Apuntamentos para a Historia do Feminismo en Galiza

Ampliar: MULLER, debuxo de Felipe-Senén



Resumen sobre o vangardismo feminista en Galiza, protagonizado polas teorías do Padre Feixoo, as cigarreiras da Coruña, o cículo de Juana de Vega, Concepción Arenal, a Pardo Bazán, María Vinyals... entre tantas, até chegar ás organizacións de hoxe.

Dende 1975 e por determinación da ONU inclúese entre as celebracións do almanaque civil a xornada do 8 de marzo como “Día Internacional da muller”. Aínda que en Centroeuropa tal dedicación, resultante de reivindicacións feministas, xa se viña facendo dende 1911. Día que evidencia carencias nunha educación parcial, machista, coa necesidade de educar permanentemente sobre a igualdade entre homes e mulleres, algo que implica a toda a sociedade en calquera momento e máis na era dixital da imaxe : os medios de comunicación.

Data escollida en lembranza dos acontecementos desa mesma data no 1857, cando as mulleres  se manifestaron polas avenidas de New York baixo o lema de “pan e rosas”. Pero tamén do acaecido neses días do 1908,  protagonizado polas traballadoras da Cotton Textil Factory de New York,  as que, entre as súas reivindicacións de igualdade salarial e uns horarios xustos, foron reducidas polo empresario nas naves, provócase un incendio e como resultado a morte dunhas cento vinte traballadoras. Dende entón a cor violeta tinxe estas reclamacións.

E como xa forma parte destas liturxias do almanaque civil, cada unha destas xornadas anuais conleva cada seu lema, para este  2020  o de “Son da xeración da igualdade. Polos dereitos das mulleres”. Nova oportunidade de toma de conciencia co compromiso persoal e colectivo que parte do principio ético: “Nunca á explotación dun ser humano por outro ser humano”.

Cuestión global que compre inculcar na educación, nas responsabilidades de cada quen e de cada lugar. Comezando polas relixións, en orixe tan enraizadas en manter presupostos arcaicos e antihumanos, paternalistas e machistas. Cuestión que se propaga ás relacións humanas, con particularidades no espazo e no tempo, anque existindo en orixe sociedades matriarcais, agrarias, rurais, estas vanse facendo patriarcais, aceleradas cos cambios nos sistemas de produción, coa revolución industrial e a urbanización.

Máis despois de canto comportan os anos da Ilustración, de razón, abrindo ao século XIX, xorde o feminismo, así como o termo que designa ao movemento teórico e práctico que defende a igualdade social , política e xurídica da muller respecto aos homes.

Dende o Renacemento a cuestión prefeminista vai inzando nas sociedades urbanas de Francia ou Inglaterra. Na ilustración o ourensán Padre Feixoo, no 1726, empeñado en por razón aos errores tradicionais escribe “La defensa de las mujeres”, discurso XVI do seu Teatro Crítico Universal, controvertida reflexión fronte á misoxinia, aínda lastrada de catolicismo . Entrado o século XIX as reclamacións do nacente feminismo céntranse nos dereitos en igualdade na educación, á propiedade privada, ao traballo asalariado, ao voto e ao divorcio, punto de partida do movemento sufraxista.

No espello están os referentes europeos, como foi a obra da liberal,  Stuart Mill, as do socialista August Bebel, as de Engels, da anarquista Emma Goldman... Algo se vai conseguindo, como o dereito ao voto das mulleres, comezando por Filandia no 1906, en Rusia no 1917, en Inglaterra e Alemaña un ano despois, en Estados Unidos no 1920, en Irlanda no 1922, en España no 1931, en Portugal, Francia e Italia entre o 1945 e o 46. Novas conquistas na madurez e nas perspectivas violetas: nos anos sesenta espállase a teoría e a praxe de Virxinia Woolf,  de Simone de Beauvoir, de Betty Frieda... entre outras mulleres que serven de exemplo e suporán un paso de xigante na liberación integral da muller, presupostos levados  dende a óptica marxista e o anticolonialismo, incorporando reclamacións que aínda seguen no brete, como a liberdade sexual, o libre acceso a anticonceptivos, ao aborto, contra a violencia e o acoso sexual, reivindicacións incluídas dentro das correntes ideolóxicas progresistas.

No século XIX e XX, pese ao fondo carácter católico de Galiza, ao ruralismo imperante – cun relativo “matriarcado”, merecedor de máis detido estudo -  aparecen mulleres e cenáculos que están na vangarda do feminismo europeo, entre elas  Rosalía de Castro, autora do artigo “Las literatas. Carta a Eduarda” (1866), onde con presupostos similares aos da  Woolf, analiza os prexuízos sociais que coutan ás mulleres para dedicarse á literatura. Tempos de grupos de mulleres entre o que é sobranceiro o cenáculo de Juana de Vega, con Concepción Arenal e sobre todo Emilia Pardo Bazán que aviva esta cuestión. Non lle falta razón á condesa coruñesa en que a liberación da muller soamente pode conseguirse a través dunha da educación e ela predica co exemplo: fundadora da Biblioteca da Muller, defensora dos dereitos da muller, profundando en temas como a violencia machista, criticando a educación que establece baremos diferentes pra conducta de homes e mulleres. Presupostos que aínda fai dende un feminismo coutado por unha máis ampla problemática política. Tema estudado por  Juan Paredes Nuñez ou por Araceli Herrero Figueroa. Dentro deste ambiente feminista decimonónico está a escritora María Vinyals, natural de Soutomaior, marquesa de Ayerbe  ou “Marquesa Roxa”, socialista... con recente biografía de Diego Piay, “María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas baixo a sombra dun castelo” (2020)

Precursor feminismo galego no que se inclúen as reclamacións das cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña, tal como recolle  na novela  “La Tribuna” (1833) a mesma condesa de Pardo Bazán.  Pois no 1916 estas trabsalladoras organízanse en  precursores sindicatos, estudos aos que abre a Ana María Romero Masiá no seu libro “A fábrica de Tabacos da Palloza. Producción e vida laboral na decana das fábricas coruñesas” (1997), con capítulos como “As cigarreiras protagonistas indiscutibles” analizando o asociacionismo feminino e a concienciación de clase, os comezos do sindicalismo, o enfrontamento no trienio bolxevique, a construción do centro social ... Análise dos conflitos do 1831 protagonizados por humilladas cigarreiras, sublevadas en favor dun soldo digno, tendo que intervir o exército. Outros conflitos son os do 1857 motivados polos cambios na produción, amotinadas destrúen as novas máquinas...alteracións no 1874 e o 1882. Non menos importantes foron tamén os movementos das mariscadoras nas rías galegas.

No 1934 María Barbeito y Cerviño é autora dun precursor traballo sobre “La mujer antes, ahora y después (1934). Anos nos que aparecen na Coruña sociedades vencelladas á Liga Internacional de Mujeres Ibéricas e Hispanoamericanas. Asuntos ao que no é alleo o nacionalismo galego dos anos do Modernismo, creadores das Irmandades Femininas da Coruña, Betanzos e a Estrada, a un tempo que se espallan por Ourense. O que se espalla polas agrupacións republicanas, comunistas, antifascistas.

A ditadura detivo os avances pra sobrevivir acochados nas células, até partir dos anos setenta e sobre todo nos noventa, como dende 1968 o Movemento Democrático das Mulleres, a Asociación Galega da Muller no 1976, as Feministas Independentes Galegas no 1978, Mulleres Libres, dende 1988 as Mulleres Nacionalistas Galegas, no 1993 a Federación de Mulleres Progresistas, grupos, como “Alecrín” no 1986. Entre os libros “A muller en Galiza” 1977 de María Xosé Queizán, entre outros títulos de Teresa Barros ou Carmen Blanco, ou pra contextualizar o feito na Galiza dos século XIX e XX  o de Xavier Castro “Servir era o pan do demo” (2020).



8 Marzo 2020