A SAGA DE YAGO, O VIQUINGO GALEGO

Ampliar: Novela LA SAGA DE YAGO



O escritor e especialista en temas atánticos, celtas e viquingos, Manuel Velasco, crea unha novela no que o persoeiro é Yago, un neno galego raptado e adoptado polos viquingos. Feito que aproveita pra describir a vida e os periplos nórdicos

Manuel Velasco é da saga de manchegos viaxeiros e célebres con punto de ida e volta en Madrid, divulgador da historia da cultura do occidente atlántico. Confíns entre os que está Galiza, caracterizados polos que os romanos chamaban “celtas”, con sucesores máis destros nas artes do mar, os viquingos.  Bo comunicador, autor de artigos e libros en relación con arqueoloxías, entre os que priman os temas nórdicos, países e temas con magnetismo. Autor de “Breve historia de los Celtas”, “ Breve historia de los Viquingos”, “Territorio vikingo”. “Tras las hueyas de los vikingos”, “Eric el Rojo” “La muerte de Beowulf y otros cuentos vikingos”, “Nacido en Vinland” este sobre a chegada dos viquingos, uns cincocentos anos antes que Colón, ás costas de Terranova e Canada. Temas nos que polo rigor non faltan mencións a Galiza. Inspirado na arqueoloxía, na etnografía, nas sagas éddicas e como resultado “La Saga de Yago”, novela histórica ben fundamentada, axeitada pra afacerse á mecánica da lectura, e afeccionar a arqueoloxías, a viaxes e a temas oceánicos, a abrir os sentidos a un mundo que compartimos e administramos temporalmente.

 

Saga de Yago está contada como si mesmo fose un canto, unha edda viquinga,  acontece arredor do temido ano 1000, cando os enfurecidos normandos, vencidos e vencedores, entre eles o guerreiro Olaf Haraldsson, encarnación do intrépido heroe do pasado, do que se fai santo viquingo, invade Jacobusland. Unha nave , un drakkar viquingo, como un dragón, fura polo Ulla, desembarcan, queiman, rouban e asasinan aos habitantes de Catoira e collen como refén ao fillo do ferreiro, Yago, quizais pra facer del un escravo. E velaí ao persoeiro desta cinematográfica novela que entendemos de obrigada lectura, ao menos para os armadanzas do “Desembarco vikingo” de Catoira.  Velaí o inicio dunha odisea do cristián Yago  polos mares viquingos, aínda que sempre medindo o mundo dende  a súa orixe, coa morriña das súas tradicións, de Compostela, do país dos camiños sinalados polas estrelas. O rapazolo Yago, dende que é raptado estará baixo a protección do experimentado viquingo Gunnar, compañeiro de fatigas de Erik o Roxo, xa que lle lembraba a un fillo seu morto, da mesma idade, deica adoptalo e facelo herdeiro.

 

Pola convivencia Yago  experimenta o que hoxe chamamos “síndrome de Estocolmo”. Pois o galego vai  atopando no seu protector ao heroe guerreiro e aventureiro co que soñaba. Sen perder as súa raiceiras identificase cun pobo  aventureiro, viaxeiro, comerciante, leal aos seus deuses, os que tamén acaban sucumbindo a un cruel cristianismo por San Olaf.

 

Días e noites de navegación, treboadas, mercancías e botíns perdidos, incursións, saqueos a núcleos cristiáns ou islámicos, atraídos polos tesouros litúrxicos. Acumulando así historias que serán contadas e cantadas en asembleas, na noite e á luz do lume, entre o correr do viño e onde as palabras “espada” e “prata” eran as máis repetidas. Entre eses encontros e desencontros o mesmo Olaf, identificándose co valor de Yago regálalle un puñal árabe e con tal lombeirada de aceptación o rapaz vaise emborrachando do orgullo viquingo. Traspasan o Guadalquivir e as Columnas de Hércules que dicían os gregos, saquean cidades de Al-landalus... Deixan de banda a Torre de Brigantia  e conta a súa historia.... Novos viaxes, planificando rutas de saqueo ou mercadeo, agora baixo a dirección do experimentado Onund...  por un mar no que verdadeiramente se sentía ceibe un viquingo. Tormenta, naufraxio,  o barco esnaquizado, entre táboas que servían de auxilio, sede, resistindo á tentación de beber a do mar.... As ondas entrégano a unha illa na que será atendido por monxes e ao dar a súa identidade e dicir o nome de Galiza, ábrenselle as portas. Fora parar á illa esmeralda de Erín, estaba nunha comunidade celta cristián, onde se atopa cun vagamundos galego feito monxe, de nome Froilán. Momento pra falar dos deuses celtas, Cuchulainn, Lug, das súas celebracións en relación cos solsticios, do lugar sagrado de Tara, dos santos Kevín, Patricio, Columbano.. como druídas celtas cristianizados. Detense explicando a significación da illa, do eremitorio de Iona, así como do Libro das Invasións a Irlanda (Lebor Gabala Erenn) , entón da antiga historia de Breogán de Brigantia... E unha volta por aquela illa con tantas semellanzas paisaxísticas e históricas con Galiza, escoitando  lendas e vendo ritos e costumes moi semellantes ás súas cristiáns: a festa dos defuntos, abrindo o outono, o Shamaín... e como non a visita a Dyflin e á comunidade de misioneiros da sorprendente rochedo, a illa-altar de Skelling...e viaxe cara ao Ulster, a escoitar, ver e sentir os mitos da Calzada dos Xigantes, monumento natural, atribuído ao esforzo do atlante escocés Finn.

 

Todo un viaxe turístico feito máis alá de mil anos atrás. Nova partida, agora será negociante Asmund, novas amizades, entre elas a do mendigo Ranvaik, do que se apiada e axuda a embarcar nunha nova aventura..pra resultar ser un experimentado ladrón de estrañas prácticas e que nun despiste deixa a nave sen as súas mercancías...persoeiro que aparecerá na historia  e noutros capítulos como pirata. Dinamarca, o país dos Lagos, Laponia e sempre a volta a Noruega, atopándose con novas circunstancias propiciadas pola acollida ao cristianismo por Olaf... destrución de poboados, da casa dos seus adoptores...historias de meigas entre borracheiras de cervexa ou augardente...novas aventuras no transporte de troncos de madeira, Islandia, Groenlandia, a terra do xeo e do lume que fora descuberta por Erick o roxo...as saunas, a unión do día coa noite... pra xurdir un triangulo amoroso, a loita por Gró, unha moza das illas Orcadas, supervivinte dun naufraxio, adoptada polos anfitrións de Yago.

 

E así, entre a terra e un ceo no que as estrelas invitan ou prohiben navegar, Sirius, as Pléiades... vanse tramando, facendo e refacendo  os mapas. Navegando sobre barcos  chamados “Serpe escura”, ”O Eterno”, “Corcel do fiordo”.... e persoeiros cos seus alcumes: “Ollos de aguia”,  “Perna e media”, “Bacallau”... ou nomes que normalmente comezaban por Thor, en alusión ao deus do trono, da forza e da xustiza, representado co seu martelo na man, amuleto  imprescindible pros navegantes guerreiros. Tyr o deus da guerra, Egir do mar e ao que se lle suplicaban ventos favorables  Odin... os deuses da  fertilidade, fálicos, Freysa a deusa do amor...  Pervivencia de tradicións célticas que se comparan coas da patria de Yago. Os fiordos, a descrición e a vida nas granxas, construcións de madeira, teitadas de canas, as lámpadas con aceite de balea, as mesas alongadas, os escanos...a lareira a afumar peixe, touciño... Sen faltar sistemas tamén pra conxelar  a carne de balea e o peixe baixo a neve...

casa sempre disposta a recibir e a homenaxear ao amigo. A carpintería de ribeira, a construción dos drakkars, na proa coa cabeza dunha figura que esconxuraba o mal e que se retiraba cando chegaban a territorio amigo. Os templos en madeira, achanzados cara ao ceo, como pagodes, nos remates das cubertas con figuras como desafiando ao ceo...

 

Os mercados de peles, de ámbar, de madeira, de forxa, o cotizado viño feito en terras de cristiáns... o xogo de xadrez, entre outros de mesa, a asistencia dos grupos familiares ás asembleas cos seus característicos vestidos dando proba do sincretismo dos camiños. Encontros onde o  “godi”, o mais vello, convocaba a todos primeiro a escoitar as leis, recitadas a xeito de cántico e logo pra que quen quixera expuxera e se xulgara o seu caso . Encontro que era festa e feira  e que lle lembraba ao protagonista as romarías da súa Galiza natal

 

A morte no combate era considerada gloriosa, con ritos funerarios nos  que os barcos se rodeaban piras de lume, pra  logo erguer sobre eles o túmulo, como se fora unha nave emproando ao occidente... as pedras labradas coas serpes entrelazadas, pintadas de roxo, as marcas rúnicas... E un universo de símbolos, entre eles o dos corvos, tan significativo en todo occidente atlántico, en relación coa morte, pero ave de gran auxilio ao navegante, xa que si se solta a voar na incerteza do mar, collerá e indicará o rumbo da terra.

 

A saga de Yago, o viquingo galego, convida a furar entre as brétemas de países e culturas irmáns, as de confín Atlántico e de fai máis de mil anos.

13 Outubro 2019