PREGÓN FESTAS DE SAN VICENTE DE ELVIÑA 2019

Ampliar: Elviña 1920



O sábado 14 de setembro 2019 tiven a honra de abrir romería en Elviña con tradicional pregón. Difícil tarefa a de imitar aos bardos castrexos pra celebrar pasados e non dar a esquecemento nunha aldea asoballada ata pola mesma Universidade.

Xente boa e xenerosa de Elviña, benvidos, benvidas á rolda da festa  feita romaría

A vosa Romaría , xa que iso das romarías é cousa sabia e galega, a nosa “Resurrectión Fest” galega, adas tradicións arredor da paisaxe e da paisanaxe.

Grazas por ter recibido servidor o encargo de cumprir aquí e agora cun ancestral papel pras festas de noutrora, rememorando aos bardos célticos. Bardos da tribo que eran poetas, contadores, cantores das esencias do pobo. Pregoeiros pois que mesmo quizais conviviron e animaron encontros anunciando primaveras baixo este ceo e nesta terra presidida polo Castro ou alto dos Curutos, a que quizais fora a Brigantia dos Ártabros ...pois  aínda lle queda a Arqueoloxía moito por desvelar. Así é que recollendo aqueles  vellos xeitos bárdicos correspóndeme agora e aquí, no tempo xusto, cando se anuncia o outono, lembrar e enxalzar as glorias pasadas, mesmo tamén esconxurar os aldraxes vividos, os que foron e seguen a ser moitos ... en fin,  ansiar  xustiza e esperanzas futuras que deben ser as máis. 

Elviña ben merece o mellor, pois á forza, e sempre que un  sae ou entra na Coruña farao a través dese portelo vello e orixinario que é esta parroquia que hoxe celebramos, Elviña. Cousa ben sabida e en moitas miras,  as dos amantes da paisaxe, as dos poetas, escritores, de buscadores do pasado...pero tamén dos negociantes e dos especuladores. 

 Pois velaquí veño, e aquí estou, moi agradecido, como nos vellos tempos, convidado por obra e gracia da resistencia galega dos amigos e da resistencia do “Tempo Novo”,  colectivo, exemplo de constancia, que nada pide e nada debe, froito da súa liberdade, senso comunitario que é  estralampo, "Relámpago" facendo honra ao nome do seu paciente club de fútbol, Colectivo que agora compren de mordomos ou Comisión de festas,  amantes e defensores do seu, os que reclaman canto significa a identidade, esas tradicións que endexamais traizoan, as dunha parroquia caracterizada por moitas desas orixes nas que radica a orixinalidade, pero tamén usurpada, expropiada do seu mesmo ser, pola ignorancia e polo desamor.

 Cumpro pois coa encomenda de pronunciar o PREGÓN das festas de Elviña, recado co que cumpro feliz, mesmo como se se tratara dun premio, por canto significa pra min, pros meus inicios como arqueólogo neste mesmo territorio, cheo de tantas esencias arqueolóxicas, etnográficas, herdanza solidaria dese “Nós”, plural, da sempiterna Galiza. Pois tratándose de non dar a esquecemento recordamos tamén que un PREGÓN é un prego, unha suplica de sete estralos, maiúscula e con estrondo final pra  encetar con el festa sacroprofán cando a tradición di que toca celebrar en honra do santo patrón, o San Vicente, santiño que sigue tendo  o seu día, quizais a súa novena e o seu sitio e todo o respecto. Cousa nada fácil nestes tempos nos que tantas tradicións están sometidas ao supermercadeo, mércanse por catálogo mesmo os pregoeiros, cómicos da televisión, animadores de Orquestra, desas grandes orquestras que co seu palco ocupan case a parroquia enteira....Por iso o traer como pregoeiro  a un amante e defensor do pasado, desas raiceiras nas que radican tantas cousas de futuro ten o seu mérito.

Celebramos ao Santo Vicenzo, sabendo que santos Vizenzos hai moitos: mártir, abade,  Ferrer, de Paul...pero na  vella parroquia de Elviña o venerado é o mesmo Santo Vicenzo con tanta devoción en pobos mariñeiros, o santo que con Santo Antonio de Padua ou de Lisboa comparte o Padroado da cidade de Lisboa, que non é pouca cousa. O San Vicente Mártir verdadeiramente celebra  festa cada 22 de Xaneiro, pero o bo tempo do fin do verán, cando comezan a acougar tantas cousas, permite mellor os traslados, a maior concentración... e iso tamén se trastornou .E aínda hai esoutro Santo Vicenzo, o San Vicenzo Ferrer, dominico predicador e cristianizador de tradicións célticas que se aventurou a dicir que a Coruña sería engulida e asolaga polo mar... San Vizenzo ten igrexa parroquial románica, asentada quizais sobre vellos templos pagáns. Pero non estamos aquí pra avaliar profetas, nin tan sequera o bo facer dos santos, estamos pra anunciar , celebrar festa e asentar a tribo parroquial de Elviña que son moitos lugares.

Elviña  foi parroquia nacida ao pé do camiño vello, a Vedra, que daba entrada e abría outras vereas ao ismo da península da Coruña  e á que estaban adscritos os lugares de Castro, Feans, Laranxeiro Mesoiro, Palavea, Pedralonga, a Pasaxe, río de Quintas e o Vío. E cada 22 de cada mes, número dedicado ao San Vicente,  Elviña tiña marcado no almanaque a feira, concorrida  en solicitude  dos produtos da súa boa horta: grelos, a graíña, verzas....e mesmo boas uvas moscateis, produtos que os veciños xa daquela estaban obrigados a repartir en renta ao mosteiro de Santa Bárbara da Coruña, pois este territorio foi dende o século XIV ao XVI dos Gómez Pérez das Mariñas, pasando o seu herdo ao famoso fidalgo Roi Xordo, dos Andrade, o que tomou bando opolos irmandiños da Fusquenlla.. son estes os devanceiros rebeldes dos de Elviña. Finalmente parroquia repartida entre o convento das Bárbaras e o mosteiro compostelán de San Martín Pinario.... tal como contan as memorias do arcebispado de Santiago no 1607... os documentos que falan de Elviña non faltan.

Non pode ser pra menos  canto contemos aquí onde estamos, vixiados polas orixes, pola Prehistoria e a Historia do monte dos Curutos, como se dicía antes ao que é o Castro, unha civitas ou cidade con orixe na Idade dos metais, romanizada antes de cambiar a era, a que, pasado o tempo e abandonada serviu de canteira, de onde mesmo se sacou a pedra da mesa presidencial do salón de plenos do Concello da Coruña, alternando no centro coa arrincada das canteiras da Torre de Hércules. Elviña e a  Torre son dous símbolos nos dous extremos e nas mesmas orixes coruñesas. Curutos, observatorios estratéxicos en tempos de batallas como a de 1809, nos sesenta base pra torretas eléctricas, mázinger de alta tensión que perante décadas incumpriu leis por asentarse en territorio arqueolóxico protexido, empresa eléctrica  asentada na Coruña denunciada polo  lembrado arqueólogo Xosé María Luengo, home bo que tantas ilusións e pesadelos tivo co Castro de Elviña. Asuntos seguidos de toda unha xeira  ou mostrario de aldraxes á terra, á xente, á propiedade, á Historia, á cultura. Tanto así que dende as mesmas administracións até mesmo se triparon, como se fose polas ferraduras do cabalo de Atila, e se mudaron a capricho os nomes dos lugares. Pérdense os saberes achantados nese anfiteatro debuxado entre os pedregoso Monte das Arcas e dos Curutos, corados por sobranceiras penedas de nomes que dan moito que pensar.  Precisamente  en Pena Redonda, estibo até entrados os anos oitenta do pasado século a  casa brasonada dos devanceiros de Simón Bolivar, a dos Jaspe Montenegro, onde o Libertador pasou noite de vodas denantes de embarcar.... Penedas  tronzadas das que se sacou  pedra pra a edificación do frontal do madrileño Círculo de Belas Artes, arquitectura do galego Antonio Palacios. 

Elviña é val con microclima no que tarda en entrar a brétema, onde apozaba o regueiro das Hortas e máis o de Someso creando unha braña, humidal propicio  ao liño, aos xuncos, aos vimbios, ás espadanas... materia prima pra ancestrais artesanías,  por iso mesmo  a Elviña dos bisavós foi terra de cesteiros, cordaneiros, das cordas  tan necesarias pros traballos do mar... pero tamén foi de zoqueiros ... Lameiros  ribeirados de farturentas hortas e leiróns con campos de froiteiros, loureiros, fontes e lavadoiros, moitos lavadoiros, terras de lavandeiras. Espazos modificados agresivamente  a través dos anos polas obras das ribadas pro ferrocarril, polas explanación e construción da Cros, empresa Fertibeira que, pra máis Iri,  lle deu, por algúns anos fume e cheiro fedorento a Elviña, iso si, a cambio dalgúns traballos pra veciños que preferiron quedar a emigrar.  Daquela industria contaminate ainda queda sepultado o "regalo" dos seus verquidos tóxicos. Antes era o porto, as fábrica de tabacos e a de armas as que daban traballo a boa parte da xente ... Vellos lameiros de Elviña ocupados hoxe por supermercados e as facultades da Universidade....

Paisaxes e paisanaxes maltratadas, gran aldea que revelando tanta historia, non perde o senso rebelde do pobo: expropiada por uns e por outros, por plans urbanísticos que aproveitan o seu estratéxico valor na urbe. Aldea maltratada entre a asepsia dos polígonos, de accesos de asfalto,  das rondas, das industrias, das naves feirais, de galpóns industriais e entre todo o que é paradoxo  unha Universidade na que se forman os técnicos do futuro.

Encontro festivo ao que aquí convidamos, romaría pois arredor das orixes, das tradicións...e como non,   dunha mesa e do bo facer da cociña, dos contos, dos cánticos da nosa música. Trátase de recuperar o senso da romaría, da antiga tradición coruñesa das merendiñas, onde a paisanaxe se atopa coas súas paisaxes... Por algo hai máis dun século Elviña foi lugar escollido polas Irmandades da Fala da Coruña, para asentar esperanzas e recobrar forza solidaria. Paraxes buscadas polo pintor Lloréns, de Xermán Taibo, Seijo Rubio... pra interpretar  dende a ótica impresionista os horizontes do  misterioso outeiro dos Curutos , do seu piñeiral, do souto, o  Monte do Gorrión.... 

Entre as lembranzas  sentimos que , de vivir, non faltaría aquí , entre nós  Xosé Fernández Sánchez , o pintor expresionistas  destas paisaxes e aconteceres, das multitudes destas romarías tratadas con grosas pinceladas,  Pepiño de Monelos.  Tampouco faltaría Milucho, o guarda municipal bo, ante todo de Elviña e a quen se lle dedicou praza en honra popular.

Paisaxes que vimos mudar, pasar de ser agras a ser urbanizacións:  a Ponte da Pedra, a Costa do Quinto, a quinta do Carracedo  e dos Cernadas co  lavadoiro dos Mechos... E aquelas penedas  que orientaban na paisaxe , esfaragulladas para servir de cantería en construcións:  a pena do  Castelo, a co Cuco, onde Manolo Rivas tivo casa con vistas ao Castro, á Torre e ao seu Arco Ártabro";  a  peneda do Galiacho, coa pegada do que dicían a ferradura do cabalo de Santiago.... a Pena Longa, a Pena  Redonda...  O Escorial, coa Casa do Cura, reitoral  ou Casa do Francés, asentada no que foi famoso piñeiral e onde seica Soult tivo o  seu centro estratéxico na batalla do 16 de xaneiro do 1809  sobre as tropas inglesas ao mando de Moore, a que pasou a ser memoria inscrita nos mármores do Arco do Trunfo de París.... Monte no que estaba a que foi casa de recreo e retiro dos dominicos da Coruña, xa desaparecida.... o monte do Peñasquedo cos restos dos polvoríns, os da Lagarteira e do Feiteiro, destruídos no 1809... e no alto o Monte das Arcas.... abaixo, a carón da braña , a Casa do Lagar que pasou agora a chamarse Casa da galería, casa de indiano de o Pilar, a casa dos de Lucho, expropiada, recentemente expropiada, baleirada á forza  cos `propietarios dentro e os veciños fora, enfurecidos polo abuso.... pro que se prometía ser  e nin é, o “ofimático”... E as farturentas fontes de auga cristaíña e fresca: a das Salgueiras, os lavadoiros... Lugares e casas unidas por vellas vereas, congostras de rodas de carro marcadas no chan de pedra: o Camiño de Garamelos, o Camiño Real que subían cara ao monte das Arcas e ao Orro de Altamira....ou pola outra banda os camiños que subían cara ao Monte Mero de Eirís, o que  con Elviña controlaba o paso polo istmo da Coruña.  O camiño de Palavea ao Portazgo, co seu fielato, , os camiños do Castelo cara Mesoiro, os camiños do Martinete ou do Poupón, o camiño antigo, Real, fondo, labrado nos terrón polo paso da xente, o de Saramelos, á spmbra dos loureiros, o biouteiro, os carballos e os salgueiros...Dos que mesmo se trastocaron e se deixaron perder os seus nomes orixinarios pra ser Elviña I, Elviña II, o que era Someso, o Mato Grande, Monelos, mesmo ao que era a Felga púxoselle o pretencioso nome de avenida de New York... esquecendo tamén o nome de casas e de familias labregas que así foron os de Elviña, denantes do acoso, do engano, da expropiación tras a expropiación e a especulación do chan. E no pasado a importancia dun concello desaparecido, fagocitado pola urbe, o de Oza. Escenarios de sagas familiares, con alcumes como sempre foi: os Trancas, os do Costureiro, do Nenuco, os do Outeiro, os de Bras, os Cotovios, os de Toba, os Mariñas, os  do azafran, os de Ventura... Manolo Rivas en "As voces baixas" recupera nomes, sitios e historias desta súa tribu.

Elviña, é niño de antigas lendas, moitas delas recollidas pola miña amiga, arqueóloga formada nas escavacións arqueolóxicas do Castro nos meus tempos, Ana Isabel Filgueiras, contos de lareira que falan da mina ou trabe de ouro que vai dos Curutos ao Lagar, de mouras, da galiña e dos poliños de ouro, dos tesouros dos castros.. contos e mitos acontecidos entre lugares con toponimia xa perdidas entre o asfalto:  Bousoas, A Laxe, Nixede, Augarríos, a Cortiña... Revandas, Carballeira, Viramontes, Lodeiro na banda do Lagar e a Maiciña, a Agra do Bico, perto do Castro e aos cómaros da  Cavaxe, as Fabeiras, a Agrela, os Candados,  os Sobrados.... e aquelas casas cos cabaceiros enxebres, co seu celeiro por baixo, a Casa da Cachana, as que foron do ilustrado Marqués de Paredes...hoxe pardiñeiros sobre os que campa o fungo de cemento da facultade de arquitectura. Todo un símbolo entre pasado e presente.

E lembramos casas e aos seus: a Casa do Serafín do Pejo, aos Barreiro, propietarios de boa parte do Castro, xunto  co carniceiro Valentín Fernández Sánchez... Os do Campís, os Chao, os Candame que trunfaron a nivel mundial na arte da ourivería.... Onde tamén as monxas franciscanas eran  herdeiras de boas propiedades...e aquelas tendas, como boticas nas que había de todo e se falaba de todo, a de Leonor, a do Cachelo,  Fringale, a de Castela...

Pois veña festa despois deste homenaxe ás lembranzas, que pra iso estamos .

E agora digamos todos: ELVIÑA cando eu diga .... Vos decides ELVIÑA

Porta e gloria da Cruña: ELVIÑA

Nas orixes da Cidade: Elviña

Cerna de antigos saberes: Elviña

Leal á Terra e ás Tradicións:Elviña

De xente traballadora e boa:Elviña

Sufrida e con memoria: Elviña

Xenerosa en exceso: Elviña

A que non da a esquecemento: Elviña

Da inxuria o rudo encono: Elviña

Onde dicimos Rivas e dicimos:Elviña

Onde non se perde a esperanza:Elviña

A onde sempre se volve:Elviña

Onde o Tempo é novo: Elviña

A quen sempre se quere:Elviña

E sempre na Memoria:Elviña

Onde se celebra ao San Vicente:Elviña

E a María santísima:Elviña

Viva pois a Romería de: Elviña

E Viva sempre  pois ELVIÑA

ELVIÑA

ELVIÑA 

ELVIÑA, miña e vosa



Así que AGORA E SEMPRE ELVIÑA  



Por Felipe-Senén

14 de setembro do 2019, festas tamén no meu Carballiño