Realidade, mito e tradición arredor dos morcegos

Ampliar: Morcegos (debuxo de  F - Senén)



Os morcegos son paxaros mamíferos, nocturnos, das cavernas, dos lugares de abandono, asociados entón co ocultismo, agora co coronavirus. Pero non todo é así, pois para os labregos son grandes insecticidas, contribuíntes á polinización.

O nome de morcego está composto da palabra latina “mur”  que significa rato, e “cego” que xa confirma todo: rato cego . Ave mamífera, gris escuro, de corpo veludo, cara asexante apuntada por orellas atentas , brazos alados, con fina e sedosa membrana artillada en tres partes, con mans e patiñas de cinco dedos... de voar baixo, a bandazos, en zigzg, a voar atoutiñando  entre as tebras, na noite, nas covas, nos pardiñeiros, torres, templos sepulturas  e lugares de abandono... ceibando agudos e penetrante chíos, ultrasóns.



Non entraremos aquí nos tipos de quirópteros morcegos, que haber hainos, até clasificadas 200 especies coas súas variacións  de tamaño, físicas e costumes, vampiros, da India, de Exipto, de Filipinas, de Kitti, sendo a China o país que ofrece máis variedades... e mesmo os afeccionados ao tema  crearon unha morcegopedia. Quedámonos aquí co noso morcego común,  tamén coas súas diferencias, arredor do que se creou unha activa  Asociación de Morcegos de Galicia.

Estraño animaliño voador dos lugares con misterio,  sobre o que  o mundo e as crenzas populares seguen a tecer prexuízos:  criatura considerada sinistra, asociada cos espíritos, coas señas e compañas do Trasmundo as que tamén se moven na noite, mentres outros dormen. Propicio pois aos ritos de nigromancia, á maxia e aos ritos das meigas, co vampirismo zugador de sangue, que durmindo coa luz do día esperta na noite dos seus cadaleitos pra morder e contaxiar.

  Ave negra, tamén de mala fama na zoonose, isto é a transmisión ou mutación xenéticas dos virus a través dos animais, dando lugar a diferentes xenotipos dentro da viroloxía causante de enfermidades con diferente incidencia e potencia por idade, sexo....

Morcegos asociados á transmisión da rabia, do ébola, do sars- COV. E nestes días sospeitoso da transmisión do andazo do virulento virus  do Covid 19 a través do traspaso e a mutación a outro animal. Virus  identificada por primeira vez no mercado de especies raras e mariscos da sorprendente cidade china de Wuham,  urbe que combina ancestrais tradicións coas máis sorprendentes tecnoloxías, entre as primeiras a costume dun negocio en mercados sucios e húmidos , sen ningún tipo de seguridade hixiénica de animais exóticos pra o consumo alimenticio . Onde se sospeita a orixe desta peste este que ademais reporta tantas incertezas campantes, que pon no brete á sociedade, á cultura, á política e á economía.

Virus en proliferación de progresión xeométrica que se expande polo mapamundi e sorprende á ciencia pola súa capacidade de resistencia e difusión.  Ameaza global á vida sobre o planeta, que cuestiona costumes e o actual modelo de sociedade: a sanidade, a hixiene, as relacións, entón tamén a cultura e políticas baseadas unicamente no mercado. Entran no debate novos relatos e propostas de futuro, que boa falla facían tamén.

Símbolo a luz e das verdades fronte ao escurantismo

 O morcego sigue a ser vello emblema armeiro de brasóns, como o de Valencia, de Mallorca e  do barcelonés  Consell de Cent , fundacións  de Jaime I, monarca moi metido nas crenzas dos seus inimigos islámicos,  os que vían no morcego un agoiro celeste de aviso e vitoria fronte a tramas escuras, fronte á cegueira da nocturnidade, como símbolo da luz das verdades. Para Vítor Hugo, gran coñecedor do mundo popular o morcego significa o ateísmo, o fracaso do espírito, como anxo caído.

Para os gregos antigos esta ave do mundo subterráneo, da escuridade, da incerteza entón mesmo era venerada e temida, asociada cos trasnoitadores:  Homero identificas con monstros alados. Na mesma Odisea a alma dos defuntos voando no Hades  represéntase como os morcegos, aspectos que retoma o poeta latino Virxilio.... algo así acontecía cos maias de centroamérica. Pola contra, na China o morcego é símbolo de boa sorte, de felicidade, interpretase a súa hibernación como a eternidade,  asociados coa saúde, coa virtude, co amor, coa fortuna e coa lonxevidade. En xeral considerábase aos morcegos de cor avermellada como escorrentadores das tentacións demoníacas.

Observaban os antigos e tíñase moi presente nos bestiarios medievais o xeito de pasar o día dos morcegos, colgando do teito nos lugares escuros e silenciosos,  suxeitos  dos pes os uns aos outros, boca abaixo, recollendo o corpo nas súas mesmas alas, como unha bolsa,  formando así grupos de acios. Comportamentos tomados polos humanos como de sociedade e de amor.

Morcego que no seu vou nocturno non tropeza,  que en todas as culturas  terá a súa mitoloxía e simboloxía-zoolóxica, de  significados ambivalentes, negativos e mesmo tamén positivos, sábeno ben os labregos, que  mesmo os ven como intelixentes aliados,  inofensivos , insecticidas biolóxicos, axentes do control medioambiental, exterminadores de pragas, de eirugas, mosquitos e outros insectos da noite. Símbolo de vixilancia, de asexo,  perspicaz na escuridade.  Entendíase que se un morcego pasa á beira de alguén era como munición de que alguén trama un engano. E si un morcego entra na casa interpretaríase como ruín agoiro, a súa desgracia.

Modas e tradicións galegas arredor dos morcegos

Morcego presente nas tradicións ocultistas e alquímicas, as que se basean na súa natureza hibrida de rata-paxaro,  como si se tratara dunha mestura de dragón ou demo alado. Animal pois de significación ambigua, contraditoria nalgunhas culturas. Ave moi na observación dos exóticos , excéntricos, teósofos e inadaptados dandis  do Decandentismo romántico,  aqueles que mesmo se embozaban en capa e apoiaban en nobre caxato, cun camiñar transversal, mesmo inspirado na nocturnidade dos morcegos.  Animais que semellan evadirse voando deste mundo pra furar nos misterios das tebras. Autoproclamados “inadaptados” seducidos polo encanto vampírico da taumaturxia pra inspirar movementos de tradición gótica, os mesmo que renacen na contemporaneidade. Entre estas  figuras que tanto atraian e inspiraban a don Vicente Risco, tamén metido en teosofías e bestiarios estraños,  está en Huysmans e no parisino dandi señor Marques, Robert de Montesquiou,  un referente dentro dese mundo da elegancia nocturna.

En moitos lugares, mesmo en Galiza cravábanse vivos, estendendo as súas ás sobre as traseiras das portas, fundamentalmente dos cortellos,  actuando como protección contra os demos dos animais e das propiedades. Secábase e utilizábase o seu sangue, a pel e os  osiños para remedios de bruxería, tamén como afrodisíaco, e a iso mesmo fai mención o romano Plinio o Vello . Ave escolleita polos antigos pra auspiciar, adiviñar a través do vo, xa que voar representa a liberación, a ascese dende os lastres terreais cara aos deuses. Aves que entre ese conflito escuridade-luz, actúan como mensaxeiras de poderes superiores ou inferiores,  para o ben ou para o mal.

Morcego do que se extraian remedios aplicados contra a mordedura das serpes, contra a ictericia, como contra as penas e os males de amor... O morcego está moi presente en ritos de tradición celta e xermana. Semellantes aos practicados en  Galiza , onde  os curandeiros ou curandeiras pasábano vivo polo corpo dos enfermos co ansia de curarse. Entre os nenos rurais era perseguido para os seus xogos, obrigándoselle a fumar, a inchalos de fume.

Mesmo na arte aos anxos caído, como o orgulloso Luzbel, represéntanse como paxaros frustrado, Lucifer (luz da fondura) Satán. Anxos condenado dende a luz dos ceos ás tebras dos  infernos. Demos que se representaran con ás de morcego,  articuladas, onduladas e grises. Tamén a envexa, como efecto de espíritos maléficos, que non se manifesta á luz e actúa ás agachadas e entre os buracos,  representarase como unha exhalación ou  desbandada de morcegos. Animaliños imprescindibles  entre o contexto das meigas, nos aquelarres e así os atopamos nos influentes  debuxos  negros de Goya.  E sempre nese debate entre o ben e o mal, a luz e a escuridade.

25 abril da Liberdade 2020 do Coronavirus