OS CASTROS E AS ESPLOTACIÓNS MINEIRAS
OS CASTROS E AS ESPLOTACIÓNS MINEIRAS
O río Arenteiro é un auténtico guieiro natural de camiños (de Oseira ó Miño), vixiado por castros, habitats da protohistoria que de diferentes xeitos foron romanizadas, debido ó interese da economía baseada na riqueza mineira e na metalurxia. Cidadelas con certa magnitude e senso estratéxico, non alonxadas de grandes e extranos complellos mineiros que a tradición popular relaciona coas “trabes de ouro e de alquitrán” dos míticos habitantes do pasado, os anticristiáns “mouros”… Ruínas sobre as que se contan lendas que se perden nos bicos dos máis vellos. E velaí que a gran ” Cidade de Antioquia” é o castro de San Cibrao das Las (e digo das Lás, tal como din os paisanos e os documentos do pasado). Espacio ideal para decatarse do valor estratéxico e económico do asentamento galaico-romano: vixia do decorrer do Miño e máis das bisbarras que marca o rio Barbantiño, o Arenteiro e o Carrás, entre os Chaos de Amoeiro, os Montes da Martiña, a Madanela, Pena Corneira e Coto de Novelle… espacios ben enxergados dende a viciño Trasalba por Otero Pedrayo . Perto do castro outea, como outeiro sacro que foi, o Monte de San Trocado coa súa capeliña dedicada a este díscípulo do Apóstolo, enterrado en Santa Comba de Bande e reliquias veneradas en Celanova. Abaixo o pintoresco e antolóxico conxunto parroquial de Ourantes, e polas encostas abaixo, entre socalcos esquecidos, os restos dun proceso de decantación mineiro que ten que ver cos pétreos pilóns estudados por Chamoso Lamas , xa perdidos ó facer os enlaces da autovía. Moitos e antolóxicos xacementos arqueolóxicos hai por esta banda, por exemplo o Castro de Amarante, entre Maside e Dacón, nas súas proximidades, relacionado con estos asentamentos e perto da aldea de Negrelle, está o puzo mineiro do Lago, descrito pola Condesa de Pardo Bazan en “El Cisne de Vilamorta”. Non lonxe do Torrón ollamos o castro do Penedo e outros que vixián o Arenteiro como o de Moldes, Cameixa, Meimón en Feás, o grande castro de Magros en Bearíz, e os máis achegados ó Carballiño, como Mudelos,
perto das antigas esplotacións mineiras de Madarnás. Mosteiro, Souteliño, e os do Irixo, o enigmático recinto de Corneda, Orros, Cardedo, perto do que se atopou nun arroio a arracada aurea, tan orientalizante e que don Bernardino González soubo recuperar para o Museo de Pontevedra. As que foron vellas cidadelas, hoxe habitadas pola soedade e por ese mar de piñeiraes, ameazadas pola ignorancia, vixiadas polas que foron referencias para orientación de camiñantes de noutrora, “faros” ou “fachos” nos camiños, que son a Pena Negra e a Pena Escrita, outeiros controladores do paso do Foxo do Cabrito. Castros, habitats sabidos e catalogados polo arqueólogo Florentino López Cuevillas, amigo desta terra na que pasaba parte das súas vacacións estivais.
E o Arenteiro, polémico no seu análisis toponímico, rio que vai facilitando ó longo do seu curso e do tempo a construción de pequenos encoros, presas e canles para muiños, aserradoiros, fábrica de papel e piscifactorías, as que poideron ser reaproveitadas dende que en época romana serviron para un proceso de decantación de minerais: velaí as presas da Ponteveiga, do Cuco, das Tres
Penas no Balneario, a da vella fábrica de papel de Bernardo Taboada, que logo serviu para canle da Piscifactoria. Aquí mesmo o río Arenteiro da unha curiosa e coido que forzada reviravolta, entre as penas da Lavandeira. Espacio de grande interese arqueolóxico e sobre o que campa a Pena dos Enamorados, onde aparte da beleza paisaxística no entorno dos vellos muiños do Filomeno ou das Lousas. Nesta área hai moito en relación co interese romano, dende lavadoiros de decantación ata restos dun descoñecido asentamento que ten vida altomedieval. Esa continuidade romana na bisbarra ofrece outros vestixios, como os atopados casualmente ó construir o Grupo Escolar. Alí aparece o que din un “forno” en ladrillo e que se complementa con outras antigas i esporádicas pegadas, non estudadas, pero pola contra documentados polos testemuños orais e pola mesma topografía. Non hai máis que camiñar ó longo da congostra vella que por detrás da escola leva á “Fontiña Ferrada” de Carrás. Por algo os máis vellos dicían que o Carballiño nacera en Carrás. Por aquí mesmo pasaba o vello camiño a Mesego, Señorín e Torrón. E velaí esa adiviña de cantar de arrieiro, contada nas horas de lecer no carromato ou ó pe da lareira que di “Da Fontiña do ouro á Fontiña Ferrada hai unha trabe de ouro que reloce en toda España” (de Señorín a Mesego, da alborada ó solpor fai o seu camiño o ouridourado sol).