O SÉCULO XX DE EMIGRACIÓN A AMÉRICA, EUROPA…



O SÉCULO XX DE EMIGRACIÓN A AMÉRICA, EUROPA…

Ese espíritu excesivamente tolerante, de encrucillada, de xente que vai ven ou non volta, soubo, mellor que ninguén, representar súas esencias no “brutalismo” expresivo da pedra gra, o gran arquitecto porriñés Antonio Palacios: A Veracruz, construída pese ós problemas do tempo, sufridora da insensibilidade e das posteriores ameazas da especulación. Obra executada dende 1943 ata 1962 fidelmente polo mestre constructor Otero Landeiro, quen se deixa contaxiar deica identificarse coa maxia do arquitecto porriñés, xenio do Madrid da primeira metade do século XX. Obra emblemática do nacionalcatolicismo, nacida da “limosna para el Templo de la Veracruz” entre a xaculatoria de “Sagrado Corazón de Jesús, en Vos confio”, “Rosarios da aurora”, novenarios” e os “primeiros viernes de més”. “Un palacio para Dios” feito pola sensibilidade, o empeño e a constancia do párroco don Evaristo Vaamonde. Templo que é simbólico gran cruceiro, con algo de altar megalítico e de castelo, feito no expresionismo da pedra grá, dende o brutalismo para ser encaixe de arquitecturas, como unha “Summa teolóxica” da Arte Galega. Arcos parabólicos e torre erguida sobre a encrucillada para acoller un “Lignun Crucis” traido deica eiquí por un franciscano, un dos moitos seguidores da orde do de Asís e do lisboeta de Padua, que deron estas terras, para ser andante romeiro, palmeiro e peregrino.

Aqueles anos da primeira metade do século XX eran os do “Pavillón Neira”, que recolle as primeiras experiencias de Isaac Fraga de Miomás, pioneiro na difusión cinematográfica e teatral… Carballiño que vive a xuventude de Chamoso Lamas, estudoso, conservador, difusor da inmensidade do patrimonio cultural. E tantos nomes, de onte e de hoxe, que seguen solidariamente a darse a man e pechar trato, a construir, incluso destruindo.

Meu tempo carballiñés é aquel no que se pasa do “Sporting Club”, ó “Arenteiro Club de Fútbol”, con apoixoantes encontros no campo de Espiñedo, onde destacaba o porteiro “o Zorro” e o malogrado “Paquiño Chao de Telégrafos”, e Rivera, que xugou no Sevilla, foi internacional, estivo no Celta e resumiu todas as nosas frustradas esperanzas futbolísticas. Tempo no que a charanga dos Librorianos celebraba a entrada na primavera co Entroido carballiñés. Nome que suxire infindas sensacións, as que para describilas cumprirían metros de papel e horas de conversas cosidas con risa. Todo o Carballiño era cómplice daqueles cantares e sons irónicos para
tempos de silencios. Con cheiro mañanceiro a churros do “Zorrito” e luscofuscos coa voz de Contreras, ofrecendo “La Noche”e cánticos do Chiquilín. O recorrido era do barrio de arriba ó barrio de abaixo, da Casa Celia ó Hotel Carlos, con parada e centro na Praza Maior - nun palco de música que nunca houbo … para seguir a fanfarria poderosa, sobre todo, cos seus sons para inmortalizar foto en riguroso orde nas escaleiras da Praza de Abastos.

Pese a ser o tempo cimo do nacionalcatolicismo, os Liborianos resumen canto de profano hai en toda festa galega. Sabemos as xentes do camiño que a leria reina sobre pequenos e grandes disgustos, os que nunca faltan. Charanga nacida no 1954, previa inspiración e conversas a carón da “Capitana”, ese gran bocoi surtidor de tinto espeso, traido dende Cabanelas deica ó Cacheiro de Framia polos Oxea; idea logo madurada na rúa, nas tertulias daquelas tabernas que eran auténticos ateneos populares, entre o Celia, Estatequieto, o Emiliano, Gito, Rioboo, a Gazpara, o Pituxo, Isidro, Bastoncito, Chupete, Moucho… obrigados puntos de parada no viacrucis que pecha unha xornada de traballo nunha vila de comercio. Alí debateuse o nome, baseándose en coplas do ourensáns barrio da Ponte e así xurdiu o nome culto de “Os fartos de Liboria”, para reducirse logo “Os Liborianos”, que quere ser un agasallo á romana Libera, a muller de Baco, celebrada en marzo, deica crear nos días de festa unha “Liboria” ou paraiso temporal da liberdade. Agradecido homenaxe popular ó Entroido, tempo das mimosas e das camelias, da cachucha, o botelo, os grelos e as orellas de frade, as que nunca faltaron nesta bisbarra nin nos tempos de miserias. Por algo aquelo de “Pra carne pan e viño…”. A fartura é sinónimo de ledicias, e deste “Santo Entroido” argallado coa benia do párroco don Evaristo, pese a que nunha, turroulle da orella a alguén. Para este tempo que ” o sangue altera” non compre máis que eso, leria e retranca, imaxinación, un instrumento musical para complementar comparsa e saber estribillar coplas pra aplicar a algunha composición clásica de Mozart, Tchaikovsky… ou mesmamente a popular “Rianxeira”, ou tan siquer a aquelas cancións da época….”Esperanza, por Dios solo sabes bailar chachacha”, así como a toda unha gama de premios do Festival de Benidorm, como aquel “Telegrama” co “Ya lo sabía….” cachondeándose da traida de augas, a que se eternizaba por cousa do crego de Loureiro… composicións da autoría de Manolo Ojea e Miluco “Verona”, con
repertorio referido a vida da vila, ás obras da piscifatoría, da estación do FF.CC. ó Auto Industrial… Os feitos e desfeitas dos señores alcaldes, don Bernardino, Luis Pereira, Héctor González, Camilo Larodry, Perea, Marnotes…que insolitamente participaban na leria nun Carballiño “ben atado”, pese á vixiancia da benemérita comandada polo Cabo Gil e despois por Morugán Aviala e estando como xuices Rajoi e logo García Caridad, que non era pouca cousa.

O domingo de Entroido, á saida de misa repartianse os pasquins da convocatoria musical. E, xa a meia tarde, toda a calle Maior era espectación en ir e vir : dende a fábrica de licores dos Paniaguas chegaba o retumbar tribal do bater do bombo de “Os Liborianos”, a ristra de mascaritas detrás, algún felo de Garabás a cabalo entre axúxeres e cintas de cores. Namentras preparábase o confetti para o baile nas salas do Sporting Club, no Alameda ou no Metropol… As orquestras do Evaristo do Covelo e o Millara afinaban os acordeóns. Todo Ourense e media Galicia baixaba ou subían ó Entroido do Carballiño. Os Liborianos, eran a terceira vía pacificadora no liderato e protagonismo entre as rondallas dos Leales e os Rebeldes, tunas interclasistas en idades, profesións e devocións que xa quixera para si a mesma Compostela, tradición logo asumida e continuada pola fartura e xenerosidade dos de Liboria… O Rizo, o Potiños, Godás e Aurelio deixaban memoria fotográfica de todo, namentras Calviño, Rumbao e despois a Cantero, Pepín Prada e Xulio Lama aportaron crónica periodística.

Fontaiñas, Boluda, Terceiro, Cartón, Miluco, Charrancas..son nomes carballiñeses, imprescindibles, os que quedan e gardan o tesouro daquela tradición dirixida pola bonomía, o humor farto e simpaático do Paco da Celia. Saberes carballiñeses aínda vivos.