CERTIFICADO DE AUTENTICIDADE PARA O GRAFFITI CARBALLIÑÉS DE “MUELLE´

Ampliar: Graffiti de ´Muelle´ no Carballiño 1983



No Carballiño e no Cruce da estrada de Ribadavia resiste un graffiti do pioneiro destes ´tags´, o madrileño Carlos Argüello que asinaba como ´Muelle´. Marca que coincide en espazo e tempo con outros do mesmo e tamén rockeiro do barrio de Campamento

O instinto de todo animal lévao a marcar territorio. Mesmo os racionais, alí por onde pasamos gustamos de deixar pegada. Velaí dende a Prehistoria a arrogancia dos megalíticos de domesticalo todo e facerse notar. Despois con ideogramas, xeróglifos, petróglifos, creando alfabetos e dende a Antigüidade, marcando siglas, epígrafes, poñendo escudos, a un tempo que se escriben tombos, libros que identifican devezos de individuos, familias , castas... Tamén pintamos corazóns e asinamos nas árbores, logo sobre novos soportes e con novas tecnoloxías... E niso de deixar proba de sermos seguimos .

Mesmo curiosos impertinentes románticos, como Byron ou Rimbaud, non deron exemplo e estamparon a súa sinatura e data , o primeiro nunha columna do templo de Sunión en Grecia, o outro nunha do Luksor exipcio...E máis hai entre esa ansia narcisista, canibalista, de apropiación indebida ao paso, de autoexpresión  coas súas doses de inconformismo transgresor, contracultural. Arriscado e adrenalínico rito de pasaxe que ás veces require capucha. Afán de distinguirse, de traspasar á elite dos creadores até entrar nesa equivocada asociación Arte= Moda= Diñeiro. Pois hoxe a Arte supón transacción entre a  mitificadora  barafunda de marchantes, galeristas, coleccionistas, críticos... Máis non todo é Arte, ese concepto que devala co tempo, como  si dunha moda se tratara. Hai outros ingredientes.

Devalar de estilos artísticos, de modas entre confluencias e interacción de “ismos”,  onde tamén mudan os soportes: das pedras e dos lenzos, dos ciceles e dos pinceis ata  a mesma natureza, o corpo, o ceo, un plasma, unha proxección,  unha efémera performance, calquera sitio ou pode servir para permitir unha intervención acorde co contexto ou unha simple instalación provocadora. Provocar é o obxectivo entre tanta oferta... E cada vez máis as artes intégranse entre elas dentro dun estilo, a literatura, a música, a danza, o cine...

 Ás veces un simple garabato, unha sinatura acada significación e valor, depende de onde, cando e como, da forma ou do fondo, da historia da cultura que leve detrás. E iso é o que nos trae hoxe aquí: unha firma nun muro que divide, privatiza, que couta liberdade. Espontánea, efémera acción coa que se perde respecto a tradicionais conceptos históricos e culturais.

Nesa fame de pintura, de ser a través da expresión, faise patente a influencia do  neoexpresionismo subxectivo, da banda deseñada,  entre tantos “ismos” que conviven no noso tempo, como a pegada  emocional, xestualista, contrapelo de Pollock, de  Dubuffet, do comic de  Lichstein, de  Rosenquit... referentes entre as modas  urbanas, “underground”, de barrios marxinais newyorkinos, Brooklin, Bronx, Harlem... Como arredor do ano 1970 no 204 de th. street  a marca  de “Julio 204”, un hispano considerado o primeiro “writter”, grafiteiro de firma, de “tags”,  marca.  Fondo e forma que aportan datos psicolóxicos, sociolóxicos, vivencias, traumas amorosos, sexuais, relixiosos, ideolóxicos...ou simplemente ego.

Lembramos moitos e espontáneos exemplos do fenómeno acultural do grafiti,  universo de motivos e tipos que vai por enclaves, do barrio á universidade e mesmo ao Museo .”Writters” de parede, como aquel da Compostela dos anos setenta dedicado a plasmar en canto sitio atopaba frases inconexas sobre temas relixiosas, políticas... como  en Marín Pepiño Meixón que con traumas similares atrevíase a labrar as pedras do matadoiro de Mogor...  Irrespectuosas marcas que hoxe campan e písanse entre elas por todas partes.

Xa dende fins dos anos sesenta nomes como Basquiat, Keith Haring, Kenny Scharf , entre os que abriron camiños de calidade nun grafitismo que rematará sorbido polo sistema comercial da Arte. Comprobamos tamén como resiste e nos sorprende coas súas abraiantes mensaxes humanistas, pacifistas, anticonsumistas, ecoloxistas, escollendo día, lugar, performance e mensaxe axeitada, o  bristoleño, enigmático e cotizadísimo Banksy.

E velaí unha técnica nacida da marxinalidade urbana globalizada. Inicialmente asociada ao rock e ao punk, ao hewymetal, ao break, como á practica do monopatín “skateboarding”, a tendencias de moda de tallaxe  XXXL, en negro, entre cadeas e viseiras beisbol encasquetadas cara atrás e ao lombo a mochila cargada de botes de spray...



Constancia do paso dun primeiro grafiteiro “Muelle” polo cruce de Ribadavía do Carballiño

As orixes do fenómeno do grafiti en España están no Madrid de barrios como Campamento, Aluche, Vallecas .... son fins dos anos setenta,  dunha “movida”  que logo será retomada e culturizada no corazón da capital, en  Malasaña...

Tema que da moito de si, velaí a novela ”El Francotirador paciente” (2013) de  Arturo Pérez-Reverte ou “Firmas, muros y botes: Historia vivencial del graffiti autónomo” (2014) de  Fernando Figueroa-Saavedra  Ruiz e Felipe Gálvez  Aparicio e máis.

O pioneiro ten nome Carlos Arguello Garzo  (1965-1995), vida curta pero intensa dun rapaz, descoidado “teddy boy” de Campamento, de vaqueiros, chupa de coiro negro e paxariña de cores, colega de Antonio Carmona e dunha xeración perdida polos rumbos e as tentacións. De alcume de barrio “Muelle”, e xa dende a adolescencia e a aparición dos rotuladores, despois co dominio dos botes de aerosol, teimudo en deixar a súa sinatura estampada por muros, tras as sinales de tráfico e con diana especial na publicidade: ”Muelle” verba onomatopeica con trazo caligráfico que simulará un molle...Imitadores e sucedáneos trasnoitados non lle faltan. “Hot”, “Spirit”, “Gosteran “  son firmas que competían  con outras bandas agrupadas “Campamento crew”, como “Rafita”, “Glub”, “Bleck”. La Rata

Batería da ruidosa banda rock- punkSalida de Emergencia”, propietario dun vespino roxo que o levaba a todas partes. Asuntos dos que trata a novela “Yo conocí a Muelle( 2010) de J. Gómez Soto .

Viaxando reparamos, dende cedo, nese seu grafiteo sobre o reverso das sinales de tráfico de Madrid a Chinchón, sempre buscando lugares exóticos, con espírito, mesmo logo chegou a marcar a peaña do “Oso e o Madroño” no madrileño Km.0, pra facerse máis mediático.

A marca de “Muelle”  iría mudando, segundo contrastamos e mesmo il desvela nunha entrevista mantida e cun esquema na Escola de Deseño de Logroño: dende a simpleza de trazos curvos e inseguros ata a sofisticación dándolle releves e varias cores e con brillos, ata  incluír inscrita en circunferencia a “R” de marca rexistrada.  

A principios dos oitenta, alá polo 81, chamounos a atención a firma de “Muelle” grafiteada nas torres de madeira e lousa pra exportar amoreadas no porto da Coruña. Aun mesmo tempo atopámola tamén no Carballiño nunha porta tapiada dunha casa do  cruce de Ribadavia (dende o 2003 praza dos Liborianos). E alí resiste esa pegada do paso de Arguello por Galiza, algo descolorido o seu negro e ate fai pouco solitaria, agora afeada por outra que se acuña como anarquista.

Entrevistado “Muelle” no 1990 por Gaioso en “Luar”, declara que ten amigos en Galiza e que ven con frecuencia. En Vigo hai grafitis dese mesmo 1990, así como dun tempo e doutro houbo nesa ruta que, pasando por Zamora e polo Carballiño, unía coa“Movida Viguesa” .

En 1993, pese a súa popularidade, “Muelle” considera que o que fai está  esgotado, deixa definitivamente o grafiti. O 35 de xuño do 1995 falece por un cancro de fígado. Pra pasar a ser referente, homenaxeado por grafiteiros, artistas e escritores, mesmo incoándose expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural do seu grafiti na madrileña rúa de Montera, restaurado por alumnos da Escola Superior de Conservación e Restauración, .

¿E que facer con ese sinxelo e indefenso “tagger”, marca carballiñesa dos primeiros tempos do grafiteo?,  pois conservalo, tal cal está, se acaso cunha intervención grafiteira de hoxe  e de calidade que o enmarque. Poida tamén, que canto diga abra os ollos e as ameazas.



27 Xullo 2020