Outros lugares aínda enigmáticos

Ampliar: San Xoán da Cova, Vedra, paso do Ulla.Pintura O. Murguía.



Galiza califícase baixo o tópico de ´país máxico´ e faise por descoñecido. Quedan ainda moitos lugares descritos en vellos e novoslibros que merecen atención arqueolóxica, que quere dicir conservar e sumar a ese crevatestas de escenarios históricos.

Por vellos libros, por contos de antes, por testemuñas e pegadas aureoladas de encanto, sabemos que  hai  outros lugares non  ben desvelados. Sitios que neste cabo do mundo forman parte do tópico a envolvelo todo na neboeira, en negras sombras,  na noite ou no loito, en halo misterioso no que aniña a superstición. Así pois Galiza país máxico... por descoñecido.

O  “Libro máxico do  San Cibrao”, o “Ciprianillo” atribuído ao San Cibrao, pero con aportes do saber popular sumados ao longo dos anos, refírese a lugares concretos e con tesouros... Pero hai moito máis, libros sobre coñecementos vividos, como a “Viaxe a Galicia” (1745) do bieito Padre Sarmiento ou a España Sagrada (1747) do agostiño Padre Flórez, entre outros que pese a estar envoltos en teimas subxectivas ofrecen atractivas referencias. Velaí as “Antigüedades de Galicia” (1875)  de Ramón  Barros Sivelo  as pescudas, do alaricano Conde Balvís ,  “La Comarca de Ortegal”  (1954) de Ramón  Bascoy Pérez, as pescudas de Federico Maciñeira nas súas terras de Ortigueira... e sobre todo a “Geografía de Galicia”(1926-30)  dirixida por Carreras Candí, entre as Historia de Galicia de Vicetto  ou a de Manuel Murguía, na que tanto contan os escenarios e os obxectos históricos como os mesmos feitos.

Así que, velaí entre  o enigma do esquecemento  e os dolmens  máis atractivos o da Arca da Piosa, en Zás, no que o bardo Pondal  quere ver a tumba do guerreiro Brandemil. Terras estas dos celtas supertamaricos,  nas que tamén se atopa a gran mansio romana de Brandimirum, clave na administración territorial imperial. E da que mesmo sabemos, polos epígrafes, que tiña sacerdotes deluchos, os que levan o facho nas festas agrarias de Ceres...

Sitios enigmáticos como na Baña  na parroquia de Toitosende, o lugar de Vilacoba  ou Eira dos Mouros, onde se atoparon estelas funerarias do tipo galaico-romano. Algo así, similar pasou en Tíns (Vimianzo) ou en Moraime (Muxía), en Mazarelas (Oza dos Ríos)... mesmo na cripta do templo inacabado de Santa Mariña de Augas Santas, baixo o castro de Armea, en Allariz...

Entre tantos lugares perdidos, escuros: illas, insuas, furnas, covas, minas, trabes, arcas, fontes, lagoas, corgos, pozos; pedras fitas, mouras, abaladoras, agoreiras, de namorados, insculturadas... aliñamentos, curros, mesmo ruínas de templos ou castelos, así como canto poñemos en relación cos mouros musulmáns, o  que, en moitos casos, entenderíamos máis ben en relación co verbo latino “moneo”  (avisar) .  Mouros como sobresaíntes rochedos, lugares ou seres mitolóxicos que  memoran, advirten, guían...

Lagoas como a de Alcaián en Seavia Coristanco, onde se sabe de ofrendas dende a primeira Idade dos Metais...o que poido acontecer noutras, como a mesma Fonmiñá, as Lagoas do Ollo en Baamonde, os antigos  buracos mineiros asolagados, como o Puzo do Lago en Maside...

  Ou entre os lugares baixos, inferniños, infestas,  veigas e brañas , furnas, que compiten coas de Merlín no reino de Camelot, abertas ao mar, coñecidas dos mariñeiros e nun pasado por fuxidos e piratas, como a do Galo en Arteixo, as do baixo a Torre de Hércules, as do Seixo Branco ou as do Limo en Cariño, o Puzo do Inferno en Ons...

Entre as illas, en Corme a da Estrela, con restos dunha ermida cristianizando o lugar, e que as tradicións falan en relación cos misioneiros  irlandeses...Mesmo a illa do Castelo, próxima ao cabo de Touriñán, con vestixios romanos...

E, entre tantos altares ou Picos Sacros en terras de  Tomiño o  Monte Tetón, coroado por petón con petróglifo de  círculos concéntricos que apunta ao ceo...O Padre Sarmiento,  Esmorís Recamán abonda sobre  a súa terra, Fisterra, sobre o Monte Facho, as Pedras Antas e o enigmáticos altares do Monte do San Guillermo, proba da misión cristianiciadora dun recinto sacro con cova e restos dunha ermida na que aínda perviven cultos fecundativos. Atraentes asuntos recollidos por Benxamín Trillo, por Marfani Vilarassu  e mesmo por Camilo J. Cela en “Madera de Boj”. Nesta mesma liña a cima da Penafiel do Pindo, preto da fervenza do Xaias, onde campa unha inscrición medieval que prohibe os cultos pagáns ...O San Trocado sobre o Castro das Lás no ourensán concello do San Amaro e tantos outros. 

O misterioso paso do Ulla en terras de Vedra, en San Xoán da Cova, en relación coas lendas das covas do Pico Sacro e coa Raíña Lupa, reutilizadas, fenómeno  xeolóxico e  que a tradición di feito polos mouros, quizais  como un Montefurado,  onde  ademais houbo  un mosteiro altomedieval, lugar pintado por Ovidio Murguía.

Uxio Carre Aldao na Xeografía de Galicia e na parte correspondente a Padrón detense no Monte de San Gregorio, chamado antes do Burgo (Santiaguiño do Monte) , describe o lugar e refírese á fonte “que quiere la piedad fuese un milagro del Apostol”. Di que o mantial atopase debaixo do altar, como pasa noutos moitos santuarios con romaría de Galiza,  mesmo nos que podemos intuír cultos priscilianistas. Di que “La pared que limita la fuente deja al descubierto la parte superior del arco. Penetrase por aquí arrastrándose. Las paredes del interior están pintadas al fresco, con ornatos un tanto groseros del estilo romano o pompeyano”.

Mesmo Amor Meilán, na devandita Xeografía de Galicia ao referirse ao territorio courelá da Seara, ao lugar de Vilarbacú, coñecido tamén por escuras historias arredor do volframio, dos alemáns e de penados, apunta que, “en dichas minas existía una figura humana, de tamaño mayor que el natural, especie de ídolo...destruído no ha muchos años,  aparecieron objetos diversos...que remiten a cámaras sepulcrales....” cuestións similares ás escoitadas sobre o Castro de San Vicente en terras ourensáns de Avión, no que se veneraba un ídolo que o cura, axudado doutros veciños, fixo roular monte abaixo...tamén temos escoitado do arqueólogo Santos Junior,  sobre a existencia na provincia da Coruña dun ídolo verraco, que recibía ofrendas por parte dos fregueses, igualmente mandado destruír.

Bascoy, moi afeccionado a escoitar aos paisanos, no Puzo do Inferno en Ortigueira, próximo ao Castro-Castelo do Casón... escribe que na difícil entrada desta gorxa polo que corre o río está labrada a cabeza do Cancerveiro, como a Dama Mariña sobre o  Coido de Bares.

Mesmo  outros espazos fundamentais, aínda dentro da  máis que histórica Catedral de Santiago,  escurecidos polos cambios efectuados no  tempo e por unha confusión interesada como é o Panteón Real e a Capela das Reliquias, reliquias de santos e de reis que afianzaron a construción dun imperio cristián fronte ao islam...

O esquecemento  non é cousa do pasado máis remoto, tamén o é do inmediato. Velaí  o colexio xesuítico de Camposancos que foi de magníficos profesores e alumnos, onde xermola o nacionalismo vasco e galego....pra ser checa na Guerra Civil...

Aínda quedan outros e moitos escenarios “máxicos” da Historia real de Galiza.

29-setembro -2019