Si as pedras do Carballiño falasen....

Ampliar: Carballiño. Rúa Mosquera



Algunhas lembranzas, entre tantas, arredor de espazos, casas e construción desaparecidas do Carballiño, unha vila que se caracterizou polas obras en pedra.



                                                                      

Pra miñá curmá Rosa Nuñez, alma de flor de Flores

 O asunto é que as pedras e as obras feitas con elas van faltando. Mesmo se esquecen, pese a unha historia de canteiros, de sabios mestre construtores niso das labras, de como erguelas, como asentalas ou como tratalas, quizais finalmente cunha man de cal, como aínda mostran algunhas das arquitecturas con balcóns e galerías que miran e pechan a Praza Maior. Saberes perdidos do pasado.



 

Diálogo de sombras, de pantasmas das casas e estruturas pétreas desaparecidas: as casonas ou por dicilo así en adxectivo grandilocuente por selas naquel seu tempo de posguerra, os chalets do “Souto das Taboas”, pra nos o “Chalet Col”, por ser o nome do seu propietario, “Rei do Caucho” nas américas;   en competencia co máis moderno “Lar da Nai”,  pros do Carballiño o “Chalet Mar” por ser os seus propietarios os empresarios das industrias pesqueiras “Mar” de Vigo. Arquitecturas representativas dese canto de cisne que foi o Rexionalismo, obras respectivamente do arquitecto ourensán Conde e do vigués Cominges. Posta en escena arquitectónica da capacidade dos artesáns da pedra, da forxa, da madeira... Ambas casas con bosque e xardín feitas pra lucirse nos máis privilexiado espazo da vila veraniega - “Villa anclada en un Mar de Pinos” escribía Fariña Jamardo - enmarcando a entrada ao Parque. E tamén entre as desaparecidas esoutras casonas abertas á Rúa Maior, a dos Ulloa,  xanelas nas que sempre lembraremos a Florinda Ulloa, como o Cuco chegado de Madrid, abrindo ao verán do Carballiño...a  inmediata e non menos casa, a do Lorencito, coa ferraxería das irmáns debaixo. Moito habería que contar das vellas ferraxerías do Carballiño, imprescindibles ... A carón a casa do Magariños, tamén con soportais e a mercería de dona Amparo....  A carón da torre da Igrexa Vella os pendellos do Catro Olas, reduto que lindaba co primitivo campo da feira, onde asentaron naqueles días os telderetes dos zoqueiros e onde as pulpeiras cocían o pulpo nos caldeiros de cobre con leña de carballa... onde mesmo medrou e chegou a sona ata agora a taberna da señora Gaspara, nome feminino do rei mago, a  que logo dimos en chamar “Gaspara” , cerna de toda unha saga de pulpeiras, a dos charrancas que levou o bo facer do pulpo a Melide, á Coruña e polo mundo asiante. Rúa  esta dedicada ao filántropo Cesaréo Tizón, familia ben coñecida na Coruña, onde nos anos cincuenta a familia Vázquez Monxardín, a de dona Emilia e don Alfonso foron, de vagar, reconstruíndo e construíndo aquela súa casa con tanto empaque galego, seguramente asesorados polo amigo galeguista o arquitecto Manuel Gómez Román, como moitos outro agüista no Carballiño. Casa esta co seu patín central e longa solaina sostida por ritmo de ménsulas de pedra, de tellado con aleiro portugués e o  emblema da familia coas chaves cruzadas en ferro forxado... Casa feita con amor galego, mellorando tradicóns, pegada aos galpóns da feira, onde viviu a señora Celia e don Manuel Alberte, aquel eivado  do carriño con mesa expositor diante pra  venta de “cuarteróns de caldo de gallina”, “Ideales”, papel de fumar, misto...e algún novidoso chisqueiro . Naquela nosa tribo onde todos tiñamos o seu alcume, o señor Manuel era o “Chanchullo” un verdadeiro intelectual, de agradable conversa,  amigo da radio, dos “partes” e dos son de Manolo Escobar.

 

Desaparecidos  tamén, malia, non so os muíños de cinco rodas de Toscaña, senón a súa singularísima casa, a dos muiñeiros, digna dunha antoloxía da arquitectura tradicional galega, xa ausente e con ela  intres de parada e fonda dos feirantes, arrieiros, vagamundos...xente do camiño.

 

Sepultadas as pontes do Carrás, nos máis vellos camiños de Señorín, principio e fin do Carballiño, preto da fábrica de xabón, tan  nas lembranzas dos paseos dos carballiñeses á hora das despedidas ou na lealdade ás liturxias do tempo dos Defuntos e dos Magostos... Camiños da Fonte Ferrada, de Mesego, do Penedo, das Adegas.

 

E mesmo chegamos a cavilar e crer  que a febre da insensibilidade era temporal, que tiña cura, máis aínda que coste dicilo nun programa festivo - no que debe reinar  o optimismo e o lúdico - levamos cravada a espiña da perda do que foi o casino de Vilamorta, quizais inaugurado pola condesa de Pardo Bazán, a que inspirou a novela de “El Cisne de Vilamorta”, baixo  que ocuparían “Las Colonias de Antonio Soto”, ferraxería, bazar, librería...Coa conversa dos empregados, co seu mandil de dril, o Caride, o Faustino, o Antonio ....e na caixa levando as facturas da contabilidade metidas nun pincho, a  Lucinda Soto, a herdeira, casada con Francisco Mares, galeguista, socialista, emigrado a Florida... Vitrinas nas que non faltaban os libros en galego, os de “Galaxia”, á beira dos almanaques de “Rio Tinto Patiño” , sobre o mostrador e á espera cadros, alí enmarcados, de Laxeiro, de Manuel Torres...E si acaso sostendo como clientes a conversa o gaiteiro de Soutelo, Aquilino Cachafeiro, don Antonio Fraguas, Faustino Santalices... de Chamoso Lamas ... Son imaxes que forman parte dun.

 

E si quedan, resisten algunhas pedras co bafo dos seus silencios, tal como a Casa dos Quiroga, competindo cara a cara co Concello, praza por medio, tamén nas súas pedras as cicatrices de mil batallas, toldos, carteis, cables, egos... na Costa de Flores abaixo as máis humildes, vellas  pero ben organizadas pedras da casa patrucial de Benito Muñoz Bermello, casado con Asunción Rodriguez, a casa dos “Reque”, xente de feira, feitos nos camiños,  gandeiros de sona por unha e outra banda do mapa de Galiza. Casa con patín, eses chazos de acceso que tanto serviron de tribuna pra Calvo Sotelo como pra tantas conversas en tardiñas de raxeira estival baixo a parra...a solaina, no interior a lareira, o comedor, os cuartos onde naceu e morreu parte dunha casta e rango...a palleira e as cortes, os cuartos dos criados, o que hoxe é “a Bodega”, con algo de pub irlandés, “anyway”, pero aínda cun acougo e un sopro de pasado...Toda unha historia aínda por contar e da que ben sabe, como poucos, quen a mantén polo simple gusto de manter a súa, a  nosa propia historia, de recreala lembrando a Pepa Loba por estes lares,  Rosa Nuñez Muñoz, que en idade, xunto co Senén, párroco de Astureses, son os dous Reques patrucios de hoxe.

 

Iso si, aínda queda - e que sexa por moitos anos, así o esconxuramos - algo ao que se lle teme por iso non se atreven, polo de agora, a tocalo, por ter nacido con vocación eterna. Referímonos as pedras das sepulturas de ricos, pobres e medianos do cemiterio de  Señorín, todo unha lección do que fomos.

 

Máis polo de agora e como manda o santo protocolo festivo, aturuxamos, poñemos ao pe do cruceiro da Eira, unha croa tramada de carballo e loureiro. Brindamos logo cunha cunca de louza con tinto espeso de Cabanelas e así, xuntos compartamos un maiúsculo  ¡¡Viva o Carballiño!!! e como non, seguindo as tradicións que endexamais traizoan, celebremos con misa e procesión incluída ao noso avogado santo patrón contra meigallos e malos fados, o celebrado San Cibrao que ben aquece nas incertezas.

 

E no día do San Senén, padroeiro dos viñedos contra a sarabia, 2019