PUNTO DE ENCONTRO PARA XENTES DE CAMIÑO, FIDALGOS. ESCOLA POPULAR DE ILUSTRADOS

Ampliar: veracruz



PUNTO DE ENCONTRO PARA XENTES DE CAMIÑO, FIDALGOS. ESCOLA POPULAR DE ILUSTRADOS

“Flores”, sendo a orixe do núcelo urbán, nacido ó pe do camiño que baixa e sube cara Señorín, hoxe é un barrio á sombra da señorial Casa Consistorial. Formado por casiñas alineadas ou en roda, formando quinteiros ou corralas, abrindo pasos e camiños, “cutiños”, comareiros que dividen ás próximas e minifundistas leiras. Espacios adornados con testos de flores que equilibran canto poidera emborrear o gando, policromia que lle da nome e algo máis andaluz a “Flores”: xeranios, caraveis, xazmin… emparrados no frente… amor froral, tan enxebre das xentes de camiños, dos arrieiros, maragatos, xitanos… cobertizos para gardar as bestas, os carromatos e as lonas que os cubrían, os fardos feitos de vimbios ou de varas de cortiza de castiñeiro. Algo había de Mediterraneo e árabe neste labiríntico conxunto conxunto. Arquitectura de camiño, efímera, feita en ocasións de madeira ou con cachote roubado nos castros, con chantos de pedra como esquinais, si acaso un balcón de madeira . Alternando as máis pobres casas con algunha de gandeiro pudente, con cortellos, patín, balconada sobre cepellóns, agarimada nas raxeiras do verán pola sombra dunha retorta vella parra. No interior a poderosa lareira, o salón do reló, das festas e os pasamentos, os cuartos cos nomes dos devanceiros…

Os tempos barrocos e do neoclásico, do século XVIII ó XIX, traen frolecer pros que cobran os foros e outras rendas, o que se refrexa e trasloce nas fahadas e tesouros do mosteiro de Oseira e dos templos das vellas parroquias. Nas ribeiras do río Arenteiro frolecen ata cinco fábricas de papel. De Loureiro, en terras do Irixo, procede o gran arquitecto neoclásico Lois de Monteagudo. Nos camiños que suben e baixan dos ribeiros ou da montaña está Cabanelas e Banga, berce de bispos, humanistas formados baixo as pinturas da autoría de Bartolome García Baamonde, aquel pintor que na metade do século XVI coñecía as obras de Miguel Anxo, interpretando o senso platónico e cosmogolóxico do mellor Renacemento. Historia da Arte ben sabida, profundada e contada polo amigo e compañeiro, o profesor García Iglesias. Parroquias onde no século XVIII sairon persoeiros como Anselmo de la Peña, prelado de Cretone e Agrigento, en Sicilia (1719-1723), Veremundo Arias Teixeiro, bispo de Pamplona (1804-1814) e logo bispo de Valencia; Ramón Arias Teixeiro de Castro, bispo de Santander… e nesta modernidade Modesto González, o dos tan coñecidos eados “Fundador” na Aerxentina, filántropo que nos anos cincuenta donou a construcción dun grupo escolar. Da outra banda do Arenteiro, de Moldes, era o filósofo e “Pai do Galeguismo Contemporáneo” Antón Lousada Dieguez, fidalgo que atrouxo, non somentes como ilustres visitantes, senón tamén como estudosos, a seus discípulos Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas… Tamén nacido en Moldes no 1909 e enterrado no camposanto da igrexa do seu Castro de San Mamede, era o defensor, estudoso e divulgador do patrimonio cultural, Manuel Chamoso Lamas.

Cheiro a rosquilla e a pulpo no camiño… e de fondo escóitase un cantar nostálxico, ronco, saido polo nariz, acompañado de zanfoña e os axóuxeres das bestas que tiran dos carromatos. Sabor a xamón ben curado de Dacón, que foi nosa “Porcópolis”. Lembramos a caste do porco larés, mimado nas maseiras das cortes caseiras coa fariña milla. Arrecendo a carne richada, agarimando e saboreando tamén a esfera dunha pavía dourada polo sol do Ribeiro…. ese sentir que a historia non sabe contar e que se vai perdendo para quen ten sensibilidade. Todo eso máis alá do xusto tópico da cantiga “Para carne pan e viño o Carballiño”, dos vellos cancioneiros, como o que recentemente atopamos recollido segundo instruccións de Murguía nestas terras polo 1879. Secuencia de cantigas que van máis alá do troveiro do XIII identificado no Ribeiro de Gomariz, Pero Meogo. Vellos saberes retomados e que soubo cantar e contar a voz destas terras ourensáns, Otero Pedrayo. Letras feitas e refeitas por xentes do camiño, do agro, por gandeiros que improvisarían música: tanxer sobre os pandeiros, pero tamén bater ritmico sobre latóns e taboas; gaita de feira e romería para espacios abertos. Complementos de danzas de vella tradición, sumando algún aporte “americano”, e vestimenta que implicarían ese saber dun núcleo mestizo de xentes do camiño que van e veñen como o mesmo fluir da vida: a danza das “Mudacións” en Xuvencos da Almuzara. Lembremos tamén os entroideiros “Felos” e o enxebre chaleque cruzado dos feirantes masidaos e de Garabás.

O Carballiño foi medrando nos tempos decimonónicos, cando aqueles bañiños de augas sulfurosas organizabanse nun balneario e atraían agüistas de toda Galiza. A unha e outra banda da rúa maior ianse construindo poderosas casas: dos Ulloa, Quiroga, Castro, Espinosa… A Casa Consistorial presidindo gabanciosamente praza, construida no 1854, segundo normativa e baixo a vixiancia da Real Academia de S. Fernado, con todos os elementos necesarios, balcón pra discursos bandeira e festas, salóns que describe doña Emilia e cárcel, fonte para o uso das xentes do camiño e torre coroada pola campana dun omnipresente reloxio de tres esferas, obra do 1865, para aventar as horas, obra da autoría do cotizado reloxeiro coruñés Ramón Antonio Iglesias . Edificio o que se lle aumenta un piso a finais do século XX. Praza marcada pola solemne casa dos Quiroga, que dende principios do século XX tiña no baixo, a modo de concurrido templo, a botica do intelectual Cesáreo Pinal, logo habitada polo odontólogo Porfirio e súas fillas. Casona compañeira de exóticas construccións de indiano, coa sua galería e balcóns… rúa abaixo en alterne coas máis homildes construccións das xentes do comercio, das rosquilleiras, chiculateiros, ultramarinos, ferradores, artesáns… e na “Calle Maior” o ostentoso Casino que inspirou á Pardo Bazán, e que logo serían as concorridas e precursoras “Las Colonias de Antonio Soto”, máis recentemente espacio compartido para Colexio de don Xosé Campos… Grandilocuente estructura que algún día agardamos ver recuperado como símbolo do que queda do meu xa vello e sempre novo, rebuldeiro, anárquico, rebelde, irrespetuoso Carballiño.