VESTIXIOS DE SEPULTURAS DA PRIMEIRA IDADE DOS METAIS NO PARQUE DO CARBALLIÑO

Ampliar: Debuxo de Chamoso sobre as sepulturas da Idade do Cobre



Os Cadernos de Estudos Galegos de 1958 da man de Chamoso Lamas dan noticia dun achado casual ao afondar nos alicerces para un chalet no Parque do Carballiño. Trátase de estructuras para seputuras planas e cerámica da primeira etapa da metalurxia

Os testemuños orais esvaecen co tempo, van mudando  ou desaparecendo conforme se vai a xente. Pola contra queda o escrito ou o publicado en vellas revistas e mesmo algunha pegada, estruturas ou obxectos  atopados que podan gardar particulares ou os museos. Un deses casos arqueolóxicos  que hoxe nos trae aquí é a aparición de vestixios datados na primeira Idade dos metais no que foi monte comunal de Mesego, rico en arqueoloxías dedicado á Pilarica, con capela incluida e que se prolonga ao de Miomás, con acubillos aproveitados na última guerra. Grande  área, dende as primeiras décadas do século XX e da expansión da vila, convertido e urbanizado como Parque do Carballiño.

O arqueólogo, historiador da Arte e defensor do patrimonio Cultural de Galicia, natural de Moldes (Boborás) pra el de ida e volta, Manuel Chamoso Lamas (1909-1985), no número 39, correspondente ao ano 1958 dos Cuadenos de Estudios Gallegos -  instituto no que o noso investigador  tivo un papel importantísimo na súa supervivencia despois da guerra - da noticia dun interesante achado para a prehistoria da bisbarra do Carballiño: vai sobre  “Una necropolis de sepulturas planas”.  Artigo acompañada de debuxos e puntualizacións que o fan precursor entre as intervencións arqueolóxicas de urxencia en área urbana. A máis de ser traballo modélico no seu tempo polas interrelacións tanto coa area portuguesa como coa meseta de Iberia e mesmo con Europea. Tratamento que evidencia un gran coñecemento do estado da cuestión arqueolóxica naqueles anos, seguindo a estela dos que foron os seus mestres da Xeración “Nós”, entre eles o seu veciño Lousada Dieguez ,Cuevillas, Risco, Castelao....

Comeza a noticia dando a situación desta necrópoli  “... al salir de la villa de Carballino marcha la carretera de Pontevedra, durante unos centenares de metros, muy próxima al río Arenteiro, del que queda separada por una cuesta bien arbolada, que un ayuntamiento inteligente y bien aconsejado convirtió en un hermoso parque, sin más trabajo que el de abrir unos cuantos caminos y disponer unas cuantas plazoletas, que se bordearon con plátanos y otras especies arboreas y el de regularizar y cuidar la vegetación espontanea

Foi no inverno de 1956, cando ao afondar para os alicerces dun chalet, o construtor Adolfo Otero Cerdeira “hizo el descubrimiento de la necrópolis de sepulturas planas de que vamos a ocuparnos...” asuntos posto en coñecemento das autoridades, as que traen ao lugar a Manuel Chamoso como especialista e veciño deste bisbarra. Analízase o contexto e os obxectos atopados. Non sería a primeira nin a derradeira  vez  en que  o lembrado Otero Cerdeira da noticias de vestixios arqueolóxicos,  pois xa antes entregara ao Museo Arqueolóxico de Ourense un vaso aparecido nunha mámoa en Brués.

Tratase dunha serie de pequenos pozos , “dos grupos de tres sepulturas” , aliñados en significativa dirección Este-Oeste, alborada-solpor, escavadas no sabrego, saibro , salón  ou “pedra morta” como mesma refire Chamoso acudindo aos nomes tradicionais deste tipo de chan. Buratos complementados con pedras que os rebocarían e mesmo taparían, a modo de cista, entre terra cincenta e con signos de ser removida ao cabo dos anos.  Aquí atopáronse moitos anacos cerámicos  de barro amasado con area grosa e con mica,  bastos, modelados a man, mesmo deixando as pegadas  dixitais. Trátase de vasos de feitura cilíndrica, de fondo curvo, os que lembran cuncas precerámicas , imitando  formas que poñen oco  á cortiza de cabaza, por exemplo... Entre os que distingue unha ola de bico ancho, saínte sobre o pescozo e a panza. Cacharros estes  característicos de sepulturas neolíticas, como advirte.

Entre estes dous grupos de tres sepulturas é sobranceira a central polo seu enxoval, composto polos restos dunha eixada feita en cuarzo xaspeado, en negro e castaño, de sección lenticular, plana e romboidal, duns 45 milímetros de largo e 58 mm de ancho no fío e na súa parte inferior de 30. Moi similar a outras atopadas en mámoas de Galiza. Peza seguramente usada cun carácter votivo, como amuleto.  Nesta mesma sepultura atopouse a parte superior dun dun cilindro de barro,  duns oito centímetros de longo e cunha perforación lonxitudinal, posiblemente tamén como amuleto. Pezas entre as que é sobranceiro o anaco lateral  dun pequeno vaso, pola contra este con asa e de base plana  de destacado carenado no centro. Cacharro  de paredes grosas, tamén en barro ordinario e que pola súa lonxitude permite a reconstrución arqueolóxica completa: “Vaso chato, de boca ancha 105 milímetros de diámetro e 100 de alto, 2 de borde, sin vuelta y con asas que van desde el borde hasta la carena central”. Tipoloxía que nos remite a un tempo e a unhas relacións espaciais. 

Achados en relación co inicio da minería e da metalurxia, fin do Megalitismo: o cobre

Chamoso pon estas sepulturas de foxa, sen túmulo, sen mmoa, en relación con outras aparecidas no Coto de Laborada en Calvos de Randín e sobre todo co xacemento calcolíticos portugueses de Caldelas,  Santa Cristina de Longos, Caldas de Taipas... asociados con pezas de cobre, con cacharros precampanienses  de paredes incisas e metopadas que determinando o “estilo Penha” , por ese xacemento arqueolóxico sobre o Guimarâes  da bracarense. Penha é monte que merece coñecerse, sobre o que campan grandes bolos graníticos entre covas e lendas...como a  nosa Pena Corneira.

Achados do Carballiño en relación tamén coas sepulturas de Ciempozuelos ou do Acebuchal xa en Málaga. Vasos próximos ao campaniforme , con decoración xeométricas,  aínda que na medida que se carenan supoñen unha evolución . Xacementos que ofrecen un amplo repertorio de cerámicas ovoides ou semiovoides, carenadas, as coñecidas como  ”de chapeau invertido”  ou de ”largo bordo horizontal” e mesmo decoradas con motivos xeométricos que non son máis que pervivencias ou recordos  con orixe nas secuencias dos trazos na cestería ou do tear, de cuncas tecidas con vexetais flexibles e embetumadas  no seu interior pra reter os líquidos.

Recipientes cerámicos  que incluso mostran trazos de pintura, convivindo longo tempo con obxectos de épocas , sensibilidades e rituais diferentes.  Chamoso pon tamén en relación estes achados do Carballiño  con anacos cerámicos e machados de xisto negro atopados  por uns rapaces nunha mámoa  de Xendive, no Museo de Ourense. 

Achados característicos dun basto período que aínda que se etiquetan no Megalitismo esténdese polo Eneolítico, termo alternativo co de Calcolítico ou Idade do Cobre. En fin a Primeira Idade dos Metais, ata a primeira Idade do Bronce.  Cando o paso das tecnoloxías da pedra aos metais supón avances, intercambios, comercio, demografía e que co achado da minería e metalurxia do ferro, arredor do século VI a.C,  trunfan neses habitats tan en relación coas explotacións mineiras, os castros.

Asocia Chamoso estes enterramentos Eneolíticos con vasos ovoides, con ritos de incineración e que abren a unha nova etapa que da paso ás cistas.

As novas pescudas e achados iran clarificando aspectos: alá polo fin dos anos setenta, Adolfo Otero, mostrounos unhas foxas, máis amplas, aparecidas ao facer a cimentación dun chalet, á beira da estrada que accede á Residencia do mesmo Monte de Mesego, non lonxe de onde apareceron as “sepulturas planas” estudadas por Chamoso...buraco amplo no chan tamén de sabre, onde apareceu un ,muiño liso, de barco... Estrutura e achados que correspondería a unha cabana, posiblemente complementada con outras do que sería un campamento  de grupo familiar de gandeiros.

O achado de cerámicas eneolíticas do Parque do Carballiño recollidas por Chamoso  resulta semellante ao máis recente dunha cazola e un vasos con asa, careneados, recepentes rituais, atopados entre uns grandes penedos no lugar das Grovas no Penedo, Partovia, entregados ao Museo Arqueolóxico de Ourense no 2012 polo Grupo Espeleolóxico Mauxo, de Vigo ( en marzo do 2016 documentada como “peza do mes”  por Xosé Suarez Otero) e datada nese período que abre ao Bronce, sobre o 1750 a.C ao 1300 aC.

Etapa final do Neolítico que culmina no Megalitismo, cando o ser humano comprende a súa arrogancia e domestica a paisaxe facéndose ver con grandes monumentos, domestica aos animais pra usalos, aos vexetais e a si mesmo poñendo normas de convivencia e creando xerarquías.  Organización da producións, da ocupación do territorio, florecer da artesanía, cestería, tear, olería, intercambios...cando nesa ansia de busca  descobre entre as pedras os metais, o cobre,  pra facer novas armas e experimentar con ata fundilo e alealo co estaño, co chumbo pra fabricar o bronce, intres que supoñen explosión demográfica, o nacer dos castros, vencellados a explotación dos minerais, estaño, ouro e finalmente o ferro...

Pero non quedan aquí, a cousa sobre os achados na area do Parque, por aqueles mesmos anos, os sesenta, tamén ao afondar nos alicerces para un chalet na parte esquerda e inicial  das escalinata que accede á Residencia, atopáronse característicos machados de tope ou talón, propios xa do Bronce final, isto é o sc. VII a.C, cando emerxe a cultura castrexa, depositados no Museo de Pontevedra...pero ese é outro capítulo pra completar o crebacabezas dun arqueoloxía carballiñesa.



31 Agosto 2020