Ameaza de desmantelamento do espazo histórico do Cotto Wagner en Rande



Dende a Ilustración Galiza tivo un importante mencer industrial. A historia pesqueira e portuaria como a viaria deixaron pegadas: carpinteiros de ribeira que deron lugar a asteleiros, carroceiros... Rande ofrece un importante mostrario hoxe ameazado

Un pobo culto sabe honrar e reconstruír  para o futuro  aspectos do seu pasado.  Compre madurar na cultura, na sensibilidade, saber o que  seleccionar, rescatar e manter das tradicións, da creatividade, do enxeño, do aprendido nas relacións con outros pobos. E para iso naceron ciencias como a Arqueoloxía e a Museoloxía, as que mesmo actúan como medidores culturais . Conformándose así unha selectiva antoloxía de aspectos materiais e inmateriais, de anacos do que somos: da prehistoria, da protohistoria, da antigüidade ou da mesma Historia: saberes, sitios, artefactos, obras de creación, de arte, elementos etnográficos, pero tamén industriais. Entre os etnográficos os que teñen que ver cos sistemas e técnicas de produción do agro ou do mar, ferramentas, trebellos e útiles de transporte, de caza e de pesca, artesanías... Pois velaí ese rico mundo do carro, dos arados, dos muíños, dos batáns,  serradoiros, ferrerías, da produción do pan, do viño, os sistemas de cultivo, o desaparecido liño…e moito máis

Teoría e praxe que prende e medra no compostelán Museo do Pobo Galego  dende que abre as súas portas no 1976, a partir da sementeira do Seminario de Estudos Galegos, posto en marcha tras o esforzo do Colexio de Arquitectos  e dos herdeiros daquela misión de “bos e xenerosos”. Facer o que non fan as administracións.  Hai outras iniciativas dentro destes eidos, así pola Deputación da Coruña  adquírese, créase e ábrese no 2006 o ecomuseo en relación coa produción oleira no Forno do Forte de Buño…os Batáns de Mosquetín en Vimianzo...De xeito serodio, despois de décadas de espera e baixo a dependencia da Xunta de Galicia nace no 2019 o Museo do Viño de Galicia  aproveitando a solemne reitoral de  Santo André de Camporredondo, Ribadavia, con canto significa a vinicultura e a viticultura.

Pescudas dentro das que anda con certo retraso respecto a outros países, a Arqueoloxía Industrial, referida á produción que caracterizou os tempos aos que abriu a revolución industrial. Mais, pese a súa significación para o futuro, esquecemos os alicerces, o que significou a Ilustración con tan grandes figuras e iniciativas en Galiza: os curtidos, as fábricas de papel, de xabón, de fiados, os aserradoiros, as canteiras, cordalarías, campaneiros,  as fábricas de vidro como a da Coruña, os carpinteiros de ribeira, de Outes e Bergantiños ata os competentes estaleiros ferroláns e vigueses… Pescudas e tarefas nas que é un referente a familia Masso por formar unha colección que hoxe é base do Museo do Mar de Bueu,; modélico tamén o programa de reconstrución etnográfica de Allariz . E cavilamos en canto puidera dar máis de si o Museo Naval da Armada en Ferrol , complementado dende 2010 co Museo da Construción Naval,  Exponav ….  Exemplar o esforzo feito dende do concello de Lousame por rescatar aspectos do volframio en San Fins, e o que se puidera ter feito arredor do emporio mineiro de Fontao de Vila de Cruces, entre outras... e  xa non digamos en relación coa  explotación da pedra no Porriño ou coas de lousa de Casaio de Valdeorras.  Desapareceron as fundicións ourensán de Malingre, a coruñesa de Wonemburger, as de Vilagarcía,  sobreviven  os campaneiros de Arcos da Condesa, máis non se conta nin se mostra a súa historia... como mesmo non se conta a dos transportes nun país de feirantes, de carros, saberes que deron lugar  ás industrias carroceiras de Barreiros en Ourense, de Barro en Ribadeo, Piñeiro no Carballiño, Castro en Vilagarcía... Estragáronse as estruturas de comunicación alemáns da Terra Cha e sen elas pérdese memoria...País  ademais pioneiro no ferrocarril, con canto supoñen as súas infraestruturas e a súa evolución, ao respecto benvido sexa o Museo do Tren de Monforte, namentres adormece no esquecemento a pequecha estación que Cela montou na súa Fundación de Iria…as fábricas de  louza de Sargadelos, Álvarez… Mesmo tamén as industrias feretristas de Ribadavía.... FENOSA  con canto de innovación supoña, e que, ao menos, tivo a sensibilidade de crear unha interesante colección e dar inicio  a un Museo Electrico na Coruña , desmontado e repartíndose os seus fondos nos últimos anos tras os cambios de propietarios ... Entre tantas outras historias, como as coleccións formadas pola sensibilidade de xubilados de Teléfonos que se manteñen na Coruña, ¿ata cando?... Temas e iniciativas haber hainas, como canto significou o cine, as salas, os sistemas de proxección, onde houbo tantos precursores, Lino Perez, os Pita, Isaac Fraga, Cesáreo González… nomes asociados á industria do Sétima Arte...pero seguimos a dar a esquecemento.

Ao respecto temos moito que aprender, mesmo da veciña e europeísima cidade de Porto: o seu Museo da Fotografía, o Banco de Materiais ,recollendo mostras industriais aplicadas á arquitectura da cidade; ou entre tantos o exemplos de países cultos , moi a ter nas miras, a dos estaleiros de Albaola Itsas kultur faktoria en Pasai, Gipuzkoa ...

Nunca é tarde, de xeito serodio naceu o Museo do Mar de Vigo (2002) e máis que deberá para un país de portos, navegacións, pesca e conserveiras,  o de “para mariñeiros nos” con todo un programa sempre inacabado dentro dunha enxeñería portuaria en evolución e  mesmo de custoso mantemento. Exemplos hainos en países portuarios  nos que non faltan os seus museos do porto. Por exemplo en Belfast, a potenciación das históricas grúas pórtico Goliath e Sansón, as dársenas e tinglados onde se construíu o Titanic…e xa non digamos os portos Ingleses de Plymouth ou Sauthampton , Liverpool, o holandés  de Amberes, os que non regatean en presumir das súas orixes navieiras.

 A Paisaxe cultural de Rande ameazada e afogada polas ampliacións portuarias de Vigo

Ante as responsabilidades patrimoniais prioritarias, en canto a súa protección, meteriamos a Rande  e á enseada de San Simón no Mar de Vigo, onde , polo seu interese xeoestratéxico e natural conflúen intereses arqueolóxicos , etnográficos, históricos ou paisaxísticos. E alegra que haxa grupos e movementos cidadáns que o entendan así , como a “Asociación Rande Patrimonio Europeo” que velan polo futuro destes recursos socioculturais, económicos tamén, como xa se pon de relevo no Centro de Interpretación de Meirande,  feito sobre a Casa do Alemán no 2013, tan visitado dende a súa fase inicial e dentro dun programa inacabado por canto significa esta contorna como escola de mareantes: os castros da Idade do Bronce, os poetas do Mar de Vigo,  o Castelo de Soutomaior e Pedro Madruga,  a fortaleza de Rande, o lazareto e a historia triste de San Simón, a Batalla de Rande de 1702 con dúas ducias de galeóns afundidos que dan pe ao “Tesouro de Rande”,  referente para a historia da arqueoloxía submarina de todos os tempos, tamén para a fábula, velaí  inspirando as fábulas  viaxeiras do bretón Xulio Verne, as súas relacións co inventor e industrial Antonio Sanjurjo Badía..as bateas, as ostras e o rico folclore  que anima das aldeas dunha e outra beira da enseada... Pero hai moito máis: a paisaxe industrial, históricas as estruturas portuarias do volframio, do ferro ...

Panorámica histórica sobre a que campa a nova ponte de Rande, obra dos enxeñeiros Fabrizio Miranda, Florencio del Pozo e Alfredo Passaro, inaugurado no 1978, preto dela o porto e as estructuras en relación coa II Guerra mundial e a carga do cotizado “ouro negro”, o volframio, espionaxe por medio.  O “Cargadoiro do Alemán”, con guindastre de vía voada ou Cantilever, iniciativa  nos anos vinte de Wilheim Cloos. Obras complementadas coas intervención promovidas por outro alemán, Otto Gerdtzen Boyé que no 1944 merca as vellas naves de salgados de Rande -  construída a inicios do século XIX, pola familia de catalán Carsi - para transformalas en conserveiras: “Conservas Boyé”. Contexto no que está a estructura de ferro dos primeiros anos sesenta, o cargadoiro  Cotto Wagner dotado de cintas transportadoras , pechado nos setenta  e que, aínda que non forma parte do programa alemán, usado despois para o cargamento de minerais, fundamentalmente ferro de Ponferrada, seguiu levando o nome destes seu iniciadores: Cargadoiro do Cotto Wagner , polas súas singularidades incluído na lista de bens do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia (n.- 51795)

Testemuños que o arqueólogo Xurxo Constela,  dende a Asociación Rande Patrimonio Europeo,  en teoría e praxe pon en valor , sobre todo a fin de que entre nos despachos das diferentes administracións apelidadas “de cultura”  e máis da Autoridade Portuaria de Vigo.  Lembrando as leis, que o Concello de Redondela aprobou por unanimidade solicitar á Xunta de Galicia  a “Incoación de expediente para a declaración como BIC dos restos da fortaleza de Rande e medidas de protección doutros bens da contorna”, resolución da Alcaldía de 7 de febreiro do 2013, a incluír na categoría de “paisaxe cultural” ou mesmo como “paisaxe histórica”. Propostas das que naceu o devandito  Museo de Meirande.  A sumar a outras leis anteriores para a conservación da natureza en Rande e San Simón, (DOG 171, 4/9/2001), recoñecidos como ecosistema natural, incluído na Rede Natura 2000 , aprobado pola Comisión Europea en 7 de decembro do 2004, o que implica responsabilidades por parte das administracións. Pese a todo as obras de ampliación da ponte de Rande no 2013 paralizaron estes trámites. 

Secuencia da incultura: abandonar, esquecer, destruír os documentos da Historia

Iniciado este ano 2020 aparece no debate e recóllese nos medios a posibilidade,  por parte da Autoridade Portuaria , ampliar a área industrial do mesmo, co desmantelamento do Cargadoiro do Cotto Wagner. A idea é facer un atracadoiro de barcos inservibles, á espera de sentencias ou desmantelamento, terminal de contedores... unha vez máis remítennos á esas improvisación que enchafallan o territorio, pero cun obxectivo claro: borrar a historia, alegando o abandono  intencionado das vellas estruturas, o perigo, a ameaza do amianto...

 Situación que aviva as iniciativas para desenvolver o Parque etnoarqueolóxico de Rande, esixindo ás administración sensibilidade coa Historia nun contexto prioritario na Galiza dos portos e dos camiños do mar, comezando polo deber de consolidación destas estruturas e  a súa potenciación cultural e turística nunha paisaxe na que xa forman parte inseparable .

24 Maio do Coronavirus 2020