O RELOXO DA CONSISTORIAL DO CARBALLIÑO E O SEU XENIAL AUTOR

Ampliar: Maquinaria reloxo do Carballiño (foto Amil)



Galiza é terra de grandes reloxeiros, como Ramón Antonio Iglesias Abelleira, compostelán formado en Londres, Neuchatel e Madrid, establecido na Coruña, Arredor de 1860 autor do reloxio da Consistorial do Carballiño. Arqueoloxía industrial por facer

A casa Consistorial imponse como o orgullo dunha vila e máis nun Carballiño que nace como Concello na Provincia. E así deu proba a ilustración municipal de entón cun flamante proxecto de edificio, ademais supervisado por un órgano consultivo máximo das administracións, a Real Academia de S. Fernando. Planos aprobados pola corporación no 1854, da autoría dun prestixio arquitecto na capital do Reino, Cirilo Ulibarri García, seguidor de pautas neoclasicistas, autor do cuartel de la Montaña e de barrios e casas burgueses do Madrid castizo.

A Casa Consistorial do Carballiño foi inaugurada no 1862, tal como campaba pintada a data no encadre do remate. Edificación que, a modo de erguer a testa sobre a praza que presidide, se lle engadiría unha torre cúbica, como un templete  con campanile de ferro para reloxo e campana, rematada no 1864. Entón o reloxo era símbolo dunha burguesía ilustrada e progresista.

O reloxo do Carballiño  será como o do quilómetro cero, o da Gobernación na Porta do Sol de Madrid, inaugurado por Isabel II no 1866, este da autoría do reloxeiro da Cabreira, entre Galiza e León, raiana coas Médulas, formado nas reloxerías de londres, Xosé Rodríguez Losada (1801-1870). Reloxeiro e maquinaria coetánea da do Carballiño e seguro que ambos colegas. Contemporáneo  tamén do  solemne Big Ben londinense.

Maquinarias que podían ser doadas por algúns filántropos ou indianos, ao menos a de Madrid foino polo mesmo reloxeiro Losada. No Carballiño, para tal xesto, non faltaban familias adiñeiradas en Cuba, ou se non o mesmo concello sería capaz de sufragado, amparado por unha burguesía que erguía casonas á beira das súas  rúas e prazas. Asuntos ben sabidos dos arrieiros e maragatos trotamundos e  transportadores de  mercancías en  ida e volta ás capitais

 O reloxo da Consistorial do Carballiño é coidado artefacto pra dar e marcar as horas en tres esferas  e dende solemne campá de bronce. Así o escoitamos dar e repetir as horas do día e da noite e tamén as medias. Son as badaladas que petaron e acompañaron os sons da miña infancia e mocidade, como a de moitos outros que as levan prendidas na lembranza polos camiño do mapamundi.

Entrañas de metal do reloxo da que presume o seu artífice, por aquel entón  xa nos derradeiros anos da súa vida.  Mecanismo que, quizais, xa tiña feito no seu concorrido taller da estreita de S. Andrés da Coruña pra algunha importante construción, e á que, cunha cartela inscrita fai falar de xeito animista, como noutras solemnes máquinas. E  no caso do Carballiño será pintada no péndulo unha  enigmática sentencia que parece consello persoal pros coidadores, xa que noutras recórrese a textos clásicos sobre o efémero da vida. A do noso reloxo pon: “Oye,/ no pases por ver la Hora/ en el Reloj de esta Torre/ que el reloj que tu camelas/ hace tiempo que no corre/ y fuera mucho mejor/ que vieras con impaciencia/ que mis horas solo son/ para contar tu existencia/El Reloj”.  A Torre que é poder, Reloxio que é ritmo mecánico é Hora que é a voz do deber, a metafórica  trindade civil que preside a vila.

Do  1995 ao 97, guiadas con tino polo arquitecto municipal Sergio Mascareñas Nogueira, lévanse adiante as obras de ampliación  do edificio do consistorio carballiñés, sumándolle un novo piso. Farase seguindo a estrutura orixinal. Entón desmóntase e trasládase a almacén a delicada  maquinaria do reloxo. Servidor, con ánimo preventivo, fixo unha chamada de atención apoiándose no Consello da Cultura Galega e da Academia G. de Belas Artes respecto aos coidados con estes artiluxos  pra que non se entendan como antigüallas pra ser  suplantados por sinxelas maquinarias electrónica.  O obxectivo era que tan singular máquina non perdera o pulso do seu decimonónico corazón, e que non acontecera o que aconteceu con outras ilustres máquinas que, cando menos foron  amputadas e electrificadas e noutros casos tiradas á chatarra. E quizais posteriormente vendidas e recuperadas por mans máis sensibles.

Badaladas do reloxo que, en ocasións, mesturábanse coas da parroquial, estas anunciando misas ou novenas, repenicando a festa ou a incendio, dando noticia dunha voda, bautizo, nacemento ou o peor, distinguindo a morte dun neno, home ou muller. Entón as campás semellaba que choraban e diciamos pro adentro “reló con campana o defunto aínda está na cama”. Agora, semella que as campás cóntannos que están cansas, gastadas ou fendidas pola vellez,  a un tempo que escoitamos que molestan e que se denuncian alegando “ non deixar durmir”. Non é así na Europa madura, onde se coidan os artiluxios reloxeiros e as sonerías, onde se cotiza aos campaneiros manuais que seguen transmitindo o vello oficio. Por algo tamén os poetas clásicos galegos non deixaron de inspirarse no tanxer das campás.

Galiza  debe coñecer e presumir de reloxeiros, reloxos e campanarios, así no compostelán corazón de Galiza, na Quintana dos Mortos,  se ergue un dos máis emblemáticos reloxos e das máis grandes campas, no 1989  substituída  por unha nova, sucesora da que, xa no Museo catedralicio, complementa o reloxo deseñado por Antelo. É o reloxo da torre Berenguela, de sonoras badaladas que , entre outras contaba Cunqueiro melloraba os viños do Ribeiro nas  tabernas. Mesmo no Carballiño dos meus anos lembro a artesáns que asinaban maquinarias de reloxos, hoxe tamén cotizados nas antigüidades: o Santiagués e o Boborás, a veces subministrándose de pezas nos mercados portugueses de Famelicâo...tampouo faltaron outros de lupa e pinzas que facían delicados apaños:  Cambeses,  Apolinar, Román... mesmo na feira, na Praza das Monxas, xuntábase reloxeiros ambulantes que recibían encargos.

Tema dos reloxos e das badaladas moi na querenza de Manuel María que non so no “Cantigueiro de Orcellón” lle dedica un poema ao reloxo carballiñés, pois, asesorado polo seu compadre, servidor, ampliou o tema nun artigo dos seus “Andando a Terra” .

O reloxo presupón un complexo saber artesanal, onde a xeometría se pon a ritmo coa precisión matemática, sen trampas: campás acompañadas de carrillóns, coas súas pesas, maquinaria en coidada estrutura, caixa  de ferro forxado, pra  articular rodas dentadas, sobre a árbore, principais, de escape e de distintos tamaños, o trinquete, o péndulo, as pesas...pra finalmente nunha escenografía, a xeito de templete representarse a hora coas agulla recorrendo as esferas, minuto a minuto.

A cinematográfica vida do reloxeiro Iglesias Abelleira, autor do reloxo do Carballiño

Decimonónica  reloxería, arqueoloxía preindustrial, nada estudada e menos mostrada nos museos por moito que se titulen “da ciencia” . Pois algúns reloxos, como o do Carballiño, son xoias da habilidade humana, cotizadas pezas, dignas de mostrarse e presumir de conservalas. Saberes que lle tesmos escoitado ao ilustre militar e farmacéutico don Luis Antonio Quintana Lacaci, xefe da farmacia militar da Coruña, estudoso e coleccionista da reloxería. Referíase  como exemplar ao reloxo do concello de Maside, que fora de Oseira, da autoría de Baltasar  Barreiro de Andrade e de  1754; pero en especial e sabendo que servidor era do Carballiño introduciume ao de aquela Casa Consistorial e ao que agora conto.

Antonio Iglesias Abelleira é o autor do reloxo  municipal do Carballiño, vida propia pra un guión cinematográfico. Sobre del sacamos datos do reloxeiro e xoieiro compostelán de ascendencia alemá, Antonio Mayer Méndez, o que se refería Iglesias, como “o último gran reloxeiro galego”, que encaixaba co que tamén dicía o sabio astrónomo de Lalín e catedrático en Compostela, amigo pois de precisións,  Ramón Aller Ulloa, calficándoo como o grande reloxeiro do seu tempo. 

Sabemos que o pai de Ramón Antonio Iglesias era reloxeiro do Gran Hospital Real de Compostela e que recibía encargos , pois il mesmo forxaba ou fundía en ferro ou bronce os trebellos precisos pra maquinarias. Dedicándose tamén á carpintería de mobles, fundamental para complementar o seu traballo coas caixas. O seu fillo naceu un día 10 de Agosto do 1820, nunha Compostela absolutista, entre as refregas  do Trienio Liberal. Seguiu e mellorou o oficio do seu pai, mesmo ate recibir unha bolsa de estudos da Sociedade Económica de Amigos do País para formarse nun Londres que algo  despois, nun 1856, comezaría a escoitar as horas do Big Ben .  Iglesias Complementa estudos na cidade Suiza de Neuchatel,  cidade reloxeira, a que no seu Museo presume dos  autómatas de Pierre Jaque-Droz, da metade do século XVIII...Ao respecto destes precursores robots lembraremos ao cura de San Miguel de Feás na Limia que, coa axuda do Conde de Lemos, deixou un manuscrito describindo os curiosos artefactos que facía nas súas horas de calma, tamén pola metade do século XVIII . Tradición que caracterizou ao  xeniais fabricantes de enxeños, galegos, como o cura de Ladrido, a Lombardero, a  Losada, ou  mesmo estradense Ramón Silvestre Verea García,  o que alá, pola metade do século XIX é inventor da calculadora mecánica. Son algúns nomes e episodios  de sabios galegos.

O mozo prometedor reloxeiro Iglesias, recala na Escola Industrial dun Madrid, na que é pensionado pola Raiña Isabel II, á que o compostelán lle regala unha caixa de música que lle vale ser nomeado Cabaleiro da Orden de Carlos III. Sabemos que no 1868 establécese na Coruña, cidade de emigrantes que partían ou arribaba ao seu porto, ansioso de ver cumprido o seu desexo de “americano” : ter un reloxo de leontina, ou doar á igrexa, á escola ou ao concello do seu pobo unha daquelas novidosas maquinarias.

Iglesias Abelleira caracterizouse tanto por facer valiosos reloxos de peto como de sobremesa, entre estes é sobranceiro o da Sociedade Económica de Compostela. Peza esa en caixa de mármore, con cinco esferas pra sinalar as diferentes horas en cinco importantes cidades de España e con singular sonería. Artífice ademais de grandes maquinarias como o referido do Concello do Carballiño ou o de Ortigueira, máis simple.  Iglesias padece asma e problemas bronquiais, afectado falece o 5 de novembro do 1877, aos 57 anos. Meses antes concursaba pra ocupar a praza de cronometrista de Marina convocada polo Observatorio de San Fernando, sendo finalista, entre magos construtores de maquinarias de precisión, pero os desprazamentos e a morte interrumpiron esta carreira. Murguía, Neira de Mosquera, Perez Consanti  dedícanlle sentidas páxinas. Deixou un fillo, reloxeiro tamén e que emigrado a Bos Aires, onde morreu novo.  Deixou pra contar as horas do Carballiño o seu reloxo.

Os coidadores do reloxo do Carballiño  “camelaron” e identificáronse con el. Mesmo estribillando remendos provisorios cando cumpría un século e pra axustar a precisión das horas, lle engadiron unha pesada presa de matrículas de bicicleta....  O caso é que hoxe, e a estas horas, seguen rolando as horas das tres esferas... máis non repite o toque, e  semella que chora. Cousas dun.



4 Decembro, día da Santa Bárbara 2020