O Nadal e os seus adornos

Ampliar: Nacemento



O tempo do Nadal significa anovación, cargado de símbolos que se perden na prehistoria, nas festas en relación co solsticio de inverno: árbore, verde, roxo, estrelas, nacimento, Magos, luces....todo sometido hoxe ao mercadeo global.

É nas festas onde se manifesta de xeito peculiar a madurez sociocultural dun pobo: as tradicións, a creatividade, as relacións... e nun país de camiños, como Galiza, faise compartindo todo iso a través da  participación, da convivencia, do interclasismo, da interracialidade, da ansia cosmopolita cargada de valores universais.

 

A festa abre portas á interactividade e á participación, pra seren escaparte do estado da cuestión, da harmonía entre a tradición e os novos inventos. Festas con orixes e argumentos diversos nesta proa do Vello Mundo: sacroprofanos, históricos, gastronómicos. Festas coa ansia de feira, de instituírse no almanaque e no subconsciente colectivo. Así é que na algarabía ou na comedida e catártica esmorga do Nadal galego  conviven, resisten rebeldes, a pesar de todo, singularidades de pasado entre bombardeos comerciais e beberaxes de presente

 

Festas de Nadal  na súa orixe en relación co calendario astrolóxico, co solsticio de inverno, coa celebración romana do nacemento de Apolo “ Natalis Solis invicti”, de Mitra na antiga Persia...  tamén en honra do deus do agro, Saturno, as Saturnalis ... Pola contra o almanaque festivo céltico recibía o seu ano novo nos primeiros días de febreiro, celebracións que pasarán a ser no tempo cristián as da Candeloria, días que os gaélicos dedicaran a Santa Brixida, sendo en orixe as festas do Imbolc ou oimelc, en relación coa purificación, acudindo ás lumaradas, festas coincidentes coas Lupercalias romanas. Mais as fogueiras da noite do fin de ano, dedicadas a San Silvestre, meigas fora, iranse perdendo na tradición. A cristiandade arrimaría o nacemento de Cristo para este tempo de decembro. Mesmo no 1582 os sabios da universidade de Salamanca, inspirados no vello calendario solar exipcio, instan ao papa Gregorio XIII  a instaurar o calendario de 325 días, abandonando así o antigo calendario Xuliano dos tempos de Cesar Augusto, o 46 a.C. Dende entón e dende España todo o orbe vai adoptando o novo  almanaque e con el as súas festas.

 

Ao Nadal cristián precede o tempo de Advento que é preparación, semanas  cargadas de ritos de pasaxe. Pois o Nadal significa nacemento, inicio, reseteo que diriamos hoxe. E arredor diso escenificación de antigas tradicións coa suma de novidades, hoxe todas comercializadas e rebozadas do global. Mercado pra maior gloria do bazar chinés, o que sabe aproveitar estas convocatorias en oferta de complementos festivos. Asunto no que non quedan atrás os andaluces, tan propensos ás instalacións, exotismo islámico que xa levan no seu adn, mesturado coas tradicións franciscanas sobre a didáctica da vida de Cristo: nacemento-morte... Pobo afeito a feiras, festas, procesións que trunfan sobre o globo terráqueo, co conseguinte mercado de luces “ao por maior”, en oferta e venta por catálogo virtual a concelleiros de festa e turismo. Pois velaí o cordobés Grupo Ximenez de Puente Genil, entre os mellores do mundo, non hai máis que ver as iluminacións e o esmero no Nadal de calquera cidade andaluza, contrastes de formas, intensidades, cores, abarrocadas ou  minimalistas.... Empresa reclamada pra “adornar” aínda máis  Dubai, Chicago ou Madrid... Tampouco as empresas galegas ou portuguesas, criadas entre tradicións festivas non quedarán moi atrás.

 

As festas coa súa necesidade de ser, como acougo entre o traballo, como todos os valores de uso orixinais, ao fin e ao cabo,  rematan por seren atractivas e rutineiras liturxias, mercancías, adornos pra adición consumista, tan propensa a apampar, á sorpresa e ao regalo. E a  desgana, a rutina, fronte á paixón e á ilusión tamén se deixarán ver nestas celebracións. 

 

Pois velaí na casa, nos escaparates, por todas partes e como un agoiro de felicidade, grilandas trenzadas de cores verdes de esperanza con roxos de paixón e ledicia, entre escintilantes prateados e dourados que prometen riqueza, árbores que desafían ao ceo cargados de luz, de bolas, de estrelas, de folerpas e todo a brillar, ouro, incenso e mirra.... e de banda sonora o dálle que dalle do retrouso  de “campana sobre campana”, e cos peixes “que beben y bebe y vuelven a beber..”  E mira que hai repertorio galego de panxoliñas por recuperar. Ambiente que provoca os sentidos e mesmo ten sabor e arrecendo  a azucre, chocolate, a burbullas...

 

Neste vello mundo de grises e saudades, de gárgolas e canicelos monstruosos asomando nos tellados, país de mouras e trasnos escondidos nos montes, arrimados ás fontes,  no camiño da ascese vital o Nadal ven a ser un xeito máis de sobreporse á escuridade invernal. Tempo  pois propenso á maxia e a certa comedida lería a que mesmo terá o seu día coa celebración dos Santos Inocentes ou “das pegotas”. Sempre dito este “País máxico”, de magos e meigas, onde semella esquecerse que a representación dos Reis Magos, a Epifanía, trunfou como en ningures. Ao fin e ao cabo velaí a prefiguración dos Reis de Oriente como peregrinos guiados por unha estrela cara un cortello, na busca dun símbolo de Paz, un nacemento entre a xente de boa vontade. Interesante lección a duns monarcas de países descoñecidos interraciais, que baixan dos seus pazos, que se xuntan e se botan ao labirinto de aventuras e desventuras do camiño seguindo a poética dunha estrela, pra axeonllarse ante unha Nai... Aínda que, iso si, imaxe hoxe incorrecta politicamente, pois para ser consecuentes co sentido común  e co futuro, ben puideron igualar en xénero aquela caravana de maxia. Imaxe de Reis, pese tamén á imperante incorrección machista, ensombrecida por xigantóns, bandulleiros bonachóns, pantagrueis, lapóns finlandeses, a desafiar a lei da gravidade pra chegar ás xanelas e balcóns e furar dentro das casas.... os  Papa Noel, San Nicolas ou Santa Claus que veñen a ser o mesmo con distinto nome, patriarcais señores. E por si aínda fora pouco, máis recente, a ansia distintiva sacada dos montes do Courel, tan en relación co país Vasco, ferrerías por medio, a figura do Apalpador: como un home do saco, boa persoa iso si e polo que se cree, que agochado entra nas casas, agarima aos nenos e dálle castañas... pouca cousa pra tanta competencia, necesitado de maior creatividade pra sementar a ilusión en nenos cada vez máis resabidos e xa lideres ecolóxicos O Apalpador ofrece coincidencias con ese xeito de aizkolari descoidado, con boina calada, referímonos ao  Olentzero navarro, carboeiro euskaldún, que poido representar na antiga tradición pagán ao home vello....quizais en relación co solsticio de inverno, imaxe que será queimada en rito de anovación.... Aportes machistas  que aproveitará a fantasía de  Walt Dysney para crear unha especie de meiga urbana  Mary Poppins, repartidora de ben e fantasía.

 

Probado quede así que servidor, habitante deste extremo occidente priscilianista, de magos e meigas  é moi parcial cos Magos de Oriente, sabendo tamén o que pesa nesta cultura a cristiandade, con cousas tan proveitosas como a Arte, en definitiva un xeito de seducir de atraer. E atraese con luces, con maxia, con músicas, cánticos, ledicia ou con doces ...

 

Pois velaí na rutina do Nadal  a tristura dunha arcada de luz tendida sobre a soidade da  estrada, en contraste coa contaminación lumínica da concorrida Praza Maior, onde a ilustración municipal se esmera en argalladas. Mesmo velaí o agarimo dunha casa que pon diante dos vidros da xanela escintilantes estrelas de luces en xogos de acendidos....

 

E esa instalación do Belén, a maqueta dunha aldea feliz nunha noite esperanzada, cuberta de estrelas. Onde cadaquén, en ansia escaparatista reproduce en convivencia todos os paradoxos. Belén  que reflicte o estado da cuestión anímica e creativa, os feitos sen gaña ou con exceso de celo. Pese a tanta tradición non se lle deu moito aos ceramistas galegos e menos aos oleiros da tradición práctica cacharreira  ou aos artistas por abrir esta veta creativa e comercial, a de poñerse a facer e vender figuras pro Belén, agás ao ourensán Arturo Baltar, velaí o Belén de Ourense ou ao ceramista ferrolán Perez Porto que iniciou unha serie... entre algúns outros. Pois non fai mal na educación iso de recrear a maqueta dunha aldea feliz. Instalación de sofisticadas figuriñas de porcelana, de cartón, de tela, de barro.... manequíns ou mesmo teatralización vivente. Aldea habitada polos  malparados do común aldeáns, lavandeiras, pastores , gaiteiros, cagonets...  todos no camiño da vida, guiados por luces estelares e gavillas de anx@s asexuad@s, vestid@s de túnicas brancas, rosas ou azuis, sinalando con teimosía o camiño dun presebe con vaca e mula, moza e un caviloso Pepiño apoiado no seu caxato e o Neno no medio, entre pallas que se fan fíos de ouro... E un Rei Herodes que sae á porta do seu castelo a outear enigmas. Maqueta dun paraíso articulado ao xeito,  saber e poder de cadaquén, xa sen musgo e mais artificialidade.

15 Decembro 2019