MACHADOS DE “TOPE” DA IDADE DO BRONCE ATOPADOS NO MONTE DE MESEGO

Ampliar: Machados de Bronce do Carballiño (debuxo L. Monteagudo) Museo de Pontevedra

Ampliar: Machados de Bronce do Carballiño (debuxo L. Monteagudo) Museo de Pontevedra



Iniciados os anos sesenta, a un tempo que se finalizaba a construción da Residencia do Carballiño e a súa gran escalinata, nas inmediatas obras dun chalet atopáronse dous machados ´de tope´ de finais da Idade do Bronce, aprox. 700 a.C.

Resulta curioso que os historiadores clasifiquen os períodos da prehistoria en función dos materiais cos que facían as súas armas: Idade da Pedra, primeiro tallada, incluíndo nela as diferentes etapas do Paleolítico; seguida dos tempos da Pedra puída, isto é o Neolítico, o Megalitismo... pra entrar na Idade dos metais, na que se inclúe a do Cobre, a do Bronce pola aliaxe de cobre, estaño e Chumbo e finalmente a Idade do Ferro que caracteriza á Cultura castrexa, a que tanto nos identifica entre os pobos misioneiros da nova minería e metalurxia...Así, da Prehistoria pasamos á Protohistoria, por haber cronistas que nos dan noticias dos lugares, da vida, das crenzas, especialmente gregos e romanos que coñecen territorios da península Ibérica pra dicirnos que ate estes confíns do Mundo Antigo, Fisterras, antes que eles chegaran os fenicios, lugares poboados por tribos distintas a eles, célticos e celtibéricos.

Técnicas metalúrxicas que presupoñen a existencia de  fornos, de ferramenta coa conseguinte acumulación da materia prima, os metais ou chatarra reaproveitada, moldes de barro, aliaxes, saberes e particularidades de especialistas. Sabios do tratamento do metal que seguramente serían itinerantes, pois o sedentarismo irase conseguindo co paso do tempo. Nos mesmo coñecemos ou temos oído contar lembranzas de  gremios de artesáns, xornaleiros ambulantes,  como cordaneiros,  cesteiros, canteiros,  latoeiros, afiadores... e mesmo oleiros.

Non cansaremos de repetir que as Terras do Carballiño, polas súas condicións xeoestratéxicas, mineiras, agrícolas e gandeiras, foron non so visitadas senón concorridas na Prehistoria, na Protohistoria e nunha Historia interminable de aconteceres, mesmo da que, hoxe por hoxe, seguimos nesa cadea a ser actores e autores, pra ben e pra mal tamén.

Entre os lugares onde aparecen restos variados do Paleolítico, do Neolítico e da Idade dos Metais está o Monte de Mesego, isto é o Parque e a súa prolongación cara Miomás, onde hai acubillos usados en todo tempo...Mesmo ao pescudar estas cuestión e preguntándolle á miña aboa materna sobre Miomás, dicíame “non te metas aí que neses buratos escondeuse na guerra o....”  viraba entón a conversa e poñíanse a falar de Isaac Fraga que en Miomás  tivo casa, pra dende alí aventurarse a espallar a industria do cine, padriño de Isaac Díaz Pardo.

Nos desbaratados  anos do desenrrolismo, inicios dos sesenta, cando se ultimaban as obras da Residencia de Produtores e a unha banda e á outra da súa gran escalinata - da que presumía o meu pai por ter dado a idea dela ao Alcalde, Héctor González Godás -  comezábanse a construír e a competir chalets de certa categoría e deseño de autor. Conforme miramos, dende a esquerda  á fachada da Residencia e dende a base de devandita gran escalinata, ao afondar nos alicerces dun daqueles chalets, con xardín e fachada cara á vella estrada de Pontevedra, os obreiros atoparon dous característicos “machados de tope” ou de talón”,  en bronce e con asas, así coñecidos nos catálogos de Arqueoloxía.  Como en tantas outras ocasións será o construtor, Adolfo Otero Cerdeira quen novamente poña o achado en  coñecemento de Chamoso Lamas.

Eran anos nos que o Museo de Pontevedra, debido aos seus medios, influencias e xestión do seu director don Xose F. Filgueira Valverde, centralizaba moitos dos achados procedente de todas partes de Galiza, mesmo evitando que se foran pra outro museos, estando atento o Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid. Namentres no Museo de Ourense, Ferro Couselo acometía o papel de organización dun importante legado, herdado da Comisión Provincial de Monumentos ...a interminable misión dun museo: protexer, cubrir e mostrar o crebacabezas da Historia.

Machados de bronce usados tamén en transaccións como pre-moedas

Os atopados no Parque do Carballiño son dous machados de “talón”, en bronce, moi averdugado e coas cicatrices do tempo. Vímolos e fotografámolos nas vitrinas do vello Museo de Pontevedra do Pazo  Castro Monteagudo. Alí estaban, á beira dos outro 156 machados similares aparecidos casualmente no lugar de Ladróns, en Samieira de Pontevedra.  Pezas que xeralmente aparecen en grupos, seguramente formando parte dun “tesouro”, acubillo, agocho, á espera dun troque e saída pra remotos lugares. Pois este tipo de machados fundidos en bronce, denominados de  “tope” ou “talón”, con dúas asas, mesmo con formas diferentes, máis que ter un valor de uso, pra cortar, parece ser que tiñan un valor premonetario,  isto é como primeiras moedas para transaccións de troque do metal por outras mercancías.

Grupos de machados que, con unhas ou outras similitudes,  aparecen especialmente nos pobos da banda occidental Atlántica... Sabemos e xa temos contado que no Monte de Mesego existiron cabanas de inicios da idade do Bronce, tamén relacionadas con petróglifos...aínda que, ao cabo do tempo, foron zonas moi degradadas polas canteiras e as obras.

No novo edifico do Museo de Pontevedra xa non están expostos eses machados do Carballiño. Preguntei varias veces, sei que foron revisados con estudos metalistográficos por X.  Carlos Sierra Rodriguez, alá polo 1985. Carlos Valle certificoume recentemente que estaban entre os fondos en reserva, que así se lle chama aos almacéns, sempre revisables, dos museos. Pero certo tamén, como insistía e aprendemos de Chamoso que, estando á vista sempre haberá quen lle dea nova vida, como facemos agora, por telos visto expostos e logo debuxados e clasificados polo arqueólogo Luis Monteagudo.

 Machados de bronce que se veñen datando arredor do ano 700 a. C. isto é, o Final da Idade do Bronce, eépoca que dende o 2000 a.C se caracteriza polo florecer dos petróglifos que reflicten labirintos, cosmogonías, cuestións do ciclo astral, gando e armas deste tipo,  aínda que poden persistir no tempo no tempo, atopándose mesmo nos castros e arredores.  Idade final do Bronce que da paso á metalurxia do ferro, pra condicionar un aumento da poboación, intercambios, entón avances, especialmente tamén na minería e na metalurxia dun ouro que marca clases, rangos e xerarquías na sociedade.

Momentos nos que grupos familiares de gandeiros, agricultores, mineiros, traficantes que buscan espazos sobre os que construír habitats defensivos, outeiros ben situados, de media altura, vixiantes ,defendidos da meteoroloxía... Entre os máis próximos ao Carballiño está o grandioso castro de Souteliño, como un “hill fort” británico, como Maiden Castel... o de Mudelos,  o castro,  xa perdido do Penedo, o de Amarante, en Dacón...vinculados con minas, e non esquecemos as espectaculares de Loureiro no Irixo, as que aínda non repasou - nin se conservan, como se debe, deforestadas - a Arqueoloxía. Xa lle tocará quenda divulgativa.

Servidor conseguiu para o Museo Arqueolóxico da Coruña moitos machados deste tipo, especialmente procedentes da provincia da Coruña e certifica que mesmo había mercado deles nos anticuarios e que os paisanos,  identificaban estes achados , non tanto con machados, senón como representacións de figuras femininas : cos brazos “en xerra”  por esas asas, a saia como o longo do fío e o corpo ou entalle era talón ou tope do enmangue.

Ao respecto destas pezas da Idade do Bronce, existe un traballo antolóxico na Arqueoloxía, onde aparecen tamén clasificadas e debuxados os dous machados do Carballiño. Volume publicado en alemán, obra do arqueólogo  Luis Monteagudo Garcia, agudo escudriñador, empeñado en taxonomías,  coñecedor das arqueoloxías clásicas europeas, dos achados arqueolóxicos de Iberia,  de Galicia,  director do Museo Arqueolóxico da Coruña, ademais compañeiro do  profesor, lingüista e literato de  Cabanelas,  Xaime Ferreiro Alemparte, ambos con isa formación prusiana, de cóbado e estudo, con ansias de enxergalo todo. A obra referida  é  “Die Beile auf der Ibrischen Halbinsel” (Edit, por Prähistorische Bronzenfunde),  Munich  1977.  Ben sabemos que Monteagudo, colega de Chamoso, veu polo Carballiño en varias ocasións, onde vía o Castro de Cavadoso  de Moldes, como un posible Medulio... Chamoso non estaba moi de acordo, tiraba máis pras Medulas do Bierzo ou en todo caso pro monte Medelo en Santa Cruz de Arrabaldo.

 Asentamentos, artefactos e páxinas dun antes que  abren a outras do despois.



21 Setembro 2020