Efémeros ídolos da choqueirada entroideira

Ampliar: MECO DE SEÑORIN



Repaso deses efémeros totems que presiden a festa cíclica do Entroido en Galiza: MECO, MOMO, URCO... representacións grotescas con algo de divino e demoníaco, erguido no centro da festa, despedidos en algarabía fúnebre e festa de lume.

As mimosas, as camelias, as bandadas de estorniños, os días que alongan as horas de luz, o solciño manso que asoma apoucado... todo anuncia a primavera que o sangue altera. E compre celebralo. Dáselle entrada co Entroido e celébrase con ancestrais tradicións. O primeiro será coutar os espazos da celebración, erguendo, a xeito de bandeira, de ídolo entronizado no centro da praza, na eira, na encrucillada, un moneco xigante, feito de palla, trapos e cartón, como un espantallo pra ameazas de ruíns fados e tristuras. Ídolos do Entroido, con diferentes nomes segundo a zona. Antigo herdo dos festivais romanos en honra de Dioniso , o Baco romano, e de Saturno, das Carnestolendas, parte do ciclo festivo agrario anual,  dando paso á liberdade creativa e retranqueira, á máscara, a desfiles de carros adornados sobre os que predomina o carácter erótico, de pasaxe, de iniciación no ritual da vida, incitación ás relacións cando toca.

Tótems construídos pola instintiva e espontánea intervención popular, agora encargados polas comisións a casas especializadas, complementados con pirotecnia e efectos,  valencianas as máis. Pois tamén as fallas levantinas de Iberia teñen ese mesma orixe, sofisticadas en canto supoñen de fondo e forma. Pola contra en Galiza manda a improvisación, mesmo o desnorte entre outros flocos da aculturación, da tradición e da creación maltratados. Festa do Entroido galego,  das chocas, dos axóuxeres e dos folións, do ruído, pra espertar do letargo invernal.

Todo ídolos teñen algo de sobrenatural, de celestial ou infernal, de deuses ou demos aos que representan. Fetiches respectados e mesmo adorados con ancestrais códigos relixiosos, animistas, isto é outorgándolle propiedades dos vivos. Pois a relixión é o que “religa”  presentes con fondas raiceiras de difícil explicación, onde mesmo están os deuses, a teosofía.  Máis aínda nestes confíns  onde as relixións se superpoñen: católicos, apostólicos e romanos,  de santuarios de todas as castes de imaxes de santiños, ben entronizados e venerados, con novena, festa, procesión e ofrendas....pero tamén de fondas raiceiras panteístas, en relación cunha natureza que nos soporta e nos da vida como deus supremo....e  que, por contaminal, semella non querer aturarnos máis.

Así é que no lugar común, como efémeras estatuas, anticruz, érguese no Entroido ese pau ou estada co gran moneco retranqueiro pendurado. Efémero ídolo que durará, cando máis, a corentena que lle correspondería ao tempo do Entroido. Erguido en festa, baixado,  despedido ou chamuscado tamén en algarabía catártica de loito e duelo. Choqueirada integral

Ídolo coñecido as máis das veces por Meco, solitario, mesmo tamén, en ocasións, acompañado da súa parella, a Meca, iso si, ambos os dous marcando os seus órganos sexuais, nabo na man, restras de allos ao pescozo e coroados de ridículo chapo  ou cornamenta. Poida tamén que sobre a solaina, porta ou xanela dalgunha casa campe un particular símbolo familiar do Meco.

Deuses do Entroido, herdo das festas grecolatinas, as bacanais, saturnais e lupercais...herdeiras doutras máis antigas, que pasan polas exipcias a Apis, con orixe nese oriente no que nacen tantas cousas, a lei e a palabra... A cousa non quedará unicamente nesas orixes, ampliaranse os aportes e máis aínda neste noso confín que emproa a portos e a encrucilladas, que sabe recibir, adoptar e entregar. Así que co tempo iranse incorporando outras influencias, pra en cada ídolo do Entroido, en cada máscara, como si se tratara de substratos arqueolóxicos, atopar e concluír que a tradicións transita, recibe, adopta ou mesmo refuga o que non lle interesa.

Pois velaí que, finalizado o tempo do deus de dúas caras, Xano, Xaneiro, e encetado o Febreiro das “februa”, ( verba da que deriva febre)  o tempo  de purgar, tocará a purificación e farase mediante os Catro Elementos, especialmente da auga e do lume, acendendo a luz das candeas, tempo da Candeloria e de San Brais...  Bendícese a luz neste bretemoso país, envolto tamén en tópicos, esperpentos, supersticións e ruralismo ancestral. Tempo de catarse desafiando a morte, a escuridade, a tristura e as soidades. E farase con  algarabía festiva, con batallas de fariña,  xogos e cucañas,  botando a correr o galo, romper as olas...a mudar o dereito do revés.

ídolos aos que tamén se lle chama como a mesma festa , ENTROIDO, como tamén labardeiro, lardeiro, chocalleiro, felo... por canto supoñen de enlardados, suxos, cubertos de felechos de cores, enchafallados no feismo integral. Pero será o nome máis común para estes símbolo será o de MECO,  como  Rei do Entroido. Interesante denominación, merecedora de maiores estudios.  Quizais en relación co verbo latino irregular, “moneo”,monens” como  o que amonesta, memora, avisar, ou sexa o que anuncia o Entroido. Verba tamén con certo parecido a “monacus”, monxe e mesmo a un “mecum” (conmigo). E  poida que se corresponda con “demonecus”, por canto carga de irreverente demo ou cun “omeco”  (“hominecus”).  Así é que a terminación “meco”   quedará  como diminutivo despectivo, de algo trangalleiro.

Ao respecto do Meco non esquezamos a lenda do Grove , a que fai relación a un señor ditador feudal con este mesmo nome e con todos os abusivos dereitos sobre a comunidade. Sentenciado e aforcado nunha figueira do castelo do Siradella ....asumindo os veciños, como en Fuenteovejuna, todos a unha, que eles foran os culpables de acabar co Meco... Dise que, dende entón coñecerase aos habitantes do Grove como “Mecos”.

 O Meco está ben representado no Entroido ourensán, vencella pois a idea de irreverencia, grotesco , trasgo, xigante, anunciador da troula, con algo de demo, de “Huerco”, URCO ou ORCO metemedos. Orco representado no entroido de Pontevedra ata que nos exóticos anos do Modernismo rematará enfrontándose á novidade do Loro Ravachol, pra pasar este a presidir o entroido da Boa Vilam en recordo da exótica e mal falada ave que o boticario don Perfecto Feixoo tiña ás portas do seu negocio. Tradición do Urco, que entre outros vellos e novos tópicos  que envolven as paisaxes e paisanaxes galegas, o Entroido, a morte, os caciques, a droga, o sexo.... será aproveitada no thriller televisivo de “Néboa”.

Outro nome tamén que se lle da ao mesmo ídolo é o de MOMO, en relación co deus grego Momo, exiliado do Olimpo por algareiro e carallán, retranqueiro, falangueiro, divindade protectora dos poetas, que se representa cun cetro na man rematado nunha máscara.  Xeitos de monstros que inspiran moita da literatura iniciática infantil que tenta arremedar ao medo.

Entroido, Meco, Urco, Momo, pois que o Mércores de Cinza sucumbirán, serán despedidos tras condución fúnebre multitudinaria, acompañado en ENTERRO DA SARDIÑA,  figura de retranqueira lectura, xa que sería o peixe o que habería que xantar dende entón, segundo manda a Coresma, pra despedirse temporalmente das carnes...  Choqueiro funeral, acompañado da lectura de testamento entre comitiva de falsos cregos, viúvas,  choronas.... pra ser despedido, chamuscado, guindado ás augas do mar ou do río... ou mesmo regalado a un cacique. Remata así en cinza gris o colorido tempo de liberdades do Entroido, pra nesa dialéctica vital, abrir á antítese, ás regras e ao sometemento da Coresma. Ao cabo dun ano o Entroido e o Meco rexurdirán das súas cinzas.



1 FEBREIRO 2020