Exposicións pra seducir, abrir os sentidos, coñecer e querer

Ampliar: Exposición Van Gogh



Reflexións arredor da Museoloxía, a ciencia do museo e da súa posta en escena pola Museografía. Abondando sobre as exposicións, toda vez que abondan as formulas de sensibilización, tratadas dende a falla de profesionalización .

A definición de museo ou de exposición  estará sempre en crise debido á forte evolución das técnicas expositivas, hoxe raianas co espectáculo, coa ansia de seducir, de atraer, na procura dunha sociedade máis participativa, inclusiva e igualitaria. Intervencións en espazos accesibles que tentan fendes coas barreiras do elitismo cara ao apto para todos os públicos. Asumindo tamén que vivimos sometidos á ditadura do ollo, da ollada, do  tan común “xa o vin”, cando o que se trata é de enxergar, de incitar a todos os sentidos, máis a cultura, pra concluír. Todo o montaxe estará en función do sentimento, da educación na sensibilidade.

 

E qué lección dar, qué expoñer, qué seleccionar, qué preservar para o futuro? Endexamais faltarán temas nin motivos e tratamentos diferentes pra argallar unha tese, pra escribir un libro, pra montar unha exposición ou instituír un museo. E menos en Galiza, país denominado “máxico”, por labiríntico e descoñecido na súa inmensidade histórica e cultural. O caso é saber facelo e facelo ben,  non so que a mostra funcione nesa interacción emisor, receptor e mensaxe expositivo por medio, senón que o  transmitido siga o seu camiño, evolucione en espiral progresiva: que emocione, que informe e axude a formar na madurez sociocultural, que nos asente no espazo e no tempo, que nos achegue aos motivos e relacións que xeraron os artefactos que se mostran, sen caer na aburrida e requintada verborrea . Que o tanxible nos remita ao corpo teórico e ás consecuencias ideolóxicas, intanxibles. Ao respecto teoría, receitarios, consellos, haber hainos e ben deles,  incluídos na museoloxía, a ciencia  da xestión do museo e das técnicas empregadas na exposición. Especialidade nacida nos primeiros anos do século XVIII e en constante evolución, hoxe na arquitectura, de moda no mundo adiantado por canto supón de atractivo en relación co turismo e polo tanto coa economía. Ciencia que estuda o museo dende o punto de vista histórico, social, arquitectónico, educativo e dentro dela a museografía como saber técnico sobre os xeitos de escoller o que se expón, de dispoñelos en dispositivos museográficos, plataformas, pedestais, vitrinas, pantallas, textos, audiovisuais entre recursos narrativos, escenográficos, didácticos, interactivos... Todo pra devolver “espírito” a documentos, artefactos, o exposto, pra que cobren o seu significado no seu espazo e no seu tempo.  Así que se a museoloxía é a teoría xenérica do museo, a museografía ven a ser o plan, a súa  posta en práctica.

 

Cuestións pro que é fundamental o maxín, a experiencia, responsabilidade sobre o que se trae entre mans,  a profesionalidade, a interacción de implicados nun montaxe e quizais, espazos adecuados, amplos platós, ámbitos reconvertibles. Escenarios adaptables a modas  que permitan a mobilidade por un recorrido lóxico de principio a fin, iluminación puntual sobre o que se queira resaltar e sobre todo que permita interaccionar con  ese fenómeno co que compre contar hoxe, as novas tecnoloxías aplicadas á videoproxección, á conservación, á iluminación e á  comunicación. E sobre  todo que haxa presuposto económico sensato.

 

 

As novas formulacións museográficas, baseadas en discursos expositivos participativos buscarán no montaxe a interacción entre a forma expositiva e o fondo do que se expón, pra que predomine e flúa a  mensaxe,  o titular ou a paráfrase do que se quere contar. Por exemplo se se trata de asunto marítimo crear o ambiente portuario, ou se vai de camiño ambientar con canto implica unha especie de “xogo da oca”.

 

Compre pois estar no mercado de novidades expositivas, entre catálogos, a fin de xestionar un presuposto con mellores resultados de impacto, concorrencia, difusión, participación e seguridade do exposto.  Non faltan e sorprenderannos empresas e feiras internacionais especializadas neste xeito de escaparatismo, de material e  complementos expositivos, instalacións que garantan tamén a seguridade integral . Dende as solucións máis sinxelas, creativas e económicas, até as máis sofisticadas e mesmo reconvertibles. Tamén o que fan outros servirá de experiencia.

 

Na historia da museoloxía, no museo do museo, atopamos experimentos, riscos, acertos, fracasos conseguintemente, concluíndo en que a andar apréndese andando: a seleccionar a obra que facilite a lóxica do fío condutor da comunicación, a procura da optimización e modernización nas estratexias interpretativas ao servizo da narrativa en busca da amenidade e a comunicación entre o exposto e o espectador e como fin que quede aprendida a lección.

 

Así é que toda exposición, acollida baixo determinada arquitectura, cuns logotipos e difusión propagandística, con todo a mensaxe da montaxe, conleva ademais material auxiliar, audioguías, trípticos aptos para todos os públicos, como os máis especializados catálogos . Podendo non faltar o merchandising sobre o que se expón, analizadas previamente as súas posibilidades comerciais. Experiencias das que tomar nota, especialmente de países espelidos nas cuestións da xestión cultural, por exemplo Irlanda que fai do celtismo distintivo e marca de identidade e de comercio tamén. As modas, a innovación, a interacción ou contaminación de disciplinas, I+D por medio, os coñecementos culturais, a creatividade ou mesmo a xenialidade son imprescindibles nun xeito de xogo que trata de contaxiar, de seducirá ao espectador. Pois velaí na busca de estratexias museográficas atinadas algo máis que a nómina nos títulos de crédito, a necesidade do consenso real  entre os profesionais, deseñadores, escenógrafos, arquitectos, historiadores, documentalistas....

 

Bibliografía ao respecto non falta, velaí  a “Revista de Museología “da Asociación  Española de Museólogos,  como  a editorial asturiana Trea  cunha serie de títulos, os máis experimentadas teses sobre museoloxía. Por exemplo a colección de “Manuales de Museística” e entre eles e ao respecto  “La insurreccion expositiva. Cuando el montaje de exposiciones es creativo y divertido. Cuando la exposición se convierte en una herramienta subversiva” (2007), obra do  do museólogo  especialista en linguaxes artísticos, innovador da práctica expositiva,  Paco Pérez Valencia, como do mesmo autor, o “Manual de la exposición sensitiva y emocional” (2012), entre outros títulos que non deixan de man o papel expositivo das tecnoloxías dixitais que apampan á concorrencia infantil máis que proveito se lle saca. Teorías e experiencias que  abren perspectivas a unha ciencia na que radica boa parte da cultura dun país: pois somos o que facemos e o como o facemos, e a posta en escena en Galiza aínda ten que superar certos tópicos e esperpentos, lastrados pola aculturación, como o efecto do “feismo gallego”, da changallada , a chafallada, a trangallada e todas as demais “alladas”. Pois vivimos a era dos mensaxes, inundados entre imaxes, estereotipos e ideas recibidas que tinxen a realidade con clichets ideolóxicos que  obedecen a estratexias de poder, por delegación.

 

Con frecuencia atopamos que se lle chama exposición a unha  reunión de obxectos, mal guionizados no discurso expositivo, si acaso seguidos dunha restra de aburridos paneis ou módulos, murais expostos en calquera lugar pechado ou mesmo aberto, con texto interminables e fotografías por medio, aínda lastrados polas premisas da Galaxia Gutenberg. Sistemas rutineiros que  tensan ao espectador, o esforzo de poñer os lentes, ler, agacharse....nada que ver coa Galaxia da  informática, da virtualidade. En todo caso mensaxes, que nesa ansia global de compartir redes, poden simplificarse nun power point, nunha proxección, fórmulas que poñen a proba a capacidade creativa e comunicativa.

 

En ocasións o que se expón e o que se comunica pode converterse na mostra dun fracaso

 

E dunha exposición deben quedar os fins, algo máis que un catálogo, a constancia do que hai, o seu estado da cuestión (localización, restauración...) e mesmo aportes para complementar un museo existente. O fin dunha exposición é a potenciación dun recurso en tempo e forma.



26 Xaneiro 2020