A DEVOCIÓN AOS SANTOS MARTIÑOS, CELEBRADOS CON MAGOSTOS EN GALICIA

Ampliar: San Martiño (debuxo Felipe-Senén)



Cada 11 de Novembro na vella Gallaecia (Bracarense, Asturicense,Lucense) celebrase aos santos Martiños, ao de Dume e ao de Tours que remata solapando ao primeiro. Día no que culminan as fogueiras dos Magostos coas castañas asadas. Tempo de matanzas

As advocacións parroquiais a santos e a santas dannos datos que responden a súa orixe, aos cultos pagáns cristianizados, sinales do poder de mosteiros, padroeiros de gremios de traballo... e arredor  deles as súas tradicións. Certo que ese afán misioneiro de impoñer o nome do Santo a parroquias tamén rematou con moitos topónimos orixinarios, o caso de San Facundo de Cea, pra vir algún a  tacharlle no cartel a súa categoría de Santo.

Devocións a santos e santas que tentan ser exemplo de vidas cristiáns pra enriquecer os novenarios dos que Galiza é célebre. Literatura popular sacada dos “Flos Sanctorum”, como o tan cotizado do Padre Pedro Ribadeneyra que non faltaba nas reitorais de máis avoengo e que mesmo inspirou as dotes  fabuladores de creadores como Cunqueiro ou Casares.

Entre tantas devocións ao mes de Novembro déuselle o nome do Mes dos Santos, tamén dos Defuntos, como do San Martiño, respondendo á cristianización das celebracións pagáns da entrada no tempo escuro, lembrando aos  mortos e santos perdidos na nómina celestial. O que se facía entre flores, castañas, cabazas e formas esféricas, acendendo lumaradas de Magostos. Agora  recibindo a  invasión colonizadora do consumo co nome  anglosaxón de Halloween ou para ser máis celtistas do Samhain gaélico. Ao fin e ao cabo é un xeito de celebrar a semente.

San Martiño de Tours comparte con Santa María Nai o padroado da diocese de Ourense.As parroquias do Concello do Carballiño, que nace como tal no 1812, están dedicadas a santos e santas de devoción moi antiga, as que noutrora daban máis o nome aos bautizados que hoxe. Por exemplo a vila ten como padroeiro ao San Cibrao, santo de libro e sortilexios; a de Arcos compártena San Xoán e Santa Maria, o San Xoán tan en relación coas augas e a Santa María, igual que Mesego, pola dependencia do mosteiro de Santa María a Real de Oseira;  Cabanelas tamén a San Xoán, Lobás a Santa Uxía, mártir; Longoseiros  e Gomariz á mártir galega Santa Mariña de Augas Santas; Madarnás a San Tome; Mudelos e Partovia, como non, a Santiago e velaí ademais o lugar de Santián... a Piteira a San Miguel, anxo bo, axudante coa báscula no Xuízo Final ; Veiga a San Lorenzo; o Varón a San Fiz... E a parroquia de Sagra, con tanto poder nese Ribeiro que se se debuxa en socalcos cara o regueiro do Varón, terá como patrón, presidindo altar renacentista ao San Martiño de Tours...  Aquí represéntase sentado na súa cátedra, con báculo nunha man e coa outra bendicindo, os guantes orixinariamente puideron ser roxos, pero os cirios e o tempo puideron coas pinturas e ennegrecéronnos. A  retranqueira devoción popular dirá que o San Martiño de Sagra ten as mans así por poñerse a remexer entre as castañas dos Magostos. Iso me contou don Francisco Lovelle, párroco e amigo destas terras e de Santa Baia de Banga, outra santa mártir e ben antiga devoción.

Sagra ten bo igrexario parroquial: adro co seu cemiterio, cruceiro, reitoral e Igrexa mostrando a súa construción o debate estilístico entre o Renacemento e o Barroco. Fachada sobre a que campa o anagrama xesuítico e o escudo dos Sarmiento, condes de Ribadavia, rivais cos frades de Oseira e a Encomenda de Beade na posesión, produción e comercialización dos bos viños desta bocarribeira, coas aldeas do Bouteiro, Fraga, Miomás, Penedo, Reguenga, Seara e as Adegas... lugar este ente sorprendente caos  de penedas de formas monstruosas que ocultan o regueiro...covas que acochan restos de todas épocas, mesmo rodas de muíños que non entran polas súas cavidades e nos remiten a derrubes. Hoxe degradadas polo salvaxismo humano.

Cando os santos “Martiños”, se confunden nun só cada 11 de Novembro

Sobre as Fisterras célticas, países tantos días envoltos nun labirinto  de señardosas brétemas, e negras sombras, dicían os románticos e os modernistas do Renacemento Celta que semella que  por aquí aínda esperan polo guieiro que lles devolva o seu paraíso perdido: e velaí no imaxinario a saga de Gael e Breogán e a súa reconversión medieval en Rei Artur, desafiando encantamentos, para complementar o imaxinario con eses santos cabaleiros, os que se representan  a cabalo dun    inmaculado faco branco , Santiago a brandir espada e bandeira imperial,  orixe de  confrarías e pra facerse crueis matamouros, mataíndios... Namentres o cabaleiro San Xurxo  representarase cravando a lanza nun dragón que representa o mal, no pecado...  e o cabaleiro San Martiño repartindo as súa capa de centurión romano co pobre.

Tema  de santos cabaleiros que será orixe das novelas de cabalerías, de andantes buscadores  no labirinto da vida do ben e dos seus símbolos, entre eles o Graal, o Cáliz da Última Cea e de emblemáticas reliquias. Así foise desenvolvendo a palabra, a literatura, arte e a cultura.

No vello reino de Galiza os tres santos cabaleiros ocupan altares maiores e mesmo se pon o sartego do Apóstolo Santiago en Compostela,  cidade á que se abre camiños por terra, mar e o ceo das galaxias e se fai del “Patrón de las Españas”. Pero antes, a quen se rendeu culto no reino suevo  foi a Martiño Dumiense, Bracarense ou Panoniense, que viviu boa parte do herético século VI.  Misioneiro que viña da Panonia húngara, terras danubiáns de tantos substratos célticos e dos mesmos suevos, coñecedor das doutrinas orientais e que  asenta en Dume de Braga. Predicador dos feitos e dos milagres do seu paisano e homónimo,  Martiño de Tours que no século IV foi  cristianizador dos celtas galos, tempos coincidente no tempo coa viaxeira galega Exeria interesada en coñecer e describir os Santos Lugares e si acaso traer reliquias coas que alentar imperios cristiáns. O de Tours  mesmo pedindo clemencia para o galego Prisciliano  tido como mago herético.

Pero o máis papista será Martiño de Braga o que para avivar a súa misión entre os arrianos suevos e priscilianistas de tradición panteísta celta, traerá a Ourense algunha das reliquias do seu homónimo de Tours, mediante as cales di curar de lepra ao arriano Chiarrarico e ao seu fillo e erguer un templo  que será orixe da se de Ourense... Vicente  Risco ben cree que a estendida devoción a Martiño Tours acaba solapando a sona do seu homónimo de Dume, teimudo  este en rematar cos cultos panteístas, animistas, parte das doutrinas de Prisciliano.

Pra abondar na historia dos Santos Martiños da Panonia, tan en relación con Galiza e co Pricilianismo, a modo de entrada, recomendo a bibliografía de Antonio García Masegosa “San Martiño de Tours na súa época “ (1996), como a do medievalista  Anselmo López Carrera “Martiño de Dume e a Creación dun Reino” (1996).

Entre a neboeira do outono espállanse as faiscas e o cheiro a chamusco de Magostos e noutrora o do ritual da mata do porco, final da ceba do animaliño ao que mesmo se lle collía agarimo, festa, a pesar da crueldade da persecución e fatal final: coitelo en man, matanza, remexer o sangue, chamuscado,  que incluía fogueiras de palla, lavado, colgado, despezado... queda  entendido así  aquilo de que “a cada porquiño lle chega o seu San Martiño” .

11 Novembro 2020