A MEMORIA FOTOGRÁFICA: “GODAS”, “RIZO”, ALONSO, “INFO”, AURELIO”



A MEMORIA FOTOGRÁFICA: “GODAS”, “RIZO”, ALONSO, “INFO”, AURELIO”

Tivo sorte o Carballiño por saber recibir a Xosé Fariña Jamardo, secretario do Concello nos anos cincuenta, quen correspondeu con varias obras necesarias na vida literaria da vila, que tiña tertulia e premio “Flor de Toxo”, no bar de “Gito” e na “Gazpara”, autor de “Señor Secrerario”, dunha incuestionable “Guía do Carballiño” e de varias obras en relación coa feira, os coches de
linea : “A Liña”, “o Mesón do Birollo”… Como xa anos antes o fixera a bonomía e a coidada pluma do sempre admirado profesor Aurelio Miras Azor, autor da navela “El agüista” e “La juventud de Pepa Loba” que, como en moitas obras da Pardo Bazán teñen como escenario estas terras de contrastes en devalar, que tan ben soubo enxergar e agasallar a xenialidade rebosante de Otero Pedrayo. Sen esquecer ó malogrado e gran poeta Rafael Melero que inspirou súa obra de amor neste mesmo Carballiño. Cousas, tradicións sabidas e reanimadas polo poeta chairego Manuel María que agasalla a estas bocarribeiras, portas do Ribeiro co libro de poesía de alicerce
popular ” O Cantigueiro de Orcellón”, asinado co suxerente seudónimo Ernesto Afonso Reque Varela, e que Ernesto Atanasio, “O Corcheiro”, conversador, querido filósofo popular, feito nos camiños da emigración a Bos Aires, dos libros e o amor a Galiza, levou consigo no seu cadaleito.

A fotografía documenta a contemporaneidade en Galiza, país que vive moi de perto o revolucionario invento que abre á posmodernidade. O decimonónico coruñés Sellier, que fotografiou a Murguía, a Pardo Bazán, ó mesmísimo Picasso neno e a súa familia é unha figura
transcendente dos nosos confíns, está moi ó tanto na arte que o químico Nicefororo Niepce experimenta no 1872 e pouco despois mellora Daguerre, como nos primeiros intentos dos irmáns
Lumiere no cine. Secuencia seguida por Ferrer e logo e logo por Ksado, Ferrer, Pacheco… Cousas estas dun mundo que non vai máis alá dos bigotudos bisavós, compartidas polos que agora levamos medio século de vida andada. Os mesmos que dalgún xeito vivimos tantas tradicións herdadas da prehistoria que se van perdendo na globalización internáutica: crenzas e rituais, trebellos de mar e terra, entre eles o carro de vacas, o arado romano, sistemas artesanais antiquísimos, e a mesma feira e romería como espacio cronolóxico, xeográfico e tamén litúrxico para o encontro, a relación e a perpetuación do que de identidade queda na tribu. Días e
comportamentos solidarios para afianzar valores ideolóxicos, culturais i económicos. Nese acontecer que ten datas moi marcadas no almanaque, particularmente sinaladas e en relación co
agro, celébrase festa, como o Nadal, a Candeloria, o Entroido, a Semana Santa, os Maios, o San Xoán, Os Magostos, pero tamén especiais autos de devoción con procesión e estandarte, repenique
de campanas, música e folións, adicados ós santos que actúan de necesarios intermediarios caciques entre os humáns e a divindade: o San Brais, San Bento, San Antonio, as múltiples advocacións marianas, e santiñas que nas terras do Carballiño atopan a súa mellor
apoteose…concorrido espacio de romería, con fonte milagreira, bosque templo, pendellos para peregriños. De todo eso quedou memoria nunha - se non a que máis - das artes populares, a
fotografía. Dende seus inicios popularísima arte de feira e romería, irmán dos titiriteiros e dos tiovivos, das churrerías, os “paseos de moda”, a saída de misa , as “sesións vermouth”, a gala
benéfica… Incluso gracias á sensibilidade dos decimonónicos artistas, pioneiros da fotografía, o anecdótico e os máis homildes quedaron tamén retratados, como nun cadro impresionista, nos
primeiros esvaidos daguerrotipos. O Carballiño non foi alleo o acontecer fotográfico, moitos dos clásicos dos diferentes tipos de cámara fotográfica pasaron por aquí, outros como Godás formáronse aquí mesmo.

Deixar constancia da existencia é deixar memoria, é deixar á vista de todos a planimetría dos alicerces do que somos: os momentos felices e tristes vividos na secuencia oscilante da vida. Dende o nacemento e o bautismo, pasando pola Primeira Comunión e o casamento, a foto de familia e incluso a derradeira foto do difunto, xa deitado, apacible no sono dos misterios, encaixado no rombo fúnebre do seu cadaleito. Era moi común na Galiza de anos atrás, que nas máns do finado,
perto do seu corazón, do escapulario e o rosario se puxera unha fotografía dos seus máis queridos. Un símbolo de acompañamento na inevitable viaxe ó Trasmundo.

Os fotógrafos co seu mandilón “maragato” e dedos tinxidos en marelos polos nitratos e a nicotina, foron considerados popularmente como magos merlíns, gravando para sempre memoria en branco e negro, en luz e sombras de realidade e misterio, esenciais en feiras i romerías, nos paseos do domingo, como unha atracción de feira viñan da cidade e fixábanse na esquina da encrucillada, na alameda, na praza, nas paredes do concello, coas súas cámaras oscuras postas
sobre trípodes, a cinco metros dunha sában branca que facía de telón de fondo, cando non un teatral mural pintado sobre lona que ambientaba un ideal xardín versallesco de balagustres e fontes entre exóticas árbores choronas, estarivel para inmortalizarse que se poidera complementar cunha avioneta recortada en cartón, tras a que asomaban os fotografiados , a xeito de arriscados-héroes-pilotos,” Lindbergh”. Dun xeito ou doutro fotográfias de pose, con
figuras hieráticas, como pinturas románicas, con facianas satisfeitas, asumindo a trascendencia intemporal do intre. Fotos apenas feitas nuns minutos, nas que a escea poidera inscribirse dentro do máis auténtico “kitsch”, orladas na silueta dun corazón aberto por unha frecha ou encadradas por un moderno televisor cun nostálxico e tópico “Recuerdo de…”. Outros fotógrafos asentaban
seu estudio e laboratorio de revelado nun baixo ou piso, para compoñer esas solicitadas fotografias do agardado recén nacido, espido sobre un diván, logo xa maior, traxeado de Primeira Comunión … as fotos de voda, amplos reportaxes que rivitalizaron a profesión, as fotos de carnet, as graciosas “escalas de burro” de sagas familiares con bisavos, avós, país, fillos, netos… Na medida que a evolución e as cámaras o permitiron, fotógrafos coa súa “Kodak”
colgada ó pescozo sairón á rúa, rúa arriba, rúa abaixo, fotografiaban as familias, ós grupos de amigos…pra ofrecelas á seman seguinte reveladas: a feira, o día de romería e festa, fieles difuntos,as procesións do santo…

Fotógrafos populares de Galiza que en case todas partes tiveron a xenialidade de saír do encargo para deixar testemuña da evolución do tecido urbán e rural, edificios que desaparecen, rúas que
aparecen, modas, inventos que pasmaron a todos, o día de neve, a treboada e a inundación, o incendio, a visita dun político, a inauguración, o folión da festa e a fartura e lerias do xantar de
amigos, os cregos de tella, manteo e paraugas levado polo vento, o enterro… arte que influe na arte. Pero tamén tipos populares: aquel paisano que na súa faciana calada na boita debuxa nas
enrugas a topografía das duras experiencias vividas, a señora do sorriso e ollos ben abertos co seu pano de cachimir atado ó estilo “pirata” e brincos dourados, herdos de arracada castrexa… Arte
para ollos abertos a esa curiosidade que vai máis alá da foto e de todo presente…A cesteira que trenza moios de palla e cose en zig-zag con tiras de silva, o afiador e paragueiro dándolle á roda, o canteiro que labra un panteón, os cacharreiros de Niñodaguía…. que bate coa roda no torno, o carpinteiro de ribeira que artella o costillaxe dunha barca, a matanza do porco, a concurrida a sorte do paxariño, o cego da zanfoña, a muller adiviña que tiña na lingua unha cruz branca… o
novo trolebús… e as series “secretas” para uso privado, de tema erótico, en todas as gamas de inxenuidade e descaro. Uns e outros valiosos documentos xordomudos que falan por si mesmos.
O historiador do cine Miguel Anxo Fernandez tense referido a todo esto con abondo e dende o Carballiño e dende as súas críticas en “La Voz de Galicia” creu escola en canto significa a fotografía e o cine.