O SITIO ARQUEOLÓXICO DA PENA DOS ENAMORADOS

Ampliar: Pena dos Enamorados, 1962



Análise das posibilidades arqueolóxicas do sitio da Pena dos Enamorados nunha revolta do rio Arenteiro, a carón de vellos muiños e da decemonónica fábrica de papel. Sitio relacionado con antigos cultos fecundativos que serán cristianizados

Entre as parroquias de Longoseiros e Mesego o río Arenteiro erosiona un fondo meandro granítico, ofrecendo acubillos e multiformes penedas fendidas, entre elas un machón que emproa cara á alborada, peaña dun  gran bolo pétreo que a tradición chama Pena dos Namorados. Formación que coroa un recinto delimitado, santuario, dende épocas antigas, na actualidade cuberto por vexetación, desfigurado polo intervencionismo e desvío de vellas corgas.

O monte comunal de Mesego que rematou sendo o mesmo parque do Carballiño teñen ofrecido vestixios de diversas épocas e que merecen capítulo aparte  entre as pescudas arqueolóxicas.

 O sitio da Pena dos Namorados ofrece unha antoloxía arqueolóxica que se perde na Prehistoria, aínda que logo, fundamentalmente, con vestixios  de época romana e altomedieval, como tamén no decurso do tempo aproveitando as presas e as curvas do río pra tramar aceas da fábrica de papel, logo da piscifactoría, dos muíños...

Río Arenteiro que no tramo do concello do Carballiño recibe o desaugue de quenllas que veñen das antigas minas auríferas do Irixo, Madarnás, Mudelos... Río que no medievo serviu de lindeiro entre as xurisdicións de Orcellón ( banda de Boborás e o Irixo) e Castela ( o Carballiño e Maside), Ao respecto destas cuestións medievais o lembrado profesor Elixio Villaverde,  autor de  “A Terra de Orcellón e o Irixo” (1985)  abriu a novas pescudas históricas nestes territorios, frecuentemente en litixio entra as casas dos Ulloa, os Zuñiga, as fidalguías do Deza, como  tamén entre as ordes do císter de Oseira e a encomenda de Beade

Indicios arqueolóxicos haber hainos: o mesmo  topónimo de “Namorados”, sobre o que ten reflexionado o amigo Cesar Varela, meticuloso matemático, mesmo con estas cuestións filolóxicas,  poñéndoo en relación cun lugar de “amorados”, isto é con acubillos pra enfermos apartados, como un lazareto... asunto que non acaería mal, pois sabemos que até entrado o século XX, na mesma base da curiosa pena había unha pequena capela dedicada a Santa Marta. E as advocacións aos santos dinnos moito, pois Santa Marta é a padroa dos desamparados, sendo tamén a venerada protectora do Asilo de Ancianos do Carballiño.

Asunto o devandito reforzado por un  interesante dato debido ás pescudas do ourensán Manuel Blanco Guerra, recollido na súa serie de “Leyendas de Orense”( La Región 21  agosto 1975)  no que  conta que emproando cara ao Miño e ao seu fluír cara ao solpor, como sinalando o camiño do Alén , no Coto de Louredo, Santa Euxea,  (entre Reza e Freixendo), hai unha gran peneda  coñecida como “A Pedra Longa” , próxima á que  di a lenda había unha aldea, desaparecida pola “invasión das formigas” e sobre a que a tradición conta que naquela pedra deixaban sos aos enfermos e vellos, pra morrer... Conta que il mesmo escoitou o que un vello lle dixo sobre o seu  pai  moribundo “ Déixame, só, pois aquí foi onde eu tamén deixei ao meu pai....”  A tradición di que aquelas penedas de estrañas formas representan aos devanceiros.

O culto ás pedras, tan común entre os vellos ritos animistas, panteístas galegos

O certo tamén é que existen en Galiza infinidade de penedas coñecidas como de “Namorados”,  en relación cos cultos fecundativos. Ao respecto ofrécenos abundantes datos o verinés Taboada Chivite, etnógrafo interesado nos cultos pagáns dos galaicos ás pedras, á auga, ás árbores, ao lume...ritos que foron  sincretizados polo animismo panteísta de Prisciliano e pola contra  anatemizados no século VI polo bispo da bracarense, Martiño de Dume  no seu libro  “De correctione rusticorum” .  Asuntos tratados por Taboada Chivite  en “O culto ás pedras no Noroeste Peninsular”  (1965) tema co que ingresa na Academia Galega e  cuestións que tiñan inquietado dende Murguía aos clásicos da arqueoloxía galega.

 “Penas de Namorados”, como a do Carballiño, relacionadas co rito de que as parellas que dean a volta ao seu  redor serán felices, entre outros, repítense en Galiza e Portugal, por exemplo a de  Areas en Ponteareas, na Picaraña, no Aloia, no Xalo en Carral, na Peneda de Portugal, na Penafiel do Pindo, esta complementada co inscrición medieval  prohibindo estes cultos “pagáns”.

Lendas, contos, pegadas que  dende moi cedo téñenme levado a pescudas na Pena dos Namorados carballiñesa... nesas teño coincidido co sempre lembrado Adolfo Otero Cerdeira , clave na construción da Veracruz e  máis que mestre, mago da arte das pedras, mesmo de facelas ““bailar” , bo coñecedor deste lugar que mesmo adquiriu como apaixonado da historia. Faloume do que aquí falamos, mostroume machados do paleolítico aparecidos na zona e a secuencia de pías labradas na pedra, próximas á fábrica de papel...e que gardan relación coas estudadas por Chamoso en Ourantes (Punxín) , entendidas en relación cun proceso de decantación aurífera, outros con antigos lagares e outros con curtidoiros, en relación tamén cos coios cortados aparecidos nese contexto pra pelar os pelexos.  Fendas e derrubes de penedos entre os que atopei cerámica medieval, cordada, entre outra romana e, iso si, moitas cunchas de vieira.  Nada estraño  para quen anda nisto, pois anos despois escavando na cova do San Guillerme en Fisterra, eremitorio que igualmente cristianiza vellos cultos fecundativos, lembrados dende o Padre Sarmiento a Esmorís Recamán , repite os achados destas cunchas. Como se sabe na  mitoloxía grecolatina Venus, a deusa da vida e da fecundidade  naceu dunha cuncha de vieira, cristianizada nos ritos do bautismo, cuncha da ascese da peregrinación, da vida....

Pena dos Namorados , chantada, presidindo a pedregosa volta do Arenteiro, atractivo sitio aproveitado ademais no transcurso dos anos  pra que foi decimonónica fábrica de papel, como pra  os muíños do Filomeno, agora rehabilitados como museo,  pra piscifactoría... mostras que complementan  unha lección das diferentes facianas da Arqueoloxía, tamén Industrial: probas culturais de que a Historia sabe e sigue aproveitando  lugares que con tanto enigma por descifrar, chamamos “máxicos”. Entre tanto  que tamén  aqueles xa requintados camiños calan e os máis vellos non dan a esquecemento,  memoria da crueldade da guerra civil tamén sufrida alí.



5 Xullo 2020