A SOEDADE CRISTIANIZADORA DOS ERMITAÑOS

Ampliar: veracruz



OS SEÑORES DUNHA “CASTELA”, ENTRE BEADE E OSEIRA…

Nos sombrizos tempos altomedievais ermitaños cristianizadores, discípulos do de Dume o dos seus seguidores acolléronse na soedade dos montes. Como no século IX Wintila de Punxín e poida que outros varóns ben “orientados”, en relación co Val do Silencio e coas Ribeiras Sacras, cumpriron misión poñendo altares cristiáns e facendo seu mesmo sartego antropoide no entorno de fontes, penedas, bosques considerados como paganos, por ser tidos popularmente como sanadores, fecundativos, milagreiros, agoreiros… Velaí o sinfín de ermitas, senón perdidas, refeitas en diferentes épocas, en lugares de romería sempre concurridamente vivas, dedicadas á devoción de San Trocado, San Bieito, San Antonio, á Saleta… a Madanela, espacios segundo a tradición sacros, onde non faltan as penas, os mestos bosques, as fontes…

As aristocracias feudais, herdeiras da tradición sueva, disputan esta terra e costruen torreóns sobre castros e outeiros dominadores de horizontes… velaí que esta bisbarra entre Miño e Arenteiro por tal abundancia de construccións fidalgas sexa coñecida como “Castela”, o que segue dando pé a algunhos estudiosos á confusión coa Castela meseteña. Os Traba, Zúñiga de Monterrei, Ulloa, Sarmiento, sagas fidalgas que inzán terras de León e Extremadura, que chegan á mesma Andalucia e virreinatos do alen mar teñen propiedades nesta bisbarra. Un e outros litigan por estas terras gandeiras e algo máis vitivinícolas, con sona polas súas froitas, especialmente as pavias ribeirás…. O Arenteiro divide a terra de Orcellón, que máis coidamos está da banda que dá ó Irixo e Boborás, como adiante e estuda o historiador Hervella Vázquez nun moi aproveitable libro sobre o Irixo. Sendo a parte do Carballiño de hoxe, ponte de paso do Arenteiro, tamén divisoría entre as terras do Mosteiro de Oseira e a Encomenda de Beade, a xuzgar polos marcos que o sinalan en espacios ribeireños do Arenteiro ou perto das prehistóricas mámoas vixiantes. Velaí tamén as sólidos e na actualidade esquecidas pontes trazando arcas sobre o Arenteiro: a Ponteveiga, Pontarriza, Cavadoso, Pazos… por onde pasaron reis de Galiza e León, prelados, frades, licenciados, magos e meigas, feirantes, titiriteiros, gavillas de bandoleiros ….Camiños aínda hoxe labrados no chan polo paso dos pes da xente, polo tropelar das bestas e polo roular das rodas dos carros. Pegadas dos devanceiros que se perden entre os socalcos, as silveiras e a celebrada e primaveral plaga das mimosas.

Cara ós vellos camiños, sempre vixiados por algún castro abandonado, a parroquia dos vivos concentrada en aldeas, no século XII, ergue templos románicos que seguen pautas arquitectónicas da Catedral de Ourense, onde se sinte a influencia mudexar zamorana. Igrexas para alentar espiritualmente e acoller tanto ó viaxeiro como para afortalar ó ferigrés e darlle sepultura no adro: San Facundo, Mesego, Astureses, Xurenzás, San Mamede de Moldes, Cameixa, Pazos de Arenteiro… Nesa necesidade de encontro, nese ir de feira en romaría, dase saída ós productos e á creatividade, propiciada polo “ora et labora” da renovada orde bieita de San Bernardo: o cister, foi organizando, humanizando o territorio en plantacións, agras, socalcos de viñedos, en curros pro gando, en muiños,ferreirías, almazaras…. Ensináronse os saberes clásicos recollidos en Montecasino e máis posteriormente en Claraval : o manter e ampliar a cultura, como racionalizar e administrar as posibilidades do territorio, como cultivar, plantar, repartir a auga para o rego, aceas de muiños, fragas… ( “a Deus rogando e co mazo dando”); como conservar os alimentos, entre eles os salgados, os afumados, os secos… e velaí, nesa relación a sona do pulpo e das pulpeiras de Arcos. Nese principio teórico-práctico está o mosteiro do lugar de Ursaria, fundada polo primeiro abade García na compaña dos monxes Xoan, Diego e Pedro, feito que acontece sobre o ano 1137. Oseira é espacio non tan na soedade da Martiñá, senón no paso franco dos camiños cara a Compostela, os que tamén orienta a silueta inconfudible e venerada do chantadino Monte Faro, os que igualmente conducen ás “ribeiras sacras” . Oseira formou abades para o mesmo Claraval e para a portuguesa Alcobaça. Solemnes espacios que no románico século XII acollen nunha tempada ó milagreiro sabio e santo xermano Famiano, o que morre santamente camiño de Roma. E daquel saber facer e imitar, do seu señorio xurisdicional, favorecido con rendas concedidas por Alfonso VII, a fin de controlar e organizar o territorio, vanse espallando prioiros, granxas, hortas, viñedos, carballeiras, viveiros, casas da orde, con coto que chegaba ata o mesmo porto de Marín, no mar de Pontevedra . Arrieiros, feirantes, gandeiros, viñateiros, labradores viven á sombra do mosteiro. Velaí a tradición comercial arrieira que leva carne, mazos de afumados, pipotes de viño e trae pescado salgado e pulpo seco. A un tempo que nas encrucilladas estribíllanse, nacen e múdanse nuns e noutros períodos, mercados, feiras e feiróns: a Gouxa, o Tellado, os Carballiños, o Castro de Moldes, Maside, Doade, o Carballiño…