela do Castelo de San Antón: un en honra da súa venerada Virxe do Rosario, Padroa da Coruña,  rodeada dos presos ilustres da que foi cadea e outro sobre o San Antón, tan popular e titular do castelo. Mesmo me obsequiou con algunhas ilustracións orixinais deste libro as que din ao Museo de Belas Artes da Coruña.

Libro no que se insiste en que as pedras das cidades consideradas “santas” rezuman tradición... algo que se perde “entre as redes eruditas da Historia ou esvaece nas brétemas da Poesía. Poucas das vellas urbes de Europa contan dun acervo literario tan longo e copioso como o de Compostela”.

Libro que de xeito didáctico refírese primeiro á xeografía destas Fisterras como “Terra de Santiago”, Jakobsland pros viquingos, anovación da greca Vía Heraklea,  mesmo da navegación de César cara Britannia... Camiños que, dende a Galiza arcaica bordan tradicións, saudade e cantares tristeiros, adeuses que mesmo circulan pola galactea estelar do ceo. Historia na pedra, entre curvas e barroco, pro equilibrada, mesmo a da  Galiza matriarcal, a das “Matres Gallaici”  das que da conta algún epígrafe romano ou o yin-yang dos cruceiros, onde se igualan fillo-nai. Patria que foi quizais do mesmo emperador Teodosio, de Prisciliano, Bachiario, os Avitos, Exeria, Orosio, Idacio contribuíndo ao esplendor da Era Teodosiana , cando se conforma a cristiandade,  pra en tempos de Alfonso II, polo 813, descubrir Pelaxio de Solovio o que se dicía tumba do íntimo amigo de Cristo, Santiago. E radicando nesa tumba tantas sagas de reis con vocación de emperadores, Alfonso Raimundez (Alfonso VII), “Galiza compostelán da que viría a cristianización de mundos remotos”. Cidade que na “era tridentina” facía que “Gallaecia Fulget”, base pra descubridores de novos mundos,  de comerciantes, dos Fonseca pioneira da Universidade. Terra dos Castro de Lemos, Gondomar...e do mesmo Cervantes...Fillos dunha Galiza  que máis mirara pra Terra  que non tanto un Ceo.

Libro de Santiago que, seguindo os  “Feitos dos Apóstolos”, afonda na vida do pescador do lago de Genesareth, Santiago o Maior, fillo do Zebedeo e de María Salomé, da estirpe de David, curmán de María, irmá de Xoán evanxelista, así pois do mesmo sangue que o Cristo e  aos que este chamaría “Boanerges”, “Fillos do Trono”, inseparables de Pedro, pescadores aos que primeiro escolle Xesús, os seus íntimos  en Gethsemani, no Tabor...Historia interminable.

Despois do Pentecostes ao apóstolo Santiago encoméndaselle evanxelizar a Fisterra... e velaí o tema recollido no retablo de Alabastro que o párroco inglés Goodyear deu á Catedral de Santiago no 1456,  como nas predelas de tantos retablos nos que tamén se representan aos discípulos Teodoro e Atanasío, coa Raiña Lupa... Tema seguido da ascese da “translatio” do corpo santo dende a “barca de pedra” a Iría, polo bosque sagrado do Ilicinio, entre cobras, dragóns e touros bravos... e finalmente Libredón coa Arca Marmórica.  Orixes dun camiño aberto polo berro de “Ultreya”  un  alentador “máis alá” que tenta mesturarnos co cosmos do que ao fin somos po.

E arredor dos camiños tantos símbolos, os que recollen a idea de principio-fin, oriente-occidente, vida-morte: a cuncha de venus, a tumba da que renace a esperanza, a poética estrela que anuncia o sartego como a que noutrora anunciou aos magos o berce do nacemento...

E  nas páxinas do devandito libro os peregrinos, dende o rei de Galiza, asentado por razóns de seguridade ante islámicos e normandos, nos montes da Gallaecia Asturicense, Alfonso II o Casto, tempos nos que imperaba Carlomagno de Europa, pois queren as páxinas do Pseudo Turpín darlle ao alemán o honor de ser o primeiro peregrino, aínda que a Historia Compostelán di que foi o monarca galego quen recibe as noticias, que as ve cos seus ollos e sobre delas manda  construír o primeiro templo. Dende entón todo occidente considerouse provincia de Santiago  e o seu prelado, pola universalidade da peregrinación foi “bispo do orbe”. Logo despois, por competencias, concilios e liortas  restaurase a metropolitana en Toledo . Dinastas, magnates, xograres, rufiáns, santos...recorren o camiño a Compostela, piadosos, aventureiros onde salta o milagre, como o que lle aconteceu ao bispo Adaulfo que acusado someteuse á proba do touro...pra amansar aos pes do prelado, a rotura do voto das cen doncelas pros musulmáns; a aparición do Apóstolo a un incrédulo ao que entrega as chaves pra tomar Coimbra... historias de curados, de peregrinos mortos trasladados milagrosamente á tumba do Apóstolo, a lenda do galo asado que cantou anunciando que o peregrino era inocente... salvando das augas a peregrinos, a morte do Duque de Aquitania aos pes da tumba.

E tantas tradicións contadas neste libro: o santo dos croques, o nigromántico bispo Muñiz, o ferrador Juan Tuorum que acusado implora á Virxe e morre camiño da execución, o asasinato de don Suero,  a monxa de San Paio... E as tres cousas: A Porta Santa, o botafumeiro, os xigantóns... pra pechase o libro arredor das rúas e prazas composteláns, as campás, os artesáns, as gárgolas, as sombras de Rosalía, López Ferreiro...que se alongan e prolongan.



28 xullo 2019