Tras os pesares o Maio sigue vindo coas súas tradicións celtas e romanas ocultas

Ampliar: Virxe de Florencia (Urbano Lugrís- Deputación Coruña)



Dende o confinamento polo coronavirus facemos un repaso das tradicións festivas que abren a Maio: a noite do Lumepán en Noia, as procesións dos ídolos florais dos Maios entre cantares,a cristianización da Santa Cruz así como a súa influencia na Arte

Tras as xanelas e as portas do confinamento coronavinario , o ciclo astral ensina o primaveral maio. Atrás queda o canto do cuco, o orneo dos burros, onde os haxa; os merlos e as andoriñas a ir e vir e a construír o seu niño... Mes cos seus recendos a cinamomo e caravel,  que celebra as flores como símbolo do futuro froito e conseguintemente de novas sementes, alimento e remedio. Maio das árbores foridas, como  ben estudou Vicente Risco e os seus seguidores, entón tamén da celebración da Santa Cruz, como “arbor una nobilis”, Árbore de Redención que di que é a cristiandade. Mes pois de diálogo cos espíritos vexetais, representados na cultura celta e centroeuropea pola divindade do Cernununs, o cervo coroado de ramas, como deus-árbore, “greenman” para os mitólogos ingleses, tan simbolizado na Arte Galega, si o buscamos. Tempo propicio aos bardos, aos trobeiros medievais, aos poetas, ás virxes e  ás santas. Mes dos rosarios e das ladaíñas, dos xogos florais, da mocidade, das manifestacións e das revolucións, isto é: de canto implica renovación.



 Mes de Maio que no almanaque pon remate aos meses con  letra “r”, os tan recomendados na sabedoría popular pra xantar lamprea e mariscos. Con tres primeiros días moi celebrados nas urbes, máis que nun mundo rural no que ten orixe e significación, cousas que sempre pasan, xa que ao fin e ao cabo a urbe nútrese da aldea. Na Galiza é mes no que tamén asoman florecen tradicións antigas, as máis romanas, ensarilladas entre herdos célticos que cristianizados pasan e adórnanse no medievo, reiterando a Cruz por medio.

No reverso do céltico Samáin escuro e outonal asoma o luminoso e primaveral Beltaine

Maio que pros celtas e celtiberos , de tantas tradicións indoeuropeas, zoroastristas, xunto co Novembro do Samaín repartía o almanaque anual en dous períodos: o da Luz e o das Tebras, esa permanente dialéctica na esencia da identidade galega.  Maio celta que abre as súas calendas coa festa dedicada ao seu deus Beltaine, Belenus ou Cetsamain, nome do que non se filia proba arqueolóxica nunha Galiza fondamente romanizada e cristianizada, quizais poida que figurado nesas tarascas aínda non interpretadas. Aínda que pola contra abondan topónimos co prefixo Bel que alguén levado pola súa celtofilia poda interpretar inicialmente coa exóticas divindade desaparecida. Deus solar, do lume pois,  que na centroeuropa romanizada ten a súa equivalencia co romano Maius Xupiter, o máis grande deus, o  que goberna o ceo e os fenómenos atmosféricos. Mesmo  en algunhas zonas, como na Galia, tan en relación con Galiza,  venerábase a unha divindade feminina Belisena, equiparable á deusa grega  Maia, nai de Hermes, a maior das fillas de  Atlas e Pleione, as sete Pleiades identificadas con esa constelación estelar que asoma neste tempo que os mariñeiros dicían propicio ás navegacións. En Roma deusa da primavera, Maia Maiestas,  a deusa maxestade asociada ás vestais, ás do culto ás flores e ao lume.

Maio no que se celebra á vida, á fecundidade no que poido enxalzar tamén ás enigmáticas “Matres galaicas”, señoras da fartura, nomeadas nalgún epígrafe da antigüidade, como o dun tal  Tito Fraterno, segundo recolle a Historia de Galicia de Verea y Aguilar 1852, epíteto local  ao que lle dan voltas os historiadores e os antropólogos, ao que lle dan voltas por canto implica de matriarcado antigo.

A desaparecida noite de Walpurgis que abre ás calendas de Maio

Deuses máis celebrados na derradeira noite de abril, a que abra ás calendas de maio, coñecida no mundo de herdos céltico centroeuropeo como a noite e Walpurgis, popularizada por Goethe no seu “Fausto”. En Galiza perdéronse os ritos desa noite, coñécense os de acender fogueiras na cima de outeiros considerados “sacros” , tempo no que os mozos daban voltas arredor das leiras portando erguidos fachóns de lume, entre outros ritos de fecundidade.  Si ben da Maía ás terras de Noia vense recuperando esta noite como o “Lumapan”, encontro entre fogueiras, flores e froitos. Festa moi celebrada nesa Irlanda avivadora das súas tradicións celtas, especialmente nos outeiros de Uisneach, condado Westmeath, santuario en  relación co de Tara  no Condado de Meath, ,  o sitio sagrado  da Pedra do Destino, este  vencellado ao poder real e ás festas de Samain, mentres que Uisneach  estaba en relación co poder espiritual, como couto ou embigo, “axis mundi”  que era para os clans,  santuario do culto ao lume que a arqueoloxía asocia con Beltene, entón coas festas de maio. Sitios sagrados onde reforzar ás tribos, como proba a  abundancia nestes lugares de monumentos megalíticos, de pozos,  de pedras asociadas coa “cama” , en Erín do cristianizador San Patricio.

Beltene con prefixo belt en relación ao deus Bel e o sufixo tene en alusión ao lume.  Festa pois noutrora e como tantas con orixe naquelas tradicións do lume e das fogueiras, co mesmo senso que pra igrexa ten o lume de Pascua ou o San Xoán, de renovación e comezo dun novo tempo, de luz e calor. Festas nas que os druídas tiñan o papel de acender a maxia do lume, facendo pasar o gando e as pertenzas entre as labaradas, como un xeito de purificación fronte ás epidemias. Coa mesma equivalencia que tiñan as saunas nas entradas dos castros, esas “Pedras fermosas” nas que interaccionan os Catro Elementos en ritos hixiénicos e de purificación.  Irlanda, como Galiza son pobos nos que perdura esa tradición de celebrar esta e conmemoración arredor o lume,  si ben na Galiza reconvertidos en sesións de pirotecnia e máis modernamente en videoproxecións.

 Maios, festa da árbore florida , cristianizada festa da Cruz como  “Árbore de Redención

Celebracións polas que sempre asoman os herdos orientais asentados no mundo celta, entre eles os zoroastristas, en relación co lume que significa luz, purificación... pero as fogueiras do maio perdéronse, si se  avivaron as do San Xoan e as dos Magostos. Namentres  perdura nos primeiros días de Maio os ritos do culto ás flores e ao árbore, como celebración da  Santa Cruz e das cruces florais, asociadas aos maios, esas construcións forais sobre complicados armazóns de madeira e  arame , monecos, mesmo nenos ou mozos “vestidos”  de flores  e  de temas diversos, inicialmente os identitarios, pra portalos sobre angarellas en procesión, entre comparsas que pasean de porta en porta, con ramos, “crocas dos meus castiñeiros”  (canta Curros) e allos porros... cantando retranqueiras coplas, sátiras , os variados cantares de maio... velaquí a orixe das batallas de flores e pétalos, as que co tempo pasaran  a ser de papel e confetti...entre cintas e tantos outros elementos comerciais.

Tradicións, liturxias reconvertidas ao longo da historia polos reinos da cristiandade, as que, entre tantas cousas, se espallarán  e incluso mellorarán en terras conquistadas ao Islám. Sábeno ben os etnoarqueólogos. Costumes que reportan preparar os escenarios e elementos da festa, como erguer no centro a arbore adornada, o Maio Rei, con sona o de Laza,  adornar portas e xanelas das casas con ramos,  flores, fiúncho, romeu, cinamomo...o fiúncho tan usado pra rúas e pisos das igrexas...  complementadas con danzas a toque e bater de garabullos, entre ramallos e arcos florais baixo o que pasan os danzantes mozos. A flor como símbolo de mocidade, entre costumes que se repiten no Nadal  con novas fórmulas decorativas.

Mes de Maio tamén cos seus xantares, os que abren ao verán, onde novamente se celebra á castañas, agora apelidada, “maias”, “maiolas”, as endurecidas e curadas,  que amolecidas previamente enriqueceran o caldo e os cocidos, tema sobre o que ben teorizou e recomendou Alvaro Cunqueiro

Mes e deuses que poidan ter que ver co santuario de Santa Baia de Bóveda, onde se representan este tipo de danzas, as aves... a fecundidade, sempiterno tema o da flor, da fonte e o cervo, a candea, as lumaradas e a mocidade, da deusa Belena,  Maia,  Venus e as vestais,  que inspirou a grandes creadores, a trobeiros da lírica galaica, como Afonso X, Airas Nuñez, Xoan Zorro... e non esquezamos ao florentino Sandro Boticelli, abrindo ao Renacemento, seguidor e renovador de tradicións grecolatinas que poderían ilustrar canto vimos dicindo... Curros Enríquez en  “Aires da Miña Terra” segue a tradición poética e satírica dos cantos dos maios,  pra logo musicalos  Luis Emilio Batallán . Maios nas pinturas de  Urbano  Lugrís o vello, de Laxeiro, de  Agostiño Portela Paz, ilustrando primaveras mesmo en días escuros, sen liberdades como os da ditadura.

3 de Maio do Coronavirus- 2020