Cando o pintor Laxeiro abriu ao Entroido coruñés

Ampliar: Felipe Senén e Laxeiro Pregón Entroido 1984 na Coruña



Lembranza dun Xoves de Comadres do 1984, cando o pintor Laxeiro de Lalín pronunciou o Pregón do Entroido na Praza de María Pita da Coruña, presentado por quen isto conta. Xornada na que o pintor afianzou a querencia pola cidade do seu amigo Lugrís

“Veña de onde veña ou vai onde vaia, sempre veño e vou pra Lalín” . Así comezou aquel pregón, medio lido e improvisado, que o pintor Laxeiro  deu na praza de María Pita da Coruña. Foi no lusco fusco do Xoves de Comadres, 1 de marzo do 1984, dando entrada a un Entroido que, despois de décadas coutado polas censuras renacía na cidade. A aura de Xosé Otero Abeledo, alias Laxeiro -  alcume familiar dado por ser de casa de construtores, tratantes de laxas – envolvía canto o arrodeaba. Como se sabe foi pintor capaz de fabular unha súa mitoloxía fantástica, escenificada no que chama o Condado da Romea, que non é máis que a histórica bisbarra do río Deza, terras do mosteiro desamortizado de Carboeiro, de templos románicos, de solemnes pazos, das minas e as historias do volframio de Fontao,  do santuario do Corpiño  pra exorcizar aos demos... Centrada pola vila de Lalín, obrigada parada e fonda, terra pois de frades, de señores conquistadores, do aviador Loriga, do astrónomo Aller Ulloa, das falcatruadas de Pepa Loba, de creadores, de emprendedores, de  feirantes, arrieiros e emigrantes esparexidos polo mapamundi. Para as fantasías de Laxeiro condado cos seus Señores e casa feudal, co secretario, Mirlotil, con súbditos, sabios, toliños tamén, como unha nova insua Barataria  que mesmo terá o seu pintor oficial de cámara, “Laxeiro”.

 Imaxinario  coutado entre un pentagrama de siluetas ondulantes de montes mansos, de vestidos cambiantes co devalar das Catro Estacións, mesmo a cada hora do día, a xogar cos nubeiros, entre os paraugas e o chuviñar, entre o arco da vella e as raiolas do sol... De actores convocados pola forza do instinto a celebrar as súas festas tradicionais, entre elas, a que máis, o Santo Entroido. Catarse, algarabía pra afianzar a casa e a tribo, nunha eira ou campo que estará presidido polo Meco, deus pagán de palla e farrapos, e como non, arredor da mesa, centrado pola fonte co cocido de cachucha de porco, orlada de restras de chourizos, botelo, grelos, capón, a rebordar de cachelos e garavanzos... sen faltar - pra axudar a baixar as viandas polo corpo -  ese viño tinto que na cunca de louza  branca debuxa en ollo de perdiz o seu mellor momento . Laxeiro endexamais faltou a tal convite anual, nin tampouco ao Domingo de Corredoiro instituído dende 1968  na capital do Deza como Festa do Cocido. O lalinense da parroquia de Botos colaborou con canto lle pediron os seus veciños con tal de manter a tradición: facendo o cartel da festa, de pregoeiro, en ocasións mesmo sen luz. O encontro tentou ser sabotado polo vento que ate barreu co  tendido eléctrico, pero non coa leria. Abondaron unhas velas, a retranca e as performances de Laxeiro pra esconxurar a treboada.

O Entroido sempre estivo presente na vida e obra de Laxeiro, coas súas consabidas doses de Eros e Thanatos, entre ritos de iniciación e pasaxe que convidan a relacionarse e a renacer. Herdos que se perden no Neolítico, que pasan pola Cultura castrexa, pola romanización, pra intervir tamén a cristiandade e o feudalismo, a emigración....deixando cada tempo a súa pegada.

Ningún pregoeiro mellor entón pra un Entroido que Laxeiro. Así é que naquela Coruña - unha semana antes do domingo do Entroido do ano 1984, cando xa o ritual da festa tiña encetado na tradición galega - nos despachos do Concello da Coruña aínda lle daban voltas a súa organización: cartel nesta ocasión de Álvaro Caruncho, pregón, erguer o  deus Momo no Obelisco,  palcos e orquestras na rúa da Torre,  xurado e premios pra comparsas...condución, queima do Momo e enterro da Sardiña na praia San Amaro... Dende os despachos do Concello puxéronse a buscar un pregoeiro de última hora, a quen chamar?. Así que dende a Alcaldía de Paco Vázquez, determinouse que nada mellor que pra estas cousas de Galiza chamar a Senén, a quen consideraba eficaz todoterreo e.... E  así foi... advertín que pensaran noutro máis mediático, que haber hainos... -Noon, xa non da tempo- ¿E si vos busco eu a alguén?...- De ser así presentarás ti.

Con esta encomenda e abusando do parentesco coa casa dos Laxeiros, o meu Carballiño por medio,  sumando a compañía do seu vello amigo, o tamén pintor Pepe Sesto, chamei á Laxeiro á súa casa de Madrid, a aquel ático do edificio do Café Gijón. Deume un pulo o corazón cando me saíu en persoa ao teléfono, espeteille entón un – Pepe faime un favor home, ven á Coruña a dar o Pregón de Entroido que te tratamos ben ”... Silencio e resposta – “ Pois saio mañá pra Lalín no express, si me recolledes xa na Coruña e me devolvedes logo, aí me tendes....” . Díxenllo ao  Vázquez Alcalde , feliz,  iso si,  insistindo no dito, en que eu presentara a Laxeiro.

Eran anos nos que se buscaban conmemoracións, centenarios de conquistas e batallas ,  inspirador tema pra retranca entroideira. E funme a Efigenía no Campo da Leña  a alugar un disfrazo de Conquistador, como de Drake ou así.... a fin de ter todo preparado e darlle ao pregón algo do seu prebe: Comportarse como aquece no retranqueiro teatro do Entroido.

Laxeiro presentouse co seu abrigo de cadros, envolta a gorxa na súa ampla bufanda vermella, cuberto con seu deconstruído chapo negro de ala pra arriba e ala pra abaixo, lentes ben calados sobre o seu bigote, como un retrato seu en quinta dimensión....Así que, servidor oficiando de acólito, teimoso en darlle un toque acaído ao momento, desafiando prexuízos, vestín o disfrazo alugado. E xa no escenario sobre a Praza de María Pita presentei a quen non lle cumpría presentación, a Laxeiro; fíxeno con palabras alusivas a ese corazón de Galiza que é o Lalín, sedutora terra... e con sable erguido dinlle paso ao pintor oficial da Romea , o mellor pregoeiro do Entroido...Laxeiro  miroume sobre os lentes,  despois á destra, centro e sinistra, ergueu a voz e remarcou a súa orixe, ese topónimo con son de axóuxere, Lalín, Lalín, Lalín...

Foi un lusco fusco lindo, retranqueiro, poético, premiado con afervoados aplausos. Tras o palco esperaban a Laxeiro as autoridades e algún marchante de arte....  – “Vente a cear”... E o xenio deixouse secuestrar . Servidor sentiuse como Giuletta Masina ao final da película “La Estrada”, fracasado conquistador de risas,  so e coas maletas na praza xa valeira.

Pasado o medio día da maña seguinte, fun ao Hotel Atlántico a recoller a Laxeiro, non houbo xeito, durmiu até as tres da tarde. Esperábano novamente aqueles marchantes, aos que Laxeiro lle devolveu varias cartolinas pintadas, aínda frescas... Fomos a xantar en familia e con Sesto, falounos en “checo”, como facía nos momentos felices, contou anécdotas dos seus anos mozos como barbeiro por feiras de Lalín, a Gouxa, o Tellado...debuxando con brocha e navalla repartindo sobre a topografía das facianas dos paisanos nubes de espuma....entre as que, ás veces asomaba un sol sanguiñolento... contounos das ratas que inzaban o seu estudo da rúa do Príncipe en Vigo, envelenadas por unha cruel clienta...

 Encontro no que o vello agarimo de Laxeiro pola Coruña do seu amigo Lugrís quedou máis afianzado e mesmo no 1986 faría o cartel do Entroido coruñés, orixinal que coido na colección municipal, complemento dos libretos de man destas festas, xoias da literatura local.

Lembranzas que contei a Neira Vilas, as que incrustou tamén no seu libro “Encontros con Laxeiro”  (2009) . Lembro as páxinas daquel pregón lido, caligrama en cores, con  Alfas que tiñan cornos e Omegas como testículos.... Pedinllo serodiamente... e lamentándose díxome que xa llo dirá a un armadanzas de festas do Concello.  Espero que algún outro día reapareza.



16 Febreiro 2020