Os competentes “Entroidos” de Galiza

Ampliar: Entroidos en Galiza, debuxo de Felipe-Senén



O Entroido renace en Galiza, cada ano recupéranse e saen tradicionais e novas máscaras. Aumenta tamén os estudos e a bibliografía sobre o tema. Galiza caracterizada pola rica e competente variedade de máscaras entre parroquias.

Nun paseo polo mapa de Galiza atopamos máscaras que particularizan lugares, con nomes alusivos ao que significan ou portan. A un tempo que espertan tradicións pagáns, aletargadas polas censuras e o esquecemento...Tradicións orixinarias, importadas e innovación a sumar a unha festa  antiga, en relación co ciclo agrario.



Variedade de máscaras masculinas que representan a forza indómita do monte, do instinto, namentres a muller prepara e anima os escenarios da festa, incorporándose nas derradeiras décadas, vestindo calzóns, polainas, chocas e cornos...  Máscaras, en ocasións, cun exótico mantón de Manila ou de Cachemira aos ombreiros, concesión feminina. Traxes cubertos de flocos, voantes, espellos... e nas mans un báculo, fusta ou vexiga coa que facer estrondo e marcar presencia... entre batallas de fariña, manteiga... en relación coa fecundidade...

 Mascaradas, unhas feras, propias do Entroido, outras danzantes, entre ritos, músicas e cánticos que complementaban antigas  cerimonias relixiosas do ano litúrxico....e que,  como tantas cousas, rematarán verténdose no escaparate festivo e identitario do Entroido.

Entroidos, canto á fecundidade, á liberdade creativa, catarse en relación coa forza bruta do monte, do instinto que acometen ao mundo urbano, corrompido, entre vergallazos, fariña, enlardados de manteiga, de feluche... A festa resucita, cada ano con máis forza, reaparecen vellas e novas máscaras asociadas a lugares: “xitanos”, “maragatos”, “ananos”, “birrios”, “xeniños”, “carpiderios”...  e con eles, cada vez máis, literatura e estudos sobre o tema. Pois velaquí algúns dos nomes e os lugares  das máis enxebres e diferentes máscaras galegas:

Anxeos: poida que en relación con “angelus” (os que anuncian ). Vestidos de saco e con chocas ao cinto, a danzar.... de Parada de Sil

Bonitas: cubertas de exóticos mantóns, con relacións precolombinas. Propios de Cartelle.

Boteiros: Nome quizais en relación con “butio” (bramido) mesmo tamén con “butyrum”, ou sexa manteiga .Caracterizadas polo gran tocado floral e camisa de cintas pregadas. Representativas de Viana do Bolo.

Cabreiros: alusión aos pegureiros montañeses de Muíños

Carolos, Vexigueiros e Policarpo: vestidos de folla de carozo e vexigas.  De Samede, Paderne.

Charruas , Charrelos: carreteiros, nome dado aos indios riopratenses... proba de influencias levadas e traídas. Os primeiros do Entroido de Allariz, de traxes brancos cubertos de mantón, os segundos da Veiga

Choqueiros e Chocalleiros:   Os que portan ao cinto as chocas, chocallas ( que chocan ou tanxen)... Pra “aculturarse”  e asociarse  con calquera disfrazo: os “choqueiros” da Coruña.

Cigarróns: quizais en relación cos Cimarróns, ou co pobo prerromano dos Cigurros...Visten traxe de chaquetilla bordada, garabata, calzón branco con fleques, careta coroada de pantalla semiesférica. Propia das terras de Monterrei.

Cimarróns: son os animais que foxen da domesticación e volven ao monte a asilvestrarse. Nas colonias de latinoamérica chamábaselle así aos escravos negros que fuxían do seu cativerio

Entridos: máscaras de moitas das aldeas da serra do Xurés

Felos: poida que do verbo “felio” (berrar”) ou quizás teña que ver con felón, infiel. Traxe con flocos de cores prendidos. Tradición propia das terras do Carballiño....neste caso a cabalo.

Follateiros: cubertos de follas murchas da mazaroca do millo. Propios de Lobios

Gaimanchiños: verba portuguesa “gamao”, pillabán. Demos das festas medievais betanceiras

Gágolas: en alusión aos monstros representados na arquitectura barroca. De Celanova

Galos : anunciadores do Entroido da Merca 

Irrio: símbolo pagán, quizais de Baco,  pra cerimonias relixiosas de Castro Caldelas

Labardeiros: ou alabardeiros, con paus nas máns, de Toen e Mugares

Madamas e Galáns : danzantes ataviados de colares, fulares de plumas e cintas dende o canotier por todo o traxe branco. Propios do Morrazo.

Madamitos e Madamitas:  de branco, cubertos de mantóns e chapod importados. De Entrimo.

Mazcaras: de Manzaneda e máis da Xironda

Mazarucas: de Mugares

Merdeiros: do Entroido de  Vigo

Morena: Como a que “memora” (verbo latino “moneo”), a que amonesta que ven a festa. A xeito de touro ou vaca que entra en Laza anunciando o Entroido.

Oso: símbolo que esperta do letargo invernal. De Maceda, de Salcedo na Proba do Brollón,

Pantalla: verba que poda ter relación con fantasía, pantasma, Pantaleón, pantalón, como as  máscaras venecianas en relación con este tirano. Ou mesmo quizais de pinguitácula, (con graxa)...  tocada de gorro frixio duro. Propia da Limia.

Peliqueiros: por cubrirse ou levar por algures, sobre a caluga, unha pelica. Coidado traxe, chaqueta curta, calzón con flocos.... Representativas de Laza. Nome común noutras partes.

Pitas:. careta de ave, de negro e cintas, campaíñas ao cinto. Do barrio ourensán das Eiroas

Sabanas:  de sábana branca  pra despedir ao Entroido, o Mércores, en Viveiro

Señoritas: de Toen

Troiteiros de Bande

Verallóns e Vergalleiros: por levar nas mans unha vergalla ou vara. Cubertos cun curioso tocado ou cornamenta,  das ourensáns terras de Sarreaus e de Ríos.

Voantes :pola cantidade de cintas de cores a voar dende o gran culeiro que portan sobre a testa. Propios do Entroido Ribeirao do Miño en Nogueira de Chantada.

Xenerais e Correos: militares, a cabalo, escenificando encontros en guerras de Independencia, facendo paradas de vivas e “atranques”. Propios da Ulla.

Zarramancalleiros:  con zamarras e a zorregar. De Cualedro

E máis irán espertando da tradición e da creación: onde hai orixes medra a orixinalidade.



23 febreiro 2020