“FESTA DO PULPO” NO PARQUE



“FESTA DO PULPO” NO PARQUE

Os do Carballiño, por aquelo de falar claro e para que non haxa confusión, preferimos dicir pulpo a polbo. Así é que esta é a “Festa do Pulpo” no Carballiño, ritual gastronómico co que se
homenaxea a un dos pratos máis característicos, antigos e tribais destes confíns do mundo. Toda festa en Galiza é un xeito de consolidar as raiceiras que están na casa, na tradición, todo o que vai
quedando da vella tribu, que é sociedade. Non faltará na festa nen música, nen baile nen folión de pirotecnia, nen moito menos unha mesa posta co abondante xantar compartido para gabanza da
xenerosidade e fartura. As inxenuas conmemoracións animistas pagáns ós astros, á auga, ó lume, ós bosques, ás penedas, ás fontes, ás encrucilladas… eso que, no século VI, anatemizaba Martiño
Dumiense, trastocáronse co cristianismo en ofrendas ós santos. Nese devalar co desenrolismo dos anos sesenta mudaron algo as devocións, pudo o bandullo e cada manxar tivo a súa festa en
Galiza. Veleiquí algo sobre os principios.

Compre facer memoria daqueles, aínda que encorsetados polo franquismo, revolucionarios e desenrolistas anos sesenta. No sesenta e tres nace a Festa do Viño de Ribadavia, inspirada na máis
vella Festa do Viño do Albariño, en Cambados, e velaí que sumando ideas, experiencias vividas e traidas pola emigración, así como a ansia de anovación, no Carballiño dubídase en crear a “Festa
do Pulpo” ou a da “Carne ó Caldeiro”, esta argumentada por aquel gastado dito de arrieiro e romeiro, “Pra Carne Pan e Viño, o Carballiño”. No sesenta e catro axuda a espallar o evento a
corresponsalía de “La Región ” que levaba Luis Padrón, sobriño do finado párroco don Evaristo.

Cobra forza a iniciativa, levada da man dos entóns concellais, Ramón Valeiras, Román González, Cañero, Apolinar, Carballido, e Felipe López, meu pai, entón amigo de “inventar” ideas e sumar iniciativas turísticas. Así argallouse a I Festa do Pulpo, tendo daquela o sorprendente e enxebre menú: pulpo a abondo e ó estilo feira, anguías do Miño, lacón, carne richada, co necesario e complementario pan de Cea, queixo branco da nabiza e as escasísimas pavias do Ribeiro, café de pota e licorcafé da Casa Paniagua, item máis… faria da Coruña para complementar o ritual de fartura. O presuposto non deu nen para o sal naquel primeiro encontro, ó que asistiron setenta
comensais. Como tempo elexido o segundo domingo de agosto por aquelo de garantir o sol, polos agüistas, os emigrantes e outros visitantes; o marco a frescura do Parque e como axudantes no
zafarrancho os propios concelleiros e familias, eu entre eles. Como convidados nen o Gobernador Civil, se podía ser. Os alcaldes, Héctor, Larodry, Perea, Marnotes, Lorencito e Pachi, dende o seu
inicio apoiaron e fixeron medrar unha festa que rolaba por si nesma. Ó alcalde Marnotes , quen popularizou tanto a festa, axudóulle sempre a súa esporádica devoción a Santa Clara, á que previsoramente entregaba no convento compostelán unha cesta chea de ovos para garantir a necesaria presencia do sol. Ás ansias festivas, meu pai sumaba voluntariamente súas mañas de cartelista, deica que a vida o deixou, especie de tradición que os amigos alcaldes se empeñan,
antidemocraticamente, en deixarme en herdo, pese ós meus límites, ás boas intencións e á miña ausencia da festa e da tribu natal. Puntual encargo, o do cartel anunciador, que coido se me fai en correspondencia por ser un chisco da reliquia creadora e activa da primeirísima festa gastronómica de Galiza, o que non é pouca cousa.

As xentes de Arcos fixeron patria máis alá de Galiza, que dignificaron ata case levar ós altares da gastronomía e da cotización en bolsa ó pulpo. Sabe que dende A Guarda a Ribadeo, pasando por
Noia, Fisterra e Mugardos, todos presumen da súa especialización no xeito de preparación do pulpo, pero foi o Carballiño quen mantivo, espallou e celebrou a máis enxebre tradición. As
pulpeiras e pulpeiros de Arcos levaron seu saber a moitas partes. Por exemplo: a “Pulpeira de Melide”, asentada na rúa do Orzán da Coruña, miña inicial e acolledora pensión na cidade,
naceu de algo así como dun convenio matrimonial, entre dous representantes de dúas vilas de feira, pois o consorte, o Sr. Manolo do Charrancas, era do Carballiño. E velaí que a cátedra e
saga sigue espallándose. De Arcos eran e son esa saga de pulpeiras “Crega”, “Baranda” Fuchela” “Tupino”, Sindo”, “Ruzo”… imprescindibles en “feiras, festas e romerías”, como encabezaban os
vellos coches de línea. Galiza ensinoulle ó mundo a preparar o pulpo, monstruo mariño, cefalópodo que cretenses, gregos e romanos coidaban arrepiante e noxoso. E dentro do parcialismo que, como carballiñés levamos dentro, seguiremos falando da riquza gastronómica das terras do Arenteiro e do Avia, das case desaparecidas pavias de Gomariz, do xamón do “Chicago noso”, como dicía Otero Pedrayo, que era Dacón; dos chourizos da Rosa do Reque, do pan de Cea, do licor de Paniagua, das cañas de Cerviño, do chicolate de Héctor… cousas do Carballiño, que lle diron sona a fondas e pousadas históricas: A Bolera, O Toco, Calaprís, Carlos,
A Gazpara, Celia, Pituxo, Esclavo, Baranda… Saber aprendido pola Pardo Bazán e polos que anualmente e puntualmente acuden a esta encrucillada de vellos camiños, terra de todos.