Magos, meigas, homes e mulleres do saco e o outras interferencias no Nadal

Ampliar: Apalpador, Befana, Reis, Papa Noel, debuxo Felipe-Senén



Cavilares arredor do imaxinario do Nadal, da seductora maxia: o Neno, os Magos, Papa Noel e as súas versións, o Olentzero vasco, a Befana calabresa e o Apalpador do Courel galego... magos xenerosos, ao fin e ao cabo guiados pola esperanza.

A maxia atrae e con ela adórnase toda festa. Faise con canto comporta de máscara, de engano pra  enfeitizar, compracer, pra acadar favores,  namorar, pactar cos espíritos, cos anxos.  Maxia pra penetrar nos secretos, pra ter o don da ubicuidade , estar aquí ou noutro calquera sitio do mapamundi, abrir pechaduras, entrar invisible na intimidade das casas e axudar a cumprir desexos...Ao fin e ao cabo ficción inesgotable será tamén fonte de timos.

 

E velaí a cerna da maxia na “Terra Meiga”, séndoo máis aínda no tempo “máxico” do Nadal. Festas do solsticio de inverno , construída con  herdos que se perden na Prehistoria.  Celebración ao novo sol que fecunda a Terra. Así que  a vella festa continua, re-creando  sobre as divindades máxicas, interferindo outras figuras, aínda que tamén magos, meigas, como seres capaces de sabelo todo, de entrar en todas partes e conceder desexos. E a cristiandade que non deu puntada sen fío, usará como o gran protagonista do Nadal ao Neno que nace, con canto significa de esperanza e arredor del, anxos, estrelas,  xente boa do camiño e  Reis Magos.  Vellos reis sabios que o novo testamento non precisa cantos eran, nin de que estraños confíns procedían , o que si sabemos e que eran homes,  pese a haber naquel entón sobre tronos sobranceiras raíñas como a de Saba en Abisinia, Cleopatra  de Exipto, Zenobia  de Palmira ou sen ir tan ao oriente, achegándonos ao noso occidente, velaí a Raíña Lupa.

 

Si sabemos que aqueles reis eran magos, intérpretes sabedores dos rumbos das estrelas. Sabemos que se xuntaron e saíron ao camiño,  como peregrinos,  esperanzados, buscando bos presaxios. Cousa que non acabou en facer camiño ao andar,  senón que, logo despois, cada tempo porá sobre eles a súa parte creativa. Velaí as narracións en contos e cánticos, con música e representación ao xeito de cada cultura e de cada quen: montados en camelos, como cabaleiros feudais, pasando por desertos e por cimas nevadas,  até atrevernos a  metelos logo en tractores, en carrozas, entre as mangueiras dos bombeiros, en ambulancias e en canto a ilustración municipal estribille, até vestilos como os reis das cartas da baraxa ou mesmo de Agatha Ruiz de la Prada. Iso si, portando ofrendas -  pero onde se viu reis que ofrecen, cando os so saben atesourar  pra si -  símbolos de veneración:  un botafumeiro de incenso, propio para os deuses; un cofre cargado de ouro, regalo axeitado pros reis e outro botafumeiro  coa  máis común e popular mirra entre os orientais... Venme ao maxín o recomendable poema  “ Viaxe dos Magos” sobre a longa travesía,  xenialmente interpretada  por T- S. Eliot, como peregrinos por un” Nacemento ou por unha Morte”... Morte-renovación. 

 

Estraños tíos solitarios, protagonistas do Nadal: con saco cargado de doces ou carbón, buscadores da algarabía festiva. Figuras que proveñen do máis afastado do mundo,  do xélido frío polar ou do tórrido calor dos desertos. Símbolo  dos Magos que neste país de meigas, Galiza, compite co pantagruélico e chistoso bandulleiro , Papa Noel, versión  tamén cristián do bispo grego San Nicolas, con tanta devoción en vilas portuarias, en especial nos países nórdicos os que quizais encarnen nel a un novo e barbado  Odín viquingo, amigo de brincadeiras. Pois velaí que semellante patrucial e canoso avó, quedou como o Papá  do Nadal, Nöel (en francés). Holandeses e nórdicos acurtarán o nome do santo, deixándoo n un Kolás,  “SinterKlaas”  e velaí  o Santa Claus, que  non deixa de ser  home,  iso si, pese ao adxectivo  fiminino de  “santa”.   Logo despois cadaquén  aplicará a liberdade de poñerlle atribucións: montado en carros pra neve  tirados por renos, poñeralle mansión na Laponia.... Señor vestido de roxo e de antiecolóxicas peles brancas, que tampouco se librará de competidores sacados das artesas da antropoloxía local, a rivalizar entre eles  ás portas do supermercado:  os vascos teñen un carboeiro, algo borrachín, o Olentzero,  tamén con poderes de mago, semellante á Befana da Apulia, sur de Italia, muller, como non  podía ser doutro xeito en terra que foi da Magna Grecia, onde deuses e deusas se tutean, suben e baixan do divino ao terreal e viven en promiscuidade. A Befana  é  señora meiga que reparte ilusións, como unha Mary Poppins do pasado, sen paraugas e con vasoira, xa o temos dito noutras. E ben que lle acaería a Galiza unha Befana así , tan sequera  pra neutralizar ao senlleiro Apalpador,  alias tamén o Pandigueiro,  e pode que habela haina,  se un se pon a buscala entre o remol antigo de aldeas deste que xa foi máis matriarcal país do que hoxe é.  Uns e outras imaxes de magos do tempo de Nadal, cunha orixe oriental,  céltica, romanizada e tamén cristianizada, Befana que mesmo se rebaixa a ser  axudante dos Reis Magos. Befana, Olentzero, Apalpador, representados tamén  como efémeras esculturas,  presidindo eiras ou prazas,  ídolos  con pes de barro,  monicreques de palla e farrapos, ao modo do Meco ou do Urco do Entroido, que tamén serán chamuscados en ritos de fin e principio, o que xa ten máis que ver cos pobos célticos, tan de herdos orientais.

 

E ben que aquecería na Galiza Meiga, irmán da Avalón de Merlín e Morgama,  un xeito de Befana. Símbolo feminino que na súa antiga orixe mesmo poida ter que ver con Xano, o deus de dúas caras: unha que se revira e mira ao pasado e outra ao fronte do porvir, o que lle da nome a Xaneiro. Sen faltar quen a relacione coa Epifanía, cos Magos. Resulta  raro que non teña representación nun país de mouras, xianas, meigas, a de Irimia,  Maruxaina, Ana Mana, María Dura,   Marimanta, da  lobismuller, esta nacida nunha Noite Boa, confín  de  sabias, sanadoras, cartuxeiras  e vedoiras do Alén,  con poderes inscritos no triangulo máxico dos pactos cos espíritos do caos e do cosmos, do onte e do futuro, con todos os dons do poder.

 

Pois pra meigas as nosas, as célticas, como as británicas, irlandesas, galesas, escocesas,  bretonas...as mesmas que levaron a tradición a América, lembramos no século XVII , no estado de Massachutes,  as bruxas de Salem...tema agridoce, quizais máis de Cuarto Milenio que do Nadal, aínda que son asuntos que camiñan xuntos, en compaña de luz,  polas galaxias do Trasmundo.  Pois xa se sabe que no trato entre anxos, atopámolos bos e malos.  Pois pra meternos en temas de magos recomendo o libro  “Brujos y astrólogos  de la Inquisición de Galicia”, libro máis de matriarcais meigas que de meigos, escrito por Bernardo Barreiro (1885), un seguidor de Murguía, abrindo á meigoloxolía que diría o profesor Alonso del Real outro experto , como tamén foi  Julio Caro Baroja ou  Carmelo Lisón . Entre a nómina interminable de meigas temos referencias da cura nenos  Ana Rodriguez dunha Ribadavia con sona polas meigas,  así como dos corenta procesos que contabiliza a Inquisición do século XVI ao XVII,  entre eles o de Catalina Estévez, Dominga da Serra de Beade, a ourensán Constanza del Pozo, Isabel Vella de Palas, Gracia Garcia de Verín, Dominga Pombo de Padrón, Marta Fernández de Requeixo, entre outras pontevedresas, así como da famosa Maria Solina de Cangas e as súas seguidoras de Coiro e mesmo de monxas meigas  como  sor Bernarda de Novoa e Taboada ou sor Mariana de Montes de Allariz, Magdalena de Preiras de Monforte,  Lucia Fidalgo de Lugo, entre tantas outras en contubernio de maxias  na noite, ao toque das campás. Lembremos  a fins do século XIX , adiviñando nas concorridas feiras de Lemos, á famosa “Meiga de Torbeo” . Señoras da noite e do día, do caos e do cosmos.... Bruxas que asoman arredor das fogueiras nas noites dos solsticios ou nos equinoccios , polas do San Xoán ou polas do San Silvestre no Nadal.... “Meigas fora” !!! . Galiza, país con templo aos anxos, bos, onde exorcizar aos malos,  o Corpiño. Perda que a literatura de ficción non se inspirara máis neste herdo culturais. Pois pra crear e criar fantasía compre ter detrás  un  legado cultural como este.

 

Pois o dito, aprendamos a lección deste convite festivo  anual, o que pecha e abre o ano, entre  músicas, campás, mercados, panxoliñas e vilancicos, de  luz, de cores, ouro, prata, roxo, verde, entre patrucios de barbas canosas,  neve branca, de meigas de escoba, señores  de boina e sacho, gordos homes do saco e de Reis coroados: a convivencia. A tradición transita e non traizoa, non casaremos de repetilo.



29 Dececembro 2019